Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

Libros Vivintes no banco de Boas prácticas en Xestión cultural

Libros vivintes: Bea Lema

Son moitas as historias de vida que teñen aterrado no proxecto Suma Ágora ao longo dos últimos cinco anos. Esta proposta que bebeu na súa formulación inicial da Human Library de Copenhague a finais dos 90, foi mudando desde a experiencia inicial de Ronni Abergel na ONG Stop de Violence até a súa adaptación na Casa das palabras (Verbum) de Vigo. Debuxánronse experiencias diferenciadas en moitos países e en contextos distintos, e as BMC fixeron a súa versión de Libros Vivintes da man de Suma Ágora nun camiño que foi renovándose en cada edición, e xa imos pola sexta.

Autoestima, cohesión social, mocidade, diálogo e descuberta son algunhas das claves que a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) viu neste proxecto para incluílo recentemente no Banco Galego de Boas Prácticas en Xestión cultural. Fomos seleccionadas nunha escolma de cen propostas iniciais despois da consulta a máis de 400 persoas do sector en Galicia e ocupamos neste momento un oco no que coñecernos e recoñecernos no apartado de Intervención Sociocultural.

Criterios que avaliaron a calidade, o impacto integral no territorio, a sostibilidade ou a inclusión de valores transformadores, puxeron a Libros Vivintes nun primeiro “escaparate” do que estamos especialmente orgullosas nese catálogo de boas prácticas na xestión cultural. Convidámosvos desde aquí a coñecer diferentes iniciativas que supoñen un punto de encontro e intercambio de coñecementos e experiencias, pero tamén a que desfrutedes coa lectura dun pequeno resumo da recente edición de LV.


SEXTA EDICIÓN
Creatividade e música abren a escolma de Libros Vivintes en xaneiro

Libros vivintes: Bea Lema

Intervención da ilustradora Bea Lema na semana europea sobre a mobilidade sostible en 2017

Desta volta houbo mudanzas e, por vez primeira, plantexámoslle ao alumnado a posibilidade de empaparse cos extractos das entrevistas previas e coñecer de antemán aos seus potenciais libros vivintes. Un total de 200 alumnos e alumnas dos IES Agra do OrzánRafael Dieste foron os nosos convidados de excepción para adentrarse nun total de seis “biopicbibliotecarias que abriron un xaneiro co maior número de libros de carne e óso.

Dúas mulleres deron o pistoletazo de saída: a ilustradora e deseñadora coruñesa Bea Lema e a música e cantante de Luar na Lubre, Belem Tajes. Con elas comezaba a vertente máis artística desta xornada na que foi o IES Agra I quen desfrutou con estas testemuñas de excepción.

Bea Lema

Libros vivintes: Bea Lema

Formada en Deseño Industrial, a ilustradora Bea Lema compartiu co alumnado a súa especial traxectoria profesional vinculada á artesanía popular galega e ao deseño contemporáneo, lembrou o seu paso por Sargadelos e a experiencia do proxecto independente Lelédacuca, para finalmente destacar nas súas propias palabras o maior logro dela até o momento,Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña co cómic baseado na súa propia experiencia persoal “O Corpo de Cristo”.

“Eu digo que o Corpo de Cristo é unha realidade levada á ficción, porque inda que está baseado na miña experiencia persoal a memoria é un terreo moi borroso. Aborda a perspectiva dunha nena que conta a patoloxía mental da súa nai a base de historias moi curtas”

Libros vivintes: Bea Lema

Lembraba Bea na sesión que o obxectivo de abordar o tema da enfermidade mental era moi persoal, case de terapia propia para furgar nas lembranzas íntimas e ver o que acontecía, cun punto catártico de observación do que pasou alí e, por outro lado, destacaba a necesidade de dar visibilidade ao tema das patoloxías mentais e normalizalo dalgún xeito.

Coa ilustradora fixemos tamén un percorrido noutras áreas relacionadas co deseño de produto, a reciclaxe de materiais, o debuxo ou mesmo a danza, nunha viaxe creativa que nos somerxeu xenerosamente no universo máis íntimo da deseñadora a través dunha suxerente presentación que tiña por título “Un todo de pouco“.

Belem Tajes

 “Penso que comecei a cantar antes que a falar, porque desde ben pequena cantábanme moitísimo, e para min a música sempre foi algo moi natural”

Coa música como fío condutor discorreu paralelamente a sesión de Belem, unha aguerrida cantante camariñá nada na Arxentina e cunha traxectoria profesional nutrida e extensa. Con ela achegámonos aos moitos xeitos de expresividade cos que desfruta esta artista comprometida co idioma e que leva un ano de xira coa celebración do 30 aniversario da recoñecida formación folk Luar na Lubre.

Libros vivintes: Belem Tajes

Belem Tajes, cantante de Luar na Lubre

Formada en Maxisterio Musical, a evolución desde a música tradicional en grupos locais de gaita e pandeireta até enfrontar con valentía o seu propio proxecto en galego, deixando de cantar en inglés, amosóunos unha persoa cun profundo amor polo propio e con vontade de visibilizar a delicada situación do noso idioma.

Cando saes cantar fóra do país e ves que a xente que non é galega canta as túas cancións e víveas con emoción nun idioma que non é o seu, sentes unha sensación contradictoria que che fai pensar que algo pasa aquí”

Dabámoslle remate á sesión como non podía ser doutro xeito cunha artista de Arou, musicando a cantiga”Ao pasar por Camariñas“, quedando aberta deste xeito a seguinte fase da sexta edición de Libros Vivintes cun encontro que de contado nos traerá catro novas historias de vida.

Agradecemento de novo á Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) por térennos incluído no Banco de Boas Prácticas, a toda a comunidade educativa, ao equipo da Biblioteca Ágora e por suposto, ás nosas mulleres pioneiras Bea e Belem, que foron quen de abrir neste mes de xaneiro unha proposta que ten visos de quedar con nós por moito tempo.

Até pronto, con vós, para vós.

 

 

Acerca de evavieites

Bibliotecaria. Creo na biblioteca como unha experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para tod@s.

3 comentarios en “Libros Vivintes no banco de Boas prácticas en Xestión cultural

  1. Chelo Rodriguez Gayoso
    Marzo 1, 2018

    Moi boa inauguración do curso” Libros vivintes”. Coñezo a Belén. É unha moza xenial.

    • evavieites
      Marzo 1, 2018

      Moitísimas grazas Chelo,
      Belem foi un excelente Libro Vivinte e unha persoa que compartiu experiencias moi interesantes amosando un compromiso fondo co idioma.
      Convidámoste a que desfrutes en breve do post que recollerá as sesións dos seguintes convidadxs de carne e óso desta sexta edición.
      Apertas e de novo grazas!

  2. Pingback: O amor invade a Sexta Edición de Libros Vivintes | Suma Ágora

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: