Segundo a OIT (Organización Internacional do traballo), máis de 40 millóns de persoas en todo o mundo son vítimas da escravitude moderna, representando as mulleres e as nenas o 71% desta lacra social. Hoxe, no Día Internacional para a Abolición da Escravitude, compartimos o traballo desenvolto entre biblioteca e comunidade educativa arredor da Violencia Sexual, sumando esforzos para destacar que na escravitude e na violencia, as mulleres continúan a ser as vítimas.
A servidume ten adquirido formas diferentes ao longo da historia e, inda que non está definida por lei, a escravitude moderna recolle prácticas como o traballo forzoso e o matrimonio forzado. Situacións de explotación, violencia e abuso de poder onde case todas as vítimas son de sexo feminino.
Desde esta toma de conciencia e durante todo o mes de novembro, as Bibliotecas Municipais da Coruña presentamos unha campaña polo #25 N, Día da Eliminación da Violencia sobre as Mulleres, co obxectivo de visibilizar o papel das bibliotecas como espazos potenciais de contribución á transformación social.
Nese marco, como bibliotecas públicas traballamos desde a Alfabetización Informacional (ALFIN), para ser partícipes e impulsoras dos procesos de acceso á información e facilitar á mocidade a toma de decisións informadas arredor da Violencia Sexual.
Nesta ocasión, queriamos manter o vínculo presencial coa comunidade educativa debido á delicada situación pola que estaban a atravesar como consecuencia da COVID, así é que transformamos a proposta presencial na biblioteca para que fóra o propio centro de ensino quen nos recibira e onde tivera lugar a formación. A misión da biblioteca como impulsora da defensa dos dereitos humanos, da loita contra a exclusión social e dixital e na promoción da calidade de vida da cidadanía, cobraba vida a través do traballo coa mocidade.
O programa de Alfabetización Informacional desenvolvéuse ao longo de cinco xornadas onde o alumnado de secundaria deu os primeiros pasos na adquisición de capacidades para atopar, avaliar e usar a información, acadando un dominio nas competencias para obter e comunicar a información a través de medios tradicionais e electrónicos. Nesta ocasión, facíase especial fincapé no uso dos móbiles como ferramentas de traballo en aula, por ser un recurso de amplo dominio por parte da mocidade.
E foron catro cómics os protagonistas que permitiron analizar e apoiar a comprensión de contidos sobre violencia sexual na adolescencia
Desde 1993, máis de 600 mulleres desapareceron e máis de 400 foron asasinadas en Ciudad Juárez, cidade mexicana fronteiriza con Estados Unidos. Son vítimas de asasinos descoñecidos ou da violencia de xénero. Así, Ciudad Juárez volveuse un triste símbolo dos malos tratos das mulleres no mundo. Hoxe en día, a maioría destes crimes seguen sen resolverse.
A supervivencia dunha adolescente
Helen Potter, unha adolescente de poderosa imaxinación e apaixonada polos libros, é unha sen teito que pide esmola polas rúas de Londres. Aos poucos, vanse desentrañando aspectos do seu pasado, de como escapou da casa fuxindo dunha infancia marcada polos malos tratos e os abusos sexuais.
En 1977, Una ten doce anos. Aos rapaces da súa idade, vailles o punk ou o ska pero Una está aprendendo a tocar á guitarra “Mull of Kintyre”. Mentres a Policía fracasa en resolver o caso do asasino en serie alcumado “O Destripador de Yorkshire”, Una sufrirá unha serie de actos violentos que lle farán sentirse indefensa, soa e culpable, e emprender un longo camiño para se liberar das secuelas dunha violencia cotiá e banalizada. Novela gráfica que explora a violencia de xénero, a vergoña e a responsabilidade.
Desde que comeza o seu primeiro ano no instituto Merryweather, Melinda sabe que forma parte dunha gran mentira. Algo sucedeu unha noite do verán anterior e vese incapaz de verbalizar o que ocorreu. A través dun proxecto para a clase de arte, Melinda consegue enfrontarse ao que realmente aconteceu aquela noite. Pero antes debe afrontar a realidade do presente e pararlle os pés a alguén que aínda desexa facerlle dano.
Durantes estas semanas até cen mozos e mozas de secundaria compartiron un obxectivo común coa biblioteca, impulsar o acceso á información e tomar contacto coa Violencia Sexual para combatela e tomar decisións informadas ao respecto.
Desde aquí o noso agradecemento ao IES Agra I pola vontade de colaboración permanente e polas facilidades e atención amosadas en todo momento, unha coordinación amable en tempos difíciles que reforza o compromiso da biblioteca de estar presentes e a disposición da súa comunidade.
Especialmente grazas a Iolanda e Milagros, almas da biblioteca escolar! Deixámosvos coa banda sonora da presentación na voz de Nina Simone, un canto á vida e á liberadade!
Teño vida!
Teño a miña liberdade!
Ah, sí
Teño vida!
Pingback: SUMANDO ESFORZOS COA BIBLIOTECA ÁGORA ARREDOR DO 25 N | Biblioagra
Felicitaciones por vuestro excelente trabajo y constancia!!!!
Grazas María José,
colaborar coa biblioteca escolar do Agra I é unha oportunidade para continuar aprendendo e medrando con toda a comunidade educativa.
E a túa participación recórdame a necesidade de ter presente a alimentación saudable nestas próximas datas!
Unha aperta