Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

“A xente debería deixar de ter medo á diversidade e ó cambio”

Patrick_Conversas (10)

“Procuro levar unha vida tranquila e sinxela, xa que o camiño da deconstrución non o facilita, pero non me importa. Participar do cambio é algo realmente fermoso.”

Patrick Dopico naceu na Coruña hai 28 anos, animador sociocultural e apaixoado da literatura e a música, dedica parte do seu tempo ao activismo trans no colectivo Amizando, unha asociación que acompaña a persoas da comunidade queer no seus procesos de deconstrución.

Hoxe na nosa sección Conversas con…festexamos o Día do Orgullo “sumando aprendizaxes co sector social”.

Patrick_Conversas (9)

“Gustaríame seguir a traballar e sumar aprendizaxes no sector social. Tamén estou intentando buscar un oco no mundo editorial porque escribo, quero pensar que medianamente ben.”

RAÍCES

A miña familia é esencialmente migrante. Por parte de pai son galegos retornados de Suíza e pola banda da miña nai son migrantes que veñen de Chile. Eu nacín aquí pero os meus avós de Chile sempre estiveron orgullosos da súa orixe, sobre todo a miña Nona. Mesmo contaban que cando era máis cativo cheguei a ter un deixe de acento chileno. A verdade é que aínda que as cousas coa familia non sempre sexan sinxelas non renunciaría a nada do que vivín. Grazas a iso son o que son.

Patrick_2020-06-11 (31)

“A xente debería deixar de ter medo á diversidade e ó cambio. Ese medoentorpece e fai dano, as sociedades evolucionan constantemente e por qué facer dano ás persoas que dis querer?

DESCUBERTA DA IDENTIDADE

O certo é que foi un proceso longo. Foi algo que sempre estivo dentro de min e non remataba de encaixar, pero non era capaz de darlle nome porque non sabía como. Carecía de referentes e de capacidade para darlle nome ou identificar a qué se debía a miña incomodidade. Acostumo moverme no sector “friki” e nel hai unha grande porcentaxe de persoas pertencentes ao colectivo LGBTIQ+, así que cando comecei a moverme e viaxar a outras cidades máis grandes e coñecín xente trans a maquinaria na miña cabeza comezou a moverse e comprender.

Patrick_Conversas (8)

“Non facía outra cousa que pensar e, como no ambiente friki acostuman empregarse motes máis que nomes, non me resultou complicado comezar unha transición social dentro dun entorno que consideraba seguro. Aínda así, levou tempo sentir que atopara realmente quen era e reunir a coraxe para dar un paso máis “oficial”

Casualmente, como se algo me animase a loitar pola miña felicidade, apareceume no instagram a publicación dunha charla organizada por varias asociacións (entre elas Arelas, familias de menores trans) e ao final da mesma acheguéime a unha das poñentes, que me explicou como tiña que facer e a quen dirixirme para que me derivasen aos profesionais axeitados, por sorte na Coruña temos un bo servizo, pero non é así na meirande parte de Galiza.

AMIZANDO
968-horz

Amizando naceu en 2017 como asociación de ámbito galego para a loita polos dereitos trans coa proposta dunha Lei Trans Galega, e despois sumóuse á proposta dunha Lei Trans Estatal. Tamén naceu para establecer un espazo propio e seguro no que desenvolverse e coñecer a xente en circunstancias similares.

A miña colaboración en Amizando comezou co deseño e implementación dunha actividade polo Outubro Trans que realizamos  e diriximos entre varias persoas na Nave 1839, un local dentro da estación de trens autoxestionado por unha asociación. Antes estivera dous anos en Andalucía formando parte doutros colectivos e, desde entón, xestiono na cidade xunto con outras persoas as actividades da asociación: participación do Espazo Diverso, xuntanzas, redes sociais, campañas, etc.

O noso traballo é pedagóxico. Ninguén naceu aprendido e é algo que hai que ir logrando aos poucos, sen presa pero sen pausa. Un cambio inexorable que enriquece á humanidade e polo que loitamos dende Amizando a través de tres ámbitos: o político: aprobación de leis, medidas de protección, protocolos, discriminación positiva, etc; o social/pedagóxico: charlas, actividades, etc, e o social afectivo: actividades que involucren ás persoas da asociación e o seu desenvolvemento, autoestima e benestar.

DE LOITAS E ESTIGMAS


Segue a haber un grande estigma respecto ao noso colectivo, fundamentalmente polo descoñecemento, a falta de información e a patoloxización á que nos someten.

Patrick_Conversas (1)

“O problema é que non hai un coñecemento por parte das institucións sobre como proceder e a onde derivar ás personas trans

O problema é que a meirande parte da sociedade non ten interese ou tempo para facelo, polo que moitas veces dependemos das institucións para que nos fagan de altofalante. Esa mensaxe adoita transmitirse alterada, manipulada ou reapropiada por xente que non remata de comprender as nosas vivencias.

As identidades trans existen dende sempre, foi a chegada destes dogmas o que creou un sistema ríxido e excluínte e que supuxo un retroceso. Exemplo disto foi o que se fixo coa Lei Trans Galega, que foi tumbada unilateralmente polo PP cando o resto de partidos estaban a favor; a Instrucción do 23 de outubro de 2018, da Dirección Xeral de Rexistros e Notariado, que nos permitía mudar o nome no rexistro e nos documentos pero non o sexo, para o que había que agardar dous anos dende o comezo do tratamento hormonal segundo a lei 3/2007 do 15 de marzo; ou a Lei Trans Estatal, proposta por asociacións e colectivos trans, que estivo dous anos gardada nun caixón antes de ser rexistrada a trámite e da que seguimos sen ter novas.

Patrick_Conversas (7)

Titorízasenos e infantilízasenos continuamente, relegándonos a papeis secundarios, lexislando sen pensar en nós nin escoitarnos. Lexislar no noso nome é secuestrar os nosos dereitos e dosificalos nun intento de controlar as identidades que escapan do binarismo cisheteropatriarcal que estableceron algunhas relixións.

A nosa xenitalidade non dicta quen somos

Non hai unha única maneira de ser trans ou vivir esta identidade, hai diversidade dentro da diversidade, e cada persoa vive a súa transición de maneira distinta. Hai persoas que acceden a hormonas pero non a cirurxías ou viceversa, xente que fai ambas ou ningunha. O inxusto é a titorización médico/xurídica que obriga a pasar polos seus requisitos para poder realizar un cambio documental creando a idea de que uns somos máis validos que outros segundo o noso aspecto. É un xeito de discriminación, de transfobia.

Patrick_Conversas (6)

A incomprensión por parte das familias ou dos círculos de convivencia (familiares ou de amizades) no mellor dos casos remata desaparecendo, pero na maioría evoluciona a entornos tóxicos que levan aos suicidios (tamén provocados pola presión social e médico/xurídica de non ver a túa identidade respectada) ou a sufrir malos tratos.

“ISTO NON É VIDA PARA NINGUÉN”

8965

“No colectivo trans é dificil, non imposible, atopar a alguén que non tivese que renunciar a algún lazo afectivo por verse desprezado dalgún xeito. Eu mesmo me inclúo neses casos, tiven apoio dunha parte da familia pero rematou pesando máis quen non o facía. Teño visto amizades marchar lonxe do país e retornar para buscar entornos protexidos, quedar na rúa e pasar verdadeiros apuros ou ter que marchar da casa e sobrevivir como poden rogando atopar un traballo e ter unha situación máis estable. Iso non é vida para ninguén.”

referentes_5

PATRICK COMPARTE REFERENTES: de esquerda a dereita, Alana Portero escritora e activista trans, os seus escritos non deixan indiferente a ninguén e Marsha P.Johnson unha das pioneiras da revolución de Stonewall que loitaron polos dereitos do colectivo e a conciencia racial.

DÍA DO ORGULLO, 28X

É a data representativa por excelencia das marchas reivindicativas do Orgullo LGBTIQ+, aínda que o colectivo trans temos algunhas datas propias como o 31 de marzo, Día da visibilidade trans; o Día pola despatoloxización das identidades trans, penúltimo sabado de outubro e o 20 de novembro, Día Internacional da Memoria Trans no que se lembran ás persoas trans víctimas de crimes de odio. Este ano debido a como están acontecendo as cousas cancelamos a meirande parte dos actos físicos na cidade e intentaremos levar a cabo algunha actividade a través das redes, eu asistirei a unha mesa redonda en Santiago con varios activistas máis.

referentes_4

De esquerda a dereita, MJ Rodríguez, actriz que puxo cara á realidade trans a través dos seus papeis na serie Pose, que ilustra sobre a cultura do Ballroom, o concepto de familia asociado a ésta e a epidemia do VIH/Sida. Sara Romero, un dos meus referentes persoais, grazas a ela tiven orientación e apoio no comezo da miña transición “médica” e Victoria Cruz, outra das pioneiras da revolución de Stonewall que loitaron polos dereitos do colectivo e a conciencia racial.

O maior problema que teñen as mulleres trans no eido feminista vén da man dun sector do feminismo radical que nega as identidades trans de todas as maneiras posibles. Algunhas delas bastante agresivas. As mulleres trans son mulleres, non hai outra. O seu discurso é reducionista e perigoso xa que equipara ás mulleres a unha característica física e binaria, branca e de clase media-alta. Só queren abolir o xénero cando aparece unha persoa trans.

referentes_2

De esquerda a dereita, Kevin Benlloch. Director de arte e activista trans que aporta medios visuais para axudar a que se nos entenda e respecte. Sylvia Rivera, outra das pioneiras da revolución de Stonewall que loitou polos dereitos do colectivo e Asra Chueco, persoa non binaria e autista que se dedica á escrita, nela plasma a súa visión do mundo introducindo a diversidade na literatura, un xeito magnifico de naturalizar e achegar as nosas realidades ao público de todas as idades.

Pola contra, o transactivismo é un movemento cunha forte carga de deconstrucción e activismo transversal, que se nutre da loita de mulleres trans racializadas e marxinalizadas, que busca equidade e respeto e que pode aportar moito ao feminismo rompendo co establecido. Non hai nada máis deconstructor ou abolicionista do xénero que unha persoa trans, porque somos especialmente conscientes do “xogo” de privilexio- non privilexio, e somos quen quere rachar o taboleiro.

referentes_1

De esquerda a dereita, Daniela Ferrández, unha das maiores activistas que teño o gusto de coñecer, tanto a nivel galego como estatal; ten un discurso incríble e potente con perspectiva histórica. Indya Moore, actriz que ao igual que MJ, púxolle cara á transexualidade na serie Pose. Pablo Moldes, activista gai e sordo cun discurso deconstrutivista que dá voz a moitas minorías mediante a recopilación de información que pon a disposición de todo aquel que teña interese en aprender.

e2e

De esquerda a dereita Chella Man, activista trans, sordo e racializado que se dedica ao mundo das artes. Ten unha ampla plataforma nas redes sociais a través da que procura educar e amosar a riqueza da diversidade. Elsa Ruiz, comediante e ilustradora trans que se converteu nunha cara bastante visible para o colectivo, avoga polo respeto ás identidades trans non medicalizadas, é dicir, que non teñen interese en someterse a terapia hormonal e/ou cirurxías ou simplemente non poden.

QUE É PARA PATRICK UNHA BIBLIOTECA?

Patrick_Conversas (4)

Un lugar de esparcemento onde podo nutrirme do coñecemento doutros ou soñar nun ambiente relaxado con outros mundos.

- Escolma de lecturas recomendadas dentro do movemento trans (LGTBI)
85

De esquerda a dereita, La chica del latigo de Julia Serrano. Historia de lo trans de Susan Stryker (está un pouco desfasado máis é unha boa maneira de coñecer as nosas orixes). Llámame Paula de Concepción Rodriguez Gasch e Guía de supervivencia para adolescentes trans de Owl e Fox Fisher.

1

De esquerda a dereita, Ahora me llamo Luisa de Jessica Walton, Soy Jazz de Jessica Herthel e Jazz Jennings e 1, 2, 3, 4… historietas diversas de Susanna Martín.

568748974

De esquerda a dereita, Negra por los cuatro costados de C. Riley Snorton e PirataTrans Carabarco de Julio Concepción.

PETISCO PERSOAL

UN LIBRO: Son incapaz de elixir un só libro ou un único autor así que recomendo tres: Neal Shusterman, V.E. Schawb e Clara Duarte.

VE-Schwab-Vengeful-Crop-horz

De esquerda a dereita, V.E. Schawb, Clara Duarte e Neal Shusterman.

UN FILME: O atlas das nubes.

UNHA CANCIÓN: Run Boy Run de Woodkid.

UN LUGAR: Sen dúbida a Olla de San Vicente en Asturias.

UNHA INQUEDANZA: Non ser capaz de ser autosuficiente e libre.

UNHA COMIDA: Ovo frito con patacas e xamón serrano.

UN SOÑO: Traballar nunha libraría ou nunha biblioteca, creo que sería o meu traballo ideal e que algunha editorial publique algunha das historias que escribo.

Pois até aquí a nosa conversa para poñer en valor o orgullo neste 28 de xuño, desde as BMC sumámonos á loita contra a discriminación e a transfobia co desexo de que o orgullo LGBTIQ+ sexa tamén festexo do diverso. Grazas Patrick!

Acerca de evavieites

Bibliotecaria. Creo na biblioteca como experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para todas as persoas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: