Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

Todos estamos feitos de historias, ás veces só hai que saber escoitar

Vanesa Santiago Vázquez naceu no ano 1983 en Fontán (Sada), un lugar onde -como ela ben di- todo é posible, coa súa praia, o seu castelo, as súas casas como balcóns sobre o porto, o seu Nordés, mar aos pés…

Bibliotecaria, escritora de narrativa e poesía e blogger implicada na promoción da literatura escrita por autoras galegas dende o seu espazo Maleducadas, Vanesa achégase á Biblioteca Ágora para participar na nosa sección “Conversas con…” e compartir con nós as súas inquedanzas, a súa obra e, sobre todo, o seu amor polas historias. De todo corazón, grazas Vanesa!

biblioteca_municipal_agora

Conversando con Vanesa sobre “Ninguén lembra”, a súa primeira novela publicada

O amor pola lectura e pola escrita

Bibliotecaria, blogger, escritora…O teu amor pola palabra escrita ven dende pequena?

A verdade é que o meu amor pola palabra escrita ven máis que nada polo amor polas historias. Eu creo que todos levamos historias dentro. Cando descubrín que a palabra escrita me contaba as historias foi como un frechazo que non puiden deixar afastado e seguín con el ata hoxe en día.

E escribes dende entón?

De pequena escribía relatos para a escola, pero máis que escribir o que facía de pequena era ler todo o que se me pasaba por diante. Porque eu creo que loxicamente o primeiro paso antes de escribir é ler.

E ti que lías?

Os primeiros libros que lía eran os da Colección Altea Benjamín que tiñamos na biblioteca de aula, no cole, un profesor que se chamaba Luis e que fomentaba a lectura a través de pictogramas e listados dos libros da escola nos que tiñas que marcar se che gustaran ou non, algo moi 2.0 na era analóxica. Grazas a iso os nenos sempre queríamos opinar sobre o que nos gustara e o que non e acabamos lendo todos os libros que había na aula.

De lectora empedernida a escritora

En que momento empezas a escribir con vontade de publicar?

É un proceso gradual. Ti escribes porque despois de moito ler vanse conformando historias na túa cabeza. Chega un momento no que esas historias buscan saír por algún lado e acabas collendo lápiz, boli, servilletas… calquera cousa que teñas a man para escribir. De feito, eu sempre vou cun caderno no bolso por se me veñen ideas que logo fuxen, son tan etéreas que en calquera momento se desfan. Esas ideas van tomando corpo, unha páxina detrás doutra, unha páxina detrás doutra, e cando te atopas cun certo número de páxinas escritas dis ti, e agora que fago con isto? Vou deixar que se convirta en fume como as ideas que se escapan ou vou intentar darlle saída e que outras persoas poidan ler o que xurdíu do meu maxín? Ahí foi cando me decatei de que todo o que tiña escrito conformaba unha única historia e foi como naceu a miña primeira novela.

Vanesa_Santiago_Vazquez

“Ninguén lembra” está dispoñible para préstamo nas Bibliotecas Municipais da Coruña


Falamos de Ninguén Lembra, publicada en 2012 por Urco Editora. Como xurde a oportunidade?

ninguenlembraXa tiña o material feito e corrixido. Para darlle saída, había varios camiños: ou ben a través da autopublicación coas canles que existen agora en Internet, autopublicalo en coedición con alguhas editoras que sacan en versión dixital e /ou papel ou a través da vía tradicional contactando con editoriais. Tiven a sorte de que me puxen en contacto con Urco -editorial galega especializada en xénero fantástico, ciencia ficción e terror- que deu o seu visto e prace e ata hoxe que xa está o libro circulando por librerías e feiras do libro.

Como nace a idea da historia?

As historias xurden dun montón de puntos distintos que despois se van enfiando entre eles e descubres que tes unha tea que é unha historia. Un dos sitios dos que ven é a historia do Kalevala, unha lenda épica finesa escrita por Elias Lönnrot. Pero o máis importante son as propias personaxes e a amizade que teñen entre elas para superar as aventuras que corren no libro.

E tes algunha nova obra en proxecto?

Á parte de historias longas, teño tamén algún relato de poesía que vou publicando na revista Areal da Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo de Sada, á que pertenzo. E algúns relatos fantásticos e de ciencia ficción que tiven a sorte de contar con Urco para publicalos na súa colección de Contos Estraños que recompila historias de varios autores. E logo en proxecto sempre hai cousiñas pero que nunca sabes se van quedar no caixón dos proxectos esquecidos  ou van a ter a oportunidade de coñecer mundo como Ninguén lembra.

A faceta blogger…

Dende o ano 2011 contribúes a dar visibilidade á literatura das mulleres galegas a través de Maleducadas. Abriuche portas escribir un blog?

Eu creo que si, polo  menos brindoume a oportunidade de coñecer xente interesante. Por exemplo, nunha das seccións contacto con autoras e lles fago cuestionarios, algo que me permite indagar nalgúns aspectos das escritoras descoñecidos para min. Resulta moi enriquecedor.

maleducadas

Pincha na imaxe para ir ao blog Maleducadas!

E como naceu Maleducadas?

A min as novas tecnoloxías sempre me interesaron. Ademáis, son bibliotecaria de formación e me pareceu que era un xeito de ver como aproveitar esas novas ferramentas cara a poder empregalas no traballo. Por iso naceu Maleducadas. Dinlle o sesgo de enraizarse na literatura escrita por mulleres porque me parecía que non estaba tan visibilizada como debería de estar e despois de estar traballando co blog durante catro anos, decateime de que efectivamente, por estatística as escritoras están moito menos visibilizadas que os homes.

Vanesa como creadora

Cales son os teus referentes literarios?

Todos os que teñen que ver coa fantasía, por exemplo Michael Ende que para min é unha enciclopedia da fantasía andante e, a nivel galego, estarían Agustín Fernández Paz e Xabier P. Docampo.

Vanesa_Santiago_Vazquez

“Vivir no mellor lugar do mundo ten que inspirar!”, di Vanesa

E ti en que te inspiras para escribir?

Na miña propia experiencia, no que che contan outras persoas, noticias curiosas en prensa… e mesmo algunhas das novas do telexornal da TVG son fantásticas tamén…

Fontán inspírate? O entorno do que ti es é inspirador dalgunha maneira?

Si, claro, sempre inspira. Xa o dicía Otero Pedrayo, que era da opinión de que as nosas circunstancias forman parte de nós, e tamén  Ortega y Gasset coa súa frase “yo soy yo y mis circunstancias“. Vivir no mellor lugar do mundo ten que inspirar!

Que son para ti as historias? O feito de poder contar o que nace do teu maxín…

Á parte de ser o punto de fuga de non volverme tola, porque eu creo que acabarían enchendo o maxín de tal xeito que acabaría nun psiquiátrico, creo que as historias están en todos nós. Todos estamos feitos de historias, ás veces só hai que saber escoitar tamén.

Vanesa recomenda…

Vanesa_Santiago_Vazquez

 

Un libro… A historia interminable de Michael Ende e Profecía do mar de Bernardino Graña.

Un disco… Por exemplo, o disco Ghuaue do grupo de folk Chouteira.

Unha película… A lingua das bolboretas de José Luis Cuerda.

Un lugar… Voume quedar cun país enteiro que se chama Italia e coa experiencia de percorrelo de sur a norte.

Advertisements

Acerca de nmartinezrey

Bibliotecaria fascinada polo social media, a comunicación 2.0 e o coaching. Cada día é unha nova oportunidade de aprender algo máis ;-)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: