Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

Ma come é bello vivere alla Coruña!

#viverecorogna

Preme na imaxe para ver máis fotos

Hai algo máis dunha semana aterraba na Biblioteca Ágora alumnado do Istituto di Istruzione Superiore Benedetti Tommaseo (Castello, Venecia) para participar do proxecto Ma come é bello vivere alla Coruña! Unha proposta realizada en colaboración co Colectivo de Arquitectos 1aun que ten por obxecto traballar a variada realidade que compón a cidade da Coruña e como esta se artella pivotando en torno aos grandes condensadores de usos e servizos: bibliotecas, barrios e mercados.

Alumnos e alumnas venecianos/as, de intercambio cultural no IES Monte das Moas e IES Agra do Orzán -sito na nosa área de influencia e co que vimos colaborando activamente-, tiveron a oportunidade de coñecer a cidade de cristal dunha maneira ben distinta a como pode descubrila un turista ou visitante de a pé.

O conxunto de actividades desenvolveuse ao longo de tres días: 9, 11 e 12 de abril. Compartimos agora unha breve crónica das xornadas.

Visita ao Centro Ágora e á biblioteca

centro_agora

Na zona de acceso principal do Centro Ágora

Ao longo da mañá do sábado 9 o alumnado de intercambio veneciano visitou o Centro Ágora e a biblioteca. Da man de Pili descubriron os diferentes espazos do edificio, así como tamén a rica e variada programación que este ofrece. E quedaron abraiados coa ubicación do Ágora, coa súa arquitectura diáfana -deseño do equipo formado polos arquitectos Luis Rojo de Castro, Begoña Fernández-Shaw Zulueta e Liliana Obal Díaz- e coa actividade que nel se desenvolve.

Despois de acceder ao auditorio e subir ao escenario como auténticas estrelas de teatro, continuamos a visita pola biblioteca, agora xa guiadas polas bibliotecarias ao cargo.

biblioteca_agora

Isabel contando a historia de Pecora Lella en italiano

Percorremos as distintas zonas da biblioteca, atendendo ás explicacións sobre espazos, programas e actividades vinculadas. Na sala infantil presentamos o centro de interese Aprendizaxe de idiomas e tivemos ocasión de comprobar que o alumnado se manexa ben cos idiomas e que son bos contadores de historias. Tamén puidemos falar das bibliotecas venecianas -de carácter histórico- e do uso que fai delas o alumnado -neste caso, moi pouco.

#viverecorogna

Para ver a presentación, fai clic na imaxe

Tralo momento dos contos, chegou a hora de presentar a proposta de traballo de cara aos dous días seguintes. Cinco grupos, cinco rutas e unha cidade por descubrir tomando como punto de partida as Bibliotecas da Rede Municipal, así como tamén a Biblioteca Pública Miguel González Garcés e a Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña. En primeiro lugar, o alumnado tivo que chegar a acordo para concretar catro elementos en relación co territorio en Venecia e despois facer un contraste dos mesmos na Coruña. Estas foron as súas respostas ese primeiro día:

Venecia Coruña
Un lugar Piazza San Marco Monte San Pedro
Un espazo Santa Margherita Xardíns Méndez Núñez
Un barrio Canareggio Os Rosales
Un mercado Rialto (peixe) Previo á actividade non coñecen ningún
Un referente cultural Querini Stampalia Centro Ágora
#recomendamosbmc

Carlo e Marcello fan as súas recomendacións

A continuación, organizamos os grupos e explicamos a folla de ruta para cada un deles.

Pero o sábado tamén houbo tempo para facer recomendacións. De maneira individual cadaquén compartiu o seu libro, autor, película e/ou disco de música favorito co hashtag #recomendamosbmc. E para rematar a sesión, démoslle ao play á nosa lista de reproducción Ma come é bello vivere alla Coruña! creada para a ocasión.

#VivereAllaCoruña

O luns 11 pola mañá cada grupo visitou dúas bibliotecas da cidade -sitas en barrios diferentes- e un mercado municipal, polo valor social e comunitario que teñen como puntos de encontro e interacción. Dunha banda, a cultura e doutra a comida e o comercio, ambas da man contribuíndo a dotar de vitalidade ao barrio no que se sitúan.

As instrucións que debía cumprir cada equipa de traballo son as seguintes:

  • Realizar unha fotografía do exterior de cada unha das bibliotecas que tiñan asignadas.
  • Localizar e consultar en cada biblioteca un mínimo de dous materiais da relación que se lles pasou, así como tamén selfie co documento e/ou co profesional polo que foron atendidos. A área de contidos de busca en cada centro limitouse fundamentalmente ao centenario do nacemento das Irmandades da Fala, a recoñecidos escritores  galegos (Sofía Casanova, Emilia Pardo Bazán, Manolo Rivas, etcétera) e á historia e o marco territorial-espacial da cidade.
  • Fotografar o barrio no que está inserto o edificio.
  • Radiografía de contraste de espazos entre bibliotecas.
  • Entrevistar no entorno do mercado ao público –por que compra nun mercado de cercanía– e ás persoas dos postos –cal é a orixe dos produtos.
#VivereCorogna

Arsi e Giulia B. atenden as explicacións de Vicky -directora de Estudos Locais- sobre as Irmandades da Fala

Rosa, Arsi, Eleonora e Giulia B., titorizadas por Eva -Biblioteca Ágora- visitaron a Biblioteca Municipal de Estudos Locais, o mercado da Praza de Lugo e a Biblioteca Municipal do Fórum Metropolitano. En Estudos Locais descubriron que esta biblioteca é a encargada de garantir o acceso e o uso da información local da Coruña. Alí consultaron material bibliográfico sobre as Irmandades da Fala e maquetas de música de autores coruñeses como César de Centi ou Silvia Penide.

#VivereCorogna

Rosa, Arsi, Giulia B. e Eleonora sendo atendidas por Antonio, compañeiro bibliotecario do Fórum

Tras esta visita, continuaron a súa ruta cara o Mercado da Praza de Lugo onde descubriron que o luns non é o día de mais actividade nun mercado sobre todo se falamos de peixes. Non obstante puideron comprobar que a xente compra alí porque a mercadoría é fresca e saborosa e o persoal dos postos proporciona confianza e cercanía. E remataron o seu roteiro no Fórum Metropolitano, onde seguiron facendo as súas pescudas sobre as Irmandades e tamén sobre a figura de Francis Drake e o seu ataque á cidade en 1589.

#VivereCorogna

Mati consultando “A los gallegos emigrados”, propaganda das Irmandades da Fala

O roteiro do segundo grupo, conformado por Giulia C., Mati, Diletta e Alessandra e guiado por Nuria -Biblioteca Ágora- comezou na Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña onde descubriron espazos como a bebeteca, a fonoteca, a zona de lectura e mesmo algunha sala con coleccións especiais. De feito, na sala César Antonio Molina tiveron ocasión de fotografarse cunha edición marabillosa do Quijote en italiano!  Nesta biblioteca indagaron tamén sobre a figura de Sofía Casanova e sobre as Irmandades da Fala. E atrevéronse a participar no concurso #140enpositivo cunha frase en italiano.

#VivereCorogna

Giulia C. no Mercado de San Agustín

Despois emprenderon o camiño cara o seguinte punto do roteiro, neste caso, a Biblioteca Municipal de Monte Alto. Non sen antes pararse a admirar  e fotografar o Palacio Municipal, a Praza de María Pita e a Igrexa de San Jorge, así como tamén atender ás explicacións sobre os mesmos. Na biblioteca descubriron ao grupo de rock bravú Os Diplomáticos de Monte Alto e unha antoloxía de poemas dos séculos XIX e XX sobre A Coruña. E remataron a súa ruta no Mercado Municipal de San Agustín, onde preguntaron sobre a froita, as verduras e a carne.

#VivereCorogna

Na Biblioteca Sagrada Familia

O terceiro grupo, conformado por Marco, Marcello, Carlo e Sebastiano e titorizado por Fiz -Colectivo 1aun- fixo o percorrido que vai dende a Biblioteca Municipal Ágora ata a Biblioteca Municipal Sagrada Familia, pasando pola Rúa Barcelona e facendo parada obrigada na Praza e Mercado das Conchiñas. Na Sagrada Familia localizaron A cidade dos barrios e investigaron sobre figuras destacadas como Vilar Ponte, Ramón Cabanillas ou Emilia Pardo Bazán. En Ágora incluso tiveron a oportunidade de descubrir a Pucho Boedo, veciño da Silva, crooner de éxito a nivel internacional e pioneiro no emprego da lingua galega no eido musical.

#VivereCorogna

Elena e Chiara na Biblioteca Municipal Castrillón

Gioia, Elena, Carlotta e Chiara, titorizadas por Valerio -Colectivo 1aun- comezaron o seu roteiro na Biblioteca Pública Miguel González Garcés, que recibe este nome en memoria do poeta e historiador que foi director da mesma dende os años 40 aos 80 do pasado século. Nesta biblioteca pescudaron sobre a figura de Sofía Casanova e localizaron algunha das novelas do escritor, poeta, ensaísta e periodista coruñés Manolo Rivas. Na Biblioteca Municipal do Castrillón -situada na Praza de Pablo Iglesias- percorreron todos os recunchos desta biblioteca de barrio e consultaron materiais relacionados, por unha banda, co escritor Manuel Lugrís Freire e, por outra banda, coa Torre de Hércules, o único faro do mundo de orixe romana que está en activo. E no Mercado de Elviña realizaron as súas investigacións sobre a orixe dalgúns dos produtos e sobre as vantaxes de comprar nun mercado de cercanía.

#VivereCorogna

Materiais localizados e consultados na Biblioteca Os Rosales

E o grupo 5, titorizado por Roi -Colectivo 1aun- e conformado por Alessia, Isabel, Donata e Beatrice, descubriron o barrio dos Rosales e a súa biblioteca, Cidade Xardín, o mercado de Praza de Lugo e a Biblioteca Infantil e Xuvenil de Durán Loriga. Comezaron o seu roteiro na Biblioteca Municipal Os Rosales onde visitaron a sala infantil e a sala de adultos e onde consultaron o fermoso libro para ver Vivir na Coruña: unha forma de habitar a cidade, con fotografías de Xurxo Lobato, entre outros. Tamén tiveron ocasión de escoitar un cd de música, homenaxe aos Diplomáticos de Monte Alto.

#VivereCorogna

Beatrice, Alessia e Isabel con Roi -Colectivo 1aun- na Biblioteca Infantil e Xuvenil

Despois emprenderon o seu camiño cara o Mercado Municipal da Praza de Lugo, onde algunha valente como Alessia se atreveu a probar os percebes en cru! Trala experiencia no mercado continuaron a súa ruta cara a Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil, o último punto do roteiro, onde descubriron que as guías para nenos tamén poden ser de interese para adultos, como é o caso de Catuxa te descubre A Coruña, na que atoparon algúns datos interesantes sobre a historia da cidade e onde localizaron moitos dos lugares de visita recomendada que agora xa coñecen.

Posta en común e mapa de contrastes

#ViverecorognaTralas visitas e toma de datos pertinentes, o martes 12 pola mañá reunímonos na Biblioteca Ágora para poñer en común a información recollida e cada un dos espazos visitados. Cada grupo compartiu co resto de compañeiros e compañeiras a ruta realizada, as características dos barrios polos que pasaron, os materiais localizados en cada biblioteca e as pesquisas realizadas no entorno do mercado. Isto permitíu contruír unha visión ampla e variada das distintas realidades que conforman a cidade, así como tamén plasmar no plano toda a información. De feito, realizamos de novo o exercicio de contraste de espazos do primeiro día e puidemos comprobar que o alumnado era capaz de falar dos distintos barrios, mercados e centros culturais da Coruña.

#VivereCorognaPero á parte do traballo, tamén houbo tempo de agasallos. Para o alumnado que participou da proposta e tamén para nós, algo totalmente inesperado esto último e que nos fixo especial ilusión. Eles levaron un pedazo da cidade herculina para Italia e nós gardamos nun oco do corazón a meravigliosa esperienza Veneziana.

E ata aquí esta pequena crónica das actividades desenvoltas dentro do proxecto Ma come é bello vivere alla Coruña!. Mais non queremos despedirnos sen trasladarvos o noso agradecemento como biblioteca. Grazas ao Colectivo 1aun por crer no esforzo conxunto e no traballo colaborativo. Grazas ao IES Agra do Orzán -especialmente a Begoña- pola súa implicación e vontade de colaboración coa Biblioteca Ágora. Grazas a todos os compañeiros e compañeiras das Bibliotecas Municipais, así como tamén da Biblioteca Pública Miguel González Garcés e da Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña que nos recibiron tan ben e participaron da proposta con entusiasmo. E, por suposto, moitas grazas ao Istituto di Istruzione Superiore Benedetti Tommaseo, especialmente a Norma e Annalisa -titoras do grupo de intercambio veneciano- e a todo o alumnado que estivo con nós: Gioia, Marco, Rosa, Diletta, Alessia, Elena, Marcello, Arsi, Alessandra, Beatrice, Carlotta, Sebastiano, Giulia B., Mati, Isabel, Chiara, Carlo, Eleonora, Giulia C. e Donata. Sen todos vós non sería posible!

Advertisements

Acerca de nmartinezrey

Bibliotecaria fascinada polo social media, a comunicación 2.0 e o coaching. Cada día é unha nova oportunidade de aprender algo máis ;-)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: