Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

Os libros vivintes chegan ao IES Rafael Dieste

A mediados do mes de abril presentabamos no IES Rafael Dieste o programa Libros Vivintes, unha proposta que xa se ven desenvolvendo na Biblioteca Municipal Ágora dende o ano 2013 e que por vez primeira amplía o seu radio de acción dende o Agra do Orzán -onde se atopa o IES Agra I co que colaboramos de maneira asidua en múltiples proxectos, entre os que se atopa a Biblioteca Vivinte- a Manuel Murguía, onde se localiza o Rafael Dieste.

A nosa Biblioteca Vivinte é unha adaptación da Human Library, experiencia que iniciou a ONG Stop the Violence na cidade de Copenhague a finais dos anos 90 co obxectivo de diminuír a discriminación entre a poboación máis nova, convertíndose nunha plataforma marabillosa para o diálogo e a aprendizaxe.

alumnado de 4º ESO recibiu con interese a proposta e convidámolos a facer a lectura dos textos “Fame” e “Star Trek e as nanocousas” para que escolleran o relato que máis lles chamara a atención e, posteriormente, achegarse á Biblioteca Ágora a coñecer, escoitar e descubrir á persoa que se agochaba tras a historia de cada relato.

Libros Vivintes: Sesión previa no IES Rafael Dieste

O martes 2 de maio pola tarde foi cando os rapaces e rapazas de 4º ESO do IES Rafael Dieste se desprazaron dende o centro educativo á nosa biblioteca para participar da sesión cos libros vivintes, cos heroes de carne e óso da vida cotiá que compartiron con nós a súa historia e a súa experiencia e na que houbo espazo para o intercambio de opinións e para a reflexión. Agora é momento de compartir unha breve crónica da xornada.

No blog da biblioteca escolar do IES Rafael Dieste reseñaron tamén a actividade, tanto a presentación da proposta nas aulas como o desenvolvemento da sesión na biblioteca. Convidámosvos a facer lectura das entradas nos Arquivos do Trasno!

Fame

As persoas que escolleron o relato “Fame” tiveron a oportunidade de coñecer a Ali Ali, pintor e gravador sirio nado na aldea de Khatounie, provincia de Al Hassake, no ano 1974. Catro anos despois de licenciarse en Belas Artes, na especialidade de gravado, pola Universidade de Damasco chega a España en 2002 convidado polo goberno español a través do Ministerio de Cultura para participar en ARCOMadrid, a Feira Internacional de Arte Contemporáneo. De 2003 a 2004 realiza un Máster sobre a Obra Gráfica, no Centro Internacional da Estampa Gráfica (Fundación CIEC) -un dos referentes en arte gráfica a nivel internacional- en Betanzos e dende entón reside na Coruña.

Libros Vivintes: Ali Ali

Ali Ali falounos dunha maneira clara e moi directa, falou de corazón a corazón e quizáis esa sexa a clave pola que as súas palabras nos chegaron moi dentro. Compartiu con nós a súa visión da guerra en Siria, unha guerra na que perdeu moita xente querida, entre ela familia e amigos, que cada día segue a cobrarse vidas inocentes. Contra a cultura do odio -“A guerra está feita para odiar, para sementar o odio“, di- Ali Ali fixo fincapé na importancia e na necesidade de educar no respecto e no diálogo.

“Dun xeito ou outro, temos moita fame de diálogo,

moita fame de diálogo”.

Mais Ali Ali tamén nos fixo partícipes da súa amor pola arte e confesou que as súas inquietudes artísticas xurden dende ben pequeno tomando como referente a súa nai, unha artista e artesá que facía as súas propias alfombras e os seus tapices. Da man de súa nai, Ali Ali descubre no entorno familiar as mesturas de cores e a creación de mundos máxicos a través das mesmas, elementos característicos de moitas das súas obras.

Libros Vivintes: Ali Ali

E desfrutamos ademais dun momento único da man de Ali Ali e Mar Chantre, alumna de 4º ESO B: a lectura do libro “Suleimán y Salúa“en árabe -Ali Ali- e en castelán -Mar.

A obra “Suleimán y Salúa” é unha síntese de mitos locais, contos populares e historias que lle contaron de neno a Ali Ali a súa nai e súa avoa. Un libro que nos transporta aos universos das mil e unha noites e ao mundo dos soños, escrito por Francisco X. Fernández Nadal e ilustrado por Ali Ali. Editado na colección Lunalimón da editorial Trifolium no ano 2013.

Star Trek e as nanocousas

O alumnado que se decantou polo relato “Star Trek e as nanocousas” tivo a oportunidade de escoitar a Vanessa Valdiglesias, investigadora doctora na Universidade da Coruña con varios anos de experiencia no campo da Toxicoloxía Xenética e galardonada en agosto de 2015 co Premio Europeo á Mellor Científica menor de 35 anos pola Sociedade Europea de Xenómica e Mutaxénese Ambiental.

Vanessa, nada na Coruña no ano 1980, confesounos que de pequena xa tiña curiosidade por descubrir todo aquilo relacionado coas plantas, os animais, a natureza e o medio ambiente. E foi seu pai quen lle revelou que o que a ela lle atraía era a bioloxía, área na que posteriormente se licenciou.

Falounos tamén da situación da ciencia en España, onde o futuro é incerto e sen garantías de estabilidade laboral, incluso cunha traxectoria sobresaínte e cun premio a nivel europeo ás costas. Sinala que a maioría de compañeiros e compañeiras da súa xeración ou ben están fóra do país ou desenvolvendo a súa carreira profesional noutras áreas distintas da científica. Pero Vanessa ten esperanza de que a situación mude e sinala como positivo a posibilidade que ela ten de traballar facendo o que lle gusta.

Libros Vivintes: Vanessa Valdiglesias

Vanessa achegounos tamén o concepto de nanotecnoloxía, unha área nova na que están inmersos, e falounos das nanopartículas, uns materiais moi pequenos cunhas propiedades fantásticas como cor, transparencia e condución da electricidade, entre outras. Explicounos que o seu traballo consiste en analizar cando dan problemas para limitar que, cando e como se utiliza.

Vanessa pertence tamén á Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas AMIT, que pretende dar visibilidade á labor das mulleres que traballan no eido científico e servir de apoio para todas as investigadoras e universitarias concienciadas en traballar de maneira conxunta para acadar a plena participación da muller en Ciencia, Investigación e Tecnoloxía.

Pero tamén houbo espazo para compartir un momento de distensión, que chegou da man dunha das películas favoritas de Vanessa: O chip prodixioso (1987), dirixida por Joe Dante e protagonizada por Dennis Quaid e premiada co Óscar aos mellores efectos visuais. Un filme que no seu momento foi ciencia ficción total e, que na actualidade non o é tanto porque, como nos contou Vanessa, hoxe en día xa se está a traballar con nanorrobots.

Libros Vivintes: Vanessa Valdiglesias

E ata aquí a a crónica desta edición de Libros Vivintes, que por vez primeira celebramos co IES Rafael Dieste, agardando que sexa a primeira colaboración de moitas e que permita establecer unha liña de traballo conxunto con este centro educativo sito na nosa área de influencia. Pola nosa banda, quedamos á espera da avaliación formal que o propio alumnado que participou na actividade realice da mesma e convidámosvos tamén a que nos fagades chegar as vosas opinións e comentarios a través do blog.

Despedímonos agracedendo a Ali Ali e a Vanessa Valdiglesias a súa colaboración, xa formades parte da nosa Biblioteca Vivinte, que cada día segue a crecer! E agradecer, como non, ao profesorado do IES Rafael Dieste a súa implicación e colaboración, especialmente á aposta da súa biblioteca escolar polo traballo colaborativo e a creación de rede. E por suposto, grazas de corazón ao alumnado de 4º de ESO que participou desta volta nos Libros Vivintes, sen todos vós a biblioteca humana non sería posible, unha biblioteca na que os libros son de carne e óso e aprendemos das persoas.

Advertisements

Acerca de nmartinezrey

Bibliotecaria fascinada polo social media, a comunicación 2.0 e o coaching. Cada día é unha nova oportunidade de aprender algo máis ;-)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: