Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

“Visibilizamos o chocante e non o natural”

Visibilizamos a muller exitosa nun terreo de homes precisamente porque non é o habitual, pero sempre en comparativa con eles, como rara avis. Isto significa que o que se pretende normal, estandarizado, non ten por que presentarse en primeira liña nin ser unha curiosidade e, polo tanto, a figura da muller coidadora é algo que nos ten que vir de serie

Hoxe, na nosa sección Conversas con… mergullámonos coa escritora Emma Pedreira, protagonista dos nosos Libros Vivintes e de Crear e criar, unha acción desenvolta nas BMC para facer visible a Mulleres Creadoras en tempos de pandemia, confinamento e crise arredor do libro e a maternidade.

Baixo o lema “Visibilizar o invisible” as Bibliotecas Municipais da Coruña deseñamos este 2021 unha proposta marcada polo compromiso coa visibilización das creadoras, das ideas e da mediación coa comunidade cunha perspectiva feminista e de coidado. Este #8M destacamos o Día Internacional da Muller coa escritora coruñesa.

"As mulleres que entendemos o feminismo como a creación de redes de cooperación, afectos e sinerxias, coido que apertamos aínda máis a urdime nestes momentos. Visibilizarnos entre nós, nomearnos as unhas ás outras, falar dos traballos que estamos a facer, xa que á cultura, ademais de metela nun parón incomprensiblemente inxusto, apagáronlle a luz. Para min é imposible non crear ese trazado que dea vista dun contido global do que facemos as mulleres."
AS ORIXES 
Son seareira, herdeira, debedora e sempre, sempre, aprendiza

Nacín na Coruña porque lle cadrou, porque foi máis doado voltar co coche cara atrás, á cidade, que seguir cara á aldea e ser eumesa de verdade, non só de corazón.

Criéime entre eses dous mundos, o dunha aldeíña na que non tiña nin raíces propias pero que sentía miña, a dez minutos de Pontedeume e as Atochas-Monte Alto na Coruña. Aos doce anos pechamos aquela casa e quedei orfa do rural e daquela liberdade e aprendizaxe da aldea e da vila.

Tiven moi mala saúde sempre e pasei parte da infancia e da adolescencia en hospitais, consultas médicas, rehabilitación. Moitas horas tumbada nunha cama onde comecei a miña relación coa lectura e tamén coa escrita. Coido que canto máis conto esta parte máis a desgasto e xa case non a podo lembrar. É como se de sempre estivese cun caderno nas mans. Máis tarde cunha máquina de escribir e logo cun ordenador. Agora, curiosamente, volvo aos cadernos.

“Coido que polo meu carácter un pouco frío e as miñas afinidades, a pesar de estar inserida na tradición galega por lingua, referencias e orixe, a literatura irlandesa e do Reino Unido son as que máis me teñen influenciado”

Na universidade pasei máis tempo na biblioteca lendo e asistindo a xuntanzas de poetas e recitais que nas aulas, polo que son poeta máis de prácticas que de teoría. Aproveitei moito aqueles anos para ler obras completas de grandes clásicos e moitos títulos de poesía. Formamos un grupo poético, o Colectivo Humilladoiro e publicamos varios fanzines chamados PolpA, Alentía ou Aldehiddo & Wicca. Da universidade saín sabendo que non sería profesora, pero afianzada como escritora con varios libros xa publicados.

Non sei como se constrúe unha escritora porque estou aínda nese proceso. Supoño que non son a indicada para dicilo e menos neste momento, no que me considero na metade da miña vida e tamén da miña carreira. Imaxino que cando estea a piques de desaparecer e mire atrás, poderei ver algo de todo ese percorrido e ver se fixen algo ben”

TOMA DE CONCIENCIA E VINCULACIÓN CO ACTIVISMO FEMINISTA

Sempre estiven en contacto co pensamento feminista. Na miña casa non se educaba de maneira diferente aos nenos e ás nenas pero si na das miñas amigas e iso facíame ferver o sangue. Fun asumindo desde moi nova que todo debe ser tratado en conxunto para que todas as persoas poidamos ser autónomas, autosuficientes. Logo chegou a consciencia do maltrato, das violencias domésticas, físicas, psicolóxicas, estruturais. Na casa, na escola, nos entornos inmediatos. Até chegar á universidade non atopei focos de debate onde se lle puxese nome a todo isto, pero sempre estiven do lado das voces que non se escoitan, tratando de prestar a miña e non sendo oída, tamén, moitas veces.

Literariamente tamén me resultaba moi simbólico que na universidade non estudiaramos máis que un par de autoras, que fosen pouquísimas as referencias a filólogas, escritoras, lingüistas, pensadoras e outras artistas. Supuxo unha auténtica apertura de ollos compartir creación literaria cunha xeración, a dos 90, con tantísima presenza feminina e con tanta ollada cara ao propio, tanta externalización do corpóreo, do sexual, do emocional feminino. De aí cara ao feminista non houbo máis que facer do poema acción e militancia.

“No punto no que estou agora, con corenta anos de vida e vinte e pico de experiencia, os alicerces da miña construción están na escoita e na observación constantes, na curiosidade das lecturas. Non entendo escribir sen ter lido centos, miles de libros antes. Interésanme moito todas esas obras que falan de como comezaron escribir as mulleres

A INTERESANTE RELECTURA DOS CONTOS TRADICIONAIS NO “LIBRO DAS MENTIRAS

Nunca me gustaron as princesas Disney, iso de primeiro. Tampouco a idea da pasividade e o vitimismo das protagonistas dos contos tradicionais e, chegar a ler libros como A cámara do sangue, de Angela Carter ou Transformations de Anne Sexton, onde elas eran libres, empoderadas, mesmo perigosas, fíxome buscar novas referencias para contar eses mesmos contos. Hai un cento de autoras que xa o fixeron, desde Carmen Blanco en Vermella con lobos a Martín Gaite en Caperucita en Manhattan pero eu quería ser máis explícita. Quería, ademais, que fosen poemas, lixeiros, doados, que collesen esa referencia Disney e desbotala, ir á fonte, aos Grimm e ao Perrault, que tanto sacrificaron o espazo e o campo de actuación das rapazas prohibíndolles todo agás ser submisas e casar. Desde esas imaxes tan coñecidas, eses referentes que case ninguén perdeu, proporcionar unha idea actual e axeitada: unha Carapuchiña vingativa, un Bela Adormecida que ten que recuperar unha vida enteira cando esperta ou unha Branca de Neve que non quere pasar polo coitelo do cazador pero tampouco polo bisturí estético da madrasta. É un poemario que a xente entende moi ben porque coñece as dúas polaridades e sabe desconectar e reconectar no que está ben e no que foi imposto por un patriarcado que nos borrou o protagonismo desde nenas.

“Premio da Crítica Española de narrativa galega por Bibliópatas e Fobólogos en 2017, Premio Xerais de novela por Besta do seu sangue no 2018 e Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil con Os corpos invisibles no 2019″

QUE SUPUXERON PARA TI ESTES GALARDÓNS? Supuxeron un choque, unha sorpresa. Eu non era considerada novelista e, no caso de Besta do seu sangue, era a primeira vez que me presentaba a un certame de novela sen ter sequera a convicción de que o libro fose unha novela. Despois a repercursión, as boas críticas, o recibimento que está tendo nos clubes de lectura, onde dá pé a falar de tantísimas cousas, enriqueceu moito o propio texto.

Recuncar ao ano seguinte nos Premios Xerais pero na categoría xuvenil con Os corpos invisibles no Jules Verne, foi aínda máis sorprendente para min porque ata aí nunca tiña escrito unha obra para a mocidade e menos unha obra tan pouco parecida a todo o que fago con ese punto de risco e de diversidade.

Besta do seu sangue, Bibliópatas e fobólogos, Libro das mentiras, Os corpos invisibles e As Fauces Feroces, todos dispoñibles nas BMC.
A miña maternidade está bastante presente nas Fauces Feroces, tanto no tempo e na maneira de escribilo, aos poucos, cando maternar me deixaba unha horiña ou media horiña de silencio e tranquilidade ata os temas que trata. A parte da diversidade afectivo-sexual, a temática do libro bambea entre a maternidade non desexada e a escollida e eses dous tipos de nais que todas as mulleres podemos chegar a ser. Eu escribín ese libro nun momento no que as miñas fillas xa estaban nunha etapa máis autónoma e puiden reflexionar sobre dous anos que para min pasaran como un lóstrego, tanto pola rapidez como pola desfeita que deixou ao seu paso. Botei moito de menos atopar eses discursos alternativos antes de ser nai, agora valoro que se estean a editar textos que reflexionan sobre isto, que non dan sempre ese estado de “excepcionalidade marabillosa” onde nos completamos como mulleres.

“Agradezo e abrazo sinceramente todas as experiencias que me son contadas e aplaudo cando as mulleres creadoras escriben as súas para normalizar o feito de que podemos ser nais e mulleres e seres con identidade propia e con todas as ganas e o dereito de non interromper as nosas carreiras profesionais, as nosas individualidades e deixar de ser vítimas dunha vez por todas da condescendencia social, que infantiliza as nais e as inutiliza para seguir a ser persoas autónomas despois de ter crianzas“.

REFERENTES FEMININOS de @emma_pedreira

De esquerda a dereita e de arriba a abaixo, Sarah Hall, María Victoria Moreno, Begoña Caamaño, Marica Campo, Luz Pozo Garza, Xohana Torres, Eva Veiga, Angela Carter, Pura e Dora Vázquez, Marilar Aleixandre, Margaret Atwood, Olga Novo, Pilar Pallarés, Janet Frame, Virginia Woolf, Anne Sexton, Jeanette Winterson, Rosalía de Castro e Sylvia Plath.
PARA TI UNHA BIBLIOTECA É...

Ademais de ser un marabilloso lugar cheo de vertixe, creo nas bibliotecas como elementos dinamizadores, axentes culturais e catalizadores da vida dos barrios. Contamos cunha rede municipal espectacular que non só se adica ao empréstito de libros e materiais culturais senón que crea espazos para a veciñanza, recolle a atención lectora da xente miúda e maior e programa cultura, lecer e ofrece un lugar ás persoas que, sen un lugar no que ler o xornal, conectarse ao ordenador, follear un libro ou unha revista, non sairían das súas casas ou non falarían con ninguén en días. Nunha biblioteca non só hai libros, senón un mundo de historias vivas que só hai que saber coidar e escoitar. Os clubes de lectura, por exemplo, permitiron xuntar a moitas destas persoas arredor da escusa de ler e perder o medo a socializar, a opinar e a ler de moitas persoas dos barrios.

“Agora mesmo preciso descansar. Quero tomar unhas vacacións de escribir para ler e investigar, de veras que este ano ando nisto. Gustaríame observar, escoitar e aprender para atreverme por fin coa literatura infantil, algo que adoro ler. Tamén quixera facer algo mesturando a miña faceta de escritora coas tolerías plásticas que me dá por facer coas colaxes. En Bicadora Duncan (https://bicadoraduncan.wixsite.com/conto) xa hai publicado en liña algún relatiño por Micromundos, e gustaríame levar ese formato aos libros”

OS CLUBS DE LECTURA_ Comecei dando obradoiros de escrita e de aí pasei a levar pequenos grupos de lectura, mesmo temáticos: de poesía, feminista, de literatura galega, de teatro lido... Até cheguei a coordinar un club só para mulleres tristes. Non o chamabamos así, por suposto, pero era algo así como unha xuntanza terapéutica para mulleres que estaba a pasalo mal por diversas problemáticas e, a través da lectura, tiñamos as canles para manexar emocións e, sobre todo, crear unha rede de afectos, que é ao final no que se convirten todos estes grupos.

PETISCOS PARA RECOMENDAR

Na imaxe, de esquerda a dereita carátula Obstacle 1 do grupo Interpol, o fanzine Papenfuss e o filme Melancholia de Lars Von Trier.

No documental O DES-EN-FREO, David Cortizo achéganos a unha Emma cargada de HUMOR, VÍSCERAS E REXOUBE… que hai de ti nesa descrición? Pois hai un cento por cento de verdade. Cortizo coñéceme moi ben, como amigo, como compañeiro rexoubeiro e como editor, temos compartido ese humor ás veces absurdo e ás veces tan snob que nos caracteriza. O das vísceras imaxino que o di porque sempre actúo con máis entraña que cerebro e o do rexoube…non eran para iso as redes sociais? Vai ligado ao humor e a tomar as cousas cun punto de lixeireza que nos faga sentir parte de algo e non o embigo do mundo. https://www.youtube.com/watch?v=bygSAV1NMzQ

@emma_pedreira
UN FILME: Melancholia de Lars Von Trier
UN LIBRO:  Só un? Imposible
UN FANZINE: Papenfuss
UNHA CANCIÓNObstacle 1 de Interpol
UN LUGAR:  O norte. Todos os nortes
UNHA INQUEDANZA:  o futuro das miñas fillas
UNHA COMIDA: as croquetas
UN DESEXO: a tranquilidade para min e os seres que quero
UN PECADO: Non creo no pecado, só na felicidade e no pracer

Pois até aquí a noso parrafeo, despedímonos e convidámosvos a todas e cada unha de vós a participar da urdime feminista neste #8M, cun agradecemento sentido a Emma pola entrega entusiasta nesta conversa. Un pracer!

Deixámosvos coa música de Interpol e algúns enlaces para atopar á autora no virtual.

Páxina web propia: https://bicadoraduncan.wixsite.com/conto

Perfil en Twitter: @emma_pedreira

Perfil en Instagram: https://www.instagram.com/emmapedreira/

AELG: https://www.aelg.gal/centro-documentacion/autores-as/emma-pedreira/obra

Acerca de evavieites

Bibliotecaria. Creo na biblioteca como experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para todas as persoas.

Deixar un comentario