Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

17 de maio, letras vivas!

Un ano máis na Biblioteca Ágora celebramos a efeméride das Letras Galegas arredor do 17 de maio, a data simbólica na que poñemos en valor como pobo o feito de contarmos cunha identidade, cultura e lingua propia. E como é norma nas actividades que organizamos, facémolo en colaboración directa coas entidades da nosa contorna. Nesta ocasión foron dous días os dedicados ao desenvolvemento do programa previsto e tamén dous os destinatarios: o CEIP San Pedro de Visma e o grupo DADO de clubs de lectura dos IES da Coruña.

A letra escrita e a letra contada

Na primeira das datas, o 14 de maio, convidamos aos nenos e nenas de 6º de EP do CEIP San Pedro de Visma a viren ao noso espazo para asistir a dúas propostas diferentes, complementarias e moi interesantes: o obradoiro de escrita creativa de Mar Guerra e o espectáculo Contos Literarios de Avelino González.

Post letras (2)

No caso do taller da escritora Mar Guerra, o alumnado poñía o ramo ao traballo previo feito nas aulas coa lectura dos dous primeiros libros (Xenaro e a hucha do indianoXenaro e o misterio da mochila verde) da triloxía Xenaro. O encontro coa autora resultou moi dinámico e participativo, tanto pola posibilidade de os nenos e nenas afondaren máis nas tramas e personaxes das obras lidas como pola creatividade que mostraron, inducida pola autora a partir de xogos con palabras.

Post letras (8)

Pola súa parte, a sesión de narración oral que desenvolveu Avelino González, recoñecido actor galego de teatro, cinema e televisión, conseguiu captar toda a atención dos asistentes coas súas historias dramatizadas, cun pé no real e outro no ficcionado. Para alén da súa capacidade de envolver con palabras aos mozos e mozas, quixo tamén facelos partícipes das historias interaccionando con eles en diversos momentos da sesión.

Post letras (4)

 

Con dez poemas por barba

Ao día seguinte, 15 de maio, o protagonismo das actividades recaeu nos rapaces e rapazas que participan nos diferentes clubes de lectura de secundaria da cidade da Coruña. Estudantes dos IES de Monelos, Monte das Moas, Zalaeta, Agra I, Rafael Dieste e Elviña xuntáronse con nós no Centro Ágora para gozaren dunha sesión fantástica de música e poesía con María Lado e Lucía Aldao. As dúas mozas levan anos movendo con éxito o espectáculo Con dez poemas por barba por moitos IES, Bibliotecas, centros sociais e espazos culturais do país, desde un punto de partida moi claro: a lectura de poesía non pode ser algo que adormeza o espectador. A poesía é vida, conmoción, xogo, paixón, e unha forma de comunicación que pode facerse de formas moi diferentes. A súa, desde logo, consegue atrapar a atención e espertar o interese de quen as escoita e ve actuar.

Post letras (3)

 

Negra e galega

Ás actividades presenciais que desenvolvemos e que vimos de reseñar quixémoslle sumar a posibilidade de ofrecer unha mostra bibliográfica na propia Biblioteca, que servise para divulgar un xénero de especial vizosidade na literatura galega actual: a literatura de misterio. Baixo a denominación Negra e Galega puxemos a disposición das e dos nosos usuarios unha escolla de obras e autores de referencia neste campo, con nomes como Domingo Villar, Suso de Toro, Diego Ameixeiras ou Aníbal C. Malvar. A mostra, que mantemos ata o remate do mes de maio, consta de obras tanto para público infantil como para público adulto que podedes descubrir na magnífica guía de lectura que se fixo para a ocasión.

Post letras (7)

 Moito nos presta! 

Como último elemento da nosa proposta para o Dia das Letras recuperamos unha iniciativa que en 2014 dera moi bo resultado e nos apetecía volver poñer en circulación: o photocall M8mepresta!, co que os rapaces e rapazas participantes nas diferentes actividades tiveron a ocasión de facerse fotos con cartelas explicativas dos motivos polos que lles presta ler na nosa lingua.

Co HT #m8mepresta algunhas das fotos tiveron difusión polas redes sociais, mais tamén tedes a posibilidade de velas agrupadas no flickr das Bibliotecas Municipais da Coruña. E por suposto estades a tempo de facernos sabedores dos vosos propios motivos…!

Post letras (1)

 

E isto foi todo neste Dia das Letras Galegas 2015. Con todo, unha reflexión que non por máis repetida deixa de ser pertinente e certa: as letras de noso son letras vivas, e querémolas vivir, gozar, compartir e usar todos os días do ano. Temos unha lingua diferente, internacional, de sete vogais, para mil primaveras máis, chea de vida, con futuro, rebelde, doce e, sobre todo, nosa. Vivamos nela, cada día, con plena normalidade.

Advertisements

Acerca de xavier campos

Traballo na Biblioteca Ágora, da Coruña. Interésame todo o que ten a ver coa cultura como ferramenta para o cambio social. Creo nunha Biblioteca que mire máis alá de si mesma.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: