Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

Descubrimos e poñemos en valor a nosa contorna cos roteiros polo barrio

Coas primeiras raiolas do mes de maio e co alumnado do CEIP Raquel Camacho pechamos ata o vindeiro curso o programa de roteiros polo barrio. Unha iniciativa que realizamos en colaboración cos centros de ensino da área de influencia da Biblioteca Municipal Ágora e que é posible grazas á cooperación de diferentes entidades e colectivos da nosa contorna.

Biblioteca_Agora

Podes ver o noso álbum en Flickr de “Roteiros polo barrio” facendo click na foto.

Co obxectivo de que o alumnado participante coñeza máis e mellor os seus espazos cotiás de vida, gañen estima polos mesmos e descubran os seus elementos urbanos, históricos e culturais máis relevantes, saímos ao longo dunha mañá con ollos exploradores, mentes curiosas e, por suposto, provistos do mapa correspondente. Compartimos agora un breve percorrido polas experiencias vividas nos diversos roteiros realizados co alumnado de 3º ESO do IES Agra do Orzán (2, 5 e 6 de febreiro) e o alumnado de 3º de Educación Primaria do CEIP María Barbeito (9 marzo), CEIP San Pedro de Visma (23 e 24 de abril) e CEIP Raquel Camacho (7 e 8 de maio).

Saúde e deporte co IES Agra I

IES_Agra_OrzanDa man de Christian e José Ramón, alumnos de último curso do Ciclo Superior de Técnico en Actividades Físicas e Animación Deportiva (TAFAD), comezamos o roteiro no salón de actos do instituto. Ambos compartiron co alumnado de 3º ESO as aprendizaxes realizadas ao longo da formación, así como tamén as súas inquedanzas, ilusións, expectativas e proxectos de futuro.

Antes de poñernos en marcha cara o seguinte punto do noso itinerario, compartimos con cada aula a guía de servizo das Bibliotecas Municipais e o mapa que nos guiaría durante toda a mañá, así como tamén unha selección bibliográfica do Centro de Interese “Vida Saudable” relacionada co deporte como valor. E dirixímonos cara o Complexo Municipal Deportivo AQA, onde Alberto Méndez Suárez -coordinador técnico de actividades- nos guiou nun percorrido polos espazos do complexo e polas diversas disciplinas que se entrenan nos mesmos.

Azteca_BoxTras un pequeno descanso, proseguimos o roteiro con parada na Escola de Boxeo Azteca Box, onde Luis Suárez -entrenador nacional de boxeo- nos convidou a descubrir os valores que hai detrás deste deporte. Humildade, nobreza, traballo duro e superación son as claves que Luis compartiu con nós. E tan importante é a constancia no deporte -e na vida- como o poder da visualización mental na consecución de obxectivos, ferramenta na que fixo fincapé Marta Cámara -coach relacional- na Biblioteca Ágora.

Que é o que nos move? Cal é o teu para que? Cal é a data de consecución do teu obxectivo? Con estas e outras moitas cuestións xerouse unha conversa arredor das metas e da importancia da busca e creación de oportunidades en situacións nas que, a priori, o obxectivo semella inalcanzable.

E dende a Biblioteca Ágora desprazámonos ata o último punto do noso mapa, a Escola Kung Fu Galicia, onde da man do sifu Juan Saldeño nos achegamos á técnica e praxe desta arte marcial chinesa orientada á defensa persoal e que nos permite gañar en autoestima, seguridade e calma interior.

Kung_Fu_Galicia

Foto de grupo en Kung Fu Galicia co alumnado de 3º ESO B do IES Agra I

Os barrios do Ventorrillo e Agra do Orzán co CEIP María Barbeito

Comezamos o noso itinerario no propio centro educativo, onde fixemos o reparto dos mapas e onde aproveitamos para recordar a figura da mestra, pedagoga e escritora María Barbeito Cerviño (1880-1970), que dá nome ao colexio. Dende aquí dirixímonos ao local da Asociación de Veciños, do Club Deportivo Unión Veciñal do Ventorrillo e da Peña Deportivista do Ventorrillo, onde visitamos da man de Yasmine e Moncho todos os recunchos da asociación: a biblioteca, a aula de informática e incluso os espazos onde se imparten as clases de pintura, ioga ou taichi!

Graffitis_VentorrilloQue é un graffiti? Cal é a diferenza entre un graffiti e unha pintada? Que datos nos aporta a firma dos graffiteiros?

Tras descubir os espazos e programación de actividades da Asociación de Veciños, aterramos no Parque do Ventorrillo, onde demos resposta a estas cuestións en relación a unha forma de expresión gráfica como é o graffiti. E, como non, lembramos a Brais Rodríguez Trillo -graffiteiro e veciño do barrio- co que conversabamos en xaneiro de 2016 na biblioteca sobre a arte graffiteira.

E do Parque dos Graffitis ao Depósito de Auga, elemento emblemático do barrio do Ventorrillo e un dos puntos do roteiro que máis curiosidade esperta entre o alumnado.

Depósito_Auga_VentorrilloDa man da Empresa Municipal de Augas da Coruña (Emalcsa), accedimos ás instalacións deste depósito onde Adrián nos falou da importancia da auga e da historia do depósito, construído en 1970 para abastecer á cidade e substituído no ano 1982 polo de Pena Moa. Ademais de resolver todas as nosas dúbidas sobre os usos e funcionamento do depósito, tivemos a oportunidade de ver a posta en funcionamento dunha bomba para o trasvase e suministro de auga.

Aínda entusiasmadxs coa visita ao depósito, emprendemos a nosa ruta cara ao Mercado Municipal das Conchiñas co obxectivo de aprender a mercar e valorar o pequeno comercio. Non sen antes facer unha parada na estatuta de Pucho Boedomito da música galega natural do barrio da Silva.

Observatorio_Meteorolóxico_Coruña

E rematamos o noso roteiro no Observatorio Meteorolóxico, botando un globo sonda cargado de helio e provisto dos instrumentos necesarios de medida, que nos facilitarán datos de humidade, presión e temperatura. Un globo que deixa a todos os rapaces e rapazas cos ollos ben abertos e ilusionados, ata onde ascende? onde caerá? 

Os barrios de San Pedro de Visma, Peruleiro, Agra do Orzán e Mariñeiros co CEIP San Pedro de Visma

Tras recoller ao alumnado no centro educativo, a nosa primeira parada foi no Centro Cívico Municipal de San Pedro de Visma, onde nos recibiu Carmen -da Asociación de Veciños Loureiro de Visma– e nos explicou que é unha asociación de veciños e que tipo de iniciativas se levan a cabo dende a mesma.

Centro_Civico_VismaA continuación, amosounos os diferentes espazos do centro cívico como a biblioteca, a sala de xuntanzas, a cociña, o ximnasio ou a aula de informática. Resultou moi interesante descubrir ademais que cada unha das salas do centro cívico recibe un nome dun lugar de Visma (Pedra da Barca, O Cordal…) nun intento por recuperar a toponimia tradicional desta parroquia.

San_Pedro_VismaE dende aquí desprazámonos até a igrexa de Visma, onde tamén foi Carmen quen nos guiou polos distintos recunchos e polo adro da mesma. E por suposto, tivemos ocasión de ver o busto de quen foi o párroco de Visma dende o ano 1930 até 1962, Don Maximino Gayoso Varela -tío do recoñecido presentador da Televisión de Galicia, Xosé Ramón Gayoso.

O seguinte punto do noso itinerario foi a Escola Kung Fu Galicia, onde os pequenxs tiveron oportunidade de aprender da man do sifu Juan Saldeño que o Kung Fu é moito máis que unha arte marcial de defensa persoal e que é importante facer as cousas ben e esforzarse para sermos mellores persoas cada día en todos os ámbitos da nosa vida.

E despois dunha breve parada para repoñer forzas e enerxía, aterramos na Biblioteca Ágora onde fixemos un percorrido polos espazos e un recordatorio dos servizos e recursos que ofrece.

#Recomendamosbmc

Coincidindo a realización do roteiro co Día do Libro, o alumnado de 3ºA animouse a compartir as súas recomendacións lectoras na biblioteca.

E da biblioteca a unha librería –A Carapuchiña Feroz– que comezou a súa andaina no Peruleiro no mes de outubro de 2017 e da que nos facíamos eco na sección “Conversas con…” deste blog: “Darlle unha volta ao conto tradicional e que as nenas sexan por fin protagonistas das súas propias historias, de aí ven o nome de Carapuchiña Feroz”.

Libreria_Carapuchiña_Feroz

Pedro Brandariz compartindo co alumnado de 3ºA a marabillosa historia do Grúfalo.

Da man de Eli Monteagudo e de Pedro Brandariz -dono da librería e recoñecido actor, humorista, monologuista, clown e contacontos- descubrimos este recuncho de maxia onde os libros cobran vida.

E dende aquí desprazámonos até o Observatorio Meteorolóxico,o último punto de visita do noso roteiro e un dos que máis curiosidade e ilusión esperta no alumnado. Despois de resolver todas as nosas dúbidas e de asistir ao lanzamento do globo sonda, emprendemos o camiño de regreso ao centro educativo comentando con emoción os elementos que máis nos chamaran a atención.

Os barrios de Agra do Orzán e Mariñeiros co CEIP Raquel Camacho

Iniciamos o roteiro no colexio, onde se recordou cal ía ser o noso itinerario e se repartiron os mapas que nos servirían de instrumento de orientación ao longo de toda a mañá. Con enerxía, curiosidade e ilusión puxémonos en marcha.

Praza_MariñeirosA seguinte parada sería a Praza de Mariñeiros, onde se compartiu a memoria deste espazo que naceu para acoller as familias vencelladas ao mar, vinculadas á pesca. Así como tamén lembramos que é un cruceiro e o simbolismo relixioso do mesmo. Incluso aproveitamos tamén para recordar que facendo un círculo no chan podemos manternos a salvo da Santa Compaña!

E libres da Santa Compaña, aterramos na Biblioteca Ágora, onde o alumnado descubriu as diversas zonas diferenciadas por tramos de idade, así como tamén os recursos, servizos e actividades que ofrece.

Centro_Civico_NovoboandanzaE da Biblioteca ao Centro Cívico Novoboandanza, onde nos recibiu Laura -directora do centro- o día que fumos co grupo de 3ºB e Álex -dinamizador- co grupo de 3ºA. Nun percorrido a través das diferentes plantas do centro cívico, coñecimos os espazos e recursos que este ofrece, entre os que destacan o comedor, o centro de día para maiores e a completa programación de actividades para pequenxs e adultxs.

Proseguimos a nosa ruta, con parada no Mercado Municipal das Conchiñas, onde, á parte de valorar a importancia de comprar nun mercado de proximidade, descubrimos diferentes produtos e incluso puidemos tocar (peixe) e probar (froita).

Mercado_Conchiñas

O grupo de 3ºA no posto de froita de Manolo e o grupo de 3ºB no posto de peixe de Carlos.

E dende o mercado desprazámonos até a Asociación Cultural Manicómicos, que leva funcionando dende o ano 2004 co obxectivo de investigar, estudar e difundir as artes escénicas e a comedia.

ManicomicosAlí, ademais de descubrir de onde ven o nome de Manicómicos e os distintos espazos do local, tivemos ocasión de descubrir onde agochan os seus bártulos os artistas, así como tamén as diversas formacións que dende a asociación se imparten (cabaret, clown, teatro para nenos, etcétera).

O seguinte punto do noso itinerario era o Observatorio Meteorolóxico, onde o alumnado do Raquel Camacho puido asistir tamén á bota dun globo sonda para medir a presión, humidade e temperatura. Quedamos abraiados ao descubrir que o globo pode ascender ata 25 quilómetros!

E rematamos o roteiro na Librería A Carapuchiña Feroz, acompañadxs por un grúfalo, un rato e outros moitos animais do bosque na voz de Pedro Brandariz!

E até aquí o noso pequeno resumo dos roteiros realizados ao longo deste curso. Despedímonos até a próxima, non sen antes dar as GRAZAS a todas as persoas, institucións e entidades que facedes posible o desenvolvemento desta proposta. E, como non, unha mención especial a todo o alumnado participante. Nos vosos ollos vemos reflictida a ilusión por descubrir o entorno e os seus recursos, por compartir, por desfrutar e por vivir. Moitas grazas e até o vindeiro curso!

Acerca de nmartinezrey

Creo firmemente no poder transformador da sociedade que teñen as bibliotecas e a lectura, por iso desenvolvo a miña labor profesional como bibliotecaria. Motívame especialmente a aprendizaxe continua, o que me levou a formarme en áreas como bibliotecas escolares, community management e coaching.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: