Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

Na Biblioteca Vivinte aprendemos das persoas

Na Biblioteca Municipal Ágora vimos de celebrar cos rapaces e rapazas de 1º de Bacharelato do IES Agra do Orzán unha nova edición de Libros Vivintes, unha proposta moi consolidada dentro do proxecto Suma Ágora e que sempre é ben recibida por docentes e alumnado xa que permite descubrir e poñer en valor historias de vida interesantes de persoas do noso entorno máis próximo.

Traballar a autoestima e a cohesión social, romper estereotipos e promover o respecto e a comprensión son algúns dos obxectivos da Biblioteca Vivinte, que favorece a aprendizaxe a través da escoita e o diálogo entre persoas con realidades e visións diferentes.

Nesta ocasión as opcións de escolla eran dúas, Destino Minden e Galicia Crime, sendo esta última a elixida pola meirande parte do alumnado, segundo nos comentaron algúns deles pola intriga e suspense que suscitou o título do relato. Descubramos agora quen se agocha tras cada historia e a experiencia que compartiron os nosos libros vivintes cos rapaces e rapazas do Agra I na sesión que tivo lugar na biblioteca o pasado martes 28 de marzo.

Destino Minden

As persoas que escolleron o relato Destino Minden tiveron ocasión de coñecer a Pilar Rodríguez Cabello, voluntaria nas Bibliotecas Municipais da Coruña dende hai tres anos dentro do programa Coa lingua de fóra. Como coordinadora do grupo de conversa en alemán intenta achegar aos participantes desta actividade non só esta lingua que domina á perfección senón tamén a cultura e as costumes de Alemaña, país no que viviu toda unha vida e no que desenvolveu a súa carreira profesional ata o ano 2006 no que se instala definitivamente na cidade da Coruña.

“Normalmente tendemos a pensar que un coñece unha cultura pasando uns días de vacacións nun país, pero iso non é así e por iso me preocupo de fomentar ese intercambio”.

Libros vivintes: Pilar Rodríguez

Pilar, natural de Tánxer (Marrocos), cóntanos que aterrou en Minden cos seus pais e o seu irmá pequeno cando apenas contaba con seis anos de idade. Para ela, a aprendizaxe do idioma alemán se produxo de maneira natural e case sen darse conta acabou convirtíndose con sete anos na persoa de referencia para toda a comunidade de españois que alí residía, ben para acompañar a familias ao médico para interpretar diagnoses ou ben para facer de tradutora no xulgado para trámites de carácter legal. Dos dez aos catorce anos incluso desenvolveu tarefas de apoio a seu pai – un aventureiro de Puertollano (Cidade Real) que trocou cun compañeiro o ticket de facer a mili para África-nas xestións que tiña que realizar como presidente da comunidade española de Minden.

Dun xeito ameno e divertido, Pilar achegounos unha gran cantidade de anécdotas do seu día a día en Minden, así como tamén algunhas das súas primeiras experiencias laborais vividas en Melitta, empresa dedicada á produción de café como materia prima, de filtros de café e de cafeteiras.

Libros vivintes: Pilar Rodríguez

Ademais de compartir con nós as anécdotas máis divertidas da vida cotiá en Alemaña, Pilar tamén nos falou das grandes diferenzas que existen, por exemplo, entre o modelo educativo español e o modelo educativo alemán:

  • No referente á educación primaria comentou que no país xermano a educación obrigatoria comeza a partir dos seis anos e que empregan pedagoxías innovadoras, evitando a diferenciación de asignaturas nos primeiros anos.
  • E en relación á formación profesional fíxonos coñecedores do sistema dual alemán, que recoñece un total de 350 oficios e que é unha opción escollida por unha gran cantidade de mozos e mozas ao rematar a secundaria, xa que ombina capacitación teórica coa formación directa en centros de traballo.

Pero máis alá da cultura alemana, dos datos, da súa experiencia vital, Pilar contaxiounos coa súa enerxía e a súa alegría, así como tamén coa súa vontade e predisposición para axudar aos demais.

Galicia Crime

Detrás do relato Galicia Crime agóchase o polifacético e recoñecido cómico galego Pedro Brandariz. Actor, clown, monologuista, showman, contacontos… Pedro atrévese con todo, incluso con novos formatos dentro do eido audiovisual como é a webserie Galicia Crime, recentemente galardonada co Premio Mestre Mateo.

Galicia Crime é unha webserie policial de humor absurdo, dirixida por Víctor Grande, que narra as aventuras do detective Dowson (Oswaldo Digón) e o sarxento Pillei (Pedro Brandariz) nunha Galicia absurdamente americanizada.

Na sesión tivemos ocasión de desfrutar do primeiro capítulo e a risa foi a banda sonora durante os case trece minutos que dura o vídeo. Resolverán o caso da viuva negra o detective Dowson e o sarxento Pillei?

Mais o amor de Pedro pola comedia e pola actuación xa ven de lonxe. Licenciado en Ciencias da Educación Primaria pola Universidade de Santiago de Compostela, Pedro achegouse ó eido da educación non formal nun curso de monitor de tempo libre en Oleiros no que descubriu a súa predilección pola ensinanza social e informal en contraposición á formación regrada. Despois veu o teatro afeccionado e o clown, chegando a formar parte da primeira compañía de clown de Galicia: Os 7 magníficos máis un, onde coincidiu con Isabel Risco, Fran Rei e Pepo Suevos, entre outros.

Pedro tamén puxo en marcha Dinamo Xestión de Actividades Socioculturais, unha empresa que dentro do eido do tempo libre, basea a súa intervención nos piares da educación non formal, da animación sociocultural e das artes escénicas. Comparte ubicación -Rúa Manuel Deschamps- con Espazo Utópico, a escola das utopías que no ano 2016 chega ao Agra para ofrecer un amplo abanico de formación a veciños e veciñas do barrio.

Libros Vivintes: Pedro Brandariz

Pero á parte de compartir con nós a súa arte e a súas experiencias, Pedro deixounos unha importante aprendizaxe e é que debemos persistir no camiño cara aquilo que nos gusta e nos fai felices e non seguir a liña que outros marcaron para nós. E traballar. E innovar. E formarse, incluso de maneira autodidacta. E ir facendo cousas e mellorando a medida que crecemos e avanzamos como persoas e como profesionais.

“Eu creo máis no oficio de actor, de monologuista, de pallaso, como algo artesán, non como unha estrela de caché, senón como un oficio artesán que dé para vivir”.

Libros Vivintes: Pedro Brandariz

E ata aquí a crónica desta edición de Libros Vivintes. Pola nosa banda, xa estamos inmersos na preparación dunha nova edición que terá lugar a principios do mes de maio. Nesta ocasión e por vez primeira en colaboración co IES Rafael Dieste, agardando que sexa o punto de partida para establecer unha liña de traballo conxunto con este centro educativo sito na nosa área de influencia.

Despedímonos trasladando o noso agradecemento a Pilar e a Pedro, que forman parte xa da nosa Biblioteca Vivinte. Grazas por compartir con nós as vosas experiencias vitais, grazas por permitirnos entrar por un intre no voso mundo, grazas por permitirnos seguir aprendendo das persoas. E como non, grazas ao profesorado do IES Agra do Orzán pola súa implicación e por entender a colaboración como un xeito de facer enriquecedor, especialmente nesta edición, a Fernando e a Milagros. E grazas de todo corazón ao alumnado que participou desta volta, porque de todos vós aprendemos tamén cada día.

Advertisements

Acerca de nmartinezrey

Bibliotecaria fascinada polo social media, a comunicación 2.0 e o coaching. Cada día é unha nova oportunidade de aprender algo máis ;-)

Un comentario en “Na Biblioteca Vivinte aprendemos das persoas

  1. Pingback: Libros Vivintes 2017 con 1º BAC | Biblioagra

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: