Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

O Istituto Benedetti Tommaseo participa con Alice Piccardi en Libros Vivintes

Alice Piccardi naceu na provincia de Como hai 38 anos, estudou xornalismo en Bolonia e a través do programa Erasmus iniciou o seu vínculo con Galiza, que rematou cun proxecto fin de carreira arredor do Nunca Máis como movemento social despois do desastre do Prestige . Na actualidade afincada en Caión e comprometida co galego, compartiu co alumnado do Istituto Benedetti Tommaseo unha xornada de Libros Vivintes dentro da programación Eloxio da Diversidade, que se desenvolveu recentemente en colaboración co centro de estudos veneciano e a Biblioteca Ágora.

Desde Italia coa imaxe que chega de Cataluña e Euskadi pensamos que neses territorios fálase o idioma de alí, que era tamén o que pensaba eu ao principio. Cando lles expliquei a meus pais que en realidade en Galiza falábase máis español que galego, sorprendéronse por exemplo de que non houbera prensa diaria en galego. Crían que de haber dúas linguas a minoritaria sería a de fóra, non a propia. É complicado entender cando vés dun entorno monolingüe que o bilingüismo sexan dous bloques separados, dúas linguas ao mesmo tempo en tensión polas dificultades de equilibrio. Pensas que todo o mundo fala as dúas cousas, pero non sabes as porcentaxes nin de que forma”    Alice Piccardi

A proposta Eloxio da Diversidade nacía xa que logo, coa pretensión de que os mozos e mozas venecianos elaborasen un mapa das institucións, asociacións e entidades que na cidade da Coruña estaban a traballar a prol da diversidade lingüística. Que medidas de apoio ao galego como lingua propia había na cidade? Como se está a traballar pola corrección ou eliminación das desigualdades ao respecto da lingua do país? Cal é a percepción desde fóra do que acontece coa lingua?

Matilde, Irene, Alessandra e Mia, foron o grupo que traballou arredor da área social. A Mesa pola Normalización ou a Asociación Alexandre Bóveda estaban entre os contidos abordados por este grupo de mozas.

Para achegarse a estas cuestións ao longo de varios días, o alumnado iniciou a súa toma de contacto coa realidade a través da testemuña de Alice en Libros Vivintes, unha xornalista italiana que bosquexou de maneira amena as dificultades para poder vivir en galego coa súa familia, debuxando unha estampa de país na que lembraba a necesidade de poñer en valor o propio.

Cheguei á conclusión de que aquí non podes vivir totalmente en galego, non podes pensar vivir unicamente en galego, pero desafortunadamente o contrario si é posible e non pasa nada. Eu non quero ser pesimista, pero os meus nenos falan galego e estou segura que serán das últimas xeracións que teñan ao idioma propio como lingua nai ”  Alice Piccardi

Despois de falar polo miúdo con Ali e compartir dúbidas e moitas ideas erradas do que acontecía co galego na sociedade,  facíase preciso identificar o punto de partida que como Biblioteca nos definía nun barrio onde o multiculturalismo e multilingüismo eran base para calquera acción. Foi a través dun roteiro polo mesmo que descubrimos esta realidade diversa visitando a ONG Viraventos ou a Escola de boxeo Azteca Box, pero tamén a dramática situación do galego nas escolas da contorna. Con Belén Martín Trillo, profesora do CEIP María Barbeito asistimos á agónica situación do idioma nos centros de ensino, onde os datos que nos trasladou foron unha punxente voz de alarma para o que está acontecendo co galego na infancia.

De máis de setecentos nenos e nenas que hai matriculados no CEIP María Barbeito, só cinco falan habitualmente en galego. Antón é un caso deses, de todas as aulas que comparten pasillo coa súa, el é o único que o fala a cotío.         Belén Martín Trillo

Angela Cerchiai compartiu co alcalde Xulio Ferreiro a importancia de descubrir a realidade do que acontece co galego en primeira persoa. A experiencia con Iván Méndez e Xulia Rigueiro, técnicos de normalización do Concello, enriqueceu a visión das políticas de normalización desde o goberno municipal.

Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña, amosa un libro de Ksado co que agasallou ao alumnado veneciano. Á súa esquerda, César Morán (docente do Agra I), á dereita Norma López (docente do Benedetti Tommaseo) e Cristina Ameijeiras, directora da Biblioteca Ágora. Diante da estatua de Curros Enríquez, Giulia Tudino lee un texto en italiano preparado polo escritor Xosé Luís Axeitos ao inicio do roteiro literario.

Continuando co mapa de institucións da cidade e cun ritmo de visitas ben elevado para recoñecer a situación do idioma na Coruña a través do apoio ao mesmo desde diferentes áreas, recibiunos na Deputación da Coruña a súa vicepresidenta, Goretti Sanmartín, que como responsable de normalización lingüística do goberno da rexión foi quen de achegar as políticas que se están a desenvolver neste área de traballo con obxectivos e accións concretas nos últimos anos.

Nos xardíns Méndez Núñez e a carón da estatua de Asorey dedicada a Curros Enríquez,  partiu un roteiro literario galego- italiano que o escritor Xosé Luís Axeitos guiou para todo o alumnado italiano e bacharel do IES Agra I. Momentos antes tiveramos a oportunidade de ser recibidos nunha recepción en alcaldía por Xulio Ferreiro e pola equipa de normalización lingüística do Concello, reforzando o coñecemento da liña de apoio ao galego coa que, segundo nos trasladaron desde o goberno municipal, teñen un notable compromiso.

Na sede da Asociación Alexandre Bóveda cun dos seus membros: Xurxo Couto, con Celia Armas da Mesa pola Normalización e con Ramiro Torres, da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG)

Para unha nova xornada de actividade lingüística mergullámonos nunha das asociacións con máis vida na defensa, apoio e promoción da lingua galega na cidade da Coruña. Desde hai corenta anos a Alexandre Bóveda representa un espazo de acollida para o idioma e foi tamén lugar escollido para a mesa redonda na que participaron a Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) e a propia ACAB. Celia Armas, Ramiro Torres e Xurxo Couto convidaron a facer reflexións ben interesantes desde cada unha das súas áreas de traballo e clarificaron moitas das ideas que precisan virar na súa percepción para comprender o que acontece no país.

A libraría Suevia como punto de encontro da cultura galega, portuguesa e brasileira, abriu o universo da lusofonia cultural e lingüística ao alumnado italiano grazas a Mitas Valencia. E con Jacobo García Caridade poñiamos remate na sede da Real Academia Galega ao coñecemento dunha institución que recolle nos seus estatutos o obxectivo fundamental do estudo da cultura galega e especialmente da ilustración, defensa e promoción do idioma galego.

Á esquerda, Mitas Valencia agasalla lecturas en lingua galega ao alumnado do Istituto Benedetti Tommaseo na Libraría Suevia. A dereita, foto de grupo na Biblioteca Ágora con Nuria Martínez e eu mesma,  despois da intensidade dos días compartidos.

Se o noso obxectivo era que os mozos e mozas venecianos puideran construír unha realidade de contraste ao respecto do que acontece co galego no país partindo da elaboración dun mapa de institucións na cidade da Coruña, podemos concluír como lembraba Angela Cerchiai que, “o máis importante e enriquecedor desta experiencia foi valorar por min mesma o que acontece en primeira persoa, sen filtros.”

Eloxio da diversidade nacía  vinculado á celebración das Letras Galegas 2018 e cunha clara vontade de poñer en valor o galego, de facelo visible a un colectivo externo redescubrindo unha realidade opaca desde fóra, e amosar a delicada situación pola que atravesamos desde unha óptica positiva de enxalzar a pluralidade, a variedade e a diferenza. Esperamos ter bosquexado ese universo.

Agradecementos: Ana Louzán (ONG Viraventos), Luís Suárez (Azteca Box), Belén Trillo (CEIP María Barbeito), Alice Piccardi, Javier Martín (Teatro Colón), Goretti Sanmartín (Deputación da Coruña), Xulio Ferreiro (Concello A Coruña), Iván Méndez e Xulia Rigueiro (Normalización Concello), Xosé Luís Axeitos (AELG), Xurxo Couto (ACAB), Celia Armas (A Mesa pola Normalización), Ramiro Torres (AELG), Mitas Valencia (Libraría Suevia), Jacobo García Caridade (RAG), Begoña Torreiro e César Morán (IES Agra I), Norma López (Istituto Benedetti Tommaseo), e por suposto, a todo o equipo da Biblioteca Ágora e a Matilde, Mia, Gaia, Giulia, Ionela, Teresa, Irene, Orso, Angela, Emma, Beatrice, Francesca, Marco e Alessandra.

 

 

Acerca de evavieites

Bibliotecaria. Creo na biblioteca como unha experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para todas as persoas.

Un comentario en “O Istituto Benedetti Tommaseo participa con Alice Piccardi en Libros Vivintes

  1. Pingback: Eloxio da diversidade III. Intercambio Venecia. | Biblioagra

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: