Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

“Ás veces soño coa posibilidade de facer confluír o oficio da tradución coa economía social e o cooperativismo”

“A visibilidade é moi necesaria, pero non se come. Temo que esta sexa unha opinión impopular, pero é a que teño. Paréceme unha reivindicación lexítima figurarmos nos créditos das películas e na capa dos libros, pero secundaria ante o realmente importante: que o noso traballo se pague como (e cando) merece

Cada 30 de setembro celébrase a nivel internacional o Día da Tradución, data que rende homenaxe á labor dos profesionais lingüísticos e ao importante papel que desempeñan na sociedade, é por iso que hoxe na nosa sección Conversas con… falamos con Samuel Solleiro, un dos nosos Libros Vivintes galardoado recentemente co premio á mellor tradución na Gala do Libro 2020 pola súa versión en galego de Mary Shelley.

Samuel Solleiro naceu en Tui no 1982, escritor, músico e tradutor, licenciouse en Antropoloxía na UB e en Filoloxía Hispánica na USC. Guitarrista do grupo musical Ataque Escampe, foi tamén socio fundador da desaparecida Estaleiro editora e actualmente dedícase profesionalmente á tradución.

Samuel Solleiro compartindo sesión de Libros Vivintes co alumnado do Agra I, en primeiro plano Vidas Imaxinarias
  • Unha traxectoria con percorrido en Barcelona, en Guadalupe (Antillas francesas), Le Mans (Francia) ou Valença do Minho (Portugal) e no 2014 un mestrado en Tradución Institucional pola Universidade de Alacante, de onde parte o interese por orientarse profesionalmente cara a tradución?

Eu orientara máis ou menos a miña carreira profesional á docencia de español para estranxeiros, pero no ano 2013 caín na conta de que era unha profesión demasiado orientada a vivir na emigración. Vivir fóra serve para varias cousas (por exemplo, aprender idiomas), pero creo que toda esa mística nómade da mobilidade é un engano neoliberal que só serve para que non establezamos lazos duradeiros coas cousas e cos sitios. Eu quería vivir en Galicia, así que aproveitei que aforrara uns cartos de traballar en Francia e inscribinme nese mestrado de Alacante. Así que o rematei, en 2014, xa empecei a traballar.

  • Tradución institucional, xurídica, administrativa, literaria, audiovisual, en que consiste o teu traballo hoxe en día?

A proporción actual é, aproximadamente: un 85 %, tradución audiovisual; un 10 %, servizos editoriais variados (corrección, edición de textos, elaboración de índices, ultimamente maquetaxe etc.) e un 5 %, tradución literaria. Aínda que estou formado para traducir cunha mínima solvencia nos ámbitos institucional ou administrativo, recoñezo que non son moi do meu gusto, e nos últimos anos fun quen de desterralos case completamente da miña vida.

CURIOSIDADES, O NOME DO PROXECTO TRADUZEBRA

En 2006 publiquei un libro, dz ou o libro do esperma. Na capa había unhas cebras apareándose, por decisión da editora. A expresión “dz” pretendía ser escura e críptica, pero anos despois regaleille o libro a unha compañeira de traballo e dixo: “Ah, claro, dz, dúas zebras”. Sentinme algo idiota, pero fíxome graza e chamei así, Dúas zebras, un blogue que tiven unha tempada e que aínda se pode ver na rede. Desde entón usei a cebra un pouco como tótem, e cando empecei a artellar o proxecto da tradución ocorréuseme ese nome, a modo de marca. Hai épocas en que me gusta e épocas en que non.

  • Cal é a parte máis creativa na tradución? Desde onde a desfrutas máis?

O que máis me gusta, e entendo que tamén é o máis creativo, é cando o que estás a traducir permite unha certa flexibilidade, como adoita pasar en libros e audiovisual de ficción contemporáneos, e podes despregar recursos expresivos que van máis alá do evidente, e pensar: “Vamos ver, eu realmente diría isto, de forma natural?”. Penso que é fundamental —e talvez desde a tradución sexa desde onde máis fácil é transmitir esta idea— deixar claro que as palabras, o vocabulario, son só un elemento máis dunha lingua, e seguramente non o máis importante. No caso do galego, eu creo que a sintaxe ou a fraseoloxía definen moito máis a calidade da lingua ca o léxico. Moito dano fixo esa cultura das palabras máis bonitas do galego; esas listas espantosas onde sempre aparecen bolboreta e brétema.

“Só podo recomendar con coñecemento de causa algúns dos puntos álxidos da dobraxe galega de décadas anteriores, como Shin Chan, a cargo de María Seisdedos
  • A experiencia dos filmes, vantaxes e desvantaxes da tradución de filmes visto por un subtitulador profesional

Unha vantaxe é que ves moitos filmes, con moita atención. Outra, que non ves necesariamente os filmes que tenderías a ver pola túa conta, cousa que está ben para saír da burbulla e aprender sobre temas inesperados. O peor, sen dúbida, é a concentración de moito deste traballo en poucas mans e as prácticas abusivas dalgúns intermediarios (e por “prácticas abusivas” refírome particularmente a tarifas baixas). Tirar os prezos implica, como en todo, unha baixada de calidade. O xiro perverso é que, igual que nos afacemos a que a roupa dure un ano e os teléfonos móbiles dous, tamén nos acabamos afacendo a ver traballos de baixa calidade, por exemplo en plataformas ou en festivais, e a conformarnos con que os filmes se entendan así daquela maneira. É un círculo vicioso.

  • Necesidade de visibilidade e recoñecemento profesional. Por onde anda a tradución nestes campos? Cal é a prioridade dos colectivos e asociacións profesionais de tradución?

A visibilidade é moi necesaria, pero non se come. Temo que esta sexa unha opinión impopular, pero é a que teño. Paréceme unha reivindicación lexítima figurarmos nos créditos das películas e na capa dos libros, pero secundaria ante o realmente importante: que o noso traballo se pague como (e cando) merece.

De esquerda a dereita Antía Veres, gañadora do XVIII Premio Plácido Castro de Tradución, Manuel Arca Castro, tradutor que escribe cousas ben interesantes en redes sociais sobre os pormenores da tradución para dobraxe en Galicia, xunto con Patricia Buxán e Eva Almazán, tradutoras de Novela de xadrez e A estrada respectivamente

    Hai profesionais que se reivindican como tradutores militantes? É a tradución un espazo de reivindicación?

Realmente non o sei. Talvez en cuestións de contido, pero non sei se na nosa praxe profesional. Enfrontámonos ao dilema de que, a efectos prácticos, somos empresarios, pero a miúdo establecemos cos nosos clientes unha relación similar á dos asalariados cos patróns. Entón estamos suxeitos ás leis da competencia, que, na práctica, impiden, por exemplo, recomendar tarifas no seo das asociacións profesionais. Isto crea unhas lóxicas de competitividade que nos deixan bastante sós nos asuntos importantes, e ao final somos como unha especie de obreiros/as que temos prohibido sindicarnos. Ás veces soño coa posibilidade de facer confluír o oficio da tradución coa economía social e o cooperativismo. Non coñezo casos e creo que sería interesante.

  • A tradutora Caterina Briguglia nun traballo sobre o intelectual Pier Paolo Pasolini aborda a faceta como tradutor do cineasta italiano e destaca o afán deste último por recoñecer e promocionar o friulano, outorgándolle á tradución un papel fundamental como condición indispensable para darlle dignidade á lingua. É a tradución ao galego unha “operación necesaria”?

Esta sería unha pregunta para un/ha sociolingüista, e non para min, que son parte interesada. Pero entendo que si, que traducir literaturas estranxeiras contribúe a achegar capital simbólico ás literaturas minorizadas. Con todo, eu non son defensor da cultura da normalización no sentido máis estrito. Non creo que a aspiración dun sistema literario deba ser traducir o canon internacional, senón crear un canon alternativo a través da escolla dunhas obras particulares. E que ás veces esa escolla veña dada por cuestións materiais (dereitos, extensión etc.) non debera ser tan traumático. Que en galego estea traducido Bartleby, o escribente, de Melville, e non, digamos, Moby Dick, non ten mal ningún de seu: é unha circunstancia que contribúe a construír, para ben ou para mal, o que somos.

Frankenstein ou o prometeo moderno, premio á mellor tradución na Gala do Libro 2020, á vosa disposición na Biblioteca Ágora
  • Este ano obtiveches o premio á mellor tradución na Gala do Libro 2020 pola  versión en galego de Mary Shelley, que supuxo para ti? Que capacidades ha de ter un bo tradutor/a?

Foi unha sorpresa maiúscula. O certo é que había auténticos xigantes da tradución entre os finalistas e non contaba en absoluto con gañar. Certo escepticismo que non dou sacado de enriba quixo pensar que foi por ser un libro tan famoso como Frankenstein e que, en realidade, quen gañou o premio foi Mary Shelley. Como for, estou moi satisfeito con ese libro. Supuxo retos interesantes, como o de enfrontarme a un libro clásico, con moitas versións, ou o de “inventar” un galego literario para un libro dunha época en que non existía tal cousa (un desafío interesante, do que se fala pouco, ao que se enfronta o galego en calquera tradución dunha obra de hai máis de 40 anos). Canto ao das capacidades, non sei que dicir, oxalá o soubese. Supoño que curiosidade, pero como para todo na vida, ou case todo.

Esta imaxe ten o atributo alt baleiro; o se nome de arquivo é samuel-solleiro_o_mundo_dos_vivos-horz.jpg
Nun par de meses debo autotraducirme; verter ao castelán un libro meu recente, O mundo dos vivos
  • Con que proxecto/s andas este outono?

Neste momento exacto estou rematando de subtitular un documental sobre un tipo que quere fabricar unha fonte e de elaborar o índice conceptual dun libro académico. Non chegou aínda o gran proxecto do outono, por así dicir. Ou si, pero é un pouco particular e non sei até que punto se pode considerar un proxecto de tradución: nun par de meses debo autotraducirme; verter ao castelán un libro meu recente, O mundo dos vivos.

“Unha biblioteca é un espazo onde se aprende moito grazas á convivencia coa xente que vai“. Na imaxe Samuel co alumnado do Agra I que o escolleu como Libro Vivinte
  • Que é para ti unha biblioteca?

O servizo público ao que deberían ir orientadas principalmente as políticas culturais de calquera institución. Un espazo onde un pensa que aprende moito grazas aos libros pero onde en realidade aprende moito grazas á convivencia coa xente que vai.

  • Recoméndanos algunhas das mellores traducións literarias e fílmicas ao galego para as nosas usuarias e usuarios.

Literarias, moitas. Algunhas que lin recentemente (sexan ou non recentes os traballos): Unha muller perdida, de Willa Cather (Antía Veres), A estrada, de Cormac McCarthy (Eva Almazán), Novela de xadrez, de Stefan Zweig (Patricia Buxán e Saleta Fernández).

O das traducións fílmicas é máis delicado: non coñezo moita xente á parte de min que faga subtítulos en galego de forma máis ou menos constante. Si dobraxe, pero a única forma de ver dobraxes galegas é na TVG, e eu non teño tele. Só podo recomendar con coñecemento de causa algúns dos puntos álxidos da dobraxe galega de décadas anteriores, como Shin Chan, a cargo de María Seisdedos. Con todo, hai tradutores que escriben cousas ben interesantes en redes sociais sobre os pormenores da tradución para dobraxe en Galicia, como Manuel Arca Castro, e seguro que segue a haber traballos excelentes.

PETISCO PERSOAL

UN FILMENubes pasaxeiras (Aki Kaurismäki, 1996)

UN LIBRO: La place, de Annie Ernaux

UNHA CANCIÓN: Uf. O díptico “Stars/Feelings” de Nina Simone en directo en Montreux en 1976. Pero é unha pregunta cruel.

UN LUGAR: Calquera onde se viva máis na rúa ca na casa.

UNHA INQUEDANZA: Teño bastantes e van cambiando a toda velocidade. Esta quincena tocoulle á música ambient; a anterior, á cultura obreira no Reino Unido. E así.

UNHA COMIDA: Os figos.

UN DESEXO: Non portarme como un imbécil.

Pois até aquí a nosa conversa con Samuel, grazas pola colaboración, pola xenerosidade nas respostas e por festexar coas BMC o día da Tradución,  a tempada de figos remata e hai quen di que os soños son desexos, que se cumpran!

“Ás veces soño coa posibilidade de facer confluír o oficio da tradución coa economía social e o cooperativismo”

Acerca de evavieites

Bibliotecaria. Creo na biblioteca como experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para todas as persoas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: