Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

Xosé Ramón Calvete: “Antes en Visma eran todo casas nas que, como dicía a xente, as portas estaban sempre abertas”

Xosé Ramón Calvete, da Asociación de Veciños e Veciñas de San Pedro de Visma

Xosé Ramón Calvete é un namorado do lugar onde naceu, a parroquia de San Pedro de Visma. E dedícalle, por iso, tempo. Para recoller e gardar a memoria da súa xente, para organizar actividades desde a súa asociación veciñal ou para evitar que se perdan os espazos e os momentos de encontro social. Falamos con el do cambio e das transformacións que Visma padeceu nas últimas décadas.

– Chámome José Ramón, nacín en novembro do 62 e son de San Pedro de Visma, da familia dos Calvete. Meus pais, meus avós, meus bisavós, … toda a familia era xa de aquí. Moita xente coñéceme polo alcume, “o fillo do Calderilla”.

– Moitos rapaces e rapazas da miña xeración, que mudaron de barrio cos anos, vexo que volven a esta zona. É unha especie de volta á raíz. Queren volver ou quedar no sitio onde naceron. San Pedro ha de mudar moito coas urbanizacións que se fagan no futuro, mais polo momento podemos dicir que os sitios de encontro e de vida non mudaron grande cousa. Aquí non hai prazas públicas que fagan barrio, o lugar de xogo era o adro da Igrexa e a zona que hoxe é a casa do cura.

– A relación entre as persoas si que mudou. Visma era o punto de unión de toda a zona, desde Fontán (o que hoxe chaman Os Rosales), Labañou, o Portiño, Bens, Mazaído, Nostián, … a xente de todos eses lugares viña aquí. Antes había máis relación, pero as modificacións urbanísticas foron mudando isto. Posiblemente a dotación do barrio de auga, luces, sumidoiros, … tivo a ver con isto. Lembro que a xente falaba dun cura, don Maximino Gayoso, que parece que se implicou moito da mellora da zona nos anos 40 e 50. Despois, nos anos 60, a xente xuntouse e organizazouse para subir a auga desde a Ronda de Outeiro ata aquí, de forma autoxestionada pola veciñanza. Tamén o tema do vertedeiro uniu á xente, contra o cheiro e os problemas que daba. Lembro aos veciños poñer os carros das vacas para impedir pasar o lixo. É nos 70 cando xorde a Asociación de Veciños, a raíz un pouco de todo isto, e coa axuda dun crego moi importante na zona e con moito compromiso social: Moncho Valcarce, o cura das Encrobas e de Sésamo. Unha das primeiras preocupacións foi a noticia da intención do Concello de poñer en marcha un polígono urbanístico que ía obrigar a malvender as terras. Os veciños uníronse para facerlle fronte e paralizar esa proposta.

– As xentes de San Pedro de Visma eran fundamentalmente labregos, xornaleiros que ían a casas fortes e mariñeiros. Nos 70 houbo un certo boom da construción. Tamén se asentou algunha empresa, como a madeira de Emilio Peteiro ou a chatarraría de Francisco Mata, que crearon traballo na zona. Hoxe a cousa non ten nada que ver, mudou moito.

– As inquedanzas culturais e sociais do barrio estiveron moi ligadas á parroquia, á Igrexa, nos anos 70.  A música tradicional, o teatro, un lugar de encontro, algo de cine, … As festas de aquí, as potentes, eran a Candelaria, o Carme e o San Pedro. Eu a primeira xa non a recordo. Agora desde a asociación de veciños tentamos mantelas e potencialas. O Carme agora cedémola, por así dicilo, aos Mariñeiros, pola ligazón directa co tema do mar.

– A xente de aquí, os labradores, colocaban o seu produto na praza de Lugo ou no mercado de San Agustín. Aquí tendas lembro a de Rivas, os Catro Ventos ou o ultramarinos do Racú. Tamén me acordo de ver as mulleres dos mariñeiros ás 6 da mañá, desde o Portiño ata o muro para vender o peixe do día. Tamén nas feiras importantes de Guísamo, Carral, Betanzos, … saían os carros cargados de legumes, patacas e demais para elas. A partir dos 70 comezaron oficios como o dos tapiceiros, todos eles aprendices da casa Gonzalo.

– Visma tivo un desenvolvemento moi atípico. A min gustaríame que o núcleo da parroquia, da aldea, se mantivese como foi sempre,  mais tiráronse moitas casas e hoxe a combinación de edificios e casas vellas deixa moito que desexar. Veremos como se desenvolven os polígonos pendentes. Mais San Pedro xa non vai volver ser o que coñecemos.  Na asociación tentamos implicar á veciñanza, mais é complicado. Ata que apreta o zapato o pé, a xente non salta, non se move. E desde que se soluciona o problema, vólvese perder a unidade, a cohesión, e cada un volve mirar só polo seu. É unha mágoa.

– Antes en Visma eran todo casas nas que, como dicía a xente, “as portas estaban sempre abertas”. Hoxe xa non. Chegaron os edificios e xa non nos coñecemos entre nós, mudaron as relacións sociais, pérdense os vínculos, … Estamos nesa fase, e o que vexo é que avanza a deshumanización. Será o prezo do progreso, seica, pero desde logo para min é unha pena.

Advertisements

Acerca de xavier campos

Traballo na Biblioteca Ágora, da Coruña. Interésame todo o que ten a ver coa cultura como ferramenta para o cambio social. Creo nunha Biblioteca que mire máis alá de si mesma.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Información

Esta entrada foi publicada o Outubro 31, 2013 por en Conversas con...,Espazos,Persoas,San Pedro de Visma,Traballo , , .
%d bloggers like this: