Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

De roteiro polo barrio co CEIP Raquel Camacho

Un ano máis desde a Biblioteca Ágora puxemos en marcha os Roteiros infantís, unha iniciativa coa que procuramos que os nenos e nenas dos nosos barrios coñezan máis e mellor o seu entorno, gañen estima polo mesmo e descubran aqueles elementos urbanos, históricos, culturais, etc… máis interesantes dos lugares nos que viven. Trátase de afianzar, desde a infancia, unha relación consciente e en positivo con respecto aos seus propios espazos cotiás.

Neste 2015 os roteiros desenvólvense cos tres centros da nosa contorna: o CEIP San Pedro de Visma, o CEIP María Barbeito e o CEIP Raquel Camacho. E xustamente con este último colexio foi que os comezamos os pasados días 9 e 10 de febreiro, en dúas mañás dedicadas por enteiro a visitar e coñecer, cos nenos e nenas de 3º de primaria, un itinerario do máis interesante:

 

CEIP Raquel Camacho

O punto de partida é o propio colexio, onde entregamos a cada neno participante o mapa do percorrido que imos facer, repasamos os obxectivos do roteiro e descubrimos algúns datos básicos do propio centro, da man das súas profesoras e da directora María Barreiro.

inicio

 

Praza de Mariñeiros 

Un barrio de mariñeiros, de xentes do mar, ao carón da Ronda de Outeiro? Pois sí, mais este grupo de vivendas dos anos 50 estaba antes, nun tempo no que ao redor había unicamente agras e campos abertos,  e non era imaxinable o muro de cemento que hoxe os oculta. Homes e mulleres chegadas de Visma, do Portiño, da Falperra ou da Torre, mais tamén doutras localidades de Galiza, nun espazo que naceu xustamente para acoller todas esas familias vinculadas á pesca.  Esa memoria, esa identidade, non se perdeu. A actividade da que se vivía era a pesca, en todas as casas. Os que se dedicaban á baixura andaban pola costa coruñesa, á que foron poñendo nome: o mar das Barbas, o Cubeiro, a Marola, o Carpacho, … mentres os de altura faenaban polo Gran Sol. Os homes no mar, pois, e as mulleres, case todas, na praza, a vender o peixe.

Xunto co carácter mariñeiro do barrio descubrimos tamén outros elementos para os nenos e nenas: o cruceiro, a chave e mesmo as zocas, calzado tradicional da súa veciñanza durante ben anos, que facía que fose coñecido no resto da cidade como o barrio da Zoca.

mariñeiros

 

Biblioteca Ágora

Veciños como somos dos Mariñeiros, o seguinte punto natural do roteiro era a propia Biblioteca. Nela agardábannos as alumnas en prácticas Ylenia, Noelia e Nerea, que nos tiñan preparadas un par de sorpresas, ben interesantes, coas que mostrarnos todo o que atesoura e ofrece a Biblioteca Ágora. Dun lado, unha visita guiada polo noso espazo a través dun xogo de adiviñas e pistas, co que tiñamos que ir recompoñendo o puzzle dunha fotografía da Biblioteca; doutro, unha sesión especial cun par de historias dramatizadas que nos permitiron coñecer as orixes do topónimo da Coruña e a historia de Nicomedes, obra de Pinto e Chinto.

agora

 

Novo Boandanza 

Da Biblioteca saímos cara o centro cívico Novo Boandanza, de moi recente construción e que se edifica no espazo que ocupaba Cáritas Boandanza. Alí recibiunos Natalia, a coordinadora, que nos mostrou as diferentes estancias que ocupa o Centro Cívico e nos foi detallando as actividades e a oferta formativa que desenvolven, ampla e para todas as idades. Nenos e nenas, adultos e persoas maiores teñen en Novo Boandanza un espazo de referencia no barrio máis densamente poboado na Coruña.

boandanza

 

Mercado das Conchiñas

Un boureo festivo e infantil invadiu, as dúas mañás  dos roteiros, os corredores e postos do Mercado das Conchiñas, no corazón da Agra do Orzán. Coa amabilidade de Maruja, carniceira; Manolo, froiteiro; e  Carlos, pescadeiro, que lles foron amosando os seus produtos e respondendo a todas as súas preguntas e intereses, a alegría e as caras de sorpresa fixéronse unánimes tanto na clientela dos diferentes negocios do Mercado como nos propios alumnos, curiosos e desexosos de saber máis de cada un dos elementos que ían coñecendo. Fronte aos Goliat das grandes cadenas comerciais, descubrimos o valor da proximidade dos moitos pequenos Davides do noso comercio, que coidan con agarimo os produtos que nos ofrecen e dan vida e dinamismo ás nosas rúas e barrios.

conchiñas

 

Rúa Barcelona 

Coa súa peonalización completa, a mediados dos 90, a rúa Barcelona gañou un dinamismo e un auxe comercial que a converteu nunha zona de referencia para toda a cidade. Mais o tempo foi pasando e as circunstancias económicas,  sociais e demográficas da zona tamén o fixeron. No relativo declive e na necesaria reinvención comercial da rúa Barcelona moito tiveron que ver tamén a apertura constante de grandes superficies comerciais na cidade. Mentres a percorremos fomos poñendo en común cuestións coma estas e démonos conta do seu papel de arteria principal do barrio.

Observatorio Meteorolóxico 

Na rúa Canceliña, ao final da rúa Barcelona, o parque do Observatorio agardaba por nós para ofrecernos unha das propostas que máis gustaron aos nenos e nenas do CEIP Raquel Camacho. No Observatorio Meteorolóxico aprendemos como se miden a temperatura do aire, a cantidade de chuvia, os datos atmosféricos… tanto no propio Xardín Meteorolóxico como a través do lanzamento diario do globo de medicións, un dos momentos que máis expectación xeran do conxunto do roteiro. Aínda estamos a pensar o alto que chega -25 quilómetros!- e onde é que caerá unha vez estoupe…

observatorio

 

Manicómicos

O espazo que ocupa a asociación cultural Manicómicos foi o seguinte punto do noso intenso roteiro. Neste antigo taller de coches, reconvertido desde hai anos en lugar de traballo e ensaio de colectivos teatrais, musicais ou de novo circo, Mónica de Nut e Carlos Sante, entre outros, preparáronnos unha sesión na que cantamos, bailamos, berramos e  compuxemos ad hoc unha canción de xeito colectivo. E mentres tal faciamos soubemos da oferta formativa á que podemos acceder nos diferentes ámbitos artísticos que Manicómicos acolle, do clown ao canto pasando pola aprendizaxe actoral.

manicómicos

 

Planeta Mincha

O noso roteiro rematou na tenda e no espazo de traballo de Planeta Mincha, unha aposta valente e decidida pola banda deseñada galega e en galego, que encabeza o debuxante e editor Manel Cráneo . Con el coñecemos o proceso de elaboración dun cómic paso a paso e soubemos máis dos habitantes e das características do fantástico e estraño planeta que dá nome ao proxecto creativo de Manel.

planeta mincha

 

En fin, vós diredes… Parécevos bonito o percorrido ou mudariades algún punto do mesmo? Unha vez rematado é niso no que estamos, na súa avaliación e mellora de cara a edicións vindeiras. Dirémosvos que nenos e nenas quedan encantadas, mais estamos abertos tamén ás suxerencias e comentarios de todas as persoas que ledes este blog. E se vos interesou este blog, en breve teredes ocasión de ler os correspondentes aos roteiros que fixemos co CEIP San Pedro de Visma e co CEIP María Barbeito.

 

 

 

Advertisements

Acerca de xavier campos

Traballo na Biblioteca Ágora, da Coruña. Interésame todo o que ten a ver coa cultura como ferramenta para o cambio social. Creo nunha Biblioteca que mire máis alá de si mesma.

Un comentario en “De roteiro polo barrio co CEIP Raquel Camacho

  1. Pingback: De roteiro polo barrio co CEIP San Pedro de Visma | Suma Ágora

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: