Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

Libros Vivintes e #25N co alumnado do IES Agra I

Proxecto Suma Ágora

Para ver a presentación, fai clic na imaxe

A principios do mes de novembro presentabamos nas aulas de 4º de ESO do IES Agra do Orzán a proposta Libros Vivintes, que se ven desenvolvendo na Biblioteca Ágora dende hai xa case tres anos. Nesa sesión dabamos a coñecer ao alumnado, por un lado, os recursos e servizos que a biblioteca pon á súa disposición e, por outro, o proxecto Suma Ágora e a nosa Biblioteca Vivinte.

Por vez primeira os libros vivintes estiveron vinculados a unha efeméride, formando parte da programación “25N: Pinta o teu mundo de laranxa“, que elaboramos dende a biblioteca para solidarizármonos coa Loita contra a Violencia de Xénero.

A partir das historias de vida de dúas persoas que viven esa loita, dende diferentes perspectivas, creáronse os relatos “Nun yes tu” e “Palabras envelenadas“. Cada alumno e alumna participante fixo a lectura de ambas historias, seleccionou a que maior interese lle suscitou e votou o libro vivinte que quería coñecer.

Agora é o turno de compartir con vós a experiencia na propia biblioteca, descubrindo á persoa que está detrás de cada relato.

Nun yes tu

Foi a historia que espertou maior curiosidade no alumnado, recibindo un total de 54 votos de entre 80 alumnxs. E tras “Nun yes tu” está Laura Bugalho Sánchez, fundadora do Colectivo TransGaliza, sindicalista da CIG dende 1992, destacada activista LGTBQ+ e pedagoga social.

Laura Bugallo

A sesión desenvolveuse o martes 17 de novembro pola tarde na zona xuvenil da biblioteca, onde as persoas que escolleron este relato tiveron a oportunidade de ver e escoitar ao libro vivinte en carne e óso.

Laura falounos da historia do movemento LGTB en Galiza, de Transexualia -a Asociación Española de Persoas Transexuais e Intersexuais-, do grupo activista coruñés Maribolheras Precárias que contribuíu coa súa labor a deconstruír o xénero e da asociación galega Arelas, constituída recentemente para a defensa dos dereitos de menores trans. Pero tamén nos fixo coñecedores, dalgún xeito, do seu propio camiño e non foi doado pasar de Xoán a Laura, da súa Compostela amada á Compostela armada, e finalmente a Compostela conquistada.

“Hai moito traballo por diante, moito que deconstruír, moitas capas de cebola que temos que seguir retirando na sociedade”

Convídovos a que escoitedes, se non o fixestes xa movidos pola curiosidade, a canción que da título á historia ficcionada da vida de Laura.

4ºESO IES Agra I

Foto de grupo co alumnado que participou da sesión con Laura. Fai clic na imaxe para ver máis fotografías

Palabras envelenadas

É o título do Premio Edebé de Literatura Xuvenil do ano 2010, escrito por Maite Carranza, e o que escollemos para o relato de ficción elaborado a partir da experiencia de vida do noso segundo libro vivinte. Neste caso foron un total de 20 alumnxs xs que viñeron á biblioteca o martes 24 de novembro pola tarde para descubrir á persoa que estaba detrás de “Palabras envelenadas“. E tras esta historia atópase Marta Rodríguez Engroba, presidenta da asociación lucense Si Hai Saída á Violencia de Xénero.

Marta Rodriguez Engroba

Marta compartiu con nós a súa vivencia como vítima da violencia machista hai 20 anos dunha maneira sincera, directa e con moita forza. Non sabería dicir se foi porque o grupo era máis reducido ou pola brillante forma de comunicar que ten Marta, pero as súas palabras chegáronnos a todas as persoas que a estabamos a escoitar nese momento. O clima que se creou permitiu que todo o mundo se sentise libre para compartir experiencias, expresar dúbidas e formular cuestións en relación á violencia de xénero.

“Ainda agora, en pleno século XXI se segue admitindo como algo irremediable aquilo de que “quen te quere ben farate chorar”, e xa é hora de que aprendamos e transmitamos que isto non é certo. Quen ten quere ben e o teu compañeiro/a de viaxe, non es un obxecto da súa propiedade. Quen te quere ben, desexa a túa felicidade, que formará parte da súa. Quen te quere ben respétate, apoiate e valórate. Quen te quere ben non necesita exercer o control sobre ti, é o teu igual”.

Si hai saída ve a luz de cara ao público en marzo do ano 2014 para acompañar e proporcionar asistencia legal, asistencia psicolóxica e apoio moral ás vítimas da violencia de xénero, pero, en palabras da propia Marta, realmente naceu a noite en que escapa dunha morte certa e decide que ningunha muller se sentiría tan desprotexida coma ela naquel momento. Dende aquí, moito ánimo para continuar coa túa labor na asociación e parabéns a toda a equipa!

#25N

Luis Blanco e Diego Villares participaron da campaña #25N #16days #orangetheworld

Despois da sesión, algún valente se animou a participar na campaña “25N: Pinta o teu mundo de laranxa” e mesmo unha alumna levou en préstamo a obra Palabras envelenadasAgardamos, Nuria, que cando remates de lela nos contes que che pareceu.

E até aquí a crónica desta edición de Libros Vivintes! Pola nosa banda, xa recollimos as avaliacións de todo o alumnado e agora toca analizar os resultados. Convidámosvos a que compartades con nós a vosa opinión tamén a través do blog!

4ºESO IES Agra I

Foto de grupo co alumnado que participou da sesión con Marta. Fai clic na imaxe para ver máis fotografías

Grazas a Laura e Marta por formar parte xa da nosa Biblioteca Vivinte. Grazas ao IES Agra do Orzán pola súa colaboración. E grazas a todo o alumnado de 4º de ESO que participou desta volta no proxecto. Sen todos vós non sería posible.

Acerca de nmartinezrey

Creo firmemente no poder transformador da sociedade que teñen as bibliotecas e a lectura, por iso desenvolvo a miña labor profesional como bibliotecaria. Motívame especialmente a aprendizaxe continua, o que me levou a formarme en áreas como bibliotecas escolares, community management e coaching.

Un comentario en “Libros Vivintes e #25N co alumnado do IES Agra I

  1. Pingback: Chega a V Edición de Libros Vivintes | Suma Ágora

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: