Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

“Cando me preguntan se son nutricionista respondo: son educadora en saúde”

“A formación en Bioloxía favoreceu o meu interese por coñecer os diferentes métodos de alimentación e nutrición, logo aprendín a integralos de modo efectivo para  dar solución a diferentes doenzas a través do máster. Cando me preguntan se son nutricionista respondo: son Educadora en Saúde

Cada 16 de outubro desde 1979 celébrase o Día Mundial da Alimentación, unha data promovida pola Organización das Nacións Unidas co obxectivo de diminuír a fame no mundo, propósito que tamén busca a Axenda 2030 coa meta #famecero. Este 2020 faise un chamamento mundial á solidariedade para conseguir que os alimentos saudábeis cheguen a todos os recunchos do planeta, especialmente aos lugares máis desfavorecidos e que resultaron danados pola crise da COVID-19.

Tamén se lle quere render unha homenaxe a todos os heroes e heroínas da alimentación que plantan, cultivan, pescan e transportan alimentos, por iso o lema do 2020 é “Cultivar, nutrir, preservar. Xuntos”.

“A posibilidade de facer un xaxún intermitente, sempre que o estado de saúde da persoa o permita, favorece a limpeza e o descanso do aparato dixestivo

E falando de heroínas da alimentación, hoxe na nosa sección Conversas con… charlamos con María José Mosquera Santé, doutora en Bioloxía pola UDC, Máster en Medicina Natural e Atención Primaria pola facultade de Medicina da USC e profesora do citado posgrao.

De esquerda a dereita, “La Alimentación, la Tercera Medicina“, do inmunólogo francés Jean Seignalet, que teorizou sobre a dieta hipotóxica que leva o seu nome, dieta Seignalet.El mono obeso“, de José Enrique Campillo Álvarez na editorial Grijalbo e “El equilibrio a través de la alimentación“, da doutora en bioquímica, especialista en alimentación e saúde natural Olga Cuevas, un referente na alimentación macrobiótica.

Inquedanza pola saúde

O meu interese pola saúde ten a súa orixe na infancia rural de Montemeá (Aranga) e Cedeira, con campo e praia como referentes do meu día a día. O contacto cos avós maternos que eran labregos, e do meu avó paterno que era mestre e botánico, favoreceu a comprensión do funcionamento dos ciclos na natureza. A isto sumouse o interese polo traballo de meu pai no exercicio da súa profesión de médico,  que profundou  no interese desde os oito anos de ser bióloga.

María José Mosquera foi docente de Bioloxía no IES Agra I os últimos sete anos, centro no que continuou a labor que iniciara en Carballo cun proxecto educativo baseado na alimentación

Esa inquietude por ensinar a desenvolvernos no medio con hábitos de vida saudables tendo como punto de partida a alimentación e a nutrición, levoume como docente no ensino secundario a desenvolver un Proxecto Educativo baseado na alimentación, aplicando os coñecementos aprendidos nas distintas áreas de Bioloxía como na bioquímica, xenética, botánica, zooloxía ou xeoloxía e integralos aos diferentes niveis da ESO e do Bacharelato.

De esquerda a dereita o libro de Juan Revenga, “Adelgázame, miénteme” onde se recolle toda a verdade da industria do adelgazamento. “Come seguro comiendo de todo”, de Beatriz Robles e “Comer sano para vivir más y mejor”, de José Enrique Campillo, os dous últimos á túa disposición nas BMC.

Compartir co alumnado os contidos e aplicalos desde a alimentación, facilitou experiencias como as de mercar alimentos, cociñalos, crear menús semanais saudábeis, aprender composicións e as súas interferencias na saúde, traballar a importancia da hixiene nas tarefas da cociña ou separar o refugallo resultante de maneira respectuosa co medio.

RAZÓNS PARA TOMAR CONCIENCIA DUNHA ALIMENTACIÓN SA

Os tres puntos básicos nos que entendo se sostén a saúde de cada un de nós son: alimentación, exercicio físico e descanso

Hai moitas, a primeira é que a alimentación é o primeiro paso para a prevención de patoloxías relacionadas coa saúde. Temos o hábito de nomear listaxes de alimentos con connotacións negativas e menos costume de lembrar que son os alimentos os que, do mesmo xeito, reconducen a enfermedade conseguindo en moitos casos reverter parámetros negativos e transformalos en saúde.

En segundo lugar é importante valorar os alimentos a evitar, procurando reducir o sal, o azucre, as pastas, o pan, os biscoitos, as galletas, así como substituír o xeito de preparación, prescindindo das frituras e precociñados ou mesmo evitando picar en diferentes horas do día.

En terceiro lugar, incentivar a compra de alimentos de orixe coñecida “da casa”, e ecolóxicos, axudando a protexer o medio ambiente e estimulando o desenvolvemento económico da zona.

Unha das claves, a auga

Un dos meus remedios da avoa para este tempo é unha infusión a base de tomillo, ourego, mel e limón. As propiedades naturais axudan a aliviar os síntomas gripais e se o bebemos de seguido notaremos a melloría no arrefriado

Unha das claves é beber auga de calidade e comer alimentos ricos nela, por ser o nutriente máis abundante no corpo e que desafortunadamente non temos moi en conta. Tomar alimentos de orixe vexetal en maior cantidade e sempre como inicio de cada comida e acompañalos de outra variedade de orixe proteico (peixes, mariscos, ovos, setas, carnes de ave e algunha de porco e vaca) é básico para a saúde, sen esquecer un petisco de arroz, pataca ou pasta.

“Para min é moi importante aclarar a diferencia entre alimento e produto. Un alimento é unha sustancia obtida da natureza e recoñecida como “viva”. Pola contra, un produto é un alimento ou conxunto de alimentos procesados industrialmente aos que se lle engaden outros compoñentes para a súa axeitada conservación
“A diferencia entre alimentación e nutrición explícase porque a primeira está baseada no feito de inxerir alimentos de xeito voluntario e consciente, mentres que a segunda é a absorción e asimilación polo intestino dos nutrientes dos alimentos de xeito involuntario e inconsciente, dependente do bo estado do intestino de cada persoa”

A FLORA INTESTINAL, AO COIDADO DA SAÚDE

“O termo flora intestinal ou microbiota intestinal fai referencia a un conxunto de microbios que viven no tubo dixestivo, maioritariamente no colon, que están ao coidado da nosa saúde formando unha barreira defensiva fronte a outros microbios prexudiciais e favorecendo a absorción de nutrientes que ían ser eliminados. O seu mantemento require da alimentación día a día para que permaneza activa, evitando o seu deterioro ou eliminación con hábitos pouco saudábeis como beber alcohol, fumar, tomar antibióticos de xeito irresponsable ou consumir alimentos procesados maioritariamente”

MERCAR BEN PERO COMBINAR MAL

A cesta da compra pode levar froita, verdura, peixe, patacas, ovos, etc, pero é importante ter en conta:

“A froita ha de ser o primeiro prato do almorzo todos os días, enteira e sen bater, porque aumenta o seu contido en azucre. Tamén pode tomarse entre comidas a media mañá e a media tarde, evitando tomala de sobremesa porque favorece os gases e as flatulencias””

As verduras son o menú principal do xantar do día. Os alimentos ricos en carbohidratos non se deben de tomar ás noites, porque a cantidade de enerxía que aportan non favorecen un descanso reparador. E despois hai un nutriente para cada momento, por exemplo, agora mesmo no outono precisamos reforzar o sistema inmunitario con vitaminas C, grupo B de D3, sales minerais como zinc e magnesio e alimentos proteicos que axuden á formación de anticorpos ou proteínas de defensa fronte aos microbios.

CRONONUTRICIÓN

A crononutrición é unha rama da cronobioloxía que explica a relación da inxestión de alimentos tendo en conta a hora do día, podendo establecer uns horarios de comidas e uns alimentos por orde de preferencia en cada momento, así como os tempos de xaxún.
A modo de exemplo, unha boa recomendación sería facer dúas ou  tres comidas ao día, almorzar antes das 12h, incorporando carbohidratos de calidade como as froitas, porque o páncreas está moi activo. Xantar antes das 15h, porque a partires desa hora prodúcese unha maior acumulación de graxa. Cear de maneira lixeira antes das 21h e preferiblemente sobre as 20h, sendo un bo momento para a inxestión de proteína como peixe e ovo e, de ser posible, evitar os carbohidratos porque aportan moita enerxía ás células nerviosas dificultando un descanso reparador. Tamén existe a posibilidade de facer un xaxún intermitente sempre que o estado de saúde o permita, consistiría en deixar pasar 13 horas entre a cea e o almorzo do día seguinte, ou manter unha distancia de 3-4 horas entre as comidas do día coa finalidade de favorecer a limpeza e o descanso do aparato dixestivo, un efecto moi beneficioso para a nosa saúde.
De esquerda a dereita “La digestión es la cuestión”, de Giulia Enders. “La dieta paleolítica“, do científico estadounidense especializado nos campos da nutrición e da fisioloxía do exercicio, Loren Cordain, e “Anticáncer, una nueva forma de vida, de David Servan-Schreiber.

Como festexar o Día da Alimentación?

Mercando produtos de proximidade e de tempada, elaborando un menú saudable con eles e compartindo mesa con familia e amigos, un brinde pola saúde!

As Nacións Unidas declararon o 2020 como “Ano Internacional da Sanidade Vexetal (AISV). Este ano é unha oportunidade única e irrepetible para sensibilizar a escala internacional sobre como a protección da sanidade vexetal pode axudar a acabar coa fame, reducir a pobreza, protexer o medio ambiente e estimular o desenvolvemento económico.

Pois até aquí a nosa conversa con María José neste 16 de outubro, Día da Alimentación, deixámosvos con este petisco persoal de achegamento a ela e emprazámosvos a coñecer o Centro de Interese Vida Saudable que tedes á vosa disposición na Biblioteca Ágora e onde atoparedes moitos dos títulos recomendados por ela neste post nutritivo.

Grazas e saúde!

PETISCO PERSOAL

Que é para ti unha biblioteca? Un  espazo de quietude, de concentración, sosego e alegría.
As obras ou autoras destas recomendacións están dispoñibles nas BMC

UN FILME: Inside out

UN LIBRO:  Las huellas de la vida de Tracy Chevalier, El jardín olvidado de Kate Morton , La sombra del viento de Carlos Ruiz Zafón

UNHA CANCIÓN: Viva la vida  de Coldplay

UN LUGAR:  unha praia, unha fervenza

UNHA INQUEDANZA: lograr o respeto polo medio

UNHA COMIDA: Caldo galego de navizas ou berzas

UN DESEXO:  sen dúbida algunha, SAÚDE

Acerca de evavieites

Bibliotecaria. Creo na biblioteca como experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para todas as persoas.

11 comentarios en ““Cando me preguntan se son nutricionista respondo: son educadora en saúde”

  1. Juan Perez
    Outubro 16, 2020

    La lectura de la entrevista invita y anima a una vida saludable.

    • evavieites
      Outubro 16, 2020

      Grazas pola túa resposta Juan, alegrámonos de que sexa un convite á saúde e á vida.
      Un saúdo

  2. Tania Rodríguez Pájaro
    Outubro 16, 2020

    Como antigua alumna de María José y del Agra 1 me enorgullece decir que he podido aprender muchísimo de alimentación y nutrición gracias a ella y sobre lo importante que es saber lo qué comemos y que no nos engañen. Hemos aprendido a comer saludable en los talleres que hemos hecho con ella y es maravilloso!

    • evavieites
      Outubro 16, 2020

      Grazas Tania por achegarnos estas palabras de María José, de seguro que todos os momentos compartidos co alumnado arredor da nutrición foron claves para tomar conciencia arredor da alimentación e da saúde.

  3. Irene Ramonde
    Outubro 16, 2020

    Sin duda, una gran persona y profesional, gracias a la cual, en mi vida, la alimentación es un pilar básico para gozar de Salud
    Ojalá más gente como ella, que transmita su pasión y la contagie.
    Enhorabuena por la entrevista, no se me ocurre mejor protagonista en este día. Deseo que, la alimentación , con información actualizada a través de profesionales, ocupe pronto el lugar que le corresponde en la salud de todos

    • evavieites
      Outubro 18, 2020

      Grazas Irene por compartir as impresións da entrevista e destacar a importancia de María José como educadora en saúde. De seguro que a súa labor xa está a propiciar que a alimentación ocupe ese espazo imprescindible na vida de moitas persoas.
      Un saúdo

  4. Pingback: 16 de octubre, Día Mundial da Alimentación | AgraCITE

  5. Adolfo Gil
    Outubro 16, 2020

    Es hora de que los méritos y esfuerzos de María como docente e investigadora destacada sean resaltados. A veces no valoramos sus esfuerzos divulgadores de los hábitos saludables y seguimos burdamente bulos acientíficos. Es un deber ciudadano centrarse en lo importante. Gracias María, una vez más.

    • evavieites
      Outubro 17, 2020

      Grazas Adolfo por poñer en valor a traxectoria e o saber de María José, divulgar hábitos saudables é imprescindible para vivir mellor.
      Un saúdo

  6. Carlota Lema
    Outubro 17, 2020

    Fui alumna de María José durante 3 años y, para mí, ha sido una gran inspiración. De hecho, es por ella que termine estudiando la carrera de Biología. Lo que más recuerdo de su docencia son sus clases de nutrición, el interés y las ganas que ponía para que entendiéramos la importancia de una buena alimentación. Incluso se tomó un gran tiempo en hacerme una dieta para mejorar mis hábitos. Pasan los años y compruebo que todo sigue igual, siempre intentando motivar a los alumnos e interesados a comer bien, haciéndolo con mucha alegría y un toque de seriedad (ya que la base de nuestra salúd, como bien dice María José, reside en la alimentación), desde luego, esto no podría hacerlo si no fuera por su auténtica vocación!

    • evavieites
      Outubro 18, 2020

      Grazas Carlota por compartir a túa experiencia persoal como alumna de María José. É un pracer ver que o compromiso de docentes coma ela ten o seu froito mellorando vidas e hábitos nas persoas. Ánimo coa Bioloxía!
      Un saúdo

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: