Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

Dúas historias máis para a nosa Biblioteca Vivinte!

A principios do mes de xaneiro presentabamos ao alumnado de 4º ESO do IES Agra do Orzán a proposta Libros Vivintes, iniciativa que se ven desenvolvendo na Biblioteca Ágora dende o ano 2013 co obxectivo de dar a coñecer a rapaces e rapazas historias de vida de veciños e veciñas do barrio a partir das cales reforzar o traballo en valores e o desenvolvemento persoal dentro e fóra das aulas.

A esencia do programa Libros Vivintes ten a súa orixe na Biblioteca Humana (Human Library), experiencia que iniciou a ONG Stop the Violence na cidade de Copenhague a finais dos anos 90. Ronni Abergel, creador da mesma, di sobre esta:

“Cando les utilizas a imaxinación e eres receptor, coas bibliotecas humanas é o mesmo, as persoas comparten contigo as súas historias e ti podes escoller a de quen queres coñecer e incluso, responderá ás túas preguntas”.

Nesta ocasión o alumnado tiña a opción de escolla entre dous relatos –Hoxe de menú: xenética e Poética random– para despois vir a coñecer á biblioteca ao libro vivinte que querían escoitar, á historia detrás do relato que querían descubrir, á persoa que querían coñecer. E tras Hoxe de menú xenética Poética random están Santiago e Roberto Casteleiro respectivamente, aos que rapaces e rapazas tiveron ocasión de escoitar nunha sesión na biblioteca que tivo lugar o martes 24 de febreiro. É momento de compartir agora con todos vós as experiencias vividas ese día.

Hoxe de menú: xenética

O alumnado que escolleu o relato Hoxe de menú: xenética descubriu en Santiago unha enorme forza para afrontar a vida, superar obstáculos e disfrutar o día a día. El padece retinosis pigmentaria, unha enfermidade ocular de carácter dexenerativo e hereditaria que produce unha grave diminución da capacidade visual e que o deixou cego por completo aos 28 anos de idade. Nese momento empezou a traballar na ONCE, onde desenvolveu a súa labor ata o 2008, ano no que se xubilou.

Santiago compartiu co alumnado a súa particular maneira de facer fronte ás adversidades na vida e deixou moi claro que a súa cegueira non lle impediu traballar, ter parella, familia ou vida social. Non obstante, tamén nos falou dos obstáculos e barreiras arquitectónicas que se atopa día a día no entorno e nos edificios, un asunto sobre o que todos debemos reflexionar e tomar consciencia.

Libros Vivintes: Santiago

Tamén nos fixo partícipes do seu gusto pola lectura, algo do que pode gozar grazas a un aparello como é o Victor Reader Stream que permite escoitar libros en formatos dixitais como o DAISY (Digital Accesible Information System), así como tamén escoitar documentos de texto e música en formato mp3. E descubrimos ademáis que hai outros moitos aparellos adaptados que facilitan a vida diaria das persoas invidentes como por exemplo, básculas, termómetros, cazolas ou reloxos parlantes.

Pero Santiago non acudiu só á biblioteca senón que chegou acompañado do seu amigo Jose, de Nerea e do seu inseparable Zuc, un can guía tranquilo e cariñoso que leva xa con el seis anos.

Libros Vivintes: Santiago

O servizo de can guía é proporcionado pola Fundación ONCE Perro Guía (FOPG) ás persoas afiliadas á organización que cumpran certos requisitos que garanticen que esa persoa vai a empregar axeitadamente ao can guía para a finalidade que este debe cumprir. Nada máis nacer estes cans son acollidos por familias educadoras seleccionadas pola FOPG e transcurridos 14 meses regresan á escola onde comeza o seu adestramento específico que os prepara para axudar a unha persoa cega ou cunha deficiencia visual grave nos seus desprazamentos.

Santiago contounos que o nome aos cans guía póñenllos na escola de Boadilla del Monte (Madrid) a onde foi a buscar a Zuc un 6 de setembro de 2010. Logo dun período de adaptación de 15 días onde Santiago tivo que afacerse ao can e viceversa, ambos aterraron na Coruña.

E despois de escoitar a Santiago e coñecer a Zuc, rematamos a sesión cantando liña e é que tivemos a oportunidade de xogar a un bingo adaptado para persoas invidentes ou con dificultades graves de visión.

Libros Vivintes: Santiago

Poética random

As persoas que escolleron Poética random tiveron oportunidade de coñecer a Roberto Casteleiro, un músico e educador social moi comprometido coa cultura, a inclusión social e as novas pedagoxías, que desempeña a súa labor no Centro Ocupacional Pascual Veiga. Alí puxo en marcha Naranja Imaginario, un proxecto innovador que combina arte, pedagoxía e música experimental.

Naranja Imaginario é un grupo de música electrónica formado por persoas con diversidade funcional. En palabras do propio Roberto, “unha mistura de paixón, tecnoloxía e traballo en equipo que facilmente pasa dos ensaios do centro aos directos no escenario”.

Confesounos que na súa época de instituto non escoitaba case música, salvo algún grupo que a día de hoxe todavía lle segue gustando como é o caso de Apollo 440, e que a súa faceta musical comeza aló polo ano 2008. Unha carreira artística relativamente recente, pero realmente prolífica con varios proxectos en activo como KoroievKorokati, Federico Flesfa, Fagot y Popota e Primrose. Tamén fai traballos de composición musical para videos, xogos e documentais. Entre outros, púxolle música ao video homenaxe ao ilustrador e caricaturista galego Álvaro Cebreiro polo Día da Ilustración 2017 e ao documental Contra os elementos, que busca visibilizar e poñer en valor o deporte femenino.

Libros Vivintes: Roberto Casteleiro

Na sesión compartiu tamén con nós as súas vivencias da época universitaria, anos de facer fronte á toma de decisións, de deixar de ser o que se supón que “tes que ser” para empezar a descubrir quen es e que queres facer. Nos fixo partícipes ademáis da súa visión sobre conceptos como o éxito, o fracaso e incluso sobre un tema que aparece moitas veces presentes no eido das artes como é o ego do artista.

Hai unha frase da obra El lobo estepario de Herman Hesse que fala do universo e que Roberto destacou: “Cando o universo che di que o estás facendo ben, que vas polo bo camiño, hai certos signos que tes que ler e cando empecei a facer música percibino. Como isto é o que teño que facer”.

O trap tamén estivo presente e deu lugar a un interesante debate sobre as letras que predominan habitualmente neste xénero musical. Creouse un clima ameno e distentido onde todo o mundo se sentiu cómodo para expresarse e compartir o seu punto de vista.

Pero non todo foi falar e o alumnado tivo ocasión de experimentar coa música e crear sons en vivo en directo cunha mandarina e unha mazá! E pechamos a actividade todos xuntos, tanto o alumnado de Hoxe de menú: xenética como o alumnado de Poética random, facendo música da man de Roberto.

Libros Vivintes: Roberto Casteleiro

Outra edición de libros vivintes que remata e unha nova que xa estamos a preparar para o alumnado de 1º Bacharelato do IES Agra do Orzán e que terá lugar no mes de marzo. Unha proposta que nos permite descubrir moitas persoas con historias de vida interesantes, pero tamén comprender a importancia de aprender dun xeito diferente, escoitando activamente aos demais e intercambiando visións e realidades diferentes.

Para rematar, queremos trasladar o noso agradecemento a Santiago e Roberto, que dende xa forman parte da nosa Biblioteca Vivinte, que cada día segue a crecer!! Tamén a Nerea, que colaborou con nós na sesión Hoxe de menú: xenética. E como non, dar as grazas tamén ao profesorado do IES Agra do Ozán pola súa colaboración, especialmente nesta edición a César e Milagros, e ao alumnado que participou desta volta. Sen todos vós non sería posible!

Advertisements

Acerca de nmartinezrey

Bibliotecaria fascinada polo social media, a comunicación 2.0 e o coaching. Cada día é unha nova oportunidade de aprender algo máis ;-)

7 comentarios en “Dúas historias máis para a nosa Biblioteca Vivinte!

  1. Consuelo
    Febreiro 13, 2017

    Muy, muy interesante. Enhoraboa..

    • nmartinezrey
      Febreiro 13, 2017

      Consuelo, moitas grazas por pasarte polo blog e por comentar. O certo é que Libros Vivintes é unha proposta que funciona moi ben co alumnado tanto de 4ºESO como de 1º Bacharelato porque permite aprender dos demais dun xeito diferente e compartir reflexións e puntos de vista distintos. De novo, mil grazas.

  2. Roberto Casteleiro
    Febreiro 17, 2017

    Reblogged this on – Roberto Casteleiro – and commented:
    O día 24 de Xaneiro vivín un momento apaixoante na Biblioteca do Ágora. Formei parte da colección. Fun un libro vivinte. Grazas e Eva e a Nuria. ❤

    • nmartinezrey
      Febreiro 20, 2017

      Moitas grazas a ti por compartir con nós a túa historia e a túa visión do mundo, Roberto. O alumnado valorou moi positivamente a experiencia, así como tamén nós dende a Biblioteca. Mil grazas de novo, por formar parte da nosa Biblioteca Vivinte. Unha aperta.

  3. Pingback: Participación en Libros Vivintes – Roberto Casteleiro

  4. Pingback: Libros Vivintes 2017 | Biblioagra

  5. Pingback: Libros Vivintes 2017 con 1º BAC | Biblioagra

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: