Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

“A loita antirracista atravesa a todas as persoas que estamos deste lado ou do outro lado do mundo”

Jeane Sodre Costa naceu hai 38 anos no estado brasileiro de Minas Gerais, educadora afectivo sexualfeminista comprometida é unha das persoas que constitúen o colectivo Afrogalegas, creado hai ano e medio para canalizar as inquedanzas dun grupo de mulleres negras na súa posta en valor da identidade afrodescendente.

"Son de aquí porque vivo aquí, pero a mirada das outras persoas é que te sinala que non o es"

“Aquí daste conta que es negra, descóbrelo porque a xente sinala a túa diferenza. Eu son de aquí porque vivo aquí, nacín alá e síntome tamén de alá, pero son de aquí. A mirada das outras persoas é a que sinala que non o es”

Este 21 de marzo comparte con nós a sección Conversas con…co gallo da celebración do Día Internacional da Eliminación da Discriminación Racial logo de ter participado no programa Libros Vivintes, achegando as súas experiencias ao alumnado do IES Agra I.

Jeane co alumnado do IES Agra I na Biblioteca Ágora. “Revolución, felicidade, igualdade, liberdade, libres de amores…” parte dos contidos dalgunhas mensaxes compartidas con motivo do 8M.

“Gostei moito de participar no programa Libros Vivintes, creo que é unha maneira bonita de achegar a realidade a outras persoas coas que tal vez non teñas moito contacto e que une tamén ese espazo de comuñón que falamos da sociedade, da falta de coidado. Creo que Libros Vivintes é un xeito de coidar, de coñecer a historia, ao coñecermos a historia da persoa eliminamos medos, discriminacións, chegamos desde un espazo bonito á realidade da outra persoa, agradecer, simplemente agradecer”

RACIALIZADA E FEMINISTA

  • Fálase moito das lentes violetas, das lentes lilas, e creo que o feminismo é iso, a outra visión das violencias xerais ante as que non podes quedar indiferente. Hai un vídeo marabilloso no youtube relacionado coa toma de conciencia que recomendo encarecidamente: “Como o feminismo mudou a miña vida”, porque cando tomas conciencia das diferencias, das desigualdades e da discriminación, xa non podes permanecer cega. O feminismo deume esas lentes violetas para ver as violencias, as desigualdades nos dereitos, o medo implícito de andar na rúa ao ser unha muller pola noite, as diferentes formas de relacionarme co meu corpo, coa miña sexualidade, coas miñas orixes tamén, todo iso creo que conforma o ser feminista reivindicativo. Tamén entendo o feminismo como espazo de loita, de reflexión, de ideoloxía, de comportamento, como espazo liberador de relacións tóxicas, porque aporta visión de como vincularnos desde o amor e o bo trato.
Imaxe do cartaz co que se deron a coñecer Afrogalegas tras a pegada polas rúas da Coruña

Imaxe do cartaz co que se deron a coñecer Afrogalegas tras a pegada polas rúas da Coruña

  • Creo que o feminismo aborda todo isto desde unha perspectiva inclusiva, para todos e para todas, por iso eu avogo polo feminismo como un espazo vital necesario que inclúe a todas as persoas, para min é un espazo de empoderamento moi grande.

Ecofeminismo

  • Ademais a vida deume o regalo de vivir nunha cidade que ten bastante verde e que está bañada polo mar. A conciencia ecofeminista, que tamén está presente en min, parte de ver claramente a diminución progresiva dos recursos, de vivir nun país que ten capacidade para poder reciclar pero que moita xente non o fai, de entender a natureza como espazo de reciclaxe das emocións, de entender os nosos espazos como lugares de poder, que non son só lugares onde habitamos, e de percibir que o coidado do corpo pasa tamén por un coidado do espazo. Por exemplo, unha cousa tan básica e sinxela como é o uso da copa menstrual fronte ás compresas, marca unha diferenza para a saúde tanto propia como do medioambiente, e creo que do pequeniño e persoal pódese ir facendo diferentes mudanzas cara o xeral.
AFROGALEGAS, DA CUESTIÓN RACIAL

Xustamente estaba falando recentemente con meu pai na procura de comprender as orixes da miña familia.

Brasil é un país onde ninguén ten cara de brasileiro, alí podes atopar persoas de todas as razas e cores e pese a que máis do 40% da poboación ten raíces negras, é un país moi racista. Está moi presente o pensamento escravista de que as persoas negras non teñen alma e que valen menos, que non son suficientemente boas para vivir nunha sociedade branca.

Como muller racializada e de raíces afrodescendentes daste conta que es negra, descóbrelo porque a xente sinala a túa diferenza. Eu son de aquí porque vivo aquí, nacín alá e síntome tamén de alá, pero son de aquí. A mirada das outras persoas é a que sinala que non o es.

A mirada despois de pasar por este proceso é que tentas disimular de onde ves para incorporarte á sociedade na que estás, pero vexo raíces negras nun movemento bastante grande de mulleres e homes antirracistas que xa son nacidos aquí con diferentes orixes africanas: congoleñas, guineanas, etc, que están a reafirmarse ao atoparse coas súas orixes, recoñecelas, abrazalas, e que  pasa tamén por mudar o concepto de onde estás e por unha cuestión estética moi forte.

En Galiza temos un grupo que se chama Afrogalegas no que estamos traballando primeiro todas as cuestións con nós mesmas, porque somos conscientes cando nos reunimos que hai feridas moi fondas dos danos que lle fixemos ao noso corpo, da soidade de estar nun país que non é o noso, da saudade das persoas, da familia, da comida, do clima, de construír un espazo propio noutro país, de construír tamén unha autoestima positiva para cando che din que non es de aquí dicir: “eu son de onde quero e de onde vivo” e saír do paso.

Mulleres negras que cambiaron o mundo. Proxecto que busca dar visibilidade a mulleres negras e afrodescendentes que racharon estereotipos de raza e xénero e fixeron historia

Creo que todo isto está relacionado e fai parte da existencia da muller negra noutro espazo, da descuberta de realidades completamente diferentes que non se ven, por exemplo, en afrogalegas temos historiadoras da arte, arquitectas, xornalistas, non soamente mulleres que se dedican ao traballo doméstico, que tamén é un estereotipo bastante grande referente a nós.

Estamos a traballar nun discurso común, con reunións de contacto entre nós, de diálogo sobre quen somos tamén a nivel estético para evitar seguir estereotipos brancos, recoñecendo entre nós mesmas a beleza dun pelo rizado ou unha cor máis morena.

Escolma de cinco mulleres importantes na vida de Jeane

FRANCIS

A primeira delas sería miña avoa Francis, unha muller practicamente analfabeta que comezou a traballar como telefonista no Concello de Río, cando inda se facían as conexións con cable. Foi unha muller que con 19 anos quedou soa cun bebé (meu pai) ao ser abandonada por meu avó. Din que os toureiros están feitos doutra pasta, pero non a coñecían a ela, ela si que estaba feita doutra pasta. Unha muller moi, moi, moi batalladora. Ensinóume o que era a forza, o ánimo, con sesenta anos comezou aprender a ler. Ela ensinoume que non hai idade para aprender, que o saber non ocupa espazo.

 BETTY DODSON

Unha segunda é a sexóloga de Nova York, Betty Dodson, que fai talleres de masturbación e ten un libro moi bo que se chama Sexo para unha, que fala sobre a recuperación do corpo pracenteiro, con técnicas diferentes de conexión do pracer. Foi a primeira en facer unha metodoloxía arriscada de masturbación colectiva con mulleres, nas que cada unha tiña o seu espazo para o autocoñecemento. Paréceme unha figura importante para os anos 70: lesbiana, feminista, e que até hoxe segue a facer obradoiros de sexualidade cunha visión interesante do corpo e coa consulta chea como especialista.

 ADRIANA CALCANHOTTO

Nas artes gústame moito Adriana Calcanhotto, unha cantante brasileira que consegue conectar coa música e facer cousas fermosas, por exemplo cunha caixa de mistos, ou que con só unha rede no escenario e balanceándose coa súa viola consegue que todas nos poñamos a chorar, é moi emocionante a forma na que expresa a música, tanto no seu corpo como a través dela mesma.

LITA CABELLUT
O estilo das súas pinceladas lembran a Lucien Freud e Francis Bacon, dous dos seus autores favoritos e fonte de inspiración. A propia Lita afirma que “as pinceladas neuróticas de Freud representan o lado máis esquecido da sociedade, co que empatiza especialmente”

O estilo das súas pinceladas lembran a Lucien Freud e Francis Bacon, dous dos seus autores favoritos e fonte de inspiración. A propia Lita afirma que “as pinceladas neuróticas de Freud representan o lado máis esquecido da sociedade, co que empatiza especialmente”

Outra muller que me parece moi interesante nas artes é Lita Cabellut, unha artista de etnia xitana moi polifacética: pintora, escultora e cunha historia de vida bastante conflitiva. Ten unhas obras de impacto emocional inmenso, son moi grandes os seus cadros, nos seus murais capta a mirada, ten esta capacidade das miradas, das texturas, dos materiais que utiliza. A diversidade do seu traballo, a forma de creación e a mirada profunda, fan que o seu traballo me resulte fermoso. Utiliza moito material reciclado e dálle unha volta ás texturas, é completamente diferente do que ves. Rompe esquemas, rompe moldes.

ANGELA DAVIS

Non podemos asumir que o racismo é sobre todo un problema para aqueles que o padecen. O racismo distorsiona e corrompe institucións e mentes, crea unha asunción de superioridade e produce o privilexio branco [...] Dicir que as vidas negras importan é proclamar que en efecto todas as vidas importan.

“Non podemos asumir que o racismo é sobre todo un problema para aqueles que o padecen. O racismo distorsiona e corrompe institucións e mentes, crea unha asunción de superioridade e produce o privilexio branco […] Dicir que as vidas negras importan é proclamar que, en efecto, todas as vidas importan

Angela Davis, pola súa historia persoal, por seguir no activismo, polo discurso, por ser muller negra, por ser un referente, por como conta e conecta coas diferentes persoas, polo discurso antirracista que é a súa bandeira, e que é un discurso universal, porque a loita antirracista atravesa a todas as persoas que estamos deste lado ou do outro lado do mundo. Agora no Brasil encantoume atopar o movemento de mulleres afrodescendentes que están reivindicando a súa identidade, cando eu vivía alí non había peluquerías de pelo rizado, agora xa hai peluquerías especializadas, creo que é froito de loita de mulleres coma ela, que estiveron encarceradas, que seguen facendo un traballo enorme como Mandela, e escoitamos tanto de Mandela e dela tan pouquiño, para min é un referente.

RECOMENDACIÓNS

UN FILME: hai un filme con Fernanda Montenegro que me gusta moito,  Central do Brasil, conta a historia do desarraigo, do abandono, do drama brasileiro que é moi profundo se queremos coñecer un pouco a realidade do Brasil. A conexión dela co personaxe principal paréceme marabilloso, é un clásico alá.

UN SOÑO: que a educación afectivo sexual sexa asignatura constante nas escolas, e que non conte para as notas, por parecerme un sistema obsoleto e discriminatorio, o importante é que conte para a vida.

UNHA CANCIÓN: a miña canción preferida é Esquadros de Adriana Calcanhotto.

UN LUGAR: a praia de Nemiña en Fisterra, porque foi a primeira praia que coñecín aquí. Cando cheguei e fun coñecela lémbrome que os surfistas quitaban as placas do camiño para que a xente non puidera ir, e cada vez que vou pérdome, porque non ten indicacións. Paréceme un lugar máxico e ocorréronme cousas moi bonitas nesa praia.

UN LIBRO: O libro de Adichie, Chimamanda Ngozi  “Todos deberíamos ser feministas”, gústame como escribe e a mensaxe é cercana.

UNHA COMIDA: a feixoada, porque une todo o que me gusta: alubias, arroz, berza, logo un pouco de froita e se despois vai acompañada dunha caipiriña, xa son feliz.

Deixámovos con Adriana Calcanhoto e Esquadros, grazas Jeane por achegarnos feminismo e raíces negras na procura da eliminación da discriminación racial. Un pracer contar contigo, sempre! Até a próxima!

 

 

Acerca de evavieites

Bibliotecaria. Creo na biblioteca como unha experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para todas as persoas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: