Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

Roteiros en rede

roteiros_rede_12

As persoas son o primeiro, con esa máxima comezamos outro ano máis un dos programas mellor valorados dentro do proxecto Suma Ágora, os roteiros polo barrio. Co alumnado de 3º de primaria do CEIP María Barbeito desfrutamos da descoberta de persoas, servizos e recursos interesantes na nosa contorna desafiando aos elementos en pleno inverno.

Roteiro Suma Ágora: CEIP María Barbeito

Nesta nova edición falamos de roteiros en rede. Por qué?

Unha rede humana posibilita cada ano que os diferentes grupos de alumnos e alumnas poidan coñecer e compartir con distintas persoas e amosando realidades moi diversas, lugares interesantes do seu barrio. Para poñer en valor e reforzar a identidade colaborativa da proposta, convidámosvos a poñerlle cara a algunhas das persoas que cada ano comparten con nós a experiencia dos roteiros.

Un pequeno centro cívico cheo de persoas interesantes

Roteiro Suma Ágora: CEIP María Barbeito

No local da asociación de veciños do Ventorrillo sempre nos reciben cos brazos abertos, dispostos a ensinar os recursos que alberga este pequeno Centro Cívico que, ademais das dependencias da AAVV, tamén recolle a sede da Peña Deportivista do Ventorrillo e as Escolas Deportivas de fútbol. Da súa canteira saíron xogadores  como Thiago Alcántara e Lucas Pérez, dos que hai poucos pequenos que non teñan referencia. Na AAVV temos a oportunidade de compartir un anaquiño cun dos nosos colaboradores habituais, o profesor de Taichi Manuel Aceña, que ademáis de compartir explicacións para achegarlle aos máis pequenos os fundamentos desta arte marcial chinesa, nunca perde a oportunidade de ensinar algúns dos pasos máis recoñecidos nesta disciplina.

Un depósito de auga con escaleira de caracol

Roteiro Suma Ágora: CEIP María Barbeito

Subiremos ao depósito de auga? Preguntan de maneira recorrente os nenos e nenas  cando por fin accedemos ás instalacións que tutela Emalcsa e que por segundo ano abriron as súas portas para recibirnos. Alí está esperandónos Adrián, cunha chea de respostas para as ducias de dúbidas que enchen a cabeza dos pequenos. Como chega a auga á casa? Cantos litros collen neste emblema do barrio xa en desuso desde hai máis de corenta anos? Pero quizáis o máis simpático sexan as confesións dos netos ante avós que non pechan a billa mentres cepillan os dentes. Nesta visita, na que temos a posibilidade de escoitar o bruar dos motores que bombean auga a todos os recunchos da cidade, saímos cun agasallo en forma de mochila que nos transforma a partires dese momento nun grupo de gotiñas con pernas.

Un mercado de proximidade con xente  amábel e cercana

Roteiro Suma Ágora: CEIP María Barbeito

Nunca deixamos de visitar un dos lugares máis recoñecidos e recoñecibles pola veciñanza, o mercado das Conchiñas, nel transformámonos nxs compradorxs do futuro adiviñando as procedencias máis exóticas dos produtos da terra: caquis ou kiwis galegos, repolos e pavos xigantescos,  ou peixes do pincho. Desta volta presentamos un clásico nos nosos roteiros, Maruja, que nunca deixa indiferente a ninguén ao compartir as posibilidades culinarias das vísceras do polo, arriscándose á conversión masiva de veganos que se puidera dar entre o pequeno público. Amabilidade e calidade nos produtos, pero tamén nas persoas, é o que define a este mercado e ás súas xentes. Nós confesamos que non nos resistimos a baleirar o recuncho das receitas de coello de Maruja, porque despois do susto dos fígados, entráronnos a todxs ganas de cociñar.

Un observatorio meteorolóxico con globo sonda e paracaídas

Roteiro Suma Ágora: CEIP María Barbeito

Victoria é usuaria das bibliotecas municipais e traballadora do Observatorio Meteorolóxico da cidade, con ela e coa equipa que cada día fai posible que os datos que aporta o radiosonda que se eleva desde o barrio da Agra enviando datos de humidade, presión e temperatura sexan contrastados a nivel internacional, compartimos parte do noso roteiro co María Barbeito. Neste punto o actor principal é o globo, a temperatura emocional dos pequenos sube cando son copartícipes da solta do mesmo ao que seguen ata perderse no ceo, prometendo levantaranse para seguilo na bota nocturna. Con Victoria descubrimos ademais un xardín  meteorolóxico cargado de segredos inconfesables, como o uso que do evaporímetro fan os gatos, bebendo sen control até alterar os resultados do trebello, toda unha descuberta científica.

Por último queremos facervos partícipes  dunha proposta, doutro segredo e dun convite, ademais dun sentido agradecemento.

A proposta

Roteiro Suma Ágora: CEIP María Barbeito

O barrio do Ventorrillo é coñecido por ser un barrio graffiteiro, nel vive Brais Martínez Trigo, artista plástico, gañador en dúas edicións do Xuventude Crea e colaborador da Asociación de Veciños. No roteiro non deixamos de compartir algunhas das intervencións que ao longo do paseo nos ofrecen as paredes e, por petición do alumnado, propoñemos un “especial roteiro graffiteiro”, que achegue esta modalidade de arte urbana aos máis pequenos e no que poidan canalizar tanta creatividade como a que amosan nas nosas rotas urbanas.

O segredo

Roteiro Suma Ágora: CEIP María Barbeito

Cando no roteiro homenaxeamos a figura do cantante e artista Pucho Boedo, natural do barrio da Silva, ademais de compartir temas como “A Santiago voy…” e lembrar aos Tamara, este ano fixemos unha descuberta que nos deixou coa boca aberta. Luz, profesora de 3ºA do María Barbeito contóunos que Mario Casas, un dos actores galegos máis coñecidos nos últimos anos, ten as súas orixes no barrio da Silva! De alí son seus pais e quizáis nalgún momento puidera chegar a ser un dos protagonistas da nosa sección Conversas Con…todo un descubrimento.

O convite

Desde a Biblioteca Ágora facemos un chamamento a toda a comunidade educativa, e mesmo a todas as persoas que participan  cada ano nos roteiros,  a que participen do convite que desde aquí facemos para descubrir á biblioteca como recurso do barrio, como servizo do que botar man, como espazo e punto de encontro e por suposto, como canalizador das necesidades do barrio.

Roteiro Suma Ágora: CEIP María Barbeito

O agradecemento

Para pechar queremos trasladar o noso máis sentido agradecemento ao María Barbeito, á súa dirección, á coordinación de actividades e, por suposto, a Rosa, Luz e Belén, así como a todo o profesorado de apoio que coa súa implicación, melloras aportadas e ganas de facer, axudan a consolidar esta actividade ano tras ano.

Grazas do mesmo xeito a todas as persoas que aportan coa súa colaboración un grao no desenvolvemento da proposta, por crer e facer deste xeito de traballar a mellor rede  de colaboración.

Até a próxima!

Advertisements

Acerca de evavieites

Bibliotecaria. Creo na biblioteca como unha experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para tod@s.

2 comentarios en “Roteiros en rede

  1. Chelo Rodriguez Gayoso
    Febreiro 2, 2017

    Enhorabuena por tan magnífica actividad.Conocer el entorno, su gente y sus recursos es una lección de y para la vida que jamás se olvidará.
    saludos

    • evavieites
      Febreiro 2, 2017

      Grazas Chelo de novo polas túas aportacións. A verdade é que os roteiros polo barrio ademais de ser una actividade consolidada, están entre as propostas mellor valoradas por toda a comunidade educativa. Poñer en valor o que somos a través de descubrirnos é sempre positivo.

      Un saúdo

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: