Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

A Biblioteca dos Libros Vivintes, de novo na Ágora

Un ano máis na Biblioteca Ágora desenvolvemos a actividade Libros Vivintes, un programa xa consolidado e que se enmarca dentro dunha das nosas liñas fundamentais de traballo: a do servizo, atención e posta en valor do noso entorno, dos nosos barrios e das súas xentes.

Outravolta en colaboración co IES Agra do Orzán, o pasado 6 de febreiro tivemos a oportunidade de descubrir que persoas estaban detrás das historias que propuxemos neste primeiro Libros Vivintes de 2015 ao alumnado de 1º de Bacharelato dese centro. Nesta ocasión foron dous os relatos:  No vento de Kagga Koggi e Fabeiro, Coruña, Piruw. Con ambos seguimos o procedemento habitual: identificamos persoas con historias de vida interesantes, gravamos en audio o que nos contan, creamos un relato de ficción que compartimos co alumnado de secundaria e damos a ese alumnado a posibilidade de coñecer e falar, despois de traballado na aula, coa persoa de carne e óso que protagoniza o relato.

Se sempre resulta un momento especial o coñecemento directo dos protagonistas das historias que lemos, nesta ocasión as particularidades das súas vivencias contribuíron de forma decisiva a que as rapazas e rapaces do IES Agra do Orzán vivisen con especial atención e mesmo tamén con emoción o desenvolvemento da actividade.

Detrás de No vento de Kagga Koggi estaba a figura de Álvaro Benavides, antropólogo e sociólogo colombiano que leva anos sendo veciño de noso na Coruña, e que nos mantivo apegados á súa historia a través dunha oratoria envolvente, fluída, tremendamente expresiva. De lerdes o relato que fixemos, darédesvos conta dos porqués dos moitos momentos de silencio elocuente que vivimos: pouco que dicir diante de quen nos está a contar unha vida como a súa, de loita, superación e supervivencia constante. Unha outra maneira de nos achegar á Colombia que el describiu sería, e así o explicamos na actividade, a lectura da historia gráfica El sabor de la tierra, dos franceses Baudoin e Troubs, e que garda certas concomitancias co relato vital que Álvaro nos trasladou, especialmente no referido ao contexto e ás condicións sociais que o determinan.

 

Álvaro

 

O segundo dos libros vivintes, pola súa banda, tivo como protagonista a Marcos Díaz, músico e profesor coruñés que leva vivindo varios anos en Lima, a capital de Perú. O descubrimento do propio desde a distancia, o amor pola docencia e pola música, os contrastes e a adaptación a unha vida nova noutro país foron os eixos da súa historia, enriquecida pola presenza e polas intervencións de Cecilia Trinidad, moza peruana encargada dos proxectos educativos do Museo de Arte Contemporáneo de Lima.

 

Fabeiro

 

Á espera da avaliación que o propio alumnado realice da actividade concreta, na Biblioteca poñémonos xa a preparar unha nova edición dos libros vivintes. Será para o mes de maio, e nesta ocasión cos rapaces e rapazas de 4º da ESO do IES Agra do Orzán.

En todo o que facemos, das BBescolas aos Roteiros Infantís, das colaboracións con entidades e centros de ensino aos Libros Vivintes, a liña de traballo de Suma Ágora maniféstase sempre, dunha ou doutra forma, con vontade de actuar na nosa realidade desde o seu coñecemento directo. Expresábano ben as nosas compañeiras da BBteca de Ágora nun seu post sobre Paula Bossio: “é preciso coñecer a comunidade da que facemos parte directamente, relacionarnos con ela, vivila”. E dentro das nosas posibilidades e condicións, iso tentamos, desde unha visión do traballo bibliotecario claramente sociocultural, de atención ás necesidades do entorno. Acreditamos sempre, pero seguramente hoxe máis que nunca, no valor formador e transformador da cultura e no seu papel nutrício, conformador no persoal e no colectivo.

Finalmente, se ledes este post e sodes profes dalgún centro de ensino da Coruña ou do resto de Galiza e vos interese coñecer máis sobre os Libros Vivintes, non dubidedes en vos poñer en contacto con nós. Proxectos coma este son sempre maneiras estupendas de reforzar os vínculos das nosas bibliotecas escolares, asociacións, centros educativos… co seu entorno, e nós estaremos encantados de vos poder axudar.

Advertisements

Acerca de xavier campos

Traballo na Biblioteca Ágora, da Coruña. Interésame todo o que ten a ver coa cultura como ferramenta para o cambio social. Creo nunha Biblioteca que mire máis alá de si mesma.

2 comentarios en “A Biblioteca dos Libros Vivintes, de novo na Ágora

  1. Consuelo rodriguez gayoso
    Febreiro 9, 2015

    Me encanta la idea y el desarrollo de la actividad. Soy maestra jubilada y comparto totalmente “Os libros vivintes”

  2. xcampos
    Febreiro 25, 2015

    Que ben que che guste, Consuelo. A nós tamén nos parece unha proposta moi bonita e poñemos moita ilusión na súa preparación e desenvolvemento. Graciñas polo teu comentario!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: