Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

“As persoas para min son tesouros, tanto como os libros”

Ter nacido e medrado nunha aldea é unha especie de posición mental permanente, mais tamén un posicionamento ante a vida

Co gallo da celebración este 18 de outubro do Día das Escritoras, conversamos con Ana Cabaleiro, autora que vén de publicar “Deixádenos remar”, finalista do XXXVII Premio Xerais de Novela co que desde as Bibliotecas Municipais da Coruña damos visibilidade á creación feita por mulleres no mundo da literatura.

Licenciada en Xornalismo e Máster en Estudos Teóricos e Comparados da Literatura e da Cultura da USC, Ana Cabaleiro (Silleda, 1974) debutou no 2017 con Sapos e Sereas e, logo de facerse co Premio García Barros en 2018 por “As Ramonas”, agora estrea novela finalista do premio Xerais, cunha historia baseada nun conflito veciñal que serve para presentar diferentes temas de actualidade.

A publicación de “Sapos e sereas”, por ser o primeiro, foi como unha gran festa emocional, non só por ver os meus relatos en formato libro por fin, senón porque ademais a crítica e os medios prestáronlle moitísima atención. A repercusión que tivo foi unha lombeirada importante e xa desde o principio abriu camiño. Con “As ramonas” foi algo similar pero aínda máis acentuado, porque a publicación ía ligada ao Premio García Barros de Novela, e incrementouse a visibilidade. “Deixádenos remar” que chega baixo o paraugas de ter quedado finalista no Premio Xerais de Novela, está na mesma liña de repercusión“.
Sempre ando na procura dos matices da ferida para escribir a partir deles. Escribir a partir dos fallos do sistema, transformalos en emoción e en sentimento e que cada libro sexa en si mesmo unha declaración de intencións, é máis ou menos o meu credo literario. Ese traballo, que é máis reflexivo que físico –máis pensar que escribir-, fágoo apoiándome nas miñas voces mentireiras que son as que me dan as armas para achegarme ás personaxes coas que convivo durante os anos que me leva escribir cada libro”.
San Xoán de Saídres, unha parroquia pequena do rural con pouco máis de cen habitantes é o teu lugar de nacemento, onde agroma a Ana de Saídres?

Ser Ana de Saídres implica a empatía absoluta coas persoas humildes, defender a cultura do esforzo, participar activamente na loita pola mellora das condicións de vida da maioría e loitar pola xustiza social e polos dereitos de todos os colectivos“.

“A tardanza en escribir para publicar, dunha banda, ten moito de inseguridade en min mesma e, doutra, de erro na medición dos tempos. Para min iso de ser escritora non corría apuro e ía quedando aparcado, ata que me dei conta de que pasaba dos corenta e igual había que comezar a tomalo en serio. No meu caso, só tomei conciencia do paso do tempo.”

Este posicionamento de ter nacido e medrado nunha aldea sempre está presente nas miñas historias. Tamén implica ter coñecido unha xeración, xa desaparecida, que cultivaba a narración oral como unha forma de socialización e de entretemento. As persoas que sabían botar un conto ben botado quedaron na miña memoria como unha especie de estrelas da nosa comunidade rural: tiñan chispa, moita graza, habilidades narrativas naturais e unha capacidade innata para transformar as cousas correntes da vida en historias que cativaban ao seu auditorio. Era como se beberan do Santo Grial da narración. Esas persoas para min son tesouros, tanto como os libros.

A igualdade de xénero e a conciencia de clase son os dous aspectos que, dunha maneira máis sutil ou máis evidente, van saíndo sempre en todo o que escribo. Escoiteille dicir a un escritor nunha ocasión que, no fondo, escribimos sempre sobre o mesmo, que cada autor ou autora temos un tema propio e que imos creando unha obra ao redor dese tema. E vexo que no meu caso é así. Sexa escribindo con humor, escribindo á contra para evidenciar os fallos do sistema, en formato curto ou máis longo, o fondo é sempre o mesmo: a xustiza social.

Tamén teño unha loita bastante obsesiva contra eses relatos construídos a base de personaxes exemplares, super exitosas e que acaban sempre felices e comendo perdices. Relato que nos vende a publicidade, a maioría do cinema comercial, certo tipo de literatura e, incluso, o discurso mediático dominante. Eu penso que a felicidade pode ser un intre pequeno pero que non pode perdurar porque a vida segue, non se lle pon un punto final como a un libro malo; ou pode ser, pola contra, unha boa etapa na vida pero con pequenas pexas ou atrancos, porque aínda nas boas etapas a gama de grises é inmensa“-

Virginia Woolf, Alice Munro, Ana María Matute, Inma López Silva, Anxos Sumai, Iria Collazo e Emma Pedreira son para min escritoras de cabeceira. Outras imprescindibles son Lara Dopazo, Ledicia Costas, Míriam Ferradáns, Pilar Pallarés ou Lucía Aldao...no noso pequeno-gran sistema literario hai excelentes escritoras. Faltan espazos de visibilización pero non se pode dicir que sexa por falta de calidade.
De esquerda a dereita e de arriba abaixo: Iria Collazo, Lucía Aldao, Alice Munro, Anxos Sumai, Lara Dopazo, Ledicia Costas, Ana María Matute, Inma López Silva, Virginia Woolf, Pilar Pallarés, Miriam Ferradáns e Emma Pedreira.

Narracións directas, enfoques curiosos, compromiso social, onde che gustaría que a crítica se detera polo miúdo ao valorar a túa obra?

Non sei se será un pouco presuntuoso pola miña parte dicir isto, pero a verdade é que, en xeral, gustaríame ver máis crítica baseada en cuestións meramente literarias, como o emprego de estratexias narrativas, ritmos, uso da linguaxe ou a construción das personaxes, e menos referencias a cuestións relacionadas con outros elementos de contexto que en realidade non falan da calidade da escrita.

PREMIO GARCÍA BARROS EN 2018 E FINALISTA DO XERAIS DE NOVELA NO 2020

Os premios supuxeron fundamentalmente visibilidade, que é moi necesaria nun contexto como o actual, inzado de ruído mediático e saturado de estímulos informativos tan diversos. Ademais da visibilidade está o feito de que o libro pasou por un xurado que o escolleu entre os mellores de todos os que concorrían a esa convocatoria, e iso no meu caso tamén funciona como unha especie de ‘baremo’ positivo. Concretamente, tanto o García Barros como o Xerais, son dous premios que eu sempre soñei con gañarxunto co Blanco Amor, que está na lista de pendentes- e ir cumprindo soños é unha forma de felicidade persoal nada baladí.

CLUBS DE LECTURA

“Adoro os clubs de lectura. Sendo membro dun club de lectura descubro obras e autoras ás que posiblemente non tería chegado doutro xeito, coñezo miradas moi diferentes á miña a través da conversa entre as persoas que lemos a mesma obra e que, na maioría dos casos, só nos coñecemos de formar parte do club de lectura e non temos contacto ningún fóra dese ámbito. Para min os clubs de lectura son amor puro pola literatura, a maneira de gozar da literatura e vivila nunha sorte de comunidade de lectoras e lectores“.
Na miña vida non hai moito tempo para dedicarlle á escrita creativa, polo que ter identificados os espazos nos que a mente se me conecta coa pantalla do ordenador e a historia vai fluíndo é fundamental. O lugar específico da miña casa desde o que escribo ten unhas vistas estupendas sobre a miña cidade, e sentarme alí a escribir é como escribir desde unha atalaia. Neste espazo é de onde saen as ‘versións definitivas’ dos meus proxectos. Os trens, os cuartos de hotel e as cafetarías demodé son espazos de paso, esporádicos, que implican movemento, e que a min me activan a creatividade e me funcionan moi ben para atrapar ideas, definir personaxes e temas sobre os que escribir”
PARA TI UNHA BIBLIOTECA É...

Un universo paralelo ao mundo: o mundo aí fóra e eu dentro da biblioteca, que é como estar nun espazo e un tempo diferentes, con dinámicas emocionais propias. Durante moito tempo pensei a biblioteca como refuxio, pero despois deime conta de que o termo refuxio implica asilo e amparo, e polo tanto fuxida e non, non é iso. A biblioteca é un universo amplo e con moitos matices, que cada persoa usuaria percibe á súa maneira. Eu particulamente percíboo como un “universo-illa”.

PETISCOS E RECOMENDACIÓNS

UN FILME: Os espigadores e a espigadora, de Agnès Varda.

UN LIBRO: Melodía de días usados, de Anxos Sumai.

UNHA CANCIÓN: Sempre digo ‘Dolores se llamaba Lola’ dos Suaves porque era unha das miñas favoritas de cando aínda escoitaba música. A xordeira para min foi un trauma progresivo. Padezo unha enfermidade dexenerativa polo que a perda do oído foi gradual e a miña adaptación ás circunstancias que isto implicou tamén. Funme desapegando da música ata chegar ao punto de “enfadarme” con ela, que agora vexo como  unha non-aceptación da discapacidade pola miña parte. Aínda non me reconciliei coa música e non sei se o chegarei a facer, quizá estou suplindo esa falta mirando cara outras disciplinas artísticas, como a arte plástica por exemplo.

UN LUGAR: Un camiño de terra por onde non pasa o tráfico rodado.

UNHA INQUEDANZA: Que nunca unha persoa sexa desprezada por ser diferente.

UN DESEXO: Viaxar sempre que me pete.

UN PECADO: A nugalla.

UNHA COMIDA: Arroz guisado con zorza e orella.

A CORUÑA: Un lugar de traballo (de momento).

Para Ana Cabaleiro “a literatura é un territorio de liberdade e exploración no que non ten que render contas”, e desde esa paisaxe libre e curiosa festexamos este 18 de outubro, dando visibilidade á creación feita por mulleres no mundo da literatura galega.

Ana, agardámoste con entusiamo na vindeira edición de Libros Vivintes con #DeixádenosRemar e moito máis, até sempre!

Acerca de evavieites

Bibliotecaria. Creo na biblioteca como experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para todas as persoas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: