Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

“Libros Vivintes é un xeito de coidar”

A educadora afectivo-sexual Jeane Costa nun dos momentos compartidos co alumnado do IES Agra I

Unha vez máis tivemos oportunidade de seguir facendo comunidade a través da nosa Biblioteca Vivinte, recoñecendo o valor do diálogo entre as persoas e vinculándonos desde o coidado e a descuberta do outro.

Subscribimos o que Jeane Costa, un dos nosos libros desta edición, destacaba como valor da participación na proposta:

“Gostei moito de participar no programa Libros Vivintes, creo que é unha maneira bonita de achegar a realidade a outras persoas coas que tal vez non teñas moito contacto e que une tamén ese espazo de comuñón que falamos da sociedade, da falta de coidado. Creo que Libros Vivintes é un xeito de coidar, de coñecer a historia e, ao coñecermos a historia da persoa eliminamos medos, discriminacións, chegamos desde un espazo bonito á realidade da outra persoa, agradecer, simplemente agradecer

O alumnado de 4º da ESO do IES Agra I descubriu catro historias de vida ben interesantes que agora condensamos para compartir con todas vós.

Christina Moreira

A sacerdote e tradutora, Christina Moreira iniciou a actividade cunha meditación onde visualizamos a porta que nos abría aos desexos propios 

Christina Moreira Vázquez naceu hai 54 anos en París, no seo dunha familia galega emigrada nos anos sesenta do pasado século á capital francesa. Con ela vivimos os tropezos e viravoltas para manterse na súa vocación do ministerio sacerdotal, o punto de inflexión cando no 2010 o Papa Bieito XVI promulgou un decreto de delitos gravísimos que equiparaba en gravidade e en sanción a pederastia coa ordenación dunha muller, así como o seu fundamentado feminismo e a utilización patriarcal da tradición católica.

Coa presenza do alumnado e da súa filla Myriam, lembrou fitos destacados na súa traxectoria, como a ordenación como diácono na Coruña por unha bispa canadense na comunidade cristiá Home Novo ou a súa ordenación como sacerdote en Florida en marzo do 2015.

“O día que a Igrexa dea o paso de recoñecer a nosa igualdade, se axeonlle e pida perdón, igual comezará a haber máis homes que tamén pidan perdón por bater nunha muller, que non é un ser inferior, non é unha ferramenta de produción, non é unha galiña que dá ovos, pero así é como nos tratan os homes moitas veces”

Xosé Duncan

Xosé Duncan compartiu a súa faceta de escritor a través da obra Negruña co alumnado do IES Agra I

#Eu son do barrio

Xosé Ramón Suárez Ordóñez, naceu en Chorente (Taragoña, Rianxo) o 7 de marzo de 1970, escritor coñecido tamén co nome de Xosé Duncan foi outro dos Libros Vivintes que participou na nosa derradeira edición da Biblioteca Humana.

A achega ao mundo da escrita, Negruña como plasmación das dúas Coruñas (centro-barrios), os puntos de inflexión ao longo da súa traxectoria, a vivencia da escrita como liberación, así como as dificultades no sector relacionado coas canles de distribución dos textos, ou a realidade das editoras á hora de poñer os libros en circulación foron algunhas das temáticas abordadas na actividade.

“Atopo beleza nas cousas máis pequenas, na fotografía, nun paseo en moto, saíndo aos espazos abertos. Non podes facer depender de acontecementos ou de días especiais a túa felicidade, porque senón entrarías nunha espiral de insatisfacción moi grande. Cada día tes que intentar atopar algo, sobre todo porque despois de que nos vaiamos non vas ter nada, así é que tes que procurar eses pequenos instantes, que son segundos ás veces”

Samuel Solleiro

O escritor, músico e tradutor Samuel Solleiro falou de series, música, filmes e lecturas, unha experiencia

Samuel Solleiro naceu en Tui no 1982, escritor, músico e tradutor licenciouse en Antropoloxía e Filoloxía Hispánica. Guitarrista e baixista do grupo musical Ataque Escampe, foi socio fundador da desaparecida Estaleiro editora. Actualmente dedícase profesionalmente á tradución e xunto ao alumnado do IES Agra I achegounos ás diferentes realidades das súas estadías laborais como profesor de español en Sainte-Anne (Guadalupe, Antillas francesas) e Le Mans (Francia).

Con el descubrimos o universo da tradución, tocamos o prolífico mundo das series e aventurámonos na procura do que nos fai vibrar nunha lectura, para Samuel “calquera libro ten que ter paixón, entusiasmo, é un concepto básico. Non hai regras formais para detectalo, pero dalgunha maneira cando les un texto completo é o que notas, a paixón”.

“A música para min é un xeito de comunicarme co mundo de maneira colectiva. Ataque Escampe é un grupo onde hai creación colectiva, todo o mundo asina todo, todo o mundo fai todo. O proceso de traballo implica moita negociación e moito conflito no bo sentido, iso apórtache unha visión máis realista das cousas”

Un dos momentos máis especiais foi cando Samuel cedeu ao alumnado a posibilidade de descubrir a portada do vinilo do seu traballo “Primeiros Bicos” en Ataque Escampe, todos participaron dalgún xeito e mesmo para algúns era a primeira vez que tiñan un vinilo nas mans.

Pablo rasca para descubrir a portada de Primeiros Bicos de Ataque Escampe na sesión. Donativo de Estaleiro Editora que nos fixo chegar á Biblioteca Samuel. Houbo quen acariñou por vez primeira un vinilo, impresión!

E non podemos esquecer o donativo de Estaleiro Editora que o noso libro vivinte fixo á Rede Municipal de Bibliotecas da Coruña incluíndo até dezaseis títulos que non tiñamos nas nosas baldas, grazas!


Jeane Costa

Jeane Costa permitíunos tocar o Brasil a través da súa historia de vida, falou de sexualidade, de respecto e do coidado, entre outras cousas

Jeane Sodre Costa naceu hai 38 anos no estado brasileiro de Minas Gerais, educadora afectivo sexualfeminista comprometida é unha das persoas que constitúen o colectivo Afrogalegas e compartiu con nós unha sesión cargada de contidos feministas nestas datas tan próximas á celebración do #8M.

A través da achega de cinco mulleres importantes na súa vida, Jeane permitiunos coñecer algunhas cuestións persoais e familiares da súa vida no Brasil coa avoa Francis como protagonista, pero tamén unha primeira toma de contacto coa sexóloga Betty Dodson, coa cantante Adriana Calcanhotto, coa artista plástica Lita Cabellut e coa activista afroamericana antirracista e feminista Angela Davis.

Desde unha libraría de Sao Paulo, Jeane tróuxonos o poemario “Nenhum Misterio de Paulo Henriques Britto, grazas!!! Compartindo algunhas mensaxes e desexos na sesión de cara ao #8M, con Aaroa

Un clítoris plástico que o alumnado puido manipular, a posta en común de dúbidas e reflexións sobre sexo e sexualidade, así como a transversalidade no discurso desde as lentes violetas do feminismo, afianzou a reflexión compartida polo alumnado á hora de entender o feminismo como espazo de loita, de reflexión, de ideoloxía, de comportamento, como espazo liberador de relacións tóxicas, aportando unha visión de vincularnos desde o amor e o bo trato.

 “Con respecto á sexoloxía considero que a educación afectivo sexual é unha tarefa pendente na sociedade, entendendo a sexualidade como unha dimensión sociolóxica, biolóxica e psicolóxica que está presente toda a nosa vida, diferenciando entre sexualidade e sexo, que son cousas completamente distintas”

Para poñer remate a este breve resumo do vivido, o noso máis profundo agradecemento a todas as persoas que participaron dalgún xeito na proposta, a todos os libros vivintes: Christina, Duncan, Samuel, Jeane, ao alumnado e profesorado do Agra I, e aos compañeiras e compañeiros da Biblioteca.

Como non podía ser doutro xeito, deixámosvos coa música de Ataque Escampe. Un pracer, até sempre!

https://ataqueescampe.bandcamp.com/album/primeiros-bicos

 

Acerca de evavieites

Bibliotecaria. Creo na biblioteca como unha experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para todas as persoas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: