Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

“Os festivais de autoedición son o marco perfecto para coñecer cal é o panorama actual da banda deseñada galega” Xulia Pisón

Cada 30 de xaneiro desde hai sete anos coincidindo co nacemento de Alfonso R. Castelao, nas bibliotecas municipais festexamos o Día da Ilustración, unha data para reivindicar o papel das profesionais da ilustración na industria cultural galega. Hoxe na nosa sección Conversas con… falamos coas ilustradoras Xulia Pisón e Anabel Colazo.

Ademais este 2021 sumámonos á Consellería de Cultura e Turismo en colaboración coa Asociación Galega de profesionais da ilustración (AGPI), para render homenaxe a unha autora que aportou moito na historia da ilustración galega, Lolita Díaz Baliño, ao tempo que desde Suma Ágora engadimos a nosa aportación dentro dunha campaña municipal que pon o foco en visibilizar ilustradoras coruñesas contemporáneas que forman parte da iniciativa Coruña Gráfica.

XULIA PISÓN

Os traballos que máis desfruto son os que me dan liberdade artística ao tempo de seren un reto, por exemplo, o deseño dos murais da Rúa Cabaleiros ou unha recente curta de animación na que tiven o pracer de participar”.

“Nacín na Coruña no 1985. Tiven unha infancia máxica de veráns no Valadouro que contrastaba co resto do ano na cidade. Na miña casa falábase galego e gostaba de xogar ao fútbol, así é que fora polo idioma ou polos roles de xénero, sempre me sentín algo diferente. De nova andaba algo perdida e iso reflectiuse nas decisións que fun tomando nos estudos. Do bacharelato de ciencias pasei ao de artes para finalmente rematar cursando Enfermaría; pero traballando como enfermeira había unha parte de min que me lembraba que estaba enterrada, así que retomei o debuxo de maneira case obsesiva para recuperar os anos de reprimir a necesidade de crear. Aquela sensación interior converteuse nun ruído estrondoso e decidín darme unha oportunidade. Tardei moito en atopar o meu camiño, pero finalmente matriculeime na EASD Pablo Picasso para facer ilustración“.

“A finais do 2019 atopei de casualidade un par de webs con listaxes de festividades curiosas de todo o mundo para cada día do ano, e pareceume tan simpático que decidín tomalo como un reto persoal: debuxar cada día a festa máis idiota que atopara e subila a Instagram”#Calendario idiota, por Xulia Pisón. Para desfrutar nas RRSS @xuliapison
PRIMEIROS PASOS

“O meu primeiro encargo importante e público foi o máis memorable, tratábase da campaña das Festas de María Pita no 2017. Eu estaba rematando o ciclo de ilustración cando me chamou o Concelleiro de Cultura e foi unha montaña rusa de emocións para min. Tiña quince días para tres carteis e paséinos chorando de pánico, do estrés púxenme enferma, e acabei facendo os traballos tres días antes da entrega, con febre e querendo desaparecer do mundo. Aprendín moito daquel traballo, especialmente a relativizar as cousas“.

“O meu primeiro encargo importante e público foi o máis memorable, tratábase da campaña das Festas de María Pita no 2017“.

AUTOBAN, FESTIVAL DE CÓMIC AUTOEDITADO

“Moitos debuxantes e narradores comezan a súa aventura como autores na autoedición, e mesmo continúan realizando os seus traballos máis persoais e libres mediante este xeito de editar. Así que os festivais de autoedición como o AUTOBAN son o marco perfecto para coñecer cal é o panorama actual da banda deseñada galega, do que fai a xente sen as limitacións que impón o sector editorial, ademais dun punto de encontro para coñecer a xente cos teus mesmos intereses e coa que colaborar en proxectos”.

“Tamén temos moita sorte de ter na cidade un festival de cómic como Viñetas desde o Atlántico, público e gratuíto, no que cada ano traen autores locais, nacionais e internacionais. Inda que boto de menos certa sinerxia co AUTOBAN, no que participa a escena local de debuxantes de cómic máis novos. E Coruña gráfica foi unha iniciativa fantástica do Concello da Coruña para crear un catálogo de ilustradores locais para que as empresas tiveran un lugar de referencia cando buscaran profesionais gráficos na Coruña.” Na imaxe, cartaz elaborado por Xulia para Viñetas desde o Atlántico e polo Día da Ilustración 2020

 “MICROALGAS. O MAR DE ARDORA. UNIR CIENCIA E CÓMIC

“Un equipo de investigadores da UDC coñecéume a través das miñas primeiras historias curtas e ofrecéume un proxecto de cómic divulgativo que explicara o que eran as microalgas. É raro conseguir un traballo por encargo e ben pagado, que sexa tan interesante e que che permita liberdade artística, así que foi un golpe de sorte. Co asesoramento destes investigadores creei unha historia que xuntaba a divulgación científica e o cómic nunha aventura xuvenil“.

“Foi durante este proxecto cando me reconciliei con ter estudado enfermaría e ter adquirido coñecementos suficientes para entender e interpretar a información científica da que dispoñía. Deixei de sentir que “perdera” anos da miña vida noutra profesión e agradecín eses coñecementos e experiencias que adquirira como enfermeira“.
  • REFERENTES FEMININOS NA ILUSTRACIÓN

“Algunhas das ilustradoras e debuxantes de cómic que máis admiro son Emma Ríos ou Xulia Vicente, dúas grandes autoras de cómic que teño o pracer de coñecer. E temos a sorte de que sexan de aquí!”

“Tamén hai grandes debuxantes nacionais estupendas, Núria Tamarit, Sara Soler, Greta Debelius…Na imaxe, de esquerda a dereita Emma Ríos @emmartian, Xulia Vicente @takoxuls, @sarasoler_art, @nuriatamarit
“Quero facer fincapé na grande importancia das bibliotecas. Son o lugar onde viven os libros e os sitios físicos de refuxio para a cultura, o coñecemento e a curiosidade“.
PETISCOS PARA RECOMENDAR

UN FILME: Magnolia de Paul Thomas Anderson

UN LIBRO: Crónicas de Motel de Sam Shepard

UN FANZINE: Altar Mutante

UNHA CANCIÓN: Heroes de David Bowie a versión de Peter Gabriel

UN LUGAR: A praia de Baldaio

UNHA INQUEDANZA: Estancarme artísticamente

UNHA COMIDA: Queixo

UN DESEXO: Que o día teña máis horas para poder facer máis cousas

Magnolia de Paul Thomas Anderson, Crónicas de Motel de Sam Shepard, Altar Mutante e Heroes, todas as recomendacións dispoñibles nas Bibliotecas Municipais da Coruña

ANABEL COLAZO

“O proxecto que me ocupa nos últimos meses é un cómic de temática fantástica que sairá publicado este ano. Con este proxecto conseguín a bolsa Maison des Auteurs. O meu desexo futuro é seguir facendo cómic, inda que me gustaría intentar facer algún videoxogo“. Na imaxe un autorretrato de @ufotomorrow

“Nacín en Ibiza o 23 de marzo de 1993, alí vivín dezaoito anos até que marchei estudar Belas Artes na Universidade Politécnica de Valencia. A miña decisión de estudar Belas Artes naceu do medo a arrepentirme por non facelo, a pesar de non cursar bacharelato artístico. A medida que medraba interesábame cada vez máis por debuxar e contar historias, así que o paso natural era entrar na UPV, que ten unha variedade moi grande de asignaturas que cursar, incluíndo animación e cómic.

“Se tivera que escoller un elemento que caracterice a todas as miñas obras diría que en todas se presenta unha aparente normalidade que se racha con elementos paranormais e estraños“. Na imaxe de esquerda a dereita, “No mires atrás” e “Encuentros Cercanos“, de Ediciones La Cúpula, “El cristal imposible” de DEHAVILLAND e a portada da revista valencianaXiulit” na que Anabel colaborou neste número 37 cun cómic.
O que máis lin sempre foi manga, e segue a ser así. Citaría a Fumiyo Kouno e Taiyou Matsumoto como dúas grandes influencias para min, xunto a Michael DeForge. Tamén é un referente na ilustración Tillie Walden e, xunto con Fumiyo, as dúas están publicadas en España”. Na imaxe, de esquerda a dereita Matsumoto, DeForge , Fumiyo Kouno e Tillie.
A EXPERIENCIA DA RESIDENCIA NA MAISON DES AUTEURS ANGOULEME 2019-2020

“Resúltame estraño pensar nesta experiencia como algo agridoce, pois levaba querendo vivila moitos anos, pero a metade dos meus meses de residencia foron en confinamento no piso e sen poder traballar no estudo. Pola contra, os tres primeiros meses foron fantásticos, coñecín moitos autores en circunstancias parellas á miña que apenas acababan de comezar a publicar cómic, e isto motivóume moitísimo. Tamén puiden presentar a edición francesa de “No mires atrás” no festival, que é o único evento no que puiden ensinar o meu novo cómic e o último ao que puiden ir até o de agora.”

“Fixen un cartel de animación á lectura de cómic para a Rede de Bibliotecas de Cataluña que é un dos traballos que máis me gusta, xunto ao cartel do Festival de Literatura Europea Cognac 2020, que desafortunadamente tivo que ser cancelado.” Na imaxe de esquerda a dereita cartel do Festival de Cognac, Nimio. Fantasía final, de Anabel Colazo, Pau Ferrando, María Ponce, Núria Tamarit e Luis Yang que forman Nimio, gañador do premio ao Mellor Fanzine no Salón do Cómic de Barcelona de 2016 e Paranoiland, un fanzine de publicación bimestral de seis números que se publicou desde xullo de 2015 até maio de 2016. Recopilado nun integral por Underbrain Books e Ediciones La Cúpula en abril de 2018.
“Para min unha biblioteca é un lugar de encontro. Cando vivía en Valencia frecuentaba unha pequena biblioteca onde acontecían moitas cousas e podía ver as rutinas dos veciños que a visitaban
PETISCOS PARA RECOMENDAR

UN FILME: Chungking Express (Wong Kar Wai)
UN LIBRO:  Una órbita cerrada y compartida (Becky Chambers) 
UN FANZINE: Amorcito #1 (coordinado por Luis Yang)
UNHA CANCIÓN:  diría un disco, Loveless de My Bloody Valentine
UN LUGAR:  diría un videoxogo, Zelda Breath of the Wild
UNHA INQUEDANZA: diría un videoxogo, Final fantasy 7
UNHA COMIDA: diría un videoxogo, Wilmot's Warehouse
UN DESEXO: diría un videoxogo, Night in the Woods
UN PECADO: diría un videoxogo, Minecraft
De esquerda a dereita, o fanzine Amorcito #1, o disco Loveless de My Bloody Valentine, o filme Chungking Express (Wong Kar Wai) e a obra de Becky ChambersUna órbita cerrada y compartida. Os tres últimos dispoñibles nas BMC
“Para min os videoxogos son un medio que me ten aportado moito á hora de aprender a contar historias, porque permiten participar activamente na narración que ofrecen”.

Con esta parella de ilustradoras que proximamente participarán como Libros Vivintes compartindo a súa experiencia coa mocidade, pechamos a nosa conversa neste Día da Ilustración para reivindicar o papel destas profesionais na industria cultural galega. Quedades na compaña da música de Peter Gabriel e coas palabras de @xuliapison

“Neste mundo hai poucas cousas que poidamos controlar, pero o que sí podemos controlar é ser sinceras e honestas con nós mesmas. Pararnos a escoitar esa voz interior, inda que sexa soamente un murmurio, e ter a valentía de facerlle caso.

Acerca de evavieites

Bibliotecaria. Creo na biblioteca como experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para todas as persoas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: