Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

“Estou convencida de que os libros cambian ás persoas”

Beatriz Maceda Abeleira

Conversando na zona xuvenil da biblioteca

Beatriz Maceda Abeleira naceu na Coruña en 1963. Estudou Educación Primaria na especialidade de Lingua Inglesa na Escola Universitaria de Maxisterio e leva dedicada ao ensino quince anos. Actualmente compaxina a súa labor docente no CEIP Raquel Camacho coa súa actividade como escritora. Ás súas costas ten xa dúas obras publicadas, Man o alemán de Camelle (Galebook, 2012) e O álbum da Garrincha (Galaxia, 2015).

Beatriz achégase á Biblioteca Ágora para participar da sección Conversas con… e falar con nós das súas obras, do seu amor pola palabra escrita, de literatura, de ensino… pero sobre todo para compartir unha fermosa aprendizaxe: as palabras, a poesía e os libros poden cambiar o mundo.

A biblioteca e o barrio

Antes de nada moitas grazas por achegarte á biblioteca a falar con nós e noraboa polas obras que xa tes publicadas. Con todo, nós coñecémoste porque eres docente no CEIP Raquel Camacho, dende hai anos. Ti que imaxe tes deste barrio no que está o cole?

A min gústame moitísimo este barrio porque ten a característica da multiculturalidade e iso paréceme moi enriquecedor para o colexio e tamén para o barrio. Agora no colexio estamos traballando para aproveitar esa riqueza. É o que me parece máis fermoso deste barrio.

E da Biblioteca Ágora?

A min o que me parece fantástico é que nun barrio, en principio obreiro e con moitas necesidades, haxa unha biblioteca tan fermosa como esta, con tantas actividades. Paréceme fundamental porque normalmente estas bibliotecas non se constrúen neste tipo de barrios. Creo que é unha oportunidade para que moitos rapaces se acheguen á literatura, que ten a maxia de poder cambiar o mundo, ou axudar a cambialo.

O gusto pola lectura e pola escrita…

Teño entendido que eras de pequena unha lectora empedernida, que tipo de historias che gustaban?

Si, sigo séndoo. Eu nacín na Coruña pero vivía nun pobo, así que sempre fun unha lectora de biblioteca pública. O conto que me marcou moitísimo de pequena foi o Alicia no País das Marabillas porque me parecía fantástico a idea de poder entrar por un oco e que houbera un mundo ahí marabilloso. Despois, un dos libros que eu adoro e que sigo lendo é A illa do tesouro de Stevenson. E bueno, gustábame moitísimo Chéjov. Lino dun xeito bastante deslabazado porque me gustaba moito ler pero meus pais eran traballadores os dous e non tiña ninguén que me orientara. Ata que en EXB apareceu unha mestra, Doña Marisa que foi máxica para min, creo que escribo grazas a ela porque era unha mestra atípica, facía teatro na aula con nós e sempre lía as miñas redaccións en alto. Logo pasado un tempo, sempre que me encontraba, xa eu rematara a carreira, me preguntaba ‘Cando vas a escribir?’ e xusto publiquei Man o alemán de Camelle seis meses despois de morrer ela. Deume moita mágoa non poder regalarllo e que o vira porque seguro que lle faría ilusión.

Beatriz MacedaEntón, ti xa escribías de pequena…

Si, escribía xa contos pequenos. O outro día nunha presentación lembraba un conto que me quedou na memoria dos que escribín. Eu pensaba que había un lugar onde vivían as historias e eran as historias as que escollían aos escritores para ser escritas. E o conto era un pouco iso.

E en que te inspiras para escribir as túas historias?

Eu creo que o feito de ser docente é fundamental. Os dous libros que teño publicados están pensados para eles. Eu teño un fillo que naceu no 2000, Man morreu no 2002 e entón pensei que os nenos tiñan que coñecer a unha personaxe como Man que ten tantos valores que aportar. Un deles fundamental é que se pode vivir con moi pouco. E o Álbum de Garrincha tamén é un libro cun sentido bastante pedagóxico. Fala de integración, fundamentalmente, fala do gusto polos libros, da importancia da amizade. De feito, a idea xurdiu nun centro dando clase cuns alumnos, no cole de Carral. Entón, creo que a docencia é fundamental pero logo é que a vida mesma está chea de historias: un paseo pola rúa e xa xurden moitas. Logo hai que escribilas e chegar ao lector, que é o máis complicado.

Man, o alemán de Camelle

Man_CamelleLendo Man o alemán de Camelle gustoume especialmente o de que todos temos heroes na nosa vida, cales son os teus?

Son todas esas persoas silandeiras que o mellor non son as que saen nos medios de comunicación, pero son fundamentais porque son as que constrúen un mundo melllor. Man non é unha personaxe popular no mundo enteiro, si que é bastante coñecido polas súas peculiaridades, incluso rexeitado por moita xente por consideralo un tolo por vivir cun taparrabos pero eu creo que aportou moito a este mundo.

A través da escrita tamén se pode cambiar o mundo..

A literatura é fundamental. Para min é un acto de reivindicación e de compromiso. Cando escribo unha historia tamén hai un compromiso cos lectores de coherencia e de transmitir temas que realmente están ahí na sociedade. Eu estou convencida de que os libros cambian ás persoas, o que hai é facer que cheguen as persoas aos libros, que ás veces non é doado.

Sobre a lectura nos centros de ensino…

Na biblioteca escolar tendes un club lector, non si?

Si, Os Tusitalas. O nome ven porque a Stevenson cando se foi a vivir ás illas da Polinesia, os indíxenas puxéronlle o nome de Tusitala, que significa o que conta historias. Por iso, somos o club lector Os Tusitalas e ademais eles asumen ese rol de Tusitalas. Os clubes lectores nos colexios son moi interesantes porque hai nenos e nenas que non esperabas para nada que se entusiasmaran coa lectura, que chegan ao club de lectura porque hai outras actividades. Por exemplo, agora apuntáronse máis porque saben que imos a facer unha saída a ver dúas librerías totalmente diferentes e lles van a explicar como é o mundo nunha librería. Apúntanse por iso e logo engánchanse cos libros. Séntense importantes podendo falar eles dun libro. Sempre lles dou ao principio unha libreta, que é o seu diario onde anotan todo o que lles gusta do libro que leron, poden debuxar, poden facer calquera tipo de anotación en relación co que están lendo.

O blog da biblioteca escolar do Raquel Camacho chámase Rakonto, que significa conto en esperanto. Beatriz explícanos que no seu colexio hai moitas culturas, linguas e procedencias e que por iso escolleu esta palabra do esperanto para bautizar o blog. Convídovos a pasar por Rakonto e por Rakonto Pequeno, o recuncho do alumnado de infantil.

E ti como ves o tema das lecturas obrigatorias nos centros educativos para achegar a lectura ao alumnado?

A palabra obrigatorio, en principio soa mal, pero tamén é certo que hai moitísimos nenos e nenas que se non houbese esa lectura obrigatoria non terían nin libros na casa. Agora en secundaria xa están empezando a ser un pouco máis actuais cos libros. Hai que ler Cervantes, a Garcilaso, a Lope de Vega, pero creo que non é a idade. Primeiro tes que facer ao lector, que a lectura sexa atractiva e xa chegará a eles. Eu lembro que cando tiven que ler La Regenta no Bacharelato pareceume horrorosa, ademais había que facer análise sintáctica, comentario de texto e non me gustou nada. Anos mais tarde cando volvín a lela dixen… pedazo novela! O problema é que non se pode dar lingua e literatura porque entón a literatura é a gran perdedora sempre. Todos os mestres dan lingua durante todo o curso e logo ao final aparece a literatura, deberían de ser dúas asignaturas separadas, lingua por un lado e por outra banda, literatura.

O álbum da Garrincha

Agora estás facendo rolda de presentacións da túa última obra, O álbum da Garrincha. Tivo boa acollida este libro?

Si, de feito Album_Garrinchaeu quedei abraiada, saíu en xullo e xa vai na segunda edición. Para unha autora coma min é todo un éxito que aos catro meses xa vaia pola 2ª ed. Sei que gusta moito, chámanme de moitos colexios e institutos e ademais mándanme moitas entrevistas para facer por mail con alumnos. O outro día estiven no Colexio de Arzúa e é un subidón total ver a sesenta nenos aos que lles encantou Garrincha, que che están dicindo que ten que haber unha segunda parte porque hai cousas que quedaron sen explicar. E resulta moi interesante a visión deles do libro porque cóntanme cousas que eu cando o estaba escribindo nin as pensara. Este libro ten o aliciente do fútbol. Eu tiña unha intención e é que ao ser Garrincha un futbolista que non coñecen os nenos de agora pero si os seus pais, enganchar aos pais co rapaz para que leran xuntos o libro. Iso o fago moito co meu fillo e é interesante falar con eles despois da lectura, créase complicidade e sempre lembrarán eses libros que leron contigo. Alegreime moito de descubrir que en varios clubes lectores nos que estiven pais, nais e nenos/as leran o meu libro xuntos. Garrincha conseguiu iso.

Cando naceu Garrincha dixéronlle á súa nai que non ía camiñar e logo converteuse no mellor futbolista do mundo no ano 63. Fixo virtude dos seus problemas físicos e ese afán de superación, esa paixón que lle poñía Garrincha tamén me interesaba transmitila. Achegar esa idea de que si ti queres algo na vida, se realmente hai algo que che fai ilusión, tes que loitar por iso porque probablemente o consigas. Se é o que queres, o camiño pode ser máis duro ou máis doado, pero probablemente o consigas. Eu creo que se a maior parte da poboación do mundo traballase no que lle gusta, este mundo sería radicalmente diferente. O que pasa é que temos todo o contrario, moi pouca xente que traballe no que lle gusta. O resto está facendo un traballo para gañar cartos, entón ás veces entendes que vaias a un sitio e alguén non che responda ben, leva horas nun lugar onde non quere estar e facendo algo que non lle interesa nada. E esa é unha función tamén do sistema educativo. Debería de selo, e dos gobernos propiciar que se alguén quere ser médico que o sexa, se quere ser fisioterapeuta que o sexa, se quere ser actor que o sexa porque será bo seguro.

E tes en mente algunha nova obra?

Si, estou acabando unha para adolescentes e vou a empezar outra xa. Agora estou facendo un traballo de investigación, realizando entrevistas. Polo de agora nada que se poida adiantar, é sorpresa.

FICHA EXPRESS

Beatriz Maceda AbeleiraUn libro… A illa do tesouro, de Stevenson

Un disco… Son unha gran aficionada do jazzKind of blue, de Miles Davis

Unha película… A vida de Brian

Un lugar… Calquera praia da Costa da Morte, a de Traba por exemplo

Un soño… Que realmente se cambiase este sistema educativo que temos, traballar a creatividade cos alumnos e que todo o mundo puidese ser algún día ser o que quere ser

 

Advertisements

Acerca de nmartinezrey

Bibliotecaria fascinada polo social media, a comunicación 2.0 e o coaching. Cada día é unha nova oportunidade de aprender algo máis ;-)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: