Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

Desconfinar a Lingua é abrir horizontes para mañá

Isa_Risco_3

“Ser muller e galega nun país que precisa de máis autoestima e emancipación, é como ser muller ao cubo”. Entre as recomendacións da actriz Isabel Risco para #DesconfinarALinguaDon Hamlet e tres pezas máis, de Álvaro Cunqueiro, A vida sinxela de Marcelo Firmamento de Vanesa Santiago e Hostal Norte, de Xosé Duncan

Vimos dun tempo difícil, confinados e confinadas do tacto e da conversa directa. Este confinamento afastóunos de moitas cousas, pero movidas pola ilusión de comezar un tempo novo, en Suma Ágora rescatamos moitos dos momentos vividos polas persoas que participaron en Libros Vivintes e en Conversas Con…para nesta nova normalidade, abrazar ao idioma como ferramenta para abrirse ao mundo.

Nesta ocasión, a aposta das Bibliotecas Municipais da Coruña para festexar o Día das Letras Galegas pasa por #DesconfinarALingua, amosando a nosa cara este 17 de maio nas redes, con máscaras de libros, discos, publicacións e filmes na nosa lingua, como xeito de os mostrar, recomendar e dar a coñecer. 

Isto foi o que fixeron Isa Risco, Beatriz Maceda, Samuel Solleiro, Dores Tembrás, Xosé Duncan, Ramiro Torres, Berta Capdevila, François Davó e Cheikh Faye, cubrindo as súas facianas con libros en lingua galega para descubrir toda a creación que se pode desfrutar no noso idioma.


pl

Isa Risco: “non me queda outra que apostar todo á retranca, apostar pola cultura popular e tabernaria esencialmente de transmisión oral e non por iso é menos culta”

Desconfinar a lingua é ir máis alá do coñecido
O humor galego como patrimonio de valor incalculable

“Sen dúbida temos un humor único, ate un catedrático de Oxford como  John Rutherford tivo a ben estudalo. É unha arma de defensa, de construción masiva; é dicer as cousas sen dicilo todo; é ambigüidade transparente e clara; é elegancia froito de ter unha perspectiva poliédrica da realidade, unha realidade que non é nin simple nin simplista, a nosa propia.

E como non podía ser doutro xeito só pode existir grazas ao seu complemento natural e inalienábel, a nosa lingua. Perder unha levaría parello perder a outra, e polo tanto significaría a perda dun patrimonio inmaterial, coma sempre digo, de valor incalculábel!”

Desconfinar a lingua é descubrir toda a creación que se pode desfrutar en galego
Beatriz_12

A mestra e escritora Beatriz Maceda comparte para #DesconfinarALingua unha das súas últimas publicacións Lúa en Ningures, unha obra de literatura Infantil e Xuvenil editada en Xerais no 2019.

Xosé_Duncan12

“En branco e negro, ao xeito dunha máscara que agocha mais enriquece, o meu último libro. Foi autoeditado a finais do ano pasado a dúas mans, as de Carla López (Mielitza) e as miñas. ‘O derradeiro decembro infinito’ é, penso, o primeiro e único libro-cd de fantasía para adultos en galego. Xunta as miñas letras nunha novela intimista e dura e mais case unha hora de melodías instrumentais coas que Carla viste de música a historia do Home Solitario“. Xosé Duncan, escritor.

Desconfinar a lingua é, con Carvalho Calero, aproveitarmos o vínculo directo de galego e portugués para sentir un mundo de contidos e posibilidades. 


Ramiro_12

A poesía é como a tónica, cando a probas non te convence, logo volves a ela e descobres novas texturas” así comezaba a entrevista a Ramiro Torres na nosa sección Conversas Con…”A propósito, o livro que estou lendo, “O teu corpo a oriente e ocidente“, também em galego reintegrado, é de Pedro Casteleiro, grande poeta e amigo“.

“Desde sempre considerei que o que se chama galego e portugués é basicamente o mesmo. No caso da poesía máis ou menos seguín unha normativa chamada de mínimos e, a partir dun certo momento, percibín que a cuestión da escrita nunha norma ou noutra ten a súa importancia mais non é fundamental.  Simultaneamente a iso cheguei ao convencemento de que toda a escrita no fondo é unha convención, un acordo que se toma sobre como escribir unha lingua nun momento determinado. Por tanto, rompín unha barreira. Eu non concibo que sexan dúas linguas diferentes, mais ao tempo con consciente desa especie de guerra que houbo entre as  diferentes perspectivas sobre as relacións de galego e portugués. Para min agora mesmo é complicado desligar a miña escrita poética desta norma”

A revista dixital,  Palavra Comum, que botou a andar coa primeira lúa nova do 2014 é unha revista dixital aberta á lusofonía, mais non ten un enfoque exclusivamente reintegracionista, senón que pode publicar alí xente coa que nós contactamos. Ten vontade de ser como un espazo de visibilización das moitas creatividades e ideas que temos ao redor, non só en Galiza senón tamén no mundo lusófono.

Desconfinar a lingua é ir máis alá do coñecido e poñer o foco na creación máis viva e contemporánea
Dores_Tembras12

A poeta Dores Tembrás desconfina para esta campaña O Cuarto das Abellas, de Antía Otero, en Apiario Editorial. “Escollín o Cuarto das Abellas porque é un poemario extraordinario, que amosa as entrañas da casa, e que descobre un camiño de farangullas que fai posíbel o regreso”.

A visión da poesía galega actual

“A visión é extraordinaria. Claro, que o diga unha poeta galega parece que non ten moito crédito, pero cando veñen autores como Gamoneda e din que o que se está facendo agora en Galicia é dun nivel que está moi por encima do resto da Península, ten máis crédito. Eu creo iso porque eu teño o privilexio de ler autores na miña lingua que son verdadeiramente extraordinarios e despois, hai xente no resto da península que fai cousas tamén moi boas. Pero é que aquí temos unha cantidade por metro cadrado que é incrible realmente. E eu síntome moi feliz de pertencer a unha tradición poética  tan poderosa nese sentido”. Dores Tembrás


Samuel Solleiro, escritor, músico, tradutor e subtitulador,  guitarrista e baixista do grupo musical Ataque Escampe e socio fundador de Estaleiro editora. Con el descubrimos o universo da tradución, e aventurámonos na procura do que nos fai vibrar nunha lectura, para Samuel “calquera libro ten que ter paixón, entusiasmo, é un concepto básico. Non hai regras formais para detectalo, pero dalgunha maneira cando les un texto completo é o que notas, a paixón”.

Samuel, recentemente galardoado co premio á mellor tradución na Gala do Libro 2020 pola súa versión en galego do 'Frankenstein de Mary Shelley, participa na campaña para #DesconfinarALingua co obra de Roi Vidal Ponte, unha biografía editada en Positivas sobre o dramaturgo Vidal Bolaño.

Samuel Solleiro, recentemente galardoado co premio á mellor tradución na Gala do Libro 2020 pola súa versión en galego do ‘Frankenstein de Mary Shelley, participa na campaña para #DesconfinarALingua coa obra de Roi Vidal Ponte, Fóra de Portas, unha biografía editada en Positivas sobre o dramaturgo Vidal Bolaño.

“A música para min é un xeito de comunicarme co mundo de maneira colectivaAtaque Escampe é un grupo onde hai creación colectiva, todo o mundo asina todo, todo o mundo fai todo. O proceso de traballo implica moita negociación e moito conflito no bo sentido, iso apórtache unha visión máis realista das cousas”

O galego como lingua de creación

post

“Non abandonei a miña lingua materna. Pero no espazo público, optei polo galego“. O profesor e poeta François Davó participa na campaña #DesconfinarALingua coa obra gañadora do 2º Premio de Especialidade de Poesía do Programa Xuventude Crea 2018, Anatomía Emocional dun naufraxio, de Ana Boquete López

No meu caso fíxose todo aos poucos, por etapas. As tertulias, as amizades, grande parte da miña vida social acontecía en galego, lingua que eu aínda non falaba, nin sabía falar.

Pero coas lecturas, co meu descubrimento persoal da poesía galega, foise formando un humus. Para dar nacemento, paseniño, á unha nova voz. Logo tiven que aprender a falar, cousa que non era sempre doada en Coruña, pola dificultade de vivir unha imersión lingüística plena en certos ámbitos. 

Os inmigrantes, como os nenos e as nenas, somos permeables. Aprendemos e copiamos do que escoitamos, do que vemos. Aos poucos o galego resultou ser algo do meu entorno, adoptóume… U-la fronteira entre a linguaxe común e a linguaxe poética? E tamén había cuestións prácticas: que sentido tiña recitar en francés nun bar de Coruña?

Desconfinar a lingua é coñecela, poder usala, vivila con normalidade e sen filtros, en todos os ámbitos e situacións

Berta_Capdevila_12

A min o día das letras galegas gústame moito, porque cadra co meu aniversario. Foi unha cousa que descubrín cando cheguei de Barcelona a Galicia, que aquí era un día especial de festa e celebración. Gústame moito que estas dúas cousas se xunten. Quero compartir un libro-disco que temos escoitado moito no confinamento Ivo, o meu fillo e mais eu, No País do Vento de Charo Pita, editado en Galaxia. A coach catalá Berta Capdevila emprega o galego como lingua vehicular e de comunicación habitual


Cheikh Faye naceu en Gade Escale (Senegal) hai 55 anos, diplomado en Literatura, Historia e Xeografía pola Universidade de Dakar (UCAD), exerceu como profesor no seu país de orixe até hai catorce anos. A partires da experiencia da emigración, comezou un proceso de escrita que aborda a realidade dos senegaleses na diáspora, desde Luxemburgo hoxe en día, recoñece que o galego foi a ferramenta que lle permitiu contar a experiencia da emigración en Galicia.

Cheikh_Faye_15

“Adoro as novelas, porque falan de cousas reais e de cousas posibles”, Cheikh Faye desconfina para a campaña a súa obra “Ser modou modou”, editado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega – (AS-PG) . “Esta obra fala da hospitalidade dos galegos e de moitas das situacións ás que me enfrontei cada día como senegalés en Galiza. Hai páxinas que escribo pensando nos meus compatriotas inmigrantes que veñen aquí, e fágoo para que os seus fillos non perdan a cultura africana, pero tamén ás veces penso e escribo para os galegos.

Desconfinar a lingua é mostrar a nosa cara este 17 de maio, grazas a todos e todas vós por amosar as vosas caras e ter participado nesta escolma de lembranzas e máscaras que cobren a nosa faciana hoxe para abrir horizontes abertos mañá. Até sempre!

Acerca de evavieites

Bibliotecaria. Creo na biblioteca como experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para todas as persoas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: