Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

Un Día do Libro diferente, co noso barrio

A celebración do Día do Libro é unha data consolidada desde hai anos no calendario cultural galego e dun importante número de países. Con orixe na tradición catalá de agasallar libros e rosas no Día de Sant Jordi, a UNESCO recolleu e impulsou esta data no 1995 a nivel mundial, por ser coincidente tamén coa das mortes de Miguel de Cervantes e William Shakespeare.

No caso da nosa Biblioteca a súa celebración en 2015 resultou un tanto diferente á doutras ocasións, e tivo relación directa co barrio. Dun lado, polo convite que nos chegou desde o CEE Nosa Señora de Lourdes – Aspronaga para asistirmos ao desenvolvemento, nas súas insatalacións, dunha sesión conxunta co CEIP Raquel Camacho das cinco propostas de dramatización literaria saídas da iniciativa Ti tes moito conto!. Doutro, pola propia iniciativa das Bibliotecas Municipais de Coruña dun reparto gratuíto de libros en diferentes espazos da cidade, que no caso da nosa contorna tivo o parque de Mariñeiros como lugar escollido.

Colaborando entre centros

A experiencia do traballo colaborativo que fixemos coa iniciativa Ti tes moito conto! comeza xa, felizmente, a dar os seus froitos. Máis alá dos resultados concretos do proceso de traballo, para nós o máis importante foi sempre xerar coñecemento mútuo entre as persoas e crear vínculos estábeis entre entidades diferentes, para que a partir dese momento puidesen cooperar e levar adiante iniciativas conxuntas. E así está a suceder.

O CEE Nosa Señora de Lourdes foi, neste caso, a entidade promotora dunha actividade que recuperou para as súas instalacións as cinco propostas de dramatización literaria que no seu día propuxemos desde a Biblioteca co gallo do Día LIX 2015. Nun ximnasio cheo de alumnado, profesorado e familiares, os nenos e nenas dos dous centros volveron mostrar o seu traballo cos contos A voda do rato, El cabretico, A morte do señor Pulga, El reino del revés e Dona Carme.

O desenvolvemento da actividade resultou emocionante, tanto polo cariño xerado no ambiente, que envolveu a mañá de principio a fin, como pola naturalidade e a alegría coa que o alumnado se relacionou entre si. Foi unha ledicia comprobar, neste sentido, a complicidade xerada durante as semanas de traballo conxunto, que non se facía evidente só durante a escenificación dos contos senón tamén á súa marxe, antes e despois.

Desde aquí queremos agradecer novamente aos dous centros que nos tivesen convidado a esta actividade e por suposto animalos a que continúen de forma autónoma no camiño de cooperación xa emprendido con magníficos resultados.

Aspronaga post (1) Aspronaga post (2)

 

Libros en Mariñeiros 

Se a mañá a pasamos fantasticamente da man de Aspronaga e o Raquel Camacho, á tarde fomos protagonistas dunha festiva solta de libros no parque de Mariñeiros, barrio veciño das nosas instalacións. Como veu sendo habitual no Día do Libro, as Bibliotecas Municipais da Coruña decidiron tamén nesta ocasión agasallar libros á cidadanía con motivo do Día do Libro, cunha pequena variación: no canto de o facermos nas estacións de bus e de tren escolleuse desta volta empregar localizacións espalladas polas diferentes partes da cidade.

No noso caso o lugar polo que se optou foi o Parque de Mariñeiros, ás 7 da tarde. E alí estivemos, perto dunha horiña, compartindo conversas, dando recomendacións, atendendo cuestións de todo tipo e regalando obras de ensaio, poesía, narrativa, infantís, … ao numeroso grupo de veciños e veciñas que se nos achegou. A experiencia, desde logo, resultou ben satisfactoria.

 

Mariñeiros (1) Mariñeiros (2)

Todos os días, o Día do Libro

Ata aquí esta pequena crónica dunha efeméride importante para nós en tanto que Biblioteca. Mais non queremos despedirnos sen trasladarvos unha obviedade: todos os días poden ser o Día do Libro e non é precisa ningunha escusa para integrarmos nas nosas vidas a opción de vivirmos historias, contos, relatos, ideas e soños a través da palabra escrita. Convidámosvos a iso e poñémonos á vosa disposición para facelo.

Advertisements

Acerca de xavier campos

Traballo na Biblioteca Ágora, da Coruña. Interésame todo o que ten a ver coa cultura como ferramenta para o cambio social. Creo nunha Biblioteca que mire máis alá de si mesma.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: