Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

“Adoro as novelas, porque falan de cousas reais e de cousas posibles”

Cheikh Faye naceu en Gade Escale (Senegal) hai 55 anos, diplomado en Literatura, Historia e Xeografía pola Universidade de Dakar (UCAD), exerceu como profesor no seu país de orixe até hai catorce anos. A partires da experiencia da emigración, comeza un proceso de escrita que aborda a realidade dos senegaleses na diáspora.

Conversas con... Cheik Faye

Na imaxe cunha das obras de Chinua Achebe, escritor, profesor e crítico nixeriano. A súa primeira novela “Todo se esfarela” é o libro máis lido da literatura africana. As obras de Chinua nas bibliotecas municipais.

Compartimos con Cheikh a nosa sección Conversas con…co gallo do Día do Libro para destacar a súa primeira publicación “Ser Modou modou que será posto a venda o 15 de maio da man da editora da Asociación Sociopedagóxica Galega (AS-PG)


Orixes e identidade de barrio

Da aldea de Gade Escale, este senegalés que desenvolveu parte da súa vida no barrio de Pikin, a dúas horas da cidade universitaria de Dakar, chegou cun proxecto de futuro á cidade da Coruña hai catorce anos. Neste intre e residindo na contorna da Biblioteca Ágora, que opinión che merece o barrio e a súa xente?

A Agra é un barrio tranquilo e hospitalario. Chámame a atención que haxa tantos bares, gústame ver o fútbol neles. Son lugares tranquilos para ler os xornais e animados para o fútbol. España é un país tolerante e, dentro de España, Galiza inda o é máis. Teño moitos compañeiros que veñen de vivir en outros lugares e din que hai moita diferenza. Este é un barrio hospitalario.

O Centro Ágora e a Biblioteca

 Que opinión che merecen como puntos de encontro e espazos culturais nun entorno infradotado de recursos e servizos?

A finais do 2014 souben dunha estudante que andaba facendo un traballo sobre a vida dos senegaleses. Sorprendeume. Pensei que eu tamén tiña algo que dicir, así é que fun ao Ágora para intentar aprender a escribir no ordenador e alí coñecín a Xavier Campos, axudóume. É un espazo moi moderno e agradábel.

Inicio da escrita

A verdade é que non tiña escrito nada para presentar ao público. Pero o que si tiña era a idea de contar algunha vez as cousas que me pasaron na vida. No meu blog teño falado de Laye Camara, que fixo algo semellante e converteuse a ollos de Léopold Sédar Senghor nun intelectual comprometido co seu, coa súa cultura.

Conversas con... Cheik Faye

Na imaxe Senghor e a portada de “O neno negro” (1953) de Camara Laye

Negritude non é racismo-antibranco-nin populismo. É, sinxelamente, o conxunto de valores de civilización do mundo negro. E non dos valores do pasado, senón dos dunha auténtica cultura”Léopold Sédar Senghor

Ser Modou Modou

Como xorde a idea de facer un libro?

A obra Ser modou modou, que é como nós chamamos aos emigrantes, fala da hospitalidade dos galegos e de moitas das situacións ás que me enfronto cada día como senegalés en Galiza, por exemplo, conto unha anécdota que recibe por nome “as tres comidas de Corme” porque cando vou ás festas que alí se celebran hai unha muller que se encarga de traerme de comer de maneira hospitalaria, sinalo a solidariedade dos galegos e galegas.

Hai páxinas que escribo pensando nos meus compatriotas inmigrantes que veñen aquí, e fágoo para que os seus fillos non perdan a cultura africana, pero tamén ás veces penso e escribo nos galegos, quero que toda a xente poida aproveitar algo do que conto. Por iso conto experiencias persoais e cousas que me contaron ou que coñezo. Inda que me presento como Cheikh, espero estar representando un xeito de ver e entender o mundo, dos que viven nas condicións que eu vivo, da diáspora senegalesa en xeral.

Conversas con... Cheik Faye

Ser modou modou estará á venda o 15 de maio!
 Proxectos, literatura e referentes

Tes pensado algún proxecto novo?

Estou dándolle voltas á posibilidade de escribir unha novela, unha ficción baseada en feitos reais. Quixera narrar a integración dun inmigrante na sociedade de aquí. Ando niso.

Sobre literatura…

Adoro as novelas, porque falan de cousas reais e de cousas posibles. Ás veces teñen o valor de anticiparse á realidade. Con todo, hai anos que non teño a oportunidade de ler, pero lembro que gustaba dos contos de Birago Diop e dos de Abdoulaye Sadji, o autor de Maïmouna, a historia dunha moza senegalesa. A danza Maïmouna foi o texto que nos ditaron no exame de entrada de secundaria.

Conversas con... Cheik Faye

 

Achegas sobre África

No Senegal o wólof é o idioma maioritario, pero hai moitos máis, como é o caso do serer. Cada idioma corresponde a unha etnia e existe convivencia harmónica entre as mesmas, porque temos unha vantaxe que non teñen outros países no continente, que son as confrarías musulmás. Hai dúas confrarías importantes: os Muridíes (sufís) e Tidjane, e o respecto que entre a poboación hai aos dirixentes destas confrarías evita enfrontamentos civís como acontece en outros lugares de África.

Eu, por exemplo, son da etnia serer, ao igual que o era Léopold Sédar Senghor, un intelectual moi famoso e todo un referente, el era da etnia serer e falaba moi ben o idioma, sen embargo no meu caso coa conversión de meus avós á relixión musulmá perdín a fala da miña etnia e pasamos a expresarnos todos en wólof.

Libros en wólof nas Bibliotecas Municipais.

Africanos imprescindibles

Eu citaría tres, un senegalés, Léopold Sedar Senghor, un nixeriano, Chinua Achebe e un descendente de africanos, francófono e anticolonialista radical de Martinica, Aime Cêsaire.

Conversas con... Cheik Faye

Por último, compartimos con todos vós recomendacións e desexos futuros de Cheikh Faye, non sen antes agradecer a vontade de colaboración e a notable amabilidade amosada en todo momento por el e polo amigo Erik para a posta en valor da obra “Ser modou modou” e para o achegamento da cultura e a realidade africana a través deste veciño e escritor. Grazas!

CHEIKH RECOMENDA

Conversas con... Cheik Faye

Un libro

Karim, de Ousmane Socé. Publicada en 1948. Conta a historia de Karim, un samba-Linguere (mozo de gran beleza), que quería casar con Mariéme, polo que procurou un amuleto para ser elixido entre os pretendentes e pediu axuda aos seus amigos. Foi unha novela que lin no liceo, cando mozo. Era unha historia de mozos e de compañeirismo. A forza do grupo. Entre os franceses, gusto moito de La Bruyere.

Conversas con... Cheik Faye

Unha recomendación musical

Ndiaga Mbaye. É un cantante de música tradicional senegalesa. Morreu fai poucos anos. Era un poeta, filósofo, un artista de gran dimensión. As súas cancións eran como as leccións dun mestre para todos nós.

Un filme

Non recordo os títulos dos filmes, pero as obras de Ousmane Sembéne ensinan moito de Senegal. Tamén o documental recente para os cativos: Binta e a gran idea.

Conversas con... Cheik Faye

Un lugar

A miña aldea: Gade Escale

Un soño

Un moi sinxelo: ter unha boa vida xunto á miña familia

Despedida en wolof

Ba benen! (Ata logo)

Até sempre desde a Biblioteca Ágora! Grazas!

 

Advertisements

Acerca de evavieites

Bibliotecaria. Creo na biblioteca como unha experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para tod@s.

Un comentario en ““Adoro as novelas, porque falan de cousas reais e de cousas posibles”

  1. Pingback: “Adoro as novelas, porque falan de cousas reais e de cousas posibles” | Senegaliza

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: