Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

“Hai algo peor que a morte, perder a razón de vivir”

Mohamed Said Hamdad naceu hai 32 anos no seo dunha familia modesta e sinxela de Tizi-Ouzou, na rexión bérber de Kabilia, ao norte de Alxeria. Ese 26 de agosto do 1987 prendía a vida deste artista fotógrafo alxerino que participará na próxima edición de Libros Vivintes, e que hoxe celebra con nós este  10 de decembro conmemorando a data na que, en 1948, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración Universal dos Dereitos Humanos .

Con el falamos hoxe na nosa sección Conversas con

A día de hoxe arréstante por falar bérber na capital, argumentando que a lingua oficial do país é o árabe”

Said Mohamed estudou na Universidade de Mostaganem Literatura e Civilización, e tamén Deseño na Escola Superior Nacional de Belas Artes en Alxer (ESBA). As súas inquedanzas polas artes comezaron na adolescencia e remataron confluindo coa súa formación superior na ESBA cursando Deseño e Arquitectura Interior, un camiño que percorreu desde a perspectiva máis esteta dos primeiros tempos á arte comprometida  de autores como Ahmed Asselah .

“Un referente para min na arte é Ahmed Asselah, un artista comprometido, director da Escola de Belas Artes de Alxer na que estudei, que foi asasinado nos noventa polo integrismo islámico”

Pero son moitos os referentes da cultura  alxerina que neste Día Internacional dos Dereitos humanos lembramos por teren sido asasinados no marco desa creación comprometida: o músico e cantante de raï Hasni Chakroun, máis coñecido como Cheb Hasni, asasinado con 26 años no 1994, o dramaturgo Abdelkader Alloula, morto ese mesmo ano, ou o xornalista, escritor e poeta Tahar Djaout, asasinado polo Grupo Islámico Armado no 1993.

De esquerda a dereita, Hasni Chakroun , Abdelkader AlloulaTahar Djaout .

Amnistía Internacional

Con vinte e catro anos quería darlle un sentido á miña vida e participar nun cambio no meu país, na miña rexión, na miña cidade e no mundo. Foi neste tempo cando decidín facer parte como militante de Amnistía Internacional . Empecei o activismo con eles, a facer formacións, participar en charlas e militar na defensa dos dereitos humanos.

Ao mesmo tempo, usaba a pintura e a arte, que era o que eu coñecía, para intentar transmitir o que estaba a pasar en Alxeria e no mundo, a situación do ser humano e dos dereitos das persoas a través dalgunhas obras de arte. Comecei coa pintura, pero un ano despois fixen unha formación de fotografía xornalística con Amnistía Internacional e entrei como fotógrafo da organización en Alxeria. Non abandonei a arte, pero pasei a empregar máis tempo como fotógrafo ao tempo que remataba a miña formación na Escola de Belas Artes en Alxer .

M´hamed Issakhem

“Un referente artístico é M´hamed Issakhem (Kabylie, 1928), un artista pioneiro da pintura moderna en Alxeria. Con 16 anos perdeu tres membros da súa familia e o brazo esquerdo despois de manexar unha granada recollida preto dun campamento militar francés. Graduouse na Sociedade de Belas Artes de Alxeria, e converteuse nun artista consumado en todos os campos das artes visuais, do debuxo e do deseño. O seu estilo Issiakhem , que nos seus primeiros días inspirou o movemento “Aoucham” (tattoo) mediante o uso de tatuaxes bérberes nos retratos femininos, segue sendo recoñecible nos frescos e decoración dos edificios e é omnipresente no ensino das artes visuais e nas obras dun grande número de artistas plásticos alxerinos. “No 2018 Google publicou un doodle en homenaxe a M’hamed Issiakhem”.

Tres destacados artistas da poesía e da música bérber alxerina, de esquerda a dereita, Matoub Lounès, poeta e cantante bérber asasinado no 1998. Taos Amrouche, poeta e excepcional cantante bérber alxerina, na imaxe o disco Chants berbères de la meule et du berceau (1975) e Idir, nome artístico do cantautor Hamid Cheriet , un dos máximos expoñentes do folk  , ⴰⵎⴰⵣⵉⵖ, amazigh .

En maio de 2018 saín de Alxeria por un proxecto fotográfico con destino Montenegro, Grecia e Turquía, para tratar de sacar fotografías nalgúns campamentos de refuxiados, e doce días despois falei con meu irmán e díxome que o taller que tiña en Alxeria fóra rexistrado e que levaran o material que tiña alí. Dalgunha forma é un exemplo do que está a pasar en Alxeria, hai moitos detidos por expresar e dicir a verdade do que acontece, ou ben por militar na oposición. Cando falei con meu irmán lin nas noticias que detiveran a un amigo meu que é caricaturista, outros amigos recibiron convocatorias para presentarse na policía. É evidente que están tratando de controlar ás persoas que procuran dicir o que hai .

Na imaxe, de esquerda a dereita, Si Mohan Oumhand (1905), poeta bérber da Kabilia denominado o “Verlaine cabilo” por eruditos franceses. Salah Sadaoui, cantante alxerino, un dos primeiros membros da Academia Bérber en 1966, en portada o disco Le voyage de Si Mohand à Tunis. Mouloud Feraoun, escritor e profesor alxerino , asasinado polas OAS no 1962 (Organización terrorista francesa de extrema dereita).

O BÉRBER

Os bérberes somos un pobo que temos orixe no norte de África, temos un idioma propio, o tifinagh, cun dos alfabetos máis antigos do mundo, e tamén a nosa propia bandeira. É certo que coa chegada do Islam moita xente aceptou converterse, e ese é o punto de inicio que transformou o norte de África nunha rexión de fala árabe, pero non somos árabes .

De feito, na miña rexión hai cristiáns, xudeus e igrexas doutras crenzas porque a cultura bérber é máis tolerante con outras relixións. E, inda que hoxe a maioría dos bérberes son musulmáns, non están influídos nin na indumentaria [os bérberes teñen a súa propia vestimenta, avernous para os homes e taksiwt para as mulleres ] nin no pensamento polo integrismo máis radical, onde para ser un bo musulmán tes que adoitar a norma e a estética relixiosa de maneira estrita.

De esquerda a dereita, Mouloud Mammeri, escritor alxerino, antropólogo e lingüista, permaneceu exiliado en Marrocos e uniuse a Alxeria ao día seguinte da independencia. De 1968 a 1972, deu clases de bérber na universidade como parte da sección de etnoloxía, sendo abolido o púlpito bérber en 1962. En 1982, fundou en París o Centro de estudios e investigación amazigh ( CERAM ) e a revista Awal (The Speech), animando tamén un seminario sobre lengua e literatura amazigas en forma de conferencias complementarias dentro da escola. O tifinagh é o alfabeto que se utiliza para transcribir varias linguas bérberes. O seu uso está documentado desde o século III a. C. até o século III d. C. en todo o norte de África e nas illas Canarias. A bandeira bérber ten varias cores: amarelo, azul, verde e vermello. O amarelo representa o deserto, o azul o Mediterráneo e o verde representa a riqueza do norte de África. A letra Z que está no centro da bandeira en vermello simboliza o sangue da xente que loitou pola liberdade do norte de África desde tempos antigos até a actualidade.

En Alxeria todos os venres desde hai oito meses hai manifestacións polo cambio, porque non hai liberdade de expresión, non hai liberdade de crenza relixiosa, se non es musulmán tes que agocharte e segue sen mediatizarse nada. Durante moitas décadas estivo prohibido o uso do bérber entre a poboación, e na capital por exemplo, inda a día de hoxe arréstante por falar bérber argumentando que a lingua oficial é o árabe.

Resultado das manifestaciones que viñan producíndose na primavera árabe desde 2001 e que tiñan a súa orixe nas de 1988, os bérberes saímos a reivindicar a nosa identidade, a nosa lingua, a nosa cultura e a nosa terra, en definitiva, a liberdade de vivir normal. Nesas manifestacións morreron 160 persoas e foi a partires de aí cando no 2011 comezaron a permitir que as familias escollesen nas escolas a posibilidade de estudar bérber nas primeiras idades.

A situación é moi complicada, o plan do goberno é que non se poida introducir nas institucións, na administración só podes facer xestións en árabe, estás obrigado a falar coa policía en árabe e a falsificación da identidade durante máis de sesenta anos tivo os seus efectos na sociedade.

Nese contexto, hai unha frase que me gusta moito, “hai algo peor que morte, perder a razón de vivir ”, eu sei dos problemas que ten Alxeria, pero aí teño a árbore de onde veño, é o meu país, a miña xente, a miña vida e a miña familia, quero asumir o risco .

SAID RECOMENDA
¿QUÉ É PARA TI UNHA BIBLIOTECA? Para min é un punto de encontro, un espazo no que poder sentar e ler un libro ou participar en diferentes actividades. Unha biblioteca é un tesouro .

UN LIBRO

A maior parte do que leo son ensaios de psicoloxía, de feito, o libro que máis me impactou foi “ O poder do presente ” de Eckhart Tolle. É un escritor e psicólogo alemán que fala de como poder levar unha vida cunha visión máis positiva do que está a acontecer, para poder ter todo o tempo ganas de avanzar e de amañar as cousas inda que haxa momentos de negativismo. Un libro que axuda moito a cambiar o noso xeito de ver o mundo.

NA REDE

Hai unha moza de Granada que se chama Patricia Jiménez , coach e psicóloga, que ten conferencias que están moi ben. Tamén vexo moito a David Laroche , un entrenador de pensamento positivo francés.

FILMES

Hai un paradoxo en min, e é que sendo unha persoa de paz, gústanme os filmes históricos e de guerra, porque creo que o obxectivo do filme é ben diferente ao de promover unha guerra. O mellor para min “ O último samurai ”, tamén me gustou en español “ Palmeras en la Nieve ”.

MÚSICA

Gústame un pouco de todo, toco a guitarra clásica e gústame moito o flamenco, xa antes de coñecer España. O flamenco non é España, pero do exterior temos esta imaxe e, unha vez vives aquí, entendes que é outro mundo.

COMIDA

Cous-cous , comida bérber.

UN SOÑO

Iso é todo un capítulo, o meu soño é que despois de min a xente teña un legado, inda que non sexa físico, pero deixar actos que a xente recorde en positivo. Deixar pegadas positivas.

UN LUGAR 

 A casa da miña familia onde nacín e medrei.

Cunha canción popular bérber da Kabilia alxerina A Vava Inouva do cantautor Idir deixámosvos neste día da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

Até sempre Said:

“A guerra de Alxeria remata. Paz aos que morreron . Paz aos que sobrevivirán. Cese o terror. ¡Viva a liberdade !”

Mouloud Feraoun

Acerca de evavieites

Bibliotecaria. Creo na biblioteca como experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para todas as persoas.

Un comentario en ““Hai algo peor que a morte, perder a razón de vivir”

  1. Pingback: “Ola, chámome Berta e son unha Libro Vivinte” | Suma Ágora

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: