Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

Biblioteca e alumnado converxen na sostibilidade como base do pensamento crítico

Dúas alumnas de 1º B do IES Agra I amosan o libro de Ally VispoZero Waste para salvar el mundo. Guía ilustrada para una vida sostenible“, co que traballaron na sesión de aula

Espertar conciencias, destacar un novo modelo de hábitos arredor dun estilo de vida sostible e facilitar ao alumnado información para a toma de decisións documentadas foi, este estraño ano de pandemia, o que nos moveu a realizar desde a Biblioteca Ágora un traballo de Alfabetización Informacional (ALFIN) cos centros de ensino da contorna.

Entre os materiais presentados ao alumnado e dispoñibles para o préstamo nas BMC destacamos o documental China Blue, que retrata a cotidianedade dunha fábrica de vaqueiros chinesa, onde as súas traballadoras, moitas delas menores de 16 anos non desfrutan nin sequera dos dereitos laborais estipulados polo goberno chinés.

O programa de Alfabetización Informacional  desenvolvéuse ao longo de cinco xornadas onde o alumnado de secundaria deu os primeiros pasos na adquisición de capacidades para atopar, avaliar e usar a información, acadando un dominio nas competencias para obter e comunicar a información a través de medios tradicionais e electrónicos. Nesta ocasión, facíase especial fincapé no uso dos móbiles como ferramentas de traballo en aula, por ser un recurso de amplo dominio por parte da mocidade.

Nesta ocasión, queriamos continuar mantendo o vínculo presencial coa comunidade educativa debido á delicada situación pola que estaban a atravesar como consecuencia da COVID, así é que transformamos a proposta presencial na biblioteca para que fóra o propio centro de ensino quen nos recibira e onde tivera lugar a formación. A misión da biblioteca como impulsora da redución das desigualdades, das cidades e comunidades sostibles, da produción e consumo responsables, así como da acción polo clima, cobraba vida a través do traballo coa mocidade.

CONSUMIR É UN ACTO POLÍTICO
Son tempos de usar e tirar, tamén no campo da moda. A recuperación de materiais reciclados e prendas desbotadas constitúe a máxima expresión do “Slow-fashion”. Na imaxe presentando o libro “Refashioned. Moda vanguardista con materiales reutilizados”, da editorial Blume, que ensina a obra de 46 deseñadores e deseñadoras internacionais que traballan con materiais recuperados que aportan unha nova vida e un novo valor introducindo o deseño ético na industria da moda.

A proposta deseñouse en base á promoción da función formativa da biblioteca a través dunha temática encadrada nos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030, entre os que se atopa a redución das desigualdades, as cidades e comunidades sostibles, a produción e consumo responsables, así como a acción polo clima, poñendo especial atención cara o mundo da moda e as súas prácticas explotadoras e dilapidadoras.

Segundo o filósofo brasileiro Euclides André Mance, “Cada acto de consumo é un xesto de dimensión planetaria, que pode transformar ao consumidor nun cómplice de accións inhumanas e ecolóxicas perxudiciais”

CARRO DE COMBATE

Na imaxe, Carro de combate de Laura Villadiego e Nazaret Castro, Zero Waste de Ally Vispo, 99 ideas para reciclar tus jeans e Atrévete a rediseñar tu vestuario, de Frau Jona&son. Todos dispoñibles nas BMC.
Joan Martínez Alier presenta ás dúas xornalistas artífices do libro Carro de combate como profesionais afastadas das reportaxes ao servizo das empresas e medios comunicación. Co libro de Laura e Nazaret facemos un percorrido nas aulas pola saúde dos consumidores, pero sobre todo polos danos ás persoas e ao ambiente natural dos lugares de orixe. A súa principal tese é que consumir é un acto político, convidando a transformar o noso modo de produción e consumo cara un modelo ou metabolismo ecosocial.

Tamén traballamos en aula co libro de Ally Wispo “Zero Waste“, unha guía ilustrada que ofrece trucos e consellos sinxelos para poñer en práctica en todos os ámbitos do día a día: como reciclar o lixo, facer a compra dun xeito sostible, obxectos a eliminar da nosa rutina ou un kit básico para ter unha cociña respectuosa co medio ambiente. Analizamos e apoiamos a comprensión de contidos para desenvolver un estilo de vida sostible, reducir o impacto medioambiental xerando os mínimos refugallos posibles e descubrimos as fases do adeus para dar unha mellor vida á roupa.

Como recollen as autoras de Carro de combate: “Coas nosas compras do día a día estamos apoiando ás empresas que hai detrás. Cada vez máis, os consumidores críticos e conscientes preguntan cal é a pegada socioambiental que deixan ao seu paso estas empresas: pero para decidir precísase información. E iso é o que pretende Carro de Combate: información para poder consumir criticamente”. E nesa mesma dirección o programa de Alfabetización Informacional  desenvolvéuse ao longo de cinco xornadas onde o alumnado de secundaria deu os primeiros pasos na adquisición de capacidades para atopar, avaliar e usar a información, neste caso, aliñándonos para aprender a consumir criticamente.

Desde aquí o noso agradecemento ao IES Agra I pola vontade de colaboración permanente e polas facilidades e atención amosadas en todo momento, unha coordinación amable en tempos difíciles que reforza o compromiso da biblioteca de estar presentes e a disposición da súa comunidade. Deixámosvos co video Moda Basura,  porque tomar conciencia do noso impacto medioambiental pode axudarnos a levar un estilo de vida máis sostible. Refugallo cero!

Acerca de evavieites

Bibliotecaria. Creo na biblioteca como experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para todas as persoas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: