Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

“Ola, chámome Berta e son unha Libro Vivinte”

LV_Berta_Capdevila (6)

“Cando Eva me propuso ser unha Libro Vivinte entróume bastante medo, eu? Pero que podo aportar aos chavales? Tan só son unha persoa normal, non teño nada interesante que dicir! Pero confiei nela, se me daba ese espazo ía ocupalo e desfrutar sendo eu mesma.”

“Cando Eva me propuso ser unha Libro Vivinte entróume bastante medo, eu? Pero que podo aportar aos chavales? Tan só son unha persoa normal, non teño nada interesante que dicir! Pero confiei nela, se me daba ese espazo ía ocupalo e desfrutar sendo eu mesma.”

“Escribo á noitiña, despois de deitar ao meu fillo e ao meu fillastro, inda emocionada polo encontro que tiven hoxe coas persoas que decidiron pasar parte da súa tarde comigo na biblioteca. Obxectivo: ningún! Simplemente estar e compartir, que xa é moito.”

Berta_LV_2020 (3)

“Cando me dixeron que algunhas persoas se apuntaran para charlar comigo recibín a noticia con sorpresa e alegría. Descubrín que a pesar da vergoña apetecíame máis do esperado.

Agora xa sei por qué.”

Así comeza o testemuño compartido con nós por Berta Capdevila, coach de familias reconstituídas, ou coach de madrastas, como a ela lle gusta chamarse, despois da sesión de Libros Vivintes que se celebrou recentemente na Biblioteca Ágora en colaboración co alumnado do IES Agra I e, que contou nesta edición con tres historias de vida máis: Carlos Ocampo, Mohamed Said Hamdad e MJ Ramos, dos que daremos conta de seguido.

Berta_LV_2020 (4)

“Escoitaron as miñas cavilacións, acollendo as cousas que están vivas agora na miña vida, e tamén depositaron a confianza de compartir algunhas das súas comigo. Sentinme moi privilexiada”

“Tivemos unha conversa onde había pouco espazo para o superficial e bastante para todos nós, cada quen co que quixo e puido traer: palabras, silencios, sorrisos, bágoas, abrazos, miradas. E entre todos fixemos algo que non sei exactamente que é pero que a min deixoume emocionada, alegre e confortada.

O noso punto de conexión foi a experiencia de medrar en familias complexas, navegando cada un como puido pola separación de seus pais, mudanzas de pais, dificultades económicas, as novas parellas que chegan, medio irmáns, padrastos, madrastas e todo este mundo das novas familias.”

Berta_LV_2020 (6)

“Entre todos fomos trazando un mapa dos retos, dos descubrimentos, das alegrías e dos pesares que supuxeron todas estas cuestións e mudanzas nas nosas vidas.”

“Persoalmente descubrín que me fai ben falar sobre esta parte da miña vida con persoas que viviron ou están a vivir experiencias semellantes, que poden escoitarme con aceptación e madurez, que tamén poden responder ás miñas preguntas e que coa súa perspectiva dan novas claves que podo levar ao meu día a día.”

Sin título-horz

Actualmente Berta está volcada no proxecto sermadrastra.com, xunto con Aina, orientado a dar apoio especializado a familias enlazadas.

“Só me ten pesado que as súas intervencións non se puideran recoller por escrito para que nais, pais, madrastas e padrastos poidamos tomar nota, saber ou lembrar como era estar do outro lado e descubrir as inquedanzas e as necesidades que hai detrás de comportamentos que ás veces non entendemos. E que poidamos pararnos a poñer en valor todo o que os nosos mozos e adolescentes aportan para que a familia siga a flote, a veces sostendo posicións insostibles e asumindo moita máis responsabilidade da que lles corresponde por idade.”

CARLOS OCAMPO
CO_LV_2020 (1)

“A primeira vítima da miña intolerancia fun eu mesmo. Así como xulgaba á sociedade, facíao tamén comigo mesmo e, polo tanto, era intolerante cara a miña familia de orixe, cara a miña historia de vida e cara aspectos e partes da miña propia persoa que non aceptaba.”

Pero foron tres libros  máis que o alumnado de 4º da ESO e 1º de BAC do IES Agra I tivo a oportunidade de desfrutar, con Carlos Ocampo, compartiron as vivencias dun terapeuta humanista que na Colombia dos anos setenta e despois de traballar cos indíxenas ao sur do país, nos Llanos Orientais, buscou no marxismo unha ideoloxía que xustificara a súa hostilidade ante as inxustizas sociais, participando activamente nun grupo universitario de apoio ao EPL (Exército Popular de Liberación), nunha célula estudantil que preconizaba a loita armada como a única vía posible para facer a revolución e o cambio social que precisaba Colombia.

“Os meus xuízos respecto da sociedade colombiana na que vivín na miña xuventude, conducíronme a posicións intolerantes que se manifestaron a través de accións violentas en tanto que membro dunha célula guerrilleira. Os meus xuízos ían máis alá do recoñecemento da gran desigualdade social e económica existente no meu país, pois calificaba a un sector da poboación e ao goberno como opresores e explotadores do pobo. Este xuízo alimentou a miña indignación xa latente en min, en razón da miña propia historia familiar, e conduciume a adoitar comportamentos violentos contra o goberno e as clases do poder. En contrapartida, recibín de parte do Estado colombiano a intolerancia á altura que eu amosara cara el. Fun detido, encarcerado, xulgado, condenado e torturado pola xustiza penal militar.”

MOHAMED SAID HAMDAD
Said_LV_2020 (6)

“A día de hoxe arréstante por falar bérber na capital, argumentando que a lingua oficial do país é o árabe”

Said Mohamed estudou na Universidade de Mostaganem Literatura e Civilización, e tamén Deseño na Escola Superior Nacional de Belas Artes en Alxer (ESBA). Con vinte e catro anos quixo darlle sentido á súa vida e participar nun cambio no seu país, na súa rexión e no mundo. Foi nese tempo cando decidiu facer parte como militante de Amnistía Internacional.

En maio de 2018 saiu de Alxeria por un proxecto fotográfico con destino Montenegro, Grecia e Turquía, para tratar de sacar fotografías nalgúns campamentos de refuxiados, e doce días despois falou con seu irmán e díxolle que o taller que tiña en Alxeria fóra rexistrado e que levaran o material que tiña alí.

 “Dalgunha forma é un exemplo do que está a pasar en Alxeria, hai moitos detidos por expresar e dicir a verdade do que acontece, ou ben por militar na oposición. Cando falei con meu irmán lin nas noticias que detiveran a un amigo meu que é caricaturista, outros amigos recibiron convocatorias para presentarse na policía. É evidente que están tratando de controlar ás persoas que procuran dicir o que hai .

En Alxeria todos os venres desde hai oito meses hai manifestacións polo cambio, porque non hai liberdade de expresión, non hai liberdade de crenza relixiosa, se non es musulmán tes que agocharte e segue sen mediatizarse nada. Durante moitas décadas estivo prohibido o uso do bérber entre a poboación, e na capital por exemplo, inda a día de hoxe arréstante por falar bérber argumentando que a lingua oficial é o árabe.”

MJ RAMOS
MJ_LV_2020 (6)

“Tardei moito tempo en darme conta que era bisexual e, ante a falta de referentes, fun pola miña conta experimentando na universidade, probando cousas, lendo moito e falando con amigas e xente coñecida até que dixen, pois é isto”

Pola súa inclinación a entender as Ciencias Sociais MJ cursou Xornalismo e Ciencias Políticas na USC, e foi estudando e facendo o Máster de Investigación de Métodos onde descubriu que o activismo LGTBI era un tema que lle importaba.

“Comecei na asociación (ALAS) hai seis meses e estamos intentando tocar todos os paus; este ano son os Encontros Estatais Lgtb, que imos organizar desde A Coruña; por outra banda estamos a traballar no ano temático (organizado desde a Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Transexuais e Bisexuais) de Mulleres LTBI para impulsar a presenza feminina no activismo e tamén pechamos “Maiores sen Armarios”, para visibilizar á poboación maior que decide reivindicarse”.

Tamén estou moi concienciada coas persoas transexuais porque son o colectivo que está neste momento máis en precario. O meu traballo fin de máster foi sobre dereitos trans e hai unha grande diferenza entre os nenos que nacen agora que teñen pais concienciados e o que pasaba hai dez anos. Empatizo moito neses casos porque non podes ser ti, non te aceptan ao non entender o que es, con todos os problemas que pode supoñer non expresar a túa propia identidade, que é algo moi básico.”

Foron intensos e fermosos os testemuños que o alumnado compartiu con Carlos, Said, MJ e Berta, unha verdadeira oportunidade para traballar a autoestima, fomentar o diálogo e reforzar o vínculo da Biblioteca cos centros de ensino e coas distintas persoas e colectivos.

Grazas a todo o mundo, de corazón.

LV_Berta_Capdevila (2)

“Non quero rematar sen expresar o meu agradecemento a Eva, por darlle valor á miña experiencia, pola súa confianza, por meterme neste “fregao” e por acompañarme a cada paso”

Despedímonos coas palabras quentiñas que Berta nos fixo chegar nesa primeira noite despois da súa experiencia:

“Se algunha das persoas que estivestes  hoxe comigo chegades a ler isto, quero agradecervos unha vez máis a experiencia e a confianza compartidas, que agora levo comigo e recordo con afecto. Atopeime moi a gusto entre vós.

Tamén quero agradecer á Biblioteca Ágora e a todas as persoas que participades no proxecto Libros Vivintes que abrirades esta canle de comunicación e me convidarades a desfrutar del.

Foi unha experiencia única.

“Un gustazo”

Acerca de evavieites

Bibliotecaria. Creo na biblioteca como experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para todas as persoas.

Un comentario en ““Ola, chámome Berta e son unha Libro Vivinte”

  1. Pingback: “Calquera cousa que pensase ou fixese podía demostrar que era tan mala como as madrastas son” | Suma Ágora

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: