Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

“O movemento feminista debería acoller moitos espectros e maior transversalidade”

Barbara_GVilariño (11)

“Hai que coñecer e recoñecerse noutras realidades do suxeito feminino e feminista”

No Día Internacional da Muller falamos na nosa sección Conversas…con Bárbara Vilariño, xornalista especializada en comunicación dixital e co-coordinadora do club de lectura Queeruña, o único existente en Galicia de temática LGTBI.

2020_03_05 (12)

“Coido que a través da cultura podemos empatizar coas persoas, algo moi preciso agora que temos unha loita aberta co recoñecemento das mulleres transexuais dentro dalgúns sectores do feminismo”

Nun 8M marcado polos debates entre posturas abolicionistas e regulacionistas na prostitución, os ventres de alugueiro como práctica para a consecución da maternidade ou mesmo a polémica sobre o suxeito do feminismo, preguntámoslle a Bárbara sobre quen debe compoñer o movemento feminista?

“O movemento feminista, tal e como o entendo, debería acoller moitos espectros (transexuais, homes pertenzan ou non ao colectivo LGTBQ) e acoller máis transversalidade (diversidade funcional, pobreza, loita contra o especismo…). E no referente ao papel da cultura, grazas a coñecer historias como El bebé verde penso que moitas persoas poden empatizar e comprender a realidade trans. Logramos mudar mentes a través de leis como a do matrimonio igualitario ou a lei de identidade de xénero, si, pero tamén co apoio das formas culturais que sosteñen historias que logran transmitir realidades”.

2020_03_05 (23)

“Temos uns movementos sociais moi vivos e que beben e buscan sinerxias con outras institucións da cidade como as Bibliotecas Municipais “

Quen é @gpuntovilarinho?

Coruñesa da Cidade Vella de 32 anos (asimilando as primeiras canas). Son xornalista porque era o camiño intermedio coa linguaxe, a difusión cultural e o activismo social. Á marxe da faceta activista-profesional (xa que non entendo o xornalismo sen compromiso coa sociedade), adoro o deporte e o estilo de vida e valores que leva asociados: contacto coa natureza, esforzo e recompensa, equipo, apoio mutuo… Tamén confío na cultura como motor de cambio social. E, por suposto, adoro a miña cidade: das cinco tatuaxes que teño, dúas fan referencia á Coruña. Un mapa da zona pola que habitualmente adestro e unha farola modernista do Paseo Marítimo.

A FAMILIA, raíces e raizames 

Fun unha nena con moitas inquedanzas e carácter. Da Cidade Vella, sempre botada ao mar, a un paso do Paseo Marítimo. Tiven unha adolescencia friki, pechada na miña burbulla introvertida entre libros e videoxogos. Sempre fun de poucos círculos sociais, de amizades selectas e escollidas. Iso non impediu que entrara en contacto co feminismo e a poesía desde ben nova. Fun a lesbiana do meu instituto, pero a miña asunción da identidade e saída do armario non foi, por sorte, traumática. Nunca tiven problema en ningún ámbito, e considérome afortunada por iso. Hai outras historias máis duras mesmo en idade adulta.

Barbara_GVilariño (10)-tile

Bárbara Vilariño e a poeta Pilar Pallarés, esta última fotografiada por Nuria Cancela para La Voz de Galicia.

Inquedanzas académicas e opcións profesionais

O profesorado de Zalaeta, nomeadamente Pilar Pallarés, axudou a encauzar o espírito crítico e curioso que teño. Sempre fun unha apaixoada da palabra e da lingua, dubidei entre cursar Xornalismo ou Traducción; aínda que todo o mundo me dicía que non fixera letras puras, que estudara algo con máis saídas profesionais. A día de hoxe vexo titulacións modernas como Ciencias da difusión cultural, que probablemente tivera estudado hai dez anos. Desde que rematei a carreira traballo nunha consultora de comunicación e estou especializada en estratexias dixitais. Colaboro en medios nos que sigo cultivando o xornalismo con enfoque de xénero, cultural e social. Formo parte do colectivo editor de Pikara Magazine, escribo en eldiario.es e en VINTE.

Sin título-horz

O DEPORTE na vida 

Triatleta popular e deportivista de corazón

O deporte venme de familia. A miña nai é monitora deportiva e na miña casa sempre se practicou deporte baixo un estilo de vida saudable. Concibo o deporte como unha ferramenta de cambio social, empoderadora e xeradora de forza. Sempre que teño que explicar este concepto tiro deste anuncio de Nike do ano 1995: https://www.spokesman.com/stories/1995/oct/10/if-you-let-me-play-sports-nike-ad-uses-powerful/. Como defensora desta vertente, sigo ao Dépor feminino. Non vou a partidos do masculino, aínda que prefiro que gañe e ascenda por preservar a estrutura do feminino. Cheguei ó tríatlon polo exmozo dunha amiga, que organizaba probas en Galicia e me animou a participar. Comecei en 2014, fun mellorando nivel e gañando algunhas probas populares. Fixen o Gran Fondo do Ézaro en 2018, pero nunca correrei unha maratón.

2020_03_05 (7)

“As mulleres son unha parte esquecida da historia e da cultura, e se aínda por riba sofren invisibilidade pola súa orientación ou condición sexual… temos unha dobre capa difícil de superar

Colaboración en medios

“A poesía, como o xornalismo, están para compoñer e reconstruír realidades”

O que non se nomea non existe, así que se non axudamos a dar a coñecer realidades, acabará imperando un discurso único. Isto non é algo exclusivo do xornalismo, tamén o fai a literatura, sen tampouco ter que tratarse de obras reivindicativas. Ler é amosar outras realidades, mesmo as de ciencia ficción poden servir para interpretar a nosa vida. Ou é que 1984 semella tan distante agora?

A @pikaramagazine cheguei por casualidade cando comezou e converteuse no meu refuxio da profesión. Practicamos un xornalismo transversal, que recoñece no feminismo outras loitas como a das persoas con diversidade funcional (publicamos guías de lectura fácil, xa que un 30% da poboación ten problemas de comprensión lectora) ou os movementos antiespecistas. Ademais promovimos un espazo de xornalismo transmedia a través de Pikara Lab, espazo que tiven a honra de estrenar cun especial sobre as mulleres maiores lesbianas, facendo unha analoxía coa praza de Chueca e a zarzuela: https://lab.pikaramagazine.com/chica-de-genero-chico/

@eldiarioes grazas a unha colaboración con Pikara practico o columnismo cun artigo de opinión cada dous/tres meses.

@vintenapraza un xeito de contar cousas distintas e de facer interesante e accesible a cultura.

O activismo LGTBI e demais compromisos político/sociais

MULLERES LTB, 2020 sororidade e feminismo

Sin título-horz

As mulleres son unha parte esquecida da historia e da cultura, e se aínda por riba sufren invisibilidade pola súa orientación ou condición sexual… temos unha dobre capa difícil de superar. No colectivo LGTB tende a esquecerse que boa parte do desenvolvemento cultural provocouno a libraría Berkana, que nos seus inicios tivo que soportar pintadas e críticas por existir. Hai uns anos publiquei en Pikara un especial sobre mulleres que formaron -e seguen a ser- parte da historia de Chueca. Tamén unha entrevista a Mili Hernández, a dona do establecemento. Sen dúbida reflicte moi ben o que fixo a cultura na creación de referentes.

bebe-verde-roberta-479x600-horz

Roberta Marrero, autora de El bebé verde. Infancia, transexualidad y héroes del Pop (Lunwerg 2016), unha novela gráfica con prólogo da escritora Virginie Despentes. Mili Hernández, propietaria de Berkana, unha libraría especializada en temas LGTB aberta en 1993. Foi a primeira libraría LGTB de España e América Latina.

Con respecto a LES CORUÑA, benditas casualidades de novo. Talvez dos colectivos da cidade que máis se moveron ao pouco de ter nacido. O primeiro que promoveu que nos xuntaramos todos para sumar forzas a través dun vermú de confraternización. E, outras compañeiras que cren no poder transformador da literatura. Foron as únicas en promover un ciclo permanente de autoras que defenden a diversidade sexual.

Lembro o 8M na Coruña, o Orgullo do ano pasado… e temos uns movementos sociais moi vivos e que beben e buscan sinerxias con outras institucións da cidade como as Bibliotecas Municipais, o Espazo Diverso do centro cívico da Cidade Vella… Coido que son estes apoios mutuos os que nos fan tan fortes.

2020_03_05 (22)

“As bibliotecas acolleron ao club de lectura LGTB cos brazos abertos e dotárono de recursos, eu estou encantada con poder colaborar”

QUEERUÑA, xerme e evolución

A literatura como medio

Queeruña naceu dunha reunión da Marea LGTBQI. Non sei que foi dela, o que si quixen foi desvincular un partido político dunha inquedanza compartida. As bibliotecas acolleron o club de lectura LGTB cos brazos abertos, dotárono de recursos e eu estou encantada con poder colaborar difundindo a través das redes sociais, e ofrecendo unha ferramenta de apoio á sociedade e ás persoas LGTB. Gustaríame ter contado con algo así cando buscaba referentes.

Ademais penso que as bibliotecas poderían editar un catálogo dixital con todas as lecturas que fixemos no club Queeruña, ou mesmo facer, como acostumades, unha exposición con eses libros na biblioteca Ágora, facéndoos visibles.

AS BIBLIOTECAS NA SOCIEDADE de hoxe para...

Cada vez menos para catalogar e cada vez máis para ofrecer esa cohesión social con iniciativas como a de Libros Vivintes, servindo de nexo entre distintas entidades que dotan de vida e cultura á cidade. Porque hai máis formatos que os libros e hai máis cultura que a hexemónica.

BÁRBARA RECOMENDA
Barbara_GVilariño (7)

“Hai máis formatos que os libros e máis cultura que a hexemónica”

UN LIBRO

¿Por qué ser feliz cuando puedes ser normal? de Jeanette Winterson.

UNHA AUTORA

Lucía Aldao

9788426409249-horz

De esquerda a dereita, ¿Por qué ser feliz cuando puedes ser normal? de Jeanette Winterson, Dolor y Gloria de Pedro Almodóvar e Lucía Aldao, Imaxe CC-BY-SA Praza Pública– Cedida. Todos eles ou sobre todas elas atoparedes nas BMC!

UN FILME

Curiosamente non son moi fílmica, pero a última película que me chegou foi “Dolor y Gloria.

UN LUGAR

O paseo dos menhires da Torre de Hércules.

SONY DSC

Margarita Salas, imaxe de Grela Bravo. ‘Familia de Menhires‘, obra do escultor Manolo Paz en A Coruña, imaxe de José Juan Maceda en Turismo Coruña.

UN SOÑO

Darlle a sociedade algo que transcenda, unha ferramenta que recolla e acolla (en forma de activismo cultural, xornalismo…).

MULLERES DESTACADAS (referentes, preferencias, debilidades)

Alucinei cando tiven a oportunidade de entrevistar a Margarita Salas. Con 81 anos seguía indo cada día ao laboratorio a seguir investigando. Unha mostra de tesón e feminismo sen ter feito nunca grandes proclamas. Teño debilidade polas mulleres maiores, talvez porque quedei sen avós moi xoven. Admiro a unha veciña que ten noventa anos, quedou viúva hai dez anos e non deixa de ter unha actividade social e cultural rica ao tempo que conta que baila ou fala cada día coa fotografía do seu marido.

Carmen-horz

De esquerda a dereita, imaxe da Web Oficial de Carmen París. Foto Rosalía: EFE

MÚSICAS

Gústame o eclécticoCarmen París, por exemplo, e son moi fan da Rosalía.

DAS COMIDAS OU PETISCOS

Son de bo dente, pero quédome con eses momentos de aprender cociña de man de miña nai. Gústame o olor do sofrito que precede a un prato máis colorido.


No Día Internacional da Muller convidámosvos tamén a mergullarvos nos recursos que temos á vosa disposición sobre Muller e Feminismo  na Biblioteca Ágora e agradecémoslle de corazón a Bárbara ter participado na nosa sección Conversas Con … neste 8M e recentemente no Club de Lectura FeministaO cuarto propio compartindo a súa experiencia de vida como Libro Vivinte.

Aproveitamos para achegar a recomendación musical de Carmen París, artista aragonesa Premio Nacional das Músicas Actuais en 2014 e mellor álbum de músicas de raíz ou de fusión, Pa´mi genio.

A desfrutalo! Até sempre!

Acerca de evavieites

Bibliotecaria. Creo na biblioteca como unha experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para todas as persoas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: