Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

O amor invade a Sexta Edición de Libros Vivintes

Libros Vivintes: Piero Piga

Anunciabamos recentemente a edición coa maior participación de descubertas humanas da nosa Biblioteca Vivinte e, como non podía ser doutro xeito nun proxecto onde as persoas son o primeiro, foi o amor quen protagonizou os encontros das catro historias de vida que compartimos ao longo de tres semanas co alumnado do Agra I e do Rafael Dieste.  Lembraredes que coa creatividade e a música de Bea Lema e Belem Tajes abrimos o noso percorrido de experiencias, con elas dabamos o primeiro paso para continuar acariñando semanas despois as vivencias de Raquel, Tono, Piero e Marta , que agora pasamos a contarvos.

Raquel Santamaría
“Gústame moito a antropoloxía do ser humano, a psicoloxía do comportamento. Gústame a xente, os nenos, os adolescentes, a xente maior, gústanme as persoas porque todo o mundo ten moito que aportar e aprendo continuamente dos demais”

Libros Vivintes: Raquel Santamaría

Coa voluntaria navarra Raquel Santamaría viaxamos desde a aldea de Nóutigos (Carnota) até Puerto Maldonado no Perú, involucrámonos cunha muller de vida intensa que compartiu coas misioneiras da Caridade Teresa de Calcuta a experiencia de convivir coas mozas terminais de sida na capital madrileña e abrimos o debate sobre a cooperación, a axuda ao desenvolvemento, o voluntariado (ambiental, comunitario, cultural, deportivo, educativo, internacional) e as bases dunha cidadanía comprometida.

Con Raquel sentimos a aterraxe complexa e emocionalmente profunda dun dos fogares de infancia da rexión Madre de Dios, das violentas condicións de vida ás que están sometidas nenas e nenos neste departamento da amazonía, e moitos dos valores que fan da dureza da experiencia unha aprendizaxe positiva: xustiza, solidariedade, xenerosidade e búsqueda da felicidade.

“Todo o que fago é o que me aporta na vida: relacións humanas, laborais, sociais, fun facendo unha criba grande porque un día queres facer algo diferente e daste conta que tes dez cadeas que non che deixan mover. Hai que soltalas, descargar mochilas e andar lixeiro de equipaxe na vida, eu desfruto o que teño e vívoo.”

Raquel Santamaría

Tono Formoso

Libros Vivintes: Tono Formoso

Nacín en Muros no 1976, nunha aldea chamada Abelleira, estudei nun cole público e despois fun ao instituto de Muros por letras puras, cando rematei non sabía moi ben o que facer e pasei un ano na casa, polo que aproveitei para ir furtivo ao marisco cun colega.”

Así comezaba a relatar o noso seguinte libro vivinte a súa historia de vida, Tono Formoso, filólogo, dinamizador cultural, temporalmente furtivo, cunha escolma de poesía chinesa presente sempre na súa mesiña, apaixonado de Bob Dylan e pai de Sebastián, ou como acostumamos escoitarlle dicir a el, Tián.

O mellor antídoto contra a frustración é a ilusión

Con Tono achegámonos máis polo miúdo ao autismo, derrubamos mitos, identificamos comportamentos grazas á descuberta das “estereotipias”, falamos das afectacións da enfermidade, do oído total, de Sabela ( a irmá pequena de Tián), dos afectos, da esperanza de autonomía,  e mesmo de aprender a atar os cordóns dos zapatos cunha historia de serpes e pirámides…

Tamén con el compartimos títulos sobre neurociencia como “Os dados do reloxeiro”, “Pó de estrelas” ou mesmo o coñecido “Neurociencia para Julia” de Xurxo Mariño , e identificamos no protagonista de “O curioso incidente do can a media noite“, de Mark Haddon un exemplo para comprender o  mundo desde o autismo.

Consellos para comportarse con Tián

Non ser moi pesado, non ser sobreprotector porque iso a el non lle gusta, detectar os intereses concretos en cada momento e ter paciencia.

Por Tono Formoso, inventor “de historias, xogos e xeitos distintos de facer nós”

Piero Piga

Libros Vivintes: Piero Piga

“Para min co contacto físico comeza todo, comeza a vida. É algo que precisamos todos os días, almorzamos, comemos, merendamos, ceamos, pero non nutrimos unha parte fundamental que é a do amor, dar e recibir amor para min é fundamental a nivel de saúde”-

Trasladabámoslle ao alumnado nas sesións previas que levamos aos institutos, unha escolma das evolucións vitais de cada un dos nosos libros vivintes nun menú degustación de experiencias que no caso de Piero Piga levóunos ao Mediterráneo:

Nacín na illa de Sardeña, a miña formación inicial estaba relacionada coa topografía e a arquitectura, pero despois dunha etapa con moito estrés precisaba facer un cambio de vida. Cheguei a Galiza coa intención de deixar todo o meu pasado e reiniciar unha vida, “resetear” todo. 

Terapeuta ayurvédico e masaxista, Piero introduciunos no mapa do corpo, no estado da enfermidade,  na escravitude do medo e da rabia, na verdadeira responsabilidade dun iogui e na masaxe ayurvédica. Convidóunos a desfrutar co alumnado do Rafael Dieste da vibración básica do amor, facilitando que as nosas enerxías fluíran a través dos abrazos prolongados, e mesmo puidemos comprobar as potencialidades do amor: “din que o noso corazón ten unha onda que vai máis alá do corpo e, segundo como vibramos, o corazón expándese”.

O contrario do amor non é o odio, é o medo, un medo que nos bloquea impedíndonos amar. Cando estamos namorados vibramos, pero non necesariamente temos que estar namorados para vibrar, vivir desde o amor é unha vibración de gozo e de amor cara o que nos rodea, cara os demais e cara nós mesmos, esa vibración percíbese e percíbea tamén o noso corpo físico.

Piero Piga
Marta Cámara

Libros Vivintes: Marta Cámara

“Na sociedade brasileira temos máis experiencias que na española, dos 14 aos 20 anos permitímonos coñecer moitas persoas, inda que sexan mozos dunha semana”

Rematabamos a sexta edición de libros vivintes coa coach relacional Marta Cámara, de orixe brasileira e graduada en Comunicación e Marketing, con ela reflexionamos sobre a necesidade de sentir e errar, para o que compartimos un interesante exercicio baseado na descrición de cinco amigos e amigas e das súas características e particularidades, soños e desexos. Froito desa posta en común démoslle forma ao noso ecosistema emocional, e foi sorprendente ver que as persoas somos resultado medio dos cinco vínculos máis presentes nas nosas vidas e que, de maneira inconsciente, adoptamos o seu xeito de pensar, a súa actitude e incluso a súa forma de expresarse. Polo tanto, recordaba Marta:  “o que somos capaces de recoñecer nos demais tamén está en nós, polo que cómpre facer unha análise fonda das nosas relacións e círculo de amizades”.

Fixemos fincapé na necesidade de coñecernos a nós mesmxs e diferenciar entre emoción, pensamento e sentimento ao inicio dunha relación afectiva, e tamén consolidamos co alumnado a idea de transformarnos coas parellas descubrindo o universo do outro.

Pechabamos deste xeito tan fermoso unha das edicións onde agromaron afectos, abrazos e diversas manifestacións do amor: o colectivo, o amor á parella, aos fillos, á vida, ás persoas que máis sofren e por suposto, o necesario amor por nós mesmxs. Desde aquí o agradecemento máis fondo a Raquel, Tono, Piero e Marta, ao profesorado e alumnado do Agra I e do Rafael Dieste e coma sempre, a todas as persoas que facedes posible que esta continue a ser unha das experiencias máis enriquecedoras  de diálogo e descuberta para a mocidade dos nosos barrios. Hoxe querémonos todas un pouco máis.

Até a próxima!!!

Libros Vivintes: Piero Piga

Acerca de evavieites

Bibliotecaria. Creo na biblioteca como unha experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para tod@s.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s

%d bloggers like this: