Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

“O meu soño non ten que ver co deporte, gustaríame cambiar o mundo”

O Club Halterofilia Coruña leva traballando trinta anos para aportar á cidadanía unha dobre labor deportiva e social,  xestando unha das canteiras máis consolidadas nunha disciplina minoritaria que ten como obxectivo fundamental ás persoas.

Conversas con... Fátima, Ana, Luis e Román

Compartimos con Anxo, Román, Ana e Fátima a nosa sección Conversas con Con eles achegámonos a un deporte vestido de prexuízos que a través desta entrevista botará por terra a imaxe da halterofilia como unha disciplina de forzudos circenses do século pasado.

Mentres buscamos o mellor lugar para compartir inquedanzas, Fátima lembra a súa vinculación coa Biblioteca ao mirar as columnas onde están as caras das veciñas e veciños dos nosos barrios. Sorrí cara a súa e coméntalle aos compañeiros que ela é da casa.

Antes de nada, moitas grazas aos catro por visitarnos na Biblioteca para participar desta sección, onde por vez primeira catro persoas son as protagonistas. Escoitamos os vosos nomes como referentes no deporte dentro do IES Agra I da man de Milagros, e non dubidamos en convidarvos para descubrir quen se agochaba detrás destes campións de tan só 14, 15 e 16 anos. Como comeza a vosa afección pola halterofilia?

Anxo- Cando estaba en primeiro da ESO viñeron os de Halterofilia Coruña facer unhas probas ao instituto nas clases de educación física. Despois de facer as probas dixéronnos que os que tiñamos boas aptitudes para facer o deporte recibiriamos unha carta. Eu non pensei recibir unha das cartas porque nunca me vin como unha persoa boa no deporte e, cando me chegou púxenme moi contento e fun probar, desde entón non o deixei. Gustóume moito.
Fátima- No meu caso foi o mesmo, en primeiro da ESO viñeron facer as probas e a min persoalmente gustóume moito desde o principio. Cando vin a carta dixen, adiante.
Ana- Eu tamén polas probas, compromentinme de ir un día por alí e fun, como vin a Fátima e eramos amigas do instituto… fun por ela.
Román- Recórdoo moi ben, dentro de pouco fará tres anos. Viñeron nunha das clases de educación física e fixéronnos varias probas: lanzamento dunha bola terapéutica, unha proba de flexibilidade agarrando unha barra para ver ata onde poderiamos baixar, saltos, tamén nos pesaron e mediron. A min colléronme e gustóume, desde entón pasaron tres anos case.

Conversas con... Fátima, Ana, Luis e Román

Fátima Sanfo, campiona galega en 63 KG

A halterofilia é un deporte moi descoñecido e con moitos prexuizos, como lle explicariades a unha persoa allea a este deporte que hai detrás do mesmo?

Fátima– A primeira imaxe que á xente lle ven á cabeza é a do músculo, relaciónano coa masa muscular. Pero é un deporte que se basea en levantar pesos coa aplicación dunha técnica.
Ana- É un deporte que consta de dúas modalidades e con técnica vas pouco a pouco subindo de peso e mellorando.
Anxo- Asóciase sobre todo ao culturismo, pensan que é máis ou menos o mesmo pero non ten nada que ver. Eu creo que o obxectivo principal da halterofilia non é superar aos demáis, é superarse a un mesmo. Moitas veces pensas que non vas poder facer algo ou que che vai costar moito, pero con esforzo e se queres facelo acabas superándote moitas veces.
Román- Maioritariamente do que se trata é de técnica, a técnica é o que fai que poidas manter o peso encima do teu corpo. No culturismo pola contra, sería máis a forza física dos músculos. Do que se trata é de ir mellorando as capacidades para levantar cada vez máis peso nesas dúas modalidades, coñecidas como arrancada e dous tempos.

Conversas con... Fátima, Ana, Luis e Román

Anxo Silva,  primeira mellor marca sub 15 e cuarta mellor marca sub 17 galega

Cal foi a aceptación da práctica deste deporte nas vosas familias?

Fátima- Eu a primeira vez que llelo dixen a miña nai pronunciei mal halterofilia, non sei nin que palabra dixen, pero parecéulle moi raro porque sempre tivera feito cousas como baile, teatro. Afortunadamente ela non tiña os prexuízos que algúns pais teñen.
Ana – Miña nai comezou con medo, “se vemos que te musculas moito déixalo”, así é que fun pouco a pouco. Sempre que había algunha competición fixábase nas rapazas que estaban por alí para ver se estaban moi musculadas.
Román – No meu caso desde pequeno practicaba máis deportes, pero non me encontraba cómodo con eles. Ao facer as probas e recibir a carta decidín probar. Meus pais investigaron tamén polo da altura e foron preguntarlle ao entrenador que lles dixo que iso non tiña importancia, que viran a todas as persoas que estaban entrenando e que había algúns moi altos.
Anxo -Na miña familia tomárono moi ben, estaban moi contentos porque había tempo que non practicaba ningún deporte e querían que empezase a ter unha condición física sá. É certo que os meus avós tiñan un pouco de medo a que me fixera dano, pero levo case tres anos facendo halterofilia e lesións importantes, ningunha.

Conversas con... Fátima, Ana, Luis e Román

Ana Arufe, campiona de España en 58 KG

Que aceptación ten a muller na halterofilia? É un deporte tan individual como parece?

Fátima- En xeral ben, inda que ás veces é un pouco machista, porque a xente ten unha imaxe equivocada ao asociar a forza cos homes. Teñen ese xeito de pensar en xeral, pero sentímonos integradas.  A halterofilia non é un deporte discriminatorio en xeral.
Ana – Cando dis que fas halterofilia sempre che din que é un deporte de homes e pensan que vas sacar moito músculo, a verdade.
Anxo -Pero a xente que vai a halterofilia sabe como funciona e xa non o pensa, porque hai moitas mulleres que son moito máis fortes que calquer home. E non é individual para nada, sobre todo ao principio é moi importante que haxa alguén ensinándoche a facer as cousas ben.
Román – É moi importante ter xente ao redor que está facendo ao mesmo tempo que ti un esforzo, tes un sentimento de esforzo compartido para dar o máximo.

Conversas con... Fátima, Ana, Luis e Román

Román Pose, campión de España sub 15 en  85 KG

Que é o máis importante que vos aportou a halterofilia neste tempo?

Fátima- Descubrir que podía facer iso, nunca me tivera pasado pola cabeza lograr levantar X kg e ter a posibilidade de coñecer tanta xente cos mesmos obxectivos ca min.
Ana – Ao ser un deporte tan minoritario cando coñeces a alguén novo compartes moito os sentimentos. Sentes que podes entenderte con calquera persoa de España ou do mundo que fai halterofilia e compartir o mesmo obxectivo.
Anxo -A min o que máis me importa é a confianza en min mesmo, agora teño moita máis confianza en min que antes. E seguramente se sigo entrenando e pasándoo ben cos meus amigos conseguirei moita máis confianza.
Román – Que o esforzo sempre vai ser necesario para conseguir algo.

Conversas con... Fátima, Ana, Luis e Román

A halterofilia é un elemento que une, que conecta, un colectivo sen fronteiras. Tedes pensado continuar vinculados ao deporte?

Fátima- Eu cando empecei fun consciente de que me interesaba o deporte en xeral. Gustaríame facer INEF e continuar vinculada co deporte, para min isto é un punto e seguido. O deporte presentóuse como algo que me importa moito e quero seguir vinculada a el.
Ana – Eu ao principio empecei un pouco por diversión, por saír da casa, pero a medida que vai avanzando no tempo vexo que quero seguir. Téñome plantexado chegar o máis lonxe posible e cando remate rematou, pero seguir relacionándome con máis deporte.
Anxo -Eu teño algúns amigos que teñen claro o que queren facer coa súa vida, outros non, eu non estou seguro, teño baralladas algunhas cuestións pero non sei que facer. Pero o que sí estou seguro é que quero seguir practicando este deporte ata que non poida.
Román – A min gústame polo feito de estar con xente, faime sentir mellor, pero eu véxoo como unha afección, ao mesmo tempo inda que quero chegar máis lonxe quero diferenciar a miña afección e gusto co que quero facer.

Conversas con... Fátima, Ana, Luis e Román

Esta é unha biblioteca que está inserta nun centro cultural , moitas veces a cultura e o deporte vívense de maneira independente como dous mundos que nada teñen que ver. Que pensades desa división do mundo da cultura co mundo do deporte?

Fátima- Pois que o deporte tamén é cultura, tes que ter uns referentes, saber algo do teu deporte, onde se orixinou, de que maneira.
Anxo -Ademáis cando un deporte che gusta sempre podes chegar a sentir curiosidade por el, as orixes, quen o practicaba e se, por exemplo, na clase tes que facer un traballo moitas veces escolles ter máis coñecementos sobre ese deporte.
Román – A diversión que provocan os deportes tamén ás veces se lle inculca á xente da zona, do barrio, tamén iso forma parte da cultura.

Vós podedes ser referentes para moitos nenos e nenas. Quen son os vosos referentes?

Ana- Eu como referente teño a Víctor Castro, que xa desde antes de entrar en halterofilia vino en redes sociais e pensei que ese home era guauuuu! Preocúpalle o que ti es como persoa, máis que ti como deportista. Logo tamén unha moza xoven que entrou coma nós e agora é  moi boa no deporte, chámase Irene Martínez.
Fátima – Eu tamén teño como referente a alguén do ximnasio que para min é un exemplo de superación, inspírame moito e  estivo apoiándome, ademáis nas competicións tamén está involucrado, é un heroe para min. É Vítor Castro. Sempre se preocupa de se estamos ben máis alá do deporte, na casa, nos estudos.
Román – No meu caso un dos meus referentes é Feren, un antigo olímpico do club,  porque cando cheguei ademáis de darme moito apoio, vin que era unha persoa normal que falaba comigo de igual a igual e, ao mesmo tempo, daba o seu máximo en cada entrenamento. Outro referente que non ten que ver con este deporte é un boxeador, James J. Braddock, apodado o bulldog de Nova York, no século pasado tivo unha lesión moi importante na man boa e volveu ser campión boxeando co puño esquerdo.
Anxo -No mundo da halterofilia practicamente todos son un exemplo de superación e de paixón polo deporte, se tivera que quedarme con un sería Vítor Castro, porque ademais de ser campión de Europa entrena con nós e pódese falar con el sen ningun problema. Despois os meus referentes no mundo en xeral son as persoas que superan as súas discapacidades, para min son moi importantes. Tamén o traballo de Bill Gates gústame moito e paréceme impresionante.

Conversas con... Fátima, Ana, Luis e Román

Despois de convercernos de que a halterofilia é un dos deportes máis divertidos, que se precisa para practicala?

Ana- Danche todo.  Cando nos desprazamos a Madrid ou a calquera lugar págannos todo.
Anxo – Requírese un calzado especial, pero tamén cho dan. Pagan transporte, comida, hotel, concentracións, todo. Todo o mundo ten as mesmas posibilidades de facelo.
Román -Se por exemplo queres ter as túas propias botas podes compralas, pero eu sigo tendo as que me deixaron e son moi cómodas. O maillot tamén cho deixa o entrenador porque representamos ao mesmo club, se precisas algún cinturón tamén  o proporcionan.
Fátima – Para nada hai que facer unha inversión económica, o único que tes que pagar é o seguro, pero non é moi caro. Cúbreche todo durante un ano enteiro.

Chegamos á conclusión de que a halterofilia é un deporte igualador no social e no físico e que son moitos os valores que se traballan na súa práctica diaria. Fátima, Ana, Anxo e Román contáronnos moito máis sobre este deporte, pero algo deixaremos no tinteiro para que xs lectorxs inquedos poidan descubrir. As súas aportacións finais son unha escolma de recomendacións: libros, música e mesmo algún filme.

Conversas con... Fátima, Ana, Luis e Román

FICHA EXPRESS
Un libro
  • AnxoNunca seré tu héroe de María Menéndez Ponte, cando o lin gustóume moito o xeito de tratar os temas da adolescencia e, sobre todo, como está narrado. É un libro que recomendo a todo o mundo, sobre todo a xente que ten fillos ou que está na idade da adolescencia.
  • Román – Eu lembro un libro de cando ía na primaria que me gustou moito Os demonios de Barcelona, de Lluis Bosch Albert, polo misterio que tiña e tamén porque deixa un final aberto.
  • FátimaA man dos paíños, de Manuel Rivas, ese libro encantóume, díxonos a profesora de galego que tiñamos que ler ese e enganchóume, está ambientado en Inglaterra e Galicia.
Un grupo
  • Román – A min gústame unha canción que leva por título Hall of fame, dun grupo chamado The script, porque representa o esforzo, algo que no deporte é fundamental, ademáis de ter bo ritmo. No videoclip trata o tema do deporte e da danza ao mesmo tempo.

Conversas con... Fátima, Ana, Luis e Román

Un filme

  • RománCinderella Man
  • Fátima – Eu son moi freak e fan de Harry Potter desde o principio ate o final. O meu filme é Harry Potter e a Pedra filosofal, é a mellor de todas.
  • AnxoMillion dollar baby, é unha das miñas películas favoritas e representa o esforzo no deporte como o boxeo, porque hai que ter moita dedicación e entrenar moi duro para poder chegar.
  • Ana – Pois eu vou ser tamén un pouco freak e teño que recoñecer que a película da miña vida foi High School Musical.

Conversas con... Fátima, Ana, Luis e Román

Un lugar e un soño
  • Anxo – O ximnasio é un lugar moi bo para estar, eu coñecía a Román desde hai tempo e agora somos amigos, non por entrenar xuntos, pero entre falar e falar coñeces á xente. O meu soño é chegar a gañar un europeo, véxoo difícil pero cada vez teño máis ganas de intentalo con máis forza.
  • Fátima – Onde eu entreno é o meu sitio especial, un lugar onde o damos todo, onde teño fallado, gañado, parece unha tontería, pero é especial para min. Nese sitio teñen pasado moitas cousas, comecei desde o máis baixo e fun subindo. Para min o meu soño tamén é gañar un europeo, eu non o vexo imposible, véxoo difícil, pero canto máis me esforce máis o vou crer e poderei, se eu penso que podo, poderei.
  • Ana –Serra Nevada, porque fun cos da federación española a unha concentración e alí dino todo, mellorei un montón desde que fun alí e agora é o meu referente. O meu soño é chegar ao europeo en sí. Gañalo ou non é igual, o poder ir e desfrutar da experiencia é algo que quero e non o vexo tan lonxano.
  • Román – O ximnasio é o meu lugar porque abríume as portas ao deporte, a unha forma nova de pensar e demostróume que o esforzo da os seus froitos. O meu soño non ten que ver co deporte, gustaríame algún día ser un referente para a xente, que vexan que o esforzo que lle puxen a calquera cousa serviu para cambiar o mundo.

Son minutos intensos os compartidos con estes/estas catro deportistas que tiveron forza emocional e madurez para amosarnos os segredos dunha disciplina que vai máis alá da práctica do exercicio físico. Esperemos que os soños compartidos se fagan posibles e que continuedes sendo un referente no mundo da halterofilia e desfrutando de momentos tan fermosos como os vividos con nós. Grazas aos catro, ao IES Agra I, a Milagros e a todas as persoas que facilitaron e fixeron posible esta entrevista.

E mentres o europeo non chega, deixámosvos coa música de The Script, un pracer!

 

 

Advertisements

Acerca de evavieites

Bibliotecaria. Creo na biblioteca como unha experiencia social positiva. Un espazo para todo o mundo e o que implica en calquera contexto: prosperidade para tod@s.

2 comentarios en ““O meu soño non ten que ver co deporte, gustaríame cambiar o mundo”

  1. Pingback: A halterofilia no instituto da man de Ana,Fátima,Anxo e Román | Biblioagra

  2. Pingback: Deporte e saúde estrean os roteiros xuvenís polo barrio | Suma Ágora

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: