Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

De roteiro polo barrio co CEIP San Pedro de Visma

Deixabamos constancia neste blog, hai poucos días, do desenvolvemento dos roteiros polo barrio realizados no 2015 co CEIP Raquel Camacho. Para quen descoñeza de que falamos, resumimos moi sinteticamente: itinerarios para os nenos e nenas de 3º de primaria, cos que queremos que descubran recursos, espazos e persoas de referencia do seu propio territorio cotiá. Coa mesma filosofía e obxectivos toca, desta volta, facermos repaso de como decorreron os organizados para outro dos colexios da contorna, o CEIP San Pedro de Visma. Era a primeira ocasión en que  desenvolviamos en común esta actividade e a experiencia, podemos anticipalo xa, foi realmente boa.

CEIP San Pedro de Visma

Situado nunha zona que aínda non podemos considerar totalmente urbanizada, na Agramela, o colexio de San Pedro de Visma é en si mesmo metáfora da parroquia que lle dá nome. Metade rural metade urbana, confórmase como un espazo de transición e confluencia, en transformación. Acompañados de diferentes profesoras do centro e da encargada da súa Biblioteca, Patricia Negreira, coñecemos algúns datos do propio colexio e botamos a andar, cara as orixes da parroquia.

Igrexa de San Pedro de Visma

No alto, no corazón da parroquia, está a Igrexa de San Pedro. Nela entramos da man do cura párroco, Don Simón Castro, que amablemente nos mostrou as figuras conservadas no interior, nos fixo sabedores de diferentes datos de carácter histórico e respondeu á insaciable curiosidade dos nenos. Percorremos tamén con el o adro e mais a propia casa rectoral, que foi durante décadas escola unitaria e hoxe está reformada  con formas modernas e minimalistas.

San Pedro de Visma (3)

Centro Cívico e Asociación de Veciñas e Veciños

Xusto ao carón da Igrexa, lugar de culto, temos o Centro Cívico, lugar de encontro e de actividades varias, e que acolle no seu seo á Asociación de Veciños Loureiro de Visma. Fernando Fernández, o seu presidente, explicounos que fai e como funciona este colectivo, e con el coñecemos os servizos e iniciativas que desenvolve e tamén as diferentes estancias do espazo (a sala de usos múltiples, a biblioteca, o ximnasio, a sala de xuntas… cada unha nomeada coa toponimia tradicional dos lugares de Visma).

Kung Fu Galicia

Juan Saldeño, Sifu, dirixe o centro Kung Fu Galicia, que se encontra no lugar de Seavella. No noso roteiro queremos que os nenos e nenas comprendan a importancia de cultivar a mente, de valorar o entorno e a propia historia e tamén, por suposto, que coñezan a importancia de coidar os nosos corpos e de realizar prácticas deportivas. Xa que logo, non podiamos desaproveitar a oportunidade que nos daba contar coa escola de Sifu na nosa contorna, e a verdade é que mereceu ben a pena. En vinte minutiños cada día aprendemos movementos básicos, entendemos a filosofía de paz e respecto das artes marciais e, ao tempo, pasámolo estupendamente con Juan e co resto de persoas que nos atenderon.

San Pedro de Visma

Praza de Mariñeiros

Unha praza, un cruceiro e un barrio de pescadores e xentes do mar. Boxeo, chave, remo, fútbol. Festas e artistas. Vida diversa e cotiá, nun lugar con idiosincrasia especial, o vello barrio da Zoca,  creado para acoller familias chegadas doutras parroquias da Coruña e tamén doutros concellos de Galiza.  De todas estas cousas falamos na praciña de Mariñeiros, mentres aproveitabamos para repoñer forzas e comer un pouquiño, antes de seguir.

Peruleiro e Camiño do Piñeiral 

Dun barrio a outro, e ademais os dous de marcada identidade. Porque o Peruleiro é iso: un barrio que funciona como tal, que mantén a súa forma de ser. Non é o máis bonito, nin o mellor estruturado, nin conta con espazos verdes ou comúns, mais todas esas deficiencias son combatidas por unha veciñanza con xenio e con carácter. O mesmo carácter que teñen, por outro lado, as casiñas que aínda quedan en pé, devoradas polo cemento e a falta de planificación urbanística, no peculiar camiño do Piñeiral, que une o Peruleiro coa rúa Canceliña. O percorrido deunos, en calquer caso, para falar novamente do mar, do urbanismo da zona e das pegadas do rural na cidade.

San Pedro de Visma (6)

Observatorio Meteorolóxico 

No Parque do Observatorio, na zona tamén coñecida como Campo da Burra, é onde tivemos a nosa seguinte parada. Alí está a sede do Centro Meteorolóxico Territorial de Galicia, unha entidade que analiza as condicións climáticas e meteorolóxicas e a composición química e física da atmósfera sobre o noso territorio. Varios dos seus traballadores exercéronnos de valiosos guías no mundo da “predicción do tempo”, explicáronnos que tipo de traballos desenvolven no Centro e permitíronnos ser partícipes dun dos momentos que máis motiva ao alumnado: o lanzamento do globo sonda cheo de helio, que se fai cada día ás 12 e ás 24 horas.

Biblioteca Ágora 

Cinco horas despois de comezar no colexio, chegamos finalmente ao derradeiro punto do noso itinerario: a Biblioteca Ágora. Coa visita que facemos polos seus diferentes espazos queremos que os nenos e nenas coñezan todo o que lles ofrecemos: libros, cómics, filmes, xogos, ordenadores, revistas, contos, actividades, … A descuberta de todo isto facémola a través das compañeiras Ylenia, Nerea e Noelia, que coordinan primeiro un xogo de pistas dentro do propio espazo bibliotecario e que, para rematar, nos agasallan cun par de sorpresas: as historias contadas de Hércules e Crunia e de Nicomedes o Pelado, das que son autores os coruñeses Pinto e Chinto.

San Pedro de Visma (4)

En resumo, un roteiro intenso, longo, variado e tamén ben divertido, no que descubrimos lugares e persoas interesantes da nosa contorna e no que procuramos a adquisición de novos coñecementos e a posta en valor dos nosos espazos de vida, sempre dunha forma lúdica e amena. E a vós, que podedes deixar os vosos comentarios despois de lerdes esta entrada, que vos parece?

Advertisements

Acerca de xavier campos

Traballo na Biblioteca Ágora, da Coruña. Interésame todo o que ten a ver coa cultura como ferramenta para o cambio social. Creo nunha Biblioteca que mire máis alá de si mesma.

2 comentarios en “De roteiro polo barrio co CEIP San Pedro de Visma

  1. Consuelo rodriguez gayoso
    Marzo 12, 2015

    Me gustó lo que leí, breve y claro. Pienso que para los niños fue una bonita y enriquecedora experiencia.

  2. xcampos
    Marzo 19, 2015

    Aledámonos moito de que che gustase esta entrada e, sobre todo, de que aos nenos e nenas lles gustasen os roteiros. Se o pasaron e aprenderon tanto coma nós, desde logo mereceu a pena!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: