Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

“Menos no baño, temos libros en todos os sitios”

Post blog David Sobrino (3) copy

David M. Sobrino Platas naceu un 21 de xuño de 1999 na cidade de A Coruña. Con tan só 9 anos recibiu o primeiro premio nun concurso de contos de Nadal do xornal La Opinión co relato O agasallo de reis. Agora, con 16, xa ten dúas obras ás súas costas: a nouvelle Finisterre (2012) e a novela Música mestre (2013).

David achégase á biblioteca para participar no ciclo Conversas con… e falarnos da súa experiencia como escritor novel e das súas inquedanzas. Vaia dende aquí o noso agradecemento por colaborar coa nós nesta iniciativa que pretende visibilizar mentes inquedas, novos creadores e todo o potencial que ofrece este barrio.

A biblioteca e o barrio

O primeiro, parabéns por con 16 anos ter publicado xa dúas novelas. Con todo, nós temos que confesarche que te coñecemos por Begoña, a subdirectora do IES Agra do Orzán no que estudas, que nos falou de ti.

Cal é a túa percepción do barrio no que estamos?

Xa non vivo aquí dende hai moitos anos. Cando nacín vivíamos no barrio pero hai tempo que nos mudamos a Los Rosales. Evidentemente este é un barrio con moita inmigración e o máis poboado de España. Sorpréndeme bastante, no instituto tivemos xente dos cinco continentes… Australia, América, África, Europa…

Nos aquí na biblioteca vémolo a diario, cal é a túa imaxe da biblioteca?

Eu participei o ano pasado en Libros Vivintes e está moi ben. Promociona moito a biblioteca e axuda a dar a coñecer sobre todo a persoas. Quedei alucinado con Manuel polo dos tratamentos coas mans sen tocar á xente, en canto lin o relato, dixen…ese!

Amor pola escrita

Participas nalgún club de lectura?

Fixen a presentación do meu libro no club de lectura do instituto, pero participar non participei de ningún club. O que si que fun é a un taller de escritura cando estaba a escribir Música mestre pero desapunteime porque non sentín melloría especialmente.

Participei xa algunha vez nunha páxina en Internet que se chama Literautas, dirixida por unha escritora coruñesa que se chama Iria López Teijeiro. Escribiu Meniña de cristal, obra coa que gañou o I Premio Biblos-Pazos de Galicia. Empezou un blog no que dá consellos de escritura e eu ás veces o leo porque me axuda a coñecer máis recursos e ferramentas. Ten un taller de escritura no blog no que podes participar un mes sen participar outro, é independente. Eu participei dous meses, un sobre un relato que tiña que desenvolverse nun parque e tiña que aparecer un periódico atrasado, e outro que tiña que ser nun castelo e incluir a frase se “acabó el juego”. Recibiu moi boas valoracións.

Ambos relatos poden lerse na páxina Literautas:

Deja de hacer el rídiculo

Ladrillo a ladrillo

Algún autor/a que che guste especialmente?

En concreto non. Non me gusta moito a fantasía nin a ciencia ficción. Tento escoller libros máis realistas e gústame tamén a literatura de novela negra.

Finisterre

Finisterre de David Sobrino

Empezaches cos relatos…

Si, hai bastante tempo xa gañei un concurso de relatos de Nadal de La Opinión, con O agasallo de reis. E xusto ao rematar primaria empecei a escribir Finisterre, en lingua castelá. Trata dun matrimonio que vai facer unha viaxe e das aventuras da mesma.

Que hai de diferente en ti como escritor dende esta primeira obra?

Principalmente a técnica. Agora as personaxes son máis complexas psicolóxicamente e emprego tamén saltos no tempo.

Música mestre

Cómo xurdiu a idea de Música mestre?

Musica mestreÉ curioso porque a historia vai dun gato que aprende por si mesmo a tocar o piano. Está baseada en feitos reais aínda que pareza incrible. Eu lérao nun recorte de xornal, busquei máis información en internet e ahí empecei a idear un pouco. Música mestre e a tradución feita do castelán ¡música maestro! que dicía sempre a miña bisavoa cando escoitaba música e é en homenaxe a ela. Ademáis, se despois les o libro verás que tamén quere dicir outra cousa dentro da obra.

Dou fe disto e anímovos a que pasedes pola biblioteca a descubrir Música mestre, próximamente dispoñible para préstamo! E permítome a licenza de compartir un pequeno fragmento que me gustou especialmente:

Ler o libro de John Steinbeck fixera que Bernard cambiase de opinión. Nunca na súa vida imaxinaría que ler un libro ía ser para el un entretemento, pero o que cría imposible forra que este perturbase no seu pensamento”.

Esta é a túa última obra polo de agora, tes en mente algunha nova idea?

Acabei Música mestre en xuño de 2013 e despois empecei a cavilar para empezar a escribir outra cousa. Non me saía nada e agora estou cun que vai estar ambientado na Guerra Civil Española, aquí en Galicia. Todavía non teño claro como se vai titular, teño toda estrutura creada e xa estou empezando a escribir o borrador.

David Sobrino na biblioteca agora

Despois da entrevista, falando dun xeito máis informal na biblioteca, David confesounos que un posible título para a súa próxima novela é Soños de améndoas e granadas. Non sabemos se este será ou non finalmente o título, o que si é certo é que xa estamos desexando lela.

David como autor

Cómo se vive na túa casa que sexas unha persoa que leva escribindo dende idades temperás?

Dun xeito normal, tampouco o vemos como algo extraordinario.

Os/as teus compañeiros/as de instituto son coñecedores de que escribes?

Si. Na biblioteca do instituto nada máis chegar o primeiro que ves nas estanterías de abaixo son varios libros meus postos.

A miña amiga Marta dime “eu non sei como se che ocorren tantas cousas na cabeza”.

De onde che nace esa ansia de escribir?

De sempre, dende pequeno de todo gustoume. Libros na casa temos moitísimos. Cando estaba en primaria, secundaria e ESO nos mandaban cubrir a típica enquisa e había unha pregunta “Na casa aproximadamente cantos libros tes?”, entre as opcións “de 5 a 10”, “de 100 a 200”, “de 300 a 400”, eu marquei +1000. O salón está cheo de libros, na miña habitación tamén hai libros, menos no baño temos libros en todos os sitios.

Gustaríache dedicarte profesionalmente a escribir?

Profesionalmente evidentemente non, non se pode. Eu penso que non é posible, para iso tes que ser o mellor dos mellores. Eu creo que si podería facelo pero compaxinándoo sempre con outra cousa.

Da música tampouco pensas que poidas vivir?

Música penso que non. O meu pai era músico, tocou na Orquestra Os Satélites durante varios anos. Agora está retirado da música e é empresario. Tamén tocaba o saxofón e para seguir un pouco o seu camiño empecei a tocalo eu. Gústame pero tampouco son moi bo.

En que che gustaría desenvolverte?

Pois non o teño todavía moi claro, estou estudando agora Bacharelato de Ciencias Sociais para facer probablemente algo relacionado con comunicación audiovisual e xornalismo.

 

Post blog David Sobrino (2)

FICHA EXPRESS

Un libro… Aquel neno, de Xosé Neira vilas e, de máis novo, a saga de Harry Potter

Un disco… Non teño predilección por ningún disco en concreto, senón temas soltos de distintos grupos

Unha película… El curioso caso de Benjamin Button

Un lugar… Santiago de Ois, a miña aldea. A mellor do mundo

Un soño… Vivir sempre feliz e poder chegar a ter un traballo facendo o que me guste

Advertisements

Acerca de nmartinezrey

Bibliotecaria fascinada polo social media, a comunicación 2.0 e o coaching. Cada día é unha nova oportunidade de aprender algo máis ;-)

Un comentario en ““Menos no baño, temos libros en todos os sitios”

  1. Pingback: Libros Vivintes e Alfabetización Informacional no IES Agra I | Suma Ágora

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: