A principios deste mes de marzo comezabamos na Biblioteca Ágora cos roteiros de saúde e deporte, unha proposta dirixida ao alumnado de 3º ESO que xa leva en marcha varios anos en colaboración co IES Agra do Orzán e coa que traballamos valores vinculados cunha vida saudable.
“Garantir unha vida sa e promover o benestar para todos en todas as idades” é un dos obxectivos da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible , misión na que as bibliotecas públicas poden e deben xogar un papel fundamental tal e como recolle a Federación Internacional de Asociacións e Institucións Bibliotecarias (IFLA) no seu documento “Acceso y oportunidades para todos: cómo contribuyen las bibliotecas a la Agenda 2030 de las Naciones Unidas”.
Apenas pasaron tres semanas do último roteiro polo barrio realizado cos rapaces e rapazas do Agra I para traballar a saúde como concepto integral e descubrir diferentes disciplinas deportivas na nosa contorna, quen nos ía dicir a nós neses días que agora estaríamos vivindo un estado de alarma por crise sanitaria a causa do covid-19?
“A saúde é un estado de completo benestar físico, mental e social, e non soamente a ausencia de afeccións ou doenzas”. Definición extraída do preámbulo da Constitución da Organización Mundial da Saúde (OMS).
Desde o noso confinamento, queremos render unha humilde e pequena homenaxe a todas aquelas persoas que fan posible cada ano a realización dos roteiros, facendo un recordatorio do percorrido realizado os días 3 e 9 de marzo coas aulas de 3º ESO-B e 3ºA e PMAR.
Da man do Sifu Juan Saldeño, fisoterapeuta e mestre-director da escola, achegámonos á técnica e práctica do wing chun kung fu.
Tivemos ocasión de descubrir que a praxe desta arte marcial chinesa orientada á defensa persoal, non só aporta benestar a nivel físico senón tamén a nivel mental, ademais de facilitar o desenvolvemento de capacidades para a vida diaria tan necesarias como: concentración, constancia, esforzo, visión e perspectiva á hora de facer fronte a obstáculos.
E, entre algunhas das técnicas que o sifu Juan ensinou ao alumnado, atoparon no wing chun unha ferramenta coa que mellorar en confianza, estima e responsabilidade, vencendo os propios medos e inseguridades.
A explanada da nosa biblioteca desde hai un tempo xa é o campo de adestramento de Jugger para os mozos e mozas da cidade. E foi aquí, na biblioteca onde Damián, Jorge -membros do equipo Black Cats-e César -membro do equipo La Guardia Varega– explicaron ao alumnado as orixes, o regulamento e o equipamento deste deporte.
“Trátase dun deporte mixto de contacto entre dous equipos de cinco xogadores, orixinado en Alemaña a principios da década dos 90. Aínda que en esencia é moi similar ao rugby, engade elementos de esgrima, minimizando así o contacto entre xogadores. A finalidade de cada equipo é facerse coa pelota no centro do campo e levala ata a base contraria para marcar un tanto”. Federación Española de Jugger
E despois da parte teórica, os rapaces e rapazas tiveron ocasión de desfrutar da praxe do Jugger na explanada da biblioteca. Tralos roteiros, este deporte de equipo gañou adeptos na cidade!
Da man de Ana María e Laura, achegámonos á disciplina física, mental e espiritual do ioga, comezando pola importancia da respiración e da toma de conciencia do noso corpo e dos nosos pensamentos.
Explicáronos algunhas das modalidades que se imparten no seu centro (Kundalini, Integral), así como tamén os beneficios a nivel físico e mental da práctica do ioga como o aumento da flexibilidade, forza , resistencia, equilibrio ou a mellora da atención , concentración e claridade mental.
Incluso tivemos ocasión de practicar algunha das posturas que conforman a práctica física desta disciplina.
Na escola de boxeo Azteca Box rematamos o noso percorrido dedicado á saúde e o deporte. Alí recibiunos Luís Suárez, adestrador nacional de boxeo co que vimos colaborando desde os inicios da Biblioteca Ágora.
O alumnado tivo ocasión de descubrir que a través dun deporte como o boxeo, ademais de traballar a nivel físico a resistencia, a forza, a velocidade ou a coordinación, desenvólvense valores fundamentais como a humildade, a constancia, a capacidade de traballo, o esforzo e a concentración.
Rematamos practicando algúns dos golpes de boxeo e recordando a importancia do respecto. En palabras do propio Luís: “no boxeo cando adestras o teu obxectivo é mellorar. Cando compites o teu obxectivo é gañar, que non humillar. Por iso a clave é respectar sempre, tanto ao compañeiro como ao rival”.
E ata aquí o noso percorrido no que desde a Biblioteca Ágora traballamos imprescindibles para o desenvolvemento dunha vida saudable como é a práctica deportiva, abarcando esta a esfera física, a mental e incluso a espiritual.
Desde o confinamento enviamos o noso agradecemento a todas as persoas que fixeron posible a realización do mesmo. Grazas a toda a comunidade educativa do IES Agra do Orzán, en especial a Milagros. Grazas Juan, de Kiusao Kung Fu Galicia. Grazas Damián, Jorge e César de Jugger Coruña. Grazas Ana María e Laura de Centro Yoga Pasión. Grazas Luís, de Azteca Box. E grazas aos alumnos e alumnas que participaron da proposta, sigamos creando comunidade, unha biblioteca de todxs para todxs!!
Moitos ánimos e fortaleza emocional para levar estes días o mellor posible!
Pingback: Roteiros deporte e saúde | Biblioagra