Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

“Ser muller cada día supón un reto e supón mirar cara a necesidade de mudar as cousas”

Co gallo do Día Internacional da Muller entrevistamos para a sección “Conversas con…” a Dores Tembrás (Bergondiño, 1979), muller, galega, poeta e emprendedora -xunto a Antía Otero– no eido editorial co proxecto Apiario. Pero sobre todo, unha persoa moi comprometida co seu traballo e cunha fe absoluta no poder transformador da palabra, que veu a recordarnos que as palabras e as poesías si poden cambiar o mundo.

Conversas con... Dores Tembrás

Biblioteca e poesía…

Antes de nada moitas grazas por achegarte ata a Biblioteca Ágora para participar da nosa sección Conversas Con…. Á parte de pola túa obra poética e por Apiario, coñecémoste porque impartes no Centro Ágora os obradoiros de literatura. Cal é a túa perspectiva desta biblioteca e do centro sociocultural en xeral?

Eu comecei cando abriu. Estaba no Fórum e subín para dar aquí o meu obradoiro de literatura e outras artes, así que realmente vino comezar, vino arrincar. Creo que o proxecto do Ágora é moi potente porque se lle buscou unha coherencia. É un espazo de encontro para unha zona moi castigada. Teño a sorte de coñecer a Xavier Campos e de poder ter estado na biblioteca e falarmos do que era o proxecto, das fotos, das persoas do barrio, do que significaba para el formar parte real, física, explícita do proxecto. Creo que nese sentido é importante non perder de vista proxectos tan coherentes e que teñen un calado e unha pegada tan fonda na cidade. Ás veces podemos pensar que as cidades son lugares deshumanizados e este centro tal e como está é todo o contrario. Tremendamente dinámico e con moitísima xente que ven á biblioteca darlle uso. É unha marabilla vir aquí.

Conversas con... Dores Tembrás

E como cres que se podería dende a biblioteca ou dende calquera outra institución cultural ou educativa achegar a poesía a un sector máis amplo da poboación?

Eu levo moitos anos dando obradoiros e seminarios de poesía en centros de ensino, bibliotecas, clubs de lectura, aproximando o que é a palabra poética a públicos máis amplos. Creo profundamente niso. Creo que para ter lectores de poesía, é necesario xerar vías de acceso atractivas, interesantes e creo que os resultados poden ser incribles. Esa é a miña experiencia. Creo que hai moitos prexuízos co xénero, creo que unha determinada lectura durante décadas do xénero mancouno, esa visión elitista, esa visión para minorías. Cando eu me atopo con alguén que me di “eu non leo poesía porque a poesía non é para min”, eu sempre digo “iso é tan rotundo como dicir non me gusta comer” porque hai tantos poetas, que estou convencida de que hai algúns que che van a fascinar. Hai que atopar, por unha banda, a vía de acceso, non todos os públicos son iguais, non é o mesmo cando eu estou con público de mediana idade, maduro, ou con adolescentes, as vías de acceso son distintas. E creo que hai que perderlle o medo, a poesía non é aquela cousa que nos contaron na escola, creo que hai que deixar de pensar e analizar textualmente un poema. O poema non é que significa ou que quere dicir, non é iso, a pregunta é outra: como che deixa o poema? dáche frío? dáche calor? gústache? É unha cuestión de pel.

O labor de achegamento da poesía a un público maior require de esforzo e loita contra moitos prexuízos e Dores coméntanos que tamén é necesaria a complicidade do persoal bibliotecario. Conta coas nosas recomendacións lectoras Dores, estamos todos no mesmo complot!

O primeiro poemario…

No ano 2009 sae publicado en Espiral Maior o teu primeiro poemario “O pouso do fume”, finalista nos Premios da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) 2010 na categoría de mellor libro de poesía. Que supuxo para ti a publicación desa obra?

Foi un dos momentos máis definitivos na miña vida. O que move ese poemario é a memoria, unha necesidade de cristalizar un tempo que se extinguía. É un poemario dedicado á infancia e ás xenealoxías de todas as mulleres que estaban antes ca min e que me deixaron toda unha herdanza de palabras.

Foi definitivo porque eu acababa de rematar a tese, acababa de ser nai e é algo que xurdiu de forma incrible. O editor coñecía o meu traballo e díxome “se tes un libro publicámolo“. Algo que fixen felicísima de súpeto se converteu en algo extraordinario e todo o que pasou arredor do libro foi marabilloso. Un libro que tivo por parte do público e por parte da crítica unha acollida tremenda. Aprendín moito coa recepción do libro, o encontro cos lectores, cos críticos, co circuíto literario, con outros poetas, iso foi tremendo. É definitivo na miña vida, nese momento decidín que a escrita non sería algo que se quedaría no privado como ata ese momento senón que sería un camiño profesional.

Conversas con... Dores Tembrás

A túa tese doutoral versa sobre a poeta arxentina Alejandra Pizarnik, que significa para ti a súa obra e de que maneira inflúe na túa propia?

Pizarnik para min é a poeta. Cando coñecín a súa obra, a fascinación foi inmediata. Estaba en segundo de carreira e cando puiden ler o seu primeiro libro -nós temos familia en Arxentina que me mandaran o libro xa que aquí non estaba publicado- souben que quería pasar máis tempo con aquela voz, con aquela poeta que tiña moito que dicir e cando  acabei a carreira tiven moi claro que a tese sería sobre a súa obra.

Alejandra é un furacán como poeta, máis alá da súa biografía que é fascinante e do seu personaxe, ten unha obra tremendamente sólida na que hai un compromiso e unha honestidade na procura poética como poucas veces vin nun escritor. Creo que iso me conmoveu profundamente e eu quería saber ata onde chegara Alejandra no seu oficio. Foi unha etapa da miña vida extraordinaria, case oito anos que lle dediquei á tese e claro, chegas a un nivel de coñecemento moi profundo. A min interésame moito iso, a verticalidade sempre na investigación. Podo dicir que fun moi feliz, que padecín moito porque os lugares aos que te leva ela adoitan ser pozos sen saída, pero aprendín moitísimo como lectora.

E como poeta interésame moito o traballo co silencio de Alejandra. Eu non tiña nada que ver, non fago poemas ao seu estilo, apenas temos motivos comúns, sen embargo gustaríame pensar que o meu traballo co silencio nace e débese á obra de Pizarnik porque ela é capaz de producir o silencio nos poemas. Máis aló de que ten un traballo simbólico extraordinario, máis aló diso.

Dores como creadora…

Ti como creadora como te definirías? 

Como unha procuradora da palabra precisa. Iso é o que me interesa, a palabra, a linguaxe, buscar, non importa durante canto tempo, buscar o que procuras. Creo que ese é o traballo dos poetas e sempre é coa pulsión, coa emoción que é fundamental no meu traballo tamén.

É unha busca a poesía?

Si, totalmente, aínda que non necesariamente de respostas. Eu creo que a propia procura é a resposta, é o camiño, creo que é o que máis satisfacción aporta tamén neste traballo. Non estar concentrado nun obxectivo final senón saber que o proceso ten moito que aportar e que che fai medrar, e que todo é un exercitarse na palabra. E que agora o teu traballo está neste momento e este é o teu traballo e que antes era así e que despois será doutra maneira, un proceso. Concibo así os procesos creativos, un continuo.

Conversas con... Dores Tembrás

E en que te inspiras para o proceso creativo?

Hai motivos concretos que inspiran cada un dos meus traballos, pero en abstracto a min a palabra inspiración dáme moito medo, téñolle moito respecto e non adoito falar de inspiración. Creo profundamente no traballo. Entón a min o que me move -prefiro dicilo así- é precisamente todo o que aprendo arredor da linguaxe no traballo. Creo que iso é o que me fai seguir escribindo, é un reto.

No catálogo das Bibliotecas Municipais podes atopar gran parte da obra de Dores:

  • O pouso do fume (Espiral Maior, 2009)
  • O peizoque Roque (Galaxia, 2012)
  • Cronoloxía da urxencia (Espiral Maior, 2014)
  • Auga a través (Apiario, 2016)

Referentes e poesía galega actual…

E cales son os teus referentes literarios?

Neste último número de Luzes escribín un artigo sobre John Berger que comeza dicindo “Amo a poucos autores…”. Creo que iso define moito cal é a miña relación coa literatura. Berger está no top 3, é un autor fundamental para min, sen embargo creo que non hai moito en común. Teño algúns autores como referentes cos que creo que non comparto demasiadas cousas a nivel de creación, pero que sen embargo sempre están ahí como luces que me iluminan. A súa obra, sen dúbida, é unha delas. Practicamente todo o que escribiu paréceme brillante. O seu nivel é extraordinario, conmovedor, preciso, inspirador, e é capaz de abrirche ventás na cabeza. Creo que iso é o que busco nun autor. Despois hai moitos autores aos que admiro, moitas autoras cun traballo que me interesa moito. Pero non teño referentes no sentido de “quero ser como…”. Nunca tiven esa sensación. Non procuro ser como ninguén, pero hai autores necesarios para min como lectora.

Conversas con... Dores Tembrás

Cal é a túa visión da situación da poesía galega actual?

É extraordinaria. Claro, que o diga unha poeta galega parece que non ten moito crédito, pero cando veñen autores como Gamoneda e din que o que se está facendo agora en Galicia é dun nivel que está moi por encima do resto da Península, ten máis crédito. Eu creo iso porque eu teño o privilexio de ler autores na miña lingua que son verdadeiramente extraordinarios e despois, hai xente no resto da península que fai cousas tamén moi boas. Pero é que aquí temos unha cantidade por metro cadrado que é incrible realmente. E eu síntome moi feliz de pertencer a unha tradición poética  tan poderosa nese sentido.

Muller e poesía…

Tes participado tamén de numerosas antoloxías, entre elas “Mulheres entre poesía e luita” na que colaboran varias poetas galegas. Unha obra de denuncia das desigualdades que vivimos froito do sistema patriarcal. Fálanos un pouco desta obra…

Foi unha petición e non sempre é fácil porque ás veces cando se empeza unha peza e o detonante non é natural, un acaba frustrado co resultado, aínda que non foi o caso. Tamén é certo que eu traballo moito dende o feminino, é moi natural, entón teño moitas pezas que se sosteñen como piar fundamental na muller e nese sentido foi estupendo colaborar con elas.

Efectivamente a muller está moi presente na túa obra, cres que é máis difícil ser muller e poeta?

Ser muller nos tempos que corren conleva moitísimos hándicaps só polo feito de ser muller. Non sei se a suma de ser muller e ser poeta é peor. Eu creo que vivimos nun país onde a poesía ten un gran recoñecemento, ten os seus espazos, non son moitos, pero é que tampouco hai moito espazo para a literatura galega, esa é a realidade. Gustaríame que houbera máis visibilidade por suposto, pero non sinto que o feito de ser poeta aumente exponencialmente as cuestións negativas. Creo que ser muller realmente hoxe en día supón un reto, máis aló do terrorismo que estamos vivindo, máis aló diso que é o paradigma máis grave que nos está pasando como sociedade. Ser muller cada día supón un reto e supón mirar cara a necesidade de mudar as cousas porque así non poden seguir, e creo que hai moito diso na miña obra.

Conversas con... Dores Tembrás

É a literatura un medio para mudar as cousas?

Eu dígolles sempre aos meus alumnos que un bo poema é transformador a nivel profundo. Ti es un cando colles o libro pero non sabes quen vas ser cando remates de lelo. Claro, o poema ten que chegarche, o poeta ten que estar falándoche a ti e nunca sabes cando vai pasar iso. Creo no poder transformador da literatura porque creo no poder transformador da palabra. Téñolle unha fe absoluta, o que non quere dicir que iso non deba ir acompañado de accións. Pero creo que a literatura é un motor de cambio e que nos acompaña ao longo de toda a vida.

O proxecto literario e editorial Apiario

En 2014 fundas xunto a Antía Otero, o proxecto literario e editorial Apiario. Que supuxo para ti este proxecto e que significa a súa posta en marcha?

Hai dous anos xa que está funcionando e agora mesmo Apiario signifícao todo. Cando penso que supuxo poñelo en marcha non acredito da forza que tiñamos. Estivemos durante un ano preparando o proxecto, plan de viabilidade, facendo cursos de empresariais, perfilando moito o que queríamos e despois botalo a andar. A verdade é que foi tamén algo moi natural. Antía Otero levaba moito tempo traballando en centros de ensino con obradoiros, é autora, eu tamén son autora e somos unhas fascinadas polo obxecto libro. E queríamos que as obras, que os poemarios tiveran un soporte que estivera á altura desas obras. E era tan natural e pensabámolo de maneira tan coincidente que foi incrible xerar o proxecto. Agora penso en todo o que nos leva dado Apiario e paréceme que leva toda a vida comigo.

É un proxecto que, como tódolos proxectos independentes, esixe unha entrega voraz, pero tremendamente agradecido. Creo que agora podemos dicir que hai unha comunidade de lectores apiarios que están atentos ao que publicamos. Creo que iso é un luxo, crear tanta expectación sen saber o que vai saír. É marabilloso e síntome tremendamente feliz traballando con Antía Otero por moitos motivos. Facemos o que queremos, creo que iso é algo extraordinario, vivimos con moitísima paixón o noso traballo, non podería ser doutra maneira. Realmente eu levántome cada mañá sabendo que o día vai ser fantástico, que van pasar cousas lindas, máis aló das sesións nas que escollemos papeis e todo iso que xa é morrer, máis aló diso, cando as cousas se poñen complicadas, para min é un luxo traballar con Antía Otero cada día e termar dun proxecto como é Apiario que cre profundamente na cultura, na palabra, na poesía, na linguaxe, en achegar iso aos centros de ensino de forma imbricada completamente.

Conversas con... Dores Tembrás

Tes en mente algunha nova obra ou algún novo proxecto que nos poidas adiantar?

O último que saquei foi Auga a través, que é unha obra coa que estou feliz e que ten moi poucos meses realmente porque é deste outono. Gústame moito traballar por proxectos pequenos e a plaquette era un formato ao que eu lle tiña moitas ganas. Son nove poemas sobre un único concepto, o asolagamento. Fun moi feliz escribindo isto e o feito de que se convertera nunha plaquette así, con este deseño tan marabilloso de Tamara Feijoo, foi a primeira vez que o obxecto que ti tes na mente se realiza sen que haxa ningún cambio. Este exactamente é o libro que nós pensamos en Apiario, non hai nada, nada que quedara sen facer. Este é o papel, este é o deseño, estes son os sucos que queríamos de Tamara Feijoo, este é o fío co que eu soñei. É unha tirada de 500 exemplares e cosémolo nós. Este traballo non o facía ninguén e sabíamos que tiña que ir cosido así.

E claro, sempre hai proxectos, sempre hai unha escrita que está aí subterránea, pero non inmediatos. Nunca teño presa na escrita. Publico moi pouco, demórome moito con cada libro. Foron catro anos dende O pouso, despois veu a Cronoloxía da urxencia  co peizoque Roque –editado en Galaxia, con ilustracións de Xosé Tomás- no medio, e agora isto. Non teño apuro, gústanme os procesos da escrita, desfrútoos ata que se converten nunha obsesión.

Dores_TembrasDores recomenda…

  • Un disco… Nordestinas.
  • Un lugar… San Sadurniño.
  • Un soño por cumprir… Todos os libros que están por escribir, todo o que virá.

 

No virtual podes atopar a Dores en…

Advertisements

Acerca de nmartinezrey

Bibliotecaria fascinada polo social media, a comunicación 2.0 e o coaching. Cada día é unha nova oportunidade de aprender algo máis ;-)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: