Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

“A música é un medio para transmitir un sentimento”

Dende hai máis de trece anos vive e traballa no barrio do Ventorrillo o baixista coruñés Álvaro Muras (6 abril 1972). Apaixonado da música en directo e da experimentación e innovación dentro do eido musical e das artes escénicas, Álvaro conta xa cunha ampla traxectoria ás súas costas.

Sorrindo achégase ata a Biblioteca Ágora para participar na nosa sección “Conversas con…” e compartir con nós as súas inquedanzas, os seus proxectos e, sobre todo, o seu amor pola música. Dende aquí, moitas grazas Álvaro!

alvaro_muras

O barrio e a biblioteca…

Á parte de pola túa faceta musical coñecémoste porque es usuario habitual da biblioteca, cal é a túa visión do barrio no que se ubica e da propia biblioteca en si mesma?

Quizais isto é algo máis cunha biblioteca. Hai quen ven exclusivamente a consultar libros, pero tamén hai xente que entende o novo concepto e que a ven como un espazo no que poden, por exemplo, facer reunións de traballo. As estruturas condicionan moito como se usa un edificio e un sitio tan aberto non pide un silencio sepulcral. A min gústame a Biblioteca Ágora, véxoa como un espazo amplo no que andar libremente.

Que posibilidades lles ves ás bibliotecas como espazos de creación?

Moitas, pero sempre tendo en conta a convivencia das actividades coas necesidades dos usuarios que veñen á biblioteca a consultar materias ou a estudar. Trataríase de separar nun espazo con barreiras acústicas as actividades, cursos e/ou reunións, como xa vindes facendo nas aulas polivalentes.

Os comezos…

Como comezaches na música?

Entre outras cousas, vendo un concerto. Fascinoume esa interacción dos músicos coa xente e como transmiten o ritmo. Despois empecei a coñecer xente que traballa no mundo da música e gustoume como viven. E por que comecei a tocar o baixo e non outro instrumento? Pois realmente foi por dúas notas que escoitei nun disco, dúas notas, pero foron tocadas dun xeito que dixen ‘wow, que é iso?’. Gustoume esa sensación e foi por ese motivo que elixín o baixo eléctrico.

Quen foron os teus referentes?

Como baixista podería dicir que Jaco Pastorius, Marcus Miller, Stanley Clarke, dos que máis soan. Tamén hai un pianista que agora me encanta e que cando o escoitei por vez primeira non me gustou nada, trátase de Keith Jarrett. De feito, o seu irmá -Chris Jarrett- actuou en directo no Teatro Rosalía acompañando á proxección de “El acorazado Potemkin” en maio deste ano e foi perfecto, iso é de xenios.

No catálogo das Bibliotecas Municipais podedes atopar de Pastorius o disco Jaco Pastorius (2000) e de Jarrett, The köln concert (1975), My song (1978), Standards live (2008), Rio (2011) e Last dance (2014).

E de maneira profesional cando empezas a dedicarte á música?

Merquei o meu primeiro instrumento con 17 anos, animado por un amigo. Empecei con orquestras, percorrendo kilómetros e kilómetros. Formei varios grupos e agora mesmo no que estou máis centrado é en sacar adiante os meus proxectos. Non deixarei de tocar o baixo eléctrico e seguirei actuando en locais de concertos, pero prefiro orientarme á creación de novos proxectos para auditorios e teatros, intentando innovar dentro das miñas posibilidades técnicas. Gústame, sobre todo, experimentar.

A arte como vehículo de expresión…

E en que te inspiras?

Intento buscarlle o sentido ás cousas. Ando na procura de elementos que sorprendan pero que teñan unha razón de ser, do mesmo xeito que pode sorprenderte unha tormenta cando vas pola rúa e fai un día estupendo.

alvaro_murasÉ para ti a música ou a arte en xeral esa forma de darlle sentido ás cousas do cotiá?

Para min a música é un medio de transmitir as emocións que poidas sentir nun determinado momento, durante días ou meses. Trátase de trasladar a música ao momento cotiá, se un tema que escoitamos é triste é porque o músico o quere transmitir así, porque se sente así. En definitiva, a música para min é un medio para transmitir un sentimento.

Se a música é unha forma de transmitir emocións, cos teus espectáculos que buscas?

En primeiro lugar, pasalo ben. Busco esa satisfacción que sentes cando rematas un show e a xente sae cun sorriso. E egoistamente falando, que tanto eu como os compañeiros quedemos contentos co que fixemos no escenario.

Os proxectos…

Tiveches varias formacións musicais, cales están en activo agora mesmo?

Sigo en activo como baixista, pero agora intento orientarme ás artes escénicas. Quizais xa explorei o que a música en dúo, trío, cuarteto e quinteto podía ofrecerme e estou mais centrado noutro tipo de proxectos que proporcionan máis garantías e saídas profesionais laboralmente falando. Á parte de que artisticamente para min supón unha evolución, é a procura da experimentación, da creatividade.

Entre as formacións nas que Álvaro toca o baixo están Álvaro Muras Five, Funkatro, Muras Trío Funk e Piano & Baixo (Muras e Serxio Moreira).

A través de FusionArte?

Si, é un modo de explorar outras opcións, de crear dentro da música que eu compoño outras alternativas. Somos un grupo de xente que combinan propostas para facer unha fusión de artes escénicas de proxectos variados cun denominador común, que é a música en directo.

Estamos en fase de aprendizaxe, gústanos observar, escoitar, experimentar e, dentro das nosas posibilidades, intentar facelo ben.

Dende FusionArte dan vida a propostas que unen música e maxia, música e danza e incluso música e graffiti como é o caso, por exemplo, de Funkegraffiti.

Podes adiantarnos algo sobre novos proxectos?

Estamos en plena fase creativa, buscando a escenografía do noso novo espectáculo, A peregrinaxe da vangarda. Procuramos que sexa transportable e que se compoña de elementos naturais, xa que a idea é trasladar a través da música e a danza que pode atopar un peregrino no camiño. A primeira actuación será a primeiros de setembro.

A danza, a música e o audiovisual conflúen nesta innovadora proposta da man de Álvaro Muras (músico), Ángeles García (audiovisuais) e Mari Ah (expresión corporal). A peregrinaxe da vangarda, unha forma diferente de velo camiño.

Álvaro recomenda…

alvaro_murasUn soño… Poder seguir facendo o que fago e máis!

Un libro… Calquera dos que tendes na biblioteca na sección de Ciencias Aplicadas.

Un artista… Se teño que quedarme con un ese sería Keith Jarrett. Supuxo para min superar unha barreira xa que a primeira vez que o escoitei non o entendín.

Unha película… o drama bélico Mandarinas, filme dirixido en 2013 por Zaza Urushadze.

Un lugar… un campo rodeado de ortigas, iso é sanísimo.

Advertisements

Acerca de nmartinezrey

Bibliotecaria fascinada polo social media, a comunicación 2.0 e o coaching. Cada día é unha nova oportunidade de aprender algo máis ;-)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: