Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

“Non abonda con dicir que Xela Arias era rebelde, habería que entrar na rebeldía dos seus versos”

Xela Arias é unha escritora que se escribiu e que nos escribiu ás mulleres do seu tempo. Unha escritora que retorceu a lingua para se incluír e para nos incluír. Cada palabra ten vida propia, por iso cando lemos Xela Arias temos que nos deter en cada palabra e en cada espazo en branco, que son palabras ausentes.”

A escritora, crítica literaria e actriz Marga do Val protagoniza a nosa sección Conversas Con…achegándose á figura de Xela Arias para festexar o día das Letras Galegas. Dar a coñecer a unha das autoras máis innovadoras do discurso poético actual, así como un referente no ámbito da edición e tradución galega, é un dos obxectivos que teñen as Bibliotecas Municipais da Coruña este 2021 con“#DesordenateCoasLetras”, unha proposta ben interesante que desde hoxe tedes dispoñible na nosa web.

ORIXES, DE MOSENDE A VIGO

Nacín en Vigo, nun hospital que era, popularmente o Pirulí, a Residencia sanitaria “Almirante Vierna”. De pequena ninguén me sabía explicar a razón de que o lugar onde eu nacera levara este nome, o dun militar ferrolán franquista que fora afundido co seu cruceiro (O Baleares).

De viguesa en min hai moito. Vigo segue sendo a cidade por excelencia de referencia. A cidade á que ía de pequena, en que vivín cando din aulas no Instituto de Coruxo, (1989-1995). Cando tardo en ir a Vigo e volvo, sinto que estou volvendo a casa. Isto ocórreme tamén cando chego a Tréveris en Alemaña. Lugares que son casa. Son poliamorosa cos lugares, non hai un só lugar, quero a moitos e a todos lles son leal. Creo que Vigo lle deu á miña vida un ritmo vertixinoso que non deixou de me habitar nunca. Síntome viva nas súas costas arriba e abaixo. Encantaríame volver vivir nesta cidade. Xa non digo o que foi Vigo nos oitenta, todo. María Xosé Queizán di que a ela lle gustaría morrer vendo a ría de Vigo, enténdoa perfectamente, desde o Castro hai unha vista magnífica, é como se tiveses a cidade na túa man.

Para min A Coruña é a cidade da tese na UDC con Carme Sanjulián, a cidade de Luísa Villalta e de Heidi Kühn-Bode, agora tamén de Emma Pedreira e de Beatriz Maceda“. De esquerda a dereita e de arriba abaixo, Beatriz Maceda, Carme Sanjulián, Emma Pedreira, Luisa Villalta, Pilar Pallarés e Heidi Kühn-Bode.

A Coruña é unha cidade pausada, de paseo, e que move o vento. Que ten un poemario marabilloso que o di todo, En concreto, de Luísa Villalta. A Coruña é unha cidade da que gozo moito

A CORUÑA, poemas dedicados nalgunha caixa

Na Coruña comecei a miña andaina como profesora no Instituto de Someso, cando era un centro en que só había alumnado masculino, cando facía a súa transición do MEC á Consellería de Educación, un centro en que todo o persoal tiña na cabeza o ensino profesional co que se coñecía como “a acelerada”. O meu alumnado era, moito máis maior ca min, isto creoume bastantes problemas, que fun resolvendo como puiden, nun tempo en que a palabra “acoso” non existía ou estaba baleira de contido, ou non se coñecían palabras para cousas que eu vivín. Iso si que foi traballar nun mundo de homes, mais esta é unha historia que teño pendente de escribir. Cando coñecín á miña amiga Maribel Bonome, a Coruña foi a cidade tamén do Filloa, do Patacón e doutros moitos lugares.

A Coruña é a cidade de Juana de Vega, á súa tumba fago unha pequena referencia na miña novela O prognóstico da lúa, a cidade de Luísa Villalta e de Heidi Kühn-Bode, amigas entrañábeis que permanecerán sempre na miña memoria.

TRÉVERIS, VIVIR EN GALEGO EN ALEMAÑA

De esquerda a dereita, Dieter Kremer, profesor referente en toponimia galega e portuguesa en relación á xermánica, imaxe da Asociación Internacional de Estudos Galegos, Revista Galicien-magazin e logo da Fundación Galicia Europa.
“Foi un pracer colaborar con Lola Ochoa no lectorado de Heidelberg, tamén con Sandra Castiñeiras en Berlín, e iniciar relacións coa Fundación Galicia Europa en Bruxelas a través dunha estudante moi activa e preocupada por Galicia e a súa universalización, algo que compartiamos; a estudante era Ana Miranda, hoxe representante do BNG no Parlamanto Europeo. Desde o Galicien Zentrum organizamos un congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos en Tréveris e outro da Asociación Internacional de Estudos galegos na Habana. Coa Asociación Galego Alemana (Deutsch-Galicische Gesellschaft), publicabamos unha revista, o Galicien-magazin.
O máis importante é que eu decidín ser alemá. Agora teño saudades desa miña segunda patria, onde decidín querer unha lingua por elección.”

Eu era lectora de lingua e cultura galega, daba aulas nun espazo que se chamaba O Galicien Zentrum, que actuou como unha especie de embaixada de Galicia en Alemaña. O director era o profesor Dieter Kremer. Antes de chegar a Trier sabía del polos estudos de toponimia, que nos atraían á miña promoción pola aulas de lingüística románica co profesor Francisco Fernandez Rei; o profesor Kremer era discípulo do profesor Piel, unha eminencia nos estudos de toponimia galega e portuguesa, sobre todo no referente á toponimia xermánica. Foron cinco anos marabillosos estes que fun lectora. Era vivir en galego en Alemaña, e o galego tiña o mesmo valor que calquera outra lingua románica. Anos marabillosos, as actividades culturais que realizabamos eran impresionantes.

EN XANEIRO DE 2015 VAISE ALEXANDER

En Alemaña nun concerto de música coñecín Alexander Schmuck, namoramos e decidimos casar. Houbo unha transfusión, el fíxose galego e eu alemá. Viviamos entre Tui e Ober-Hilbersheim. Galiza e Alemaña, man a man, corazón máis corazón. Familias e amizades que crecían nunha banda e na outra. Viñeron moitas viaxe dun lado a outro. E despois Suíza, Bélxica, Francia, Holanda, Portugal, España, Brasil, Bretaña, Cataluña, Euskadi, Gales, Inglaterra… e unha viaxe grande que nos marcou: Etiopia, Ruanda, era o 2009.

Con cincuenta anos vivín a terríbel morte do meu compañeiro Alexander Schmuck, fiquei co noso fillo Tamiru soa e coa súa dor inmensa que era maior ca miña
O DIÁLOGO CON OUTRAS ESCRITORAS
  • A cidade sen roupa ao sol, en Espiral Maior

No meu poemario A cidade sen roupa ao sol, hai un poema final que leva por título “Retrato da poeta”, constrúome como poeta co diálogo coas miñas compañeiras, a camiñada comeza en Rosalía e logo veñen, María Mariño, Queizán, Pilar Pallarés, Marica Campo, Xela Arias, Luísa Villalta, Yolanda Castaño e Ana Romaní.

De esquerda a dereita e de arriba abaixo, Rosalía de Castro, María Xosé Queizán, Marica Campo, María Mariño, Yolanda Castaño, Xela Arias e Ana Romaní. Logo da FIGA (Feministas Independentes Galegas)

Foi moi importante para min, fundamental, coñecer a María Xosé Queizán, pertencer a FIGA (Feministas Independentes galegas), estar ao redor da Festa da Palabra. Fundamental para a miña formación feminista, antes autodidacta, intuitiva. Mudoume a vida. Aprendín e rin moito. Sei do fundamental da revista A Festa da Palabra como potenciadora e divulgadora da escrita da muller, da escrita feminista. Sei que ao redor desta publicación xorde o que eu chamei Movemento da Festa da Palabra silenciada, que envolvía e aglutinaba a todas as poetas que poetizaban o mundo desde Galiza polo ano 96, cando se produciu o Primeiro Encontro de Poetas Peninsulares e das Illas, daquela falabamos entre todas as xeracións unhas aprendiamos das outras nun diálogo constante desde Luz Pozo Garza até, por exemplo, Emma Couceiro.

Portada da revista, Festa da Palabra, as escritoras Luz Pozo Garza e Emma Couceiro, logo da Sega, Plataforma Crítica Literaria Feminista Galega

Agora para min é un pracer formar parte da Sega. As compañeiras traballan moito e todas lemos e opinamos e isto é algo marabilloso, sentirte nun colectivo, un club privado, cos nosos cuartos propios, que danza diante do público. Non te sentires soa é algo que fai feliz.

De esquerda a dereita, portada da revista Carel, as escritoras Helena de Carlos, Eva Veiga e Cristal Méndez Queizán

Hoxe tamén podo dicir que por vivencias me vexo nunha xeración, a mesma xeración “pequerrechiña” á que creo pertencía Xela Arias, a das poetas que publicaban ou achantaban poemas nos anos oitenta, que publicaban en Dorna ou na Revista Carel, coas que me sinto en diálogo constante: Xela Arias, Ana Romaní, Helena de Carlos, Cristal Méndez Queizán, Susana Trigo (que non publica poesía desde 1985). Podería incluír neste diálogo a Eva Veiga e tamén a Marta dacosta de Na casa da avoa. Nesta xeración tamén vexo á pintora Berta Cáccamo. Por suposto, creo que o criterio xeracional non serve para explicar moito en literatura.

Portada da revista Dorna, a pintora Berta Cáccamo, a escritora Marta Dacosta e o seu libro Na casa da avoa

PREMIO DA CRÍTICA AO MELLOR POEMARIO E Á MELLOR TRADUCIÓN

Premio da Crítica en poesía galega pola Asociación Española de Críticos Literarios en 2010 e Premio á Mellor Tradución pola AELG por “Randea do alento” da escritora romanesa Herta Müller, premio Nobel de literatura do ano 2009.

Os dous premios, sobre todo o de tradución, para min foi un recoñecemento necesario, traballei tanto nesa tradución, metinme tanto en cada palabra do libro, que me alegrou.

Fun feliz, sobre todo pola miña familia alemá e polo meu compañeiro, Alexander, tamén polas amizades alemás, ás que quero tanto, era como visibilizar esa ponte que estabamos vivindo entre o galego e o alemán, era como demostrarlles todo o que me deran, o amor que sentía por esa lingua pola que me deixei posuír e á que quixen pentencer. Foi marabilloso.

O do poemario fíxome feliz pola miña familia, polo meu pai, sobre todo e agora que xa non está cando leo o libro sempre penso nel. Tamén para as persoas amigas de Tui, que sentiron que era moi seu. Tamén pola cidade de Vigo e pola máquina de coser Refrey, tan importantes na vida de todas nós, que non todo é Singer. Fun feliz, tamén por todas as que teñen poemas dedicados nese libro. Tamén polo meu amigo Julián Jaso que me agasallou coa morte pequena, a portada do libro.

Estou escribindo un poemario novo. Podería estar listo en setembro, que é un mes perfecto para a vendima se o tempo acompaña
O QUE ESTÁ POR VIR, Non quero falar de libros que non son

Teño tres obras de teatro representadas e non publicadas. Gocei moito escribindo esas obras para Roberto Cordovanni e Eisenhower Moreno. Con eles traballei na Compañía TAL (Teatro Arte Livre).

O Teatro é para min o xénero literario por excelencia, o xénero de todo, literatura e moito máis: arte completa. Gústame todo desde coser para un escenario, elixir a música, a linguaxe das luces, que importantes son as luces! O vestiario. No TAL, traballei tamén como actriz en Lolas, adoraba aquela maquillaxe antes de entrar no escenario.

De esquerda a dereita carteis de Belle Otero. O corpo que fala, Lolas, Aurora Rodríguez e a boneca de carne e Lorca e as flores de Venus

Belle Otéro. O corpo que fala. Esta obra conta a historia da Bela Otero, a da actriz, a das súa propias memorias ditadas. Considero que é unha obra escrita con moito amor cunha muller moi maltratada, polos prexuízos, en Galiza. Roberto Cordovanni era a Bela Otero e Eisenhower Moreno, Bettina, a súa “camareira” de cuarto, de vida. No achegamento biográfico (tamén literario) que escribín Carolina Otero, intento entrar (e é imposíbel) na vida agochada detrás da imaxe, tamén reviso toda a biografía e prensa da época.

Aurora Rodríguez e a súa moneca de carne. Aquí tamén traballei como actriz. Cordovanni era Aurora Rodríguez e Eisenhower Moreno era Hildegart e tamén Heloísa, unha personaxe da miña imaxinación coa que eu quería homenaxear a María Zambrano e a Victoria Sau, a quen coñecín en Barcelona con María Xosé Queizán. Paseino moi feliz como actriz. Estreamos a obra no Teatro Bambalinas da Federación de Asociacións Galegas en Bos Aires.

Lorca e as flores de Venus. É unha obra escrita para Eisenhower Moreno, para unha nova compañía El Produçoes artísticas. Na escrita da obra tento tratar a visión de Lorca desde a óptica do seu compromiso estético e ético. Música (orixinal de María Graña), encantoume escribir letras de cancións. Foi moi emocionante adentranos na obra de Lorca e levala ao escenario, sen empregarmos nada literal, aínda non estaba libre de dereitos.

XELA, POETA, TRADUTORA, AMIGA, CRUCE DE CAMIÑOS

Os nosos camiños crúzanse, é unha boa palabra, xa que coinciden puntualmente. 1983 no pub Alma sen falarnos, ocupando mesas distintas. No marco dun recital de poesía 1984 en Vigo, as dúas no público, preséntanos no remate Paulino Vázquez e falamos. Enviámonos saúdos por Luís Mariño, vémonos en Vigo, cruzámonos, nas noites de Vigo. Atopámonos na porta cando entraba para ver Tigres coma cabalos. Falamos un pouco, creo que era a Feira do Libro en Vigo, cando eu presentaba o libro de María Xosé Queizán: Escrita da certeza. Por un feminismo optimista. Falamos no I Encontro de poetas peninsulares e das illas, alí faloume de Darío e da súa escrita sobre a experiencia con Darío, no 96, o libro aínda non se publicara, mais Darío, xa estaba.

“Non está ben que a sociedade siga unha personaxe que se crea, o importante é a súa obra poética (ou narrativa). Tamén como ensinante creo que se está a tratar ao alumnado dun xeito nada pedagóxico e infantil nalgúns casos, non se pode limitar coñecementos por idades. Claro que se pode levar Tigres coma cabalos ás aulas, débese levar e tratar, por exemplo a importancia da mestura de diferentes linguaxes artísticas. Estamos en 2021 e castíganse os tigres e os cabalos por haber corpos espidos? Condénanse?”

O libro publicado iniciou as nosas conversas, eu estaba daquela en Alemaña, en Tréveris. Despois volveu xuntarnos o Prestige, moito. Tamén nos vimos no 2003 no Festival da Poesía do Condado en Salvaterra, ela ía case sempre. Os últimos días da súa vida falamos varias veces xa que ía escribir un poema para un recital de remate do Congreso sobre Alexendre Bóveda en Pontevedra. Foi un poema non escrito

“Aproveito para indicar que nunha entrevista que me fixeron hai pouco para a TVG, falando sobre este encontro, o entrevistador, preguntoume se Xela estaba preñada, e eu dubidei nese momento, xa que ela, abrazou a súa barriga e díxome que quería escribir de todo o que lle nacera por dentro, mais claro Darío xa estaba e despois, lembrei como falaramos de Darío”

Non sei se o día das Letras abonda para que se lea a poesía de Xela Arias. O que si foi importante é que a súa obra poética esgotada, volveu publicarse e todos os poemas reunidos no ano 2018 grazas ao traballo de María Xesús Nogueira. Fixéronse edicións individuais, as imaxes de Xela Arias inundaron a nosa vida, mais non sei se se está a facer unha lectura comprometida, con este adxectivo quero dicir honesta, intentando ler, tratando de indagar no seu verso. Non sei se se le máis o que se di de Xela Arias que a Xela Arias en moitos casos. E en moitos casos penso que se nos dá unha imaxe superficial de Xela Arias, sen entrar detrás das portas do seu rostro. Non abonda con dicir que Xela Arias era rebelde, habería que entrar na rebeldía dos seus versos, de toda a súa praxe poética.

Denuncia do equilibrio é magnífico para falar e tratar na adolescencia, con este libro eu fixen moita lectura de poesía. Todo dependerá de quen achegue a obra de Xela Arias e da vontade que teña. Se pensamos en temas e idades, a maternidade na adolescencia parece non interesar moito, aparentemente e, desde logo, Darío a diario non é un libro infantil, e isto non indica que a rapazada e as crianzas máis miúdas non o poidan entender. Poden xogar coa poesía e gozar con ela e comprender. As idades do entendemento non están clasificadas para a lectura de poesía. O que non pode ocorrer é que se se le Non te amola, se lle aprenda ao alumnado que Xela Arias escribiu ese libro con nove anos… Nove anos ten a protagonista da historia que quere escribir un libro.

Xela Arias é unha escritora que se escribiu e que nos escribiu ás mulleres do seu tempo. Unha escritora que retorceu a lingua para se incluír e para nos incluír. Cada palabra ten vida propia, por iso cando lemos Xela Arias temos que nos deter en cada palabra e en cada espazo en branco, que son palabras ausentes. Por iso todos os temas sempre son novos nos seus poemas, desde outra visión. Incluiu a súa perspectiva, que era nova, desde Denuncia do equilibrio soubo levar as marxes á literatura e, sobre todo, seres moi vivos que van ter corpo e palabra en Tigres coma cabalos. En Dario a diario, unha nai inédita que acompaña o fillo na aprendizaxe da independencia. Xela Arias preguntou: “Que agardas, fogar do soño e os rumorosos?”. E tamén dixo: “Intempériate, fogar dos rumorosos” e isto convida a pensar. No seu derradeiro libro volveu cuestionar(se) e cuestionar(nos) dixo: Intempériome.

PETISCOS PARA RECOMENDAR

UN FILME: Unha operación e a súa correspondente baixa permitiume revisitar o cine de Chantal Akerman e confirmo que hai poucas películas que me sigan impresionando sempre e tanto como Jeanne Dielman, 23 quai du Commerce, 1080 Bruxelles.

Adorei O que arde de Oliver Laxe e o documental Santa Liberdade de Margarita Ledo.

UN LIBRO: Follas Novas de Rosalía de Castro. Metáfora da metáfora de María Xosé Queizán, Vigo de Helena de Carlos, A desvértebra de Ana Romaní. Atemschaukel de Herta Müller, que tiven a fortuna de traducir ao galego co título de Randea do alento.

Das últimas lecturas adorei La insumisa de Cristina Peri Rossi.

Lin as primeiras páxinas de Abril de Luz Darriba, teño ganas de seguir.

UNHA CANCIÓN: Hai tamén moitas cancións, cancións para cada vida, para cada Eu, que nos habita: Negra Sombra, (Calquera de Rosalía de Castro interpretada por A Cada Canto); o Alalá das Mariñas (cantado por Uxía); Lass uns Leben de Marius Müller-Westernhagen; Über den Wolken de Reinhard Mey; a canción da mocidade e que me segue é, Wish You Were Here de Pink Floyd; ás veces preciso da forza da voz de Jutta Weinhold cantando, Pioneer Of The Storm. Agora gústame escoitar á Banda da Loba con Intempériome. Mercedes Peón, sempre me soubo levantar, é impresionante en todos os sentidos.

UN LUGAR: Hai moitos lugares, non hai un só lugar, hai un con cada persoa que quero. Mosende pola infancia, pola miña nai, Addis Abeba polo meu fillo, polo arrecendo a café que me ficou no corpo, Ober-hilbersheim (Renania Palatinado), por Alexander, o meu compañeiro, agora por Alfred e por Hede, os meus sogros. Vigo pola ría e polas amigas nesa ría, María Xosé Queizán, Carme Adán, Bea García Estévez, Mónica Bar. Tui, pola vida que alí fixen, pola familia, pola amizades que teño e quero.

UNHA INQUEDANZA: Que o meu alumnado dea o paso e fale galego, que o meu fillo manteña vivas as súas tres linguas: amhárico, alemán e galego.

UN DESEXO: Persoal, ter tempo para escribir.

UN PECADO: Para min o pecado non existe.

UNHA COMIDA: Injera (o prato típico da cociña etíope, que me gusta comer co meu fillo Tamiru nun restaurante duns amigos etíopes en Frankfurt.

UN PETISCO: Chourizo da casa.

Acerca de evavieites

Bibliotecaria. Creo na biblioteca como experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para todas as persoas.

Deixar un comentario