Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

A nosa biblioteca vivinte segue a crecer!

Non hai moito tempo anunciabamos neste blog a chegada da V Edición de Libros Vivintes, un proxecto que se ven desenvolvendo dende a Biblioteca Ágora para achegar á mocidade dos institutos da nosa área de influencia as historias de vida de veciños e veciñas. Poñer en valor o propio, romper estereotipos, promover o respecto e fomentar a reflexión e o diálogo son obxectivos que pretendemos traballar con esta iniciativa da que participou o IES Agra do Orzán en todas as edicións e á que se suma desta volta o CPR Tomás Barros.

Libros_Vivintes

Nesta ocasión a actividade realizouse en dous días:

  • 23 de febreiro, no que conviviron dúas sesións de libros vivintes simultáneas. Ata á biblioteca achegouse o alumnado de 1º Bacharelato do Agra I e de Atención á Dependencia e Educación Infantil do Tomás Barros que escollera ou ben o relato “O síndrome de Peter Pan” ou “Non son un mercenario“.
  • 1 de marzo, no que tivo lugar unha sesión para o alumnado que se decantou polo relato “Ti es o culpable de todo“.

É momento agora de compartir con todos vós quen se agocha detrás de cada relato e a experiencia do alumnado participante ao descubrilo na biblioteca.

O síndrome de Peter Pan

Isabel_RiscoUn relato que espertou gran interese entre o alumnado nada mais ver a portada e ler o título. É unha muller? É un home? Falaremos do síndrome? Foron algunhas das cuestións que preguntaron ao presentar a proposta no IES.

E tras O síndrome de Peter Pan está Isabel Risco, actriz galega a quen nós coñecemos ademais por formar parte de Trinketrinke, compañía que desenvolveu durante anos o programa Merendas con Contos nas Bibliotecas Municipais.

A sesión arrincou coa obra A esmorga, unha das obras mais coñecidas de Blanco Amor e que marcou a Isa especialmente. Para todos aqueles que non tivestes ocasión de ler a novela, recomendámola encarecidamente.

Isa falounos tamén dun momento importante no que tivo que decidir rumbo, estudar dereito ou arte dramática. Finalmente inclinouse polo teatro ao que leva vinculada dende a etapa universitaria alá polo 1997. E menos mal porque teríamos perdido unha gran actriz!

Outro punto de inflexión na súa vida marcouno a descoberta do clown e o concepto de flop, moi relacionado coa aprendizaxe que deixa cada fracaso para atopar o teu propio camiño, para alcanzar teu propio triunfo.

Non obstante, tamén se abordou a dificultade para vivir do teatro e o alumnado puxo de manifesto que as carreiras artísticas seguen sen ter o recoñecemento e a estima que lles corresponde dentro da sociedade. Pero… podemos falar no momento actual de estabilidade laboral nagunha profesión? Persoalmente só podo dicir que eu penso que o mundo precisa de máis xente que crea no que fai.

Isabel_Risco

Tania, alumna do IES Agra I, compartiu con nós un monólogo moi divertido que fala da sociedade actual

Non son un mercenario

CaxotoMáis ao norte de Cervo está Inglaterra… así da comezo este relato tralo que se agocha Felipe Díaz (Caxoto), contacontos e creador e coordinador do proxecto cultural A trastenda dos contos.

Na sesión Caxoto comezou explicando que este nome provén do alcume familiar -historia que se recolle en Non son un mercenario-, o que deu lugar á reflexión e a que algunha alumna compartise tamén o da súa familia. Contounos tamén da súa afición pola lectura, polos contos e pola narración oral dende ben pequeno e incluso confesou ler ás agochadas, compartindo con nós algún que outro truco para que non o descubrisen.

É evidente que toda esa época definiu o que el hoxe é. Mais, Caxoto, recoñeceu terse sentido coma un mercenario en varios momentos ao longo da súa vida. E… que é ser un mercenario? Alumnos e alumnas deron resposta á cuestión para chegar a concluír que é aquela persoa que traballa por cartos ao servizo dos intereses doutros.

Caxoto

Caxoto estudou Maxisterio en Educación Primaria, aínda que non exerce como docente. Algo que sinalou como importante para el foi o curso de monitor de tempo libre, así como tamén a súa chegada á Editorial Kalandraka, onte aterrou como encargado de almacén para rematar facendo unha campaña de promoción da lectura infantil en centros educativos de toda Galicia, trala realización dun curso de contacontos.

Fíxonos tamén coñecedores da súa etapa profesional en Dinamo Xestión de Actividades Socioculturais e da creación no ano 2012 do seu propio proxecto, A trastenda dos contos. Pero quizais a aprendizaxe mais importante que compartiu con nós é que un debe facer aquilo no que cre e aquillo que lle gusta e que, hai que ter o valor para cambiar cando non é así.

Ti es o culpable de todo

Paco_NogueirasImos pola vida encorsetados… comeza dicindo Paco Nogueiras, músico e actor trala historia Ti es o culpable de todo. Así que pouco tempo botamos sentados nas cadeiras. Levantámonos e seguindo as súas indicacións empezamos a mover tódolos músculos do corpo, incluso aqueles que non sabemos que están ahí! Traballamos tamén a expresión facial esaxerando emocións comúns como a alegría, a tristeza ou o medo. Mentres tanto, cóntanos que se diplomou en Graduado Social e que, nun período longo da súa vida estivo desvinculado do mundo do teatro.

Na actualidade forma parte da compañía de animación musical infantil Os Tres Tenedores e da Orquestra Os Modernos. Ten publicado tamén o libro-disco Brinca vai!, editado en Kalandraka e dirixido ao público infantil e familiar.

Seguimos traballando a expresión, agora cunha técnica denominada o terceiro momento: miras, fas saber ao público que viches algo e finalmente, amosas a túa reacción.

Paco_Nogueiras

Paco explica que é importante non ter présa e marcar ben os momentos

Continuamos organizándonos por grupos para preparar unha improvisación. De novo, os consellos e orientacións de Paco foron de gran axuda. E é que nos impartiu un taller de teatro en toda regra!

Tivemos tempo tamén de velo e escoitalo na súa faceta máis musical cunha versión da saia da Carolina moi divertida e enérxica. E á parte disto, deixounos cunha reflexión ben certeira:

É importante non ter medo ao ridículo nin medo ao fracaso, dedicarte a aquilo que te fai feliz e non seguir o camiño trazado por outros para ti.

Paco_Nogueiras

Paco descubriunos o segredo para saír ben nas fotos… berramos todos a unha, pitiminí!!!!

E para rematar…

Á parte da valentía de trazar cadaquén o seu propio camiño, hai outro elemento que tamén comparten os tres libros vivintes desta V Edición e trátase da súa vinculación co mundo do teatro.

Dende o ano 1961, por iniciativa do Instituto Internacional do Teatro (ITI), celébrase cada 27 de marzo o Día do Teatro e dende a Biblioteca Ágora quixemos render a esta arte a nosa particular homenaxe. Déixovos coa mensaxe que se empregou a nivel mundial no ano 2006, escrita polo dramaturgo mexicano Víctor Hugo Rascón e titulada Un raio de esperanza:

O teatro conmove, ilumina, incomoda, perturba, exalta, revela, provoca, transgrede. É unha conversa compartida coa sociedade. O teatro é a primeira das artes que se enfronta coa nada, as sombras e o silencio para que xurdan a palabra, o movemento, as luces e a vida.

GRAZAS a Isa, Caxoto e Paco por formar parte xa da nosa Biblioteca Vivinte. Grazas ao IES Agra do Orzán e ao CPR Tomás Barros pola súa colaboración. E grazas a todo o alumnado que participou desta volta no proxecto. Sen todos vós non sería posible!!

Advertisements

Acerca de nmartinezrey

Bibliotecaria fascinada polo social media, a comunicación 2.0 e o coaching. Cada día é unha nova oportunidade de aprender algo máis ;-)

Un comentario en “A nosa biblioteca vivinte segue a crecer!

  1. Pingback: "Libros vivintes" en la biblioteca - BiblogTecarios

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: