Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

O que temos é moito conto…!

Temos moito conto, si. E demostrámolo sempre que podemos. A semana pasada, por exemplo, cos rapaces e rapazas de 5º de primaria do CEIP Raquel Camacho e cun grupo de alumnos e alumnas do CEE Nuestra Señora de Lourdes – Aspronaga, no peche dun proxecto que puxemos en marcha neste 2015 con vocación de unir integración e fomento da lectura e do que, despois de realizado, estamos moi orgullosos.

Ti tes moito conto

A celebración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil foi o punto de partida. Queriamos difundir esta data e traballar arredor dela, mais dunha forma diferente,  alén das mostras bibliográficas e das charlas. Deseñamos para iso unha proposta a desenvolver da man dos centros de ensino da nosa contorna, coa que buscabamos propiciar a colaboración entre eles e o coñecemento e a cooperación activa do seu alumnado.

Comezamos en xaneiro coa escolla de cinco historias de diferentes tradicións culturais, todas elas de carácter acumulativo, e orientadas a que cinco grupiños de traballo as recreasen dunha forma específica, pensada e desenvolvida polos propios nenos e nenas. Nos meses seguintes contrastamos co profesorado a metodoloxía e os contidos e fixemos seguimento do proceso que se poñía en marcha. Polo camiño, o máis valioso: coñecemos historias e relatos da literatura universal, soubemos máis sobre o Día LIX, constatamos a implicación dos centros e do seu profesorado e, sobre todo, gozamos traballando en equipo, desde as nosas diferenzas.

De todo iso quixemos deixar constancia, nun vídeo que agora poñemos á vosa disposición:

A parte final do proxecto tivo lugar o venres 27 de marzo, nun acto no que as nenas e os nenos foron os absolutos protagonistas. Grupo a grupo, con algúns nervos e moita ilusión, fóronnos mostrando a súa interpretación das cinco historias escollidas: Dona Carme, El Cabretico, A voda do rato, El reino del revés, A morte do señor Pulga. Todos os grupos deixaron constancia do laborioso traballo previo e das gañas coas que desenvolveron o proxecto.

Ti tes moito conto (3)  Ti tes moito conto (7)  Ti tes moito conto (1)

E para acabar, como fin de festa, contamos coa presenza do titiriteiro, contador de historias e actor Inácio, que integramos a través do programa Ler conta moito e nos deleitou cos seus contos do demo, nunha sesión que resultou moi divertida e na que logrou a interacción activa dos presentes.

Ti tes moito conto (11)

 

A valoración que facemos desde a Biblioteca do traballo realizado é altamente positiva. Por un lado, para alén do proxecto en si conseguimos derivacións aínda máis positivas: os dous centros xa acordaron colaboracións futuras, para seguiren desenvolvendo proxectos comúns. Por outro, a rapazada participante descubriu o valor do traballo colectivo e puxemos en evidencia a posibilidade -e a necesidade- de desenvolvermos enfoques integradores nas propostas que levamos adiante como biblioteca pública.

O camiño, de momento un carreiriño bonito e feito a pé, paso a paso, quedou marcado. Agardamos nos anos vindeiros ilo ampliando, sen valados que o delimiten e sen asfalto que o faga rutineiro e convencional. Gústanos ir descubrindo e ir aprendendo, para mellorar, con novos retos cada día.

 

Acerca de xavier campos

Traballo na Biblioteca Ágora, da Coruña. Interésame todo o que ten a ver coa cultura como ferramenta para o cambio social. Creo nunha Biblioteca que mire máis alá de si mesma.

3 comentarios en “O que temos é moito conto…!

  1. Pingback: O que temos é moito conto…! | CEE. NTRA. SRA. DE LOURDES-ASPRONAGA

  2. Pingback: Literatura do Brasil no Día do Libro Infantil e Xuvenil | Suma Ágora

  3. Pingback: Literatura do Brasil no Día do Libro Infantil e Xuvenil | Lo especial de mi aula

Deixar un comentario