Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

Un Nadal de premio para o CEIP Raquel Camacho

Na Biblioteca Ágora gústanos axudar a difundir aquelas iniciativas e novas que teñen ás entidades da nosa contorna como protagonistas. Nesta ocasión deitamos a ollada no CEIP Raquel Camacho, que vén de ser premiado en sendos concursos municipais, o de Beléns Ecolóxicos e o de Postais de Nadal.

No primeiro dos casos a actividade galardoada insérese dentro do  programa de educación medioambiental Voz Natura 2014-2015, co tema “O noso horto urbano” como eixo central, e consiste na elaboración dun Belén Ecolóxico empregando materiais de reciclaxe e produtos de horta. Tapóns de botellas, rolos de papel hixiénico, papel,  cabaciñas, patacas, millo, berenxenas, pementos, lentellas, … deron forma nel ás diferentes figuras e motivos do nadal, elaboradas coa participación de toda a comunidade escolar, desde os pais e as nais até as titoras, o alumnado e o persoal de servizos.

A maiores do premio polo Belén ecolóxico, tamén o centro contou con outro motivo de celebración grazas ao alumno Damián Domínguez, de 6º de Primaria, autor da mellor postal de nadal do concurso municipal de Postais de Nadal 2014-2015, coa súa creación “A mañá de Reis”. O premio conlevaba o uso do deseño como imaxe oficial do Concello para as felicitacións oficiais, co cal o debuxo de Damián chegou de certo nestes días a un bo número de entidades e colectivos da cidade.

post raquel (1)

O noso interese e o motivo último deste post, porén, non vén dado tanto polos premios en si como pola escusa que estes nos dan para referírmonos ao verdadeiramente importante: a filosofía e a liña de traballo que o centro desenvolve co seu alumnado en diferentes áreas e de forma constante. Neste caso, a súa aposta pola educación mediambiental, a reciclaxe e o consumo responsábel.

Desde a Biblioteca Ágora congratulámonos especialmente de compartir co CEIP Raquel Camacho estes campos de traballo en común, pois tamén na nosa rede de biblitotecas lles prestamos atención específica desde o centro de interese Biblioteca Verde, a través do cal poñemos a disposición de usuarios e usuarias materiais e recursos relacionados coa sustentabilidade socioeconómica e medioambiental , o consumo responsábel e as prácticas ecolóxicas.

Aproveitamos para convidarvos, como persoas lectoras deste blog, a estardes atentas ás diferentes actividades que imos desenvolver desde a Biblioteca Verde ao longo do 2015, entre elas unha moi interesante charla co galego Toni Lodeiro a partir do seu libro “Consumir menos, vivir mejor“, editado por Txalaparta no 2008.

 

post raquel

Noraboa pois ao conxunto da comunidade escolar do CEIP Raquel Camacho, á súa directora María Barreiro e a Pilar Payo, coordinadora dalgunha das actividades que imos desenvolver conxuntamente no 2015. Agardamos ter no futuro inmediato moitos motivos positivos, coma estes, para volver a nos referir aquí ás súas iniciativas.

 

 

 

Advertisements

Acerca de xavier campos

Traballo na Biblioteca Ágora, da Coruña. Interésame todo o que ten a ver coa cultura como ferramenta para o cambio social. Creo nunha Biblioteca que mire máis alá de si mesma.

Un comentario en “Un Nadal de premio para o CEIP Raquel Camacho

  1. Pingback: Premio audiovisual para o IES Agra do Orzán | Suma Ágora

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Información

Esta entrada foi publicada o Decembro 27, 2014 por en Agra do Orzán,Biblioteca,Ensino,Persoas , , , .
%d bloggers like this: