Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

A Ágora máis chinesa, coas Bibliotecas Escolares de Galicia

Por segundo ano consecutivo na Biblioteca Ágora recibimos aos nenos e nenas participantes na xornada de convivencia e formación das Bibliotecas Escolares de Galicia, nesta ocasión un total de 50 provenientes dos cursos de 5º e 6º de Educación Primaria dos colexios CEIP Francisco Vales Villamarín (Betanzos, A Coruña), CEIP Ramón Falcón (Castro de Rei, Lugo), CEIP Carlos Casares (Xinzo da Limia, Ourense) e CEP Altamira (Salceda de Caselas, Pontevedra).

Como pequenos bibliotecarios que son, deseñamos para eles unha actividade de 3 horas vinculada ás liñas de traballo que a iniciativa Voluntariado de lectura-A do programa Hora de ler está a desenvolver cos centros de ensino do noso país para traballar neles o fomento da lectura. Tratábase tanto de mostrar a concepción que do labor bibliotecario temos na nosa biblioteca como de, ao tempo, pasármolo ben todas e todos xuntos descubrindo formas diferentes de contar historias, de fomentar o contacto cos libros e a lectura e de prestar servizos útiles e interesantes á nosa comunidade.

E fixémolo cunha proposta temática que buscou relacionar tres elementos diferentes a través dun mesmo fío condutor: un Libro Vivinte específico para a idade do alumnado que nos visitou, un itinerario guiado polos espazos da Biblioteca e unha sesión de narración oral, todo coa cultura chinesa e, por extensión, coa civilización oriental, como motivo común.

 

Con Manuel Aceña, da Coruña á China

post (3)

A primeira das actividades que desenvolvemos foi unha sesión de Libros Vivintes específica para a idade dos rapaces e rapazas das Bibliotecas Escolares. Desta maneira partimos da historia de Manuel Aceña, que había pouco tempo estivera con nós, e presentámola dunha forma diferente e adaptada.

O procedemento de traballo cos rapaces e rapazas tivo que ser tamén modificado para a ocasión: no canto de dar varias semanas para a lectura de todos os textos, desta volta desprazámonos nós desde a Biblioteca ata o Centro Residencial Docente da Coruña o día anterior para facerlles entrega do relato aos nenos e nenas, coa intención de que o tivesen lido para o día seguinte.

Na propia sesión Manuel transmitiunos toda a súa sabedoría e coñecemento sobre medicina tradicional chinesa e contounos as súas experiencias en Pekín, as súas viaxes e a forma na que acabou sendo un referente nas técnicas de medicina natural no conxunto do Estado. E todo a partir da súa vivencia, cando neno, de como o contacto coa natureza, cada vez que ía á aldea, beneficiaba a súa saúde.

 

Explorando a Biblioteca

post (4)

Rematada a actividade de descuberta do libro vivinte, e despois dun descansiño para repoñer forzas a media mañá, quixemos que os nosos minibibliotecarios coñecesen da nosa man a Biblioteca dunha forma diferente. Despois de os agasallar cun pequeno kit con mapa do espazo, lápis e chapa da Biblioteca pasamos a conformar tres grupiños para poñer en marcha un pequeno roteiro exploratorio.

A zona infantil, a sala para nenos e nenas de 8-14 anos e a sala de adultos foron os tres espazos nos que explicamos, a través dunha selección de materiais relacionados coa cultura chinesa, moitas cuestións nas que concretizamos o noso traballo e que pensamos útiles para as bibliotecas escolares: a maneira na que ordenamos os nosos fondos, a conformación e sentido dun centro de interese, como e para que realizamos mostras bibliográficas, que servizos ofertamos como biblioteca pública… Todo dunha forma rápida, amena e deténdonos nos diferentes puntos trazados no mapa da man dun neno ou nena que fixo de guía, mapa en man.

 

Un cabalo máxico no teatro de papel

post (2)

O kamishibai ou “teatro de papel” é un xeito clásico de contar contos na cultura xaponesa, moi empregado como recurso didáctico para os máis pequenos. A lectura do kamishibai realízase colocando as láminas en orde sobre un teatriño de tres portas que se chama “butai” e que se orienta de cara ao auditorio, pasando as láminas ao tempo que se le o texto.

Xustamente foi un conto narrado coa técnica do kamishibai o que escollemos para poñer remate á visita dos rapaces e rapazas que nos visitaban. No noso caso preparamos unha adaptación dun conto popular chinés, O cabalo máxico de Han Gan, no que un neno que comeza a pintar desde moi noviño vai perfeccionando a súa técnica até se converter en pintor da Corte Imperial. Un guerreiro pídelle un día que debuxe un cabalo tan perfecto que poida cobrar vida e combater na guerra, e Han Gan consegue que tal fantasía ocorra. O conto remata dunha forma sorprendente, a partir do dilema moral que o propio cabalo vive ao comprobar as consecuencias da súa existencia no mundo real.

A narración da historia, reforzada coa música de fondo da banda sonora do filme “In the mood for love“, conseguiu crear un momento máxico de silencio e atención compartida, mentres as imaxes, o ton narrativo, as pausas, a voz, ocupaba o espazo por enteiro.

 

Até o ano vindeiro, e parabéns!

Velaquí o sintético repaso do que deu de si a visita dos nenos e nenas dos colexios premiados na iniciativa Voluntariado de Lectura A á nosa Biblioteca. Folga dicir que pola nosa banda é sempre un pracer poder mostrar o que facemos no noso centro de traballo e as liñas de actuación que tentamos desenvolver como biblioteca pública, e aínda o é máis cando, como foi o caso, temos como convidados a mociños e mociñas que fan parte das bibliotecas dos seus colexios e compartiron connosco o seu desexo de aprender. Parabéns pois para os colexios que nos visitaron e para a iniciativa e as persoas que fan posible este campamento anual “minibibliotecario”. Nós aquí estaremos para cando eles, e calquera outro, o desexen.

18172649436_d267a9dfb0_o

Advertisements

Acerca de xavier campos

Traballo na Biblioteca Ágora, da Coruña. Interésame todo o que ten a ver coa cultura como ferramenta para o cambio social. Creo nunha Biblioteca que mire máis alá de si mesma.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: