Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

Unha Biblioteca que mira máis alá de si mesma

O pasado martes 24 de febreiro desenvolvemos na Biblioteca Ágora unha visita guiada e unha xuntanza de traballo co alumnado do primeiro curso de Animación Sociocultural do CIFP Ánxel Casal da Coruña. A petición súa, desgranamos os diferentes proxectos e iniciativas que desenvolvemos en relación aos barrios da nosa contorna, e tivemos ocasión de debater cos propios alumnos e alumnas sobre as motivacións e os principios que xustifican esta nosa aposta.  Polo interesante da cuestión, e por ser este un blog centrado xustamente nela, elaboramos esta entrada coa que queremos reflectir algúns dos aspectos tratados.

 

Ánxel Casal Suma (4)

 

1. Traballar co barrio e para o barrio, opción ou necesidade? 

Aínda que poida parecer unha cuestión superada por obvia, a realidade demostra que o que se afirma na teoría non sempre se leva despois á práctica. As visións máis reducionistas e convencionais sobre a natureza e as funcións das Bibliotecas seguen a ter máis peso do que sería desexable nesta altura. Custa romper coas inercias, co conservadurismo, coa comodidade das zonas de confort. Mais ese inmobilismo, se non somos quen de o superar,  acaba por ser o noso principal factor de risco: acabará por converternos en almacéns cheos de libros e baleiros de persoas. Non é o que queremos. Queremos, fundamentalmente, ser útiles, e para iso temos que estar ao servizo da comunidade. Ao servizo das persoas que permiten, cos seus impostos, a existencia de centros coma este, pensados para o progreso social.

Na conversa cos mozos e mozas do CIFP Ánxel Casal dixemos isto mesmo, pero doutra maneira:  traballamos cos barrios, e para os barrios, por convicción e por necesidade. E aínda non tanto como nos gustaría. Debemos mellorar. Debemos intensificar e ampliar esta liña.

Traballamos cos barrios, coa xente dos barrios, en primeiro lugar POR CONVICCIÓN. Porque somos servizo público. Para nós o importante non é o negocio, o lucro, a marxe de beneficios,  senón o servizo e a atención ás persoas. Debémonos a elas. Temos unha obriga ética, de compromiso. E temos que ofrecer resultados en termos de coñecemento, de formación, de cohesión social, de autoestima, de mellora da calidade de vida.

E en segundo lugar traballamos cos barrios, coa xente dos barrios, POR NECESIDADE. Porque non se pode dar un bo servizo bibliotecario, hoxe, pechados en nós mesmos, agardando pola xente detrás do mostrador. Precisamos lexitimarnos nos feitos, no cotiá, cun servizo de calidade, e non unicamente coa retórica dos documentos internos ou das declaracións de intencións.

Por todo isto, na resposta ás preguntas que nos fixeron os alumnos e alumnas incidimos fundamentalmente en dúas cuestións:

a) debemos coñecer a realidade e as necesidades do lugar no que estamos. Coñecer o barrio e os usuarios e usuarias. Detectar as súas necesidades e deseñar respostas para elas, desde o que somos. Debemos responder á pregunta: impórtanos o lugar no que estamos ou podemos traballar aquí da mesma maneira que se estiveramos noutro lugar calquera? A pregunta é retórica, claro. Para podermos xerar unha oferta de servizos útil debemos ter en conta  a realidade socioeconómica, sociocultural, sociolingüística e educativa do lugar no que estamos e partir das necesidades e dos desexos que manifeste a propia comunidade.

b) debemos ser proactivos e relacionais. Colaborar coas entidades e colectivos do barrio, facer “rede” e promover cooperacións entre nós. Neste caso, debemos plantexarnos unha outra pregunta: queremos unha Biblioteca estática, que agarde a quen entre pola porta, ou unha Biblioteca proactiva, que se relacione co seu barrio e convide a que a xente entenda a Biblioteca como algo seu? Sabemos igualmente a resposta. Temos que tomar a iniciativa e procurar a cooperación. O noso obxectivo, neste sentido, ha de ser incentivar, sumar, dimensionar o existente e non suplantalo. Dito doutra forma, contribuír a xerar maior densidade sociocultural no territorio do que facemos parte.

 

Ánxel Casal Suma (5)

 2. Co traballo que facemos, que queremos conseguir? 

Os obxectivos do noso traballo entrelázanse entre si, e teñen como vector común a apertura de novas posibilidades de desenvolvemento persoal para a veciñanza e o aumento da estima e da cohesión social na nosa contorna. Mellorar o lugar do que formamos parte, en definitiva, desde a humildade e a consciencia de sermos unha Biblioteca, e por tanto de traballarmos desde unha posición e cunhas posibilidades de intervención diferentes ás dunha oficina de emprego, un centro cívico, un centro formativo ou un asistente social.

No noso caso, de forma coherente co exposto no punto anterior, o primeiro que fixemos foi, desde mesmo antes da apertura da Biblioteca, un traballo de coñecemento e de introdución no contexto social e territorial do que iamos formar parte, cunha metodoloxía fundamentalmente cualitativa. Estudamos as fontes escritas de interese. Elaboramos un directorio de colectivos e entidades da zona. Desenvolvemos xuntanzas de traballo específicas con todas elas e 32 entrevistas con persoas referenciais do tecido cultural, social e económico da zona. E colaboramos, a partir dese momento, con entidades (Cáritas, centros educativos, ONG´s) e con proxectos do noso entorno (Música en Branco, Agra Civis).

E a partir de aí desenvolvemos iniciativas centradas na consecución destes tres obxectivos:

Favorecer a asunción do Ágora como un centro sociocultural de proximidade, do barrio e para o barrio,  sentido e vivido desta maneira pola veciñanza do mesmo. Para logralo desenvolvemos o programa de visitas guiadas para colectivos da zona “Aberto por Obras“. Buscamos e difundimos a memoria visual e fotográfica da nosa veciñanza. E fixemos aos nosos usuarios e usuarias protagonistas do noso espazo.

Xerar novas posibilidades de desenvolvemento persoal para a poboación dos nosos barrios. Traballar cos campos da formación continua, a educación, o desenvolvemento de habilidades persoais e a cultura. Para iso puxemos en marcha programas de voluntariado, actividades de alfabetización dixital ou educación para adultos, proxectos de traballo con todas as escolas infantís da contorna, iniciativas de integración e formación lectora.

Mellorar a autoestima e a querencia polo propio entorno e contribuír á cohesión social. Tentámolo desde iniciativas que poñen en valor os noso barrios e a súa xente, como os Libros Vivintes, os Roteiros polo Barrio, a exposición Suma Ágora ou este mesmo blog.

 

Ánxel Casal 082

 

 3. Para sabermos máis do traballo social das bibliotecas… 

Para rematar, unha consideración final, se cadra óbvia mais que convén dicir igualmente. O noso non é un capricho, nin unha apetencia de carácter persoal. A importancia do rol social das bibliotecas é hoxe unha aposta máis que debatida e analisada no contexto galego, estatal e internacional. A cultura en relación á sociedade, os espazos públicos como “terceiros lugares”, a importancia e a funcionalidade das dotacións socioculturais de proximidade, a lectura como dereito…  son elementos hoxe presentes en calquera publicación solvente sobre o presente e o futuro do campo da cultura. Para non encher de enlaces cada parágrafo deixádenos que simplemente realicemos algunhas suxestións, do máis diverso: Toni Puig, Interea, AGPXC, Farruco Sesto, Bárbara J. Ford, Congreso de Bibliotecas Públicas.

En todas elas atoparedes elementos motivadores para pensar os porqués do noso traballo, ou para repensar e redefinir a forma na que o desenvolvemos. Ás veces as rutinas, as inercias das que falabamos ao comezo, apártannos aos poucos dos nosos obxectivos iniciais.  Por iso é importante facerse decote preguntas, e cuestionarse a un mesmo: para mellorarmos en todo o que facemos, pero tamén e sobre todo para sermos conscientes, en todo momento, de ao servizo de que, e de quen, traballamos.

O adestrador arxentino de fútbol César Luís Menotti, nunha coñecida cita, expresaba isto mesmo doutra maneira: “El jugador de fútbol debe entender esto, que es básico para su vida: para qué juega y para quién juega. Es lo que debe preguntarse y responderse.” CÉSAR LUIS MENOTTI, Fútbol sin trampa, en conversaciones con Ángel Cappa. Muchnik Editores, Barcelona, 1986. Obviamente non falaba de fútbol, senón da vida.

No que ten a ver con nós  procuramos non perder de vista que o máis importante son sempre as persoas e que  temos que ser, por iso, unha Biblioteca que mire e pense máis alá de si mesma.

Ánxel Casal 047

 

Advertisements

Acerca de xavier campos

Traballo na Biblioteca Ágora, da Coruña. Interésame todo o que ten a ver coa cultura como ferramenta para o cambio social. Creo nunha Biblioteca que mire máis alá de si mesma.

2 comentarios en “Unha Biblioteca que mira máis alá de si mesma

  1. Sira González
    Marzo 27, 2015

    compas, iste é un post para enmarcar. parabéns polo traballo! apertas, Sira

  2. xcampos
    Marzo 30, 2015

    Obrigados, Sira!
    Aledámonos de que che guste o post, pero sobre todo a filosofía de traballo 😉
    Saudiños!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: