Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

Érica Esmorís: “Os libros que máis me marcaron foron os que lin de pequena”

A primeira vez que Érica Esmorís pisou a Biblioteca Ágora foi en novembro de 2013. “Paréceme un centro próximo e ao que apetece ir, e sei que funciona ben e fai moitas iniciativas. Se cadra o que falta é que máis xente saiba da súa existencia, non hai outro  igual na Coruña”. A autora, novel naquela altura, presentaba xunto con Antonio Manuel Fraga as dúas primeiras referencias do selo literario Sushi Books, O poder de Amabel e Xildas.

Ano e medio despois volve visitarnos, mais nesta ocasión co premio Merlín 2015 na gaveta e coa sensación estendida de que, como xa reflicten os medios, unha nova escritora vén de irromper con forza na nosa literatura, por máis que a ela aínda lle custe verse baixo esa etiqueta “Eu ser son inventora (risos). Fago de todo. Teño tantas empresas que comecei e despois non acabei… A crise obriga á inventiva”.

A conversa con Érica forma parte das nosas CONVERSAS CON…, unha sección do blog SUMA ÁGORA coa que queremos dar voz e axudar a difundir o traballo de diferentes persoas dos nosos barrios. O diálogo transcorre na propia Biblioteca, de forma deslabazada e saltando dun tema a outro, moi ao contrario do que ela nos explica é o seu método de escritura.

O primeiro, parabéns polo premio Merlín, aínda que a verdade é que non chegamos a ti directamente por iso, senón cando soubemos que quen o viña de gañar era un veciña deste barrio…

Grazas. Pois si, nacín e vivín toda a vida aí abaixo, na rúa Arquitecto Rey Pedreira, e gústame ser de aquí. Cando xa de maior decidín saír do niño e mudarme pensei como primeira opción a de seguir nesta zona, aínda que finalmente vivo na cidade vella. Marchei do barrio xusto antes de abrir o Ágora, un centro que me parece fundamental para esta zona, cheo de vida.

Supoño que o barrio actual é moi diferente ao que ti viviches de nena…

É diferente, si. De rapaciña lembro moito facer vida por fóra, xogar coas bicis, andar cos nenos e  nenas da zona polos arredores… Claro, todo isto eran leiras, en realidade. Facíase vida de barrio, a xente coñecíase… A cousa xa comezou a cambiar coa apertura da Ronda de Outeiro.

No urbanístico e tamén no social… Hoxe se cadra unha característica del é a multiculturalidade.

Si, pero este sempre foi un barrio con xente de todas partes. Meus avós vivían na Ronda de Outeiro e eran dunha aldea da Laracha, aquí hai moita xente da Costa da Morte… E si, nos últimos anos moita tamén doutros países.

Momento da conversa na Biblioteca Ágora

Momento da conversa na Biblioteca Ágora

A querencia polos libros, pola lectura, vénche xa de pequena…?

A verdade é que si. O meu avó e a miña nai foron de sempre devoradores de libros, de calquera tipo. Especialmente meu avó tiña unha curiosidade enorme. Podía ler un libro de caza aínda que el non cazase, pero interesábase igual. Na casa estabamos subscritos ao Círculo de Lectores e lembro esa ilusión e esa espera de que chegase o libro pedido cada mes, o catálogo…  Con sete anos ou así eu xa me poñía na casa a escribir as miñas historias, inventaba, facía xornais… A lectura e a escrita, a literatura, levan comigo toda a vida.

E de repente un día comezas a escribir con vontade de publicar…

Tiña esa ilusión. A min marcáronme moito as miñas lecturas de rapaza, díxeno na recollida do premio Merlín. Moito máis que as que fixen despois de adulta. Os libros que realmente me influíron e deixaron pegada foron os que lin de nena. Por iso escribir historias dese tipo, para esas idades, resúltame moi natural.

Coñecémoste xustamente de cando estiveches aquí, na Biblioteca, presentando O poder de Amabel.

Si, ese foi o meu primeiro libro. Dalgunha forma aparecéuseme a historia, traballeina na cabeza, escribina e mandeina. De non ter publicado este libro non sei se tentaría continuar e facer máis, creo que  o feito de publicar me deu moita confianza para seguir. Puxen nel moita enerxía e positividade.

Presentación na Biblioteca Ágora de "O poder de Amabel" e "Xildas"

Presentación na Biblioteca Ágora de “O poder de Amabel” e “Xildas”

Tivo boa recepción aquí e tamén fóra.

Tivo, si. A novela está traducida ao castelán, catalán e euskera, por cousa de Sushi Books. Eles están interesados en abrir espazos nos diferentes mercados da península, e sei que a versión orixinal en galego e a tradución ao castelán funcionaron moi ben, descoñezo as outras.

O libro gustounos moito, a verdade. É divertido, sinxelo, está ben escrito e seguramente é dos que gañan lectores para a nosa literatura…

Estou contenta porque funcionou ben. A tradutora de euskera felicitoume, pareceulle un libro distinto. Pero o mellor é cando rapazas, nenos, nais… che din que lles gustou moito, que o pasaron ben léndoo. Iso é o que máis me enche. Penso: vale, non vas vivir disto, pero sénteste ben por ver que é posible escribir, que guste, que se edite, que se lea…

Como es á hora de escribir, como pensas os teus libros?

Planifico moito a historia e a estrutura. Deseño os tres actos clásicos, por así dicilo, defino as personaxes, equilibro os capítulos, teño claro como vai rematar… E a partir de aí fago unha especie de escrita en tres voltas. Primeiro escribo notas, en sucio, tal como saen; despois fago un borrador que amplía esas notas e vai construíndo a historia e, por último, na terceira revisión, xa me poño coa escrita final. Emprego para iso un programa que se chama scrivener, e que tamén me axuda.

Estes días soubemos da saída do prelo do teu segundo libro, Ulises e as cronoamigas.

Acaba de saír, esta mesma semana. Despois de O poder de Amabel desde Sushi Books pedíronme ideas para poñer en marcha unha colección dirixida a nenas preadolescentes. Mandeilles tres propostas, e quedaron con esta, Ulises, que tamén era a que a min máis me convencía. Vai dunha rapaza que é mala estudante e se xunta nun campamento con outras malas estudantes de Historia, na Illa do Tempo. Desde alá fan viaxes a diversas épocas, o que cal lles permite coñecer como era a vida e os feitos relevantes dos diferentes momentos históricos. É un libro no que ten moito peso a ilustración e o deseño, traballei moito con Jacobo Fernández Serrano, o ilustrador, e con Anxa Correa, da editorial. E aínda que non ten unha finalidade directamente pedagóxica, é certo que resulta útil tamén nese sentido.

Conversa con Érica Esmorís

Conversa con Érica Esmorís

Co cal pode que teñamos máis, que sexa simplemente o primeiro dunha serie…

Se gusta e convence a proposta, agardo que si.

Para alén disto, preséntaste por vez primeira e gañas o premio Merlín, con Nena e o mar. Supoño que sería toda unha alegría…

Foino, desde logo. Xa desde había semanas, cando no blog de Xerais vin que o libro, co pseudónimo que lle puxera, estaba entre as finalistas, levei unha alegría enorme. Mais o día da propia entrega rebordáronme as emocións. Cando abren a plica e din o meu nome, bloqueeime, e iso que desde había uns minutos xa sabía que era eu, porque antes da entrega hai unha persoa que comenta aspectos da obra gañadora alí no acto. O caso é que o que dixeron da miña foi tan bonito que me emocionou, quedei sen fala.

Como é Nena e o mar?

A súa escrita foi como unha historia de amor interrompida varias veces, por causa de diferentes obrigas e traballos. Detíveno para traballar na película A Esmorga, por exemplo, e así máis veces. É un proxecto con vontade se cadra máis literaria, e non necesariamente infantil cando naceu na miña cabeza. Fíxeno en realidade como me saíu. Primeiro tiven a historia e apetecíame escribila para min, e despois xa con intención de mandala a algún premio. É un libro dun aparente ambiente gris, frío, unha historia coral cun certo punto de dureza, mais sen selo realmente… Está na liña dos libros que a min me marcaron de nena, desde logo.

E imos poder lela…

A publicación está prevista para outubro, en principio. E espero que vos guste.

 

FICHA EXPRESS

Un libro: Vou dicir o último que rematei, “Te quiero porque me das de comer” de David Llorente, e non só por ser o último, senón porque realmente me atrapou.

Un disco: Vs. de Pearl Jam.

Unha película:  Cadena Perpétua de Frank Darabont.

Un lugar: A praia da ermida de Santa Comba, en Covas, Ferrol.

Un soño: Amar e ser amada e vivir nunha pequena casa preto dunha solitaria praia (preferiblemente soleada), rodeada de animais, traballando no que me apaixona.

Un obxectivo vital: Facer o meu soño realidade e logo, inventar outro soño.

Web Oficial: www.ericaesmoris.com

1506063141

Acerca de xavier campos

Traballo na Biblioteca Ágora, da Coruña. Interésame todo o que ten a ver coa cultura como ferramenta para o cambio social. Creo nunha Biblioteca que mire máis alá de si mesma.

Deixar un comentario