Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

Gedeón Ituka: “Na Coruña dou aulas de francés e colaboro como voluntario cunha ONG”

Gedeón 26

Gedeón é usuario habitual da nosa Biblioteca. Camerunés, mozo, amante da música, fala inglés, francés e español, dá aulas de apoio en colexios, traballa como voluntario en ONG´s e ten sempre un sorriso amable na boca. Quixemos falar con el da Coruña, de Camerún, da situación dos inmigrantes e de como pasa na nosa cidade a súa vida.

-Chámome Gedeón Ituka. Ituka significa “a luz” na miña lingua, traduciríase así. Son de Douala, a segunda cidade máis importante do Camerún, e teño 33 anos.  Cheguei á Coruña no 2010 e vin, coma o resto de inmigrantes, para me buscar a vida. Estiven primeiro en Italia pero despois decidín vir para aquí, porque aquí tiña un curmán.

– O máis difícil é sobrevivir ao comezo. Cando non tes papeis é complicado atopar un traballo, tamén a lingua, porque eu non sabía nada de español nin de galego, … mais con paciencia e vontade vas conseguindo saír adiante. Agora son voluntario nunha ONG e dou clases de apoio en francés a uns colexios de aquí.

– A maioría de inmigrantes nesta zona son fundamentalmente de Senegal. Coñezo tamén de Marrocos, Alxeria, Costa de Marfil, … De Camerún hai poucos. Despois tamén moita xente de Sudamérica. A miña impresión é que a relación coa xente de aquí é en xeral boa, pero hai de todo, claro. Entre os inmigrantes a relación é normal. Os meus amigos aquí na Coruña son máis de Senegal que de Camerún, e vivo nun piso con dúas rapazas, de Bolivia e de Perú, e a relación é moi boa.

– Cando cheguei a verdade é que o primeiro que me chamou a atención foi ver ás rapazas pola rúa casi espidas no verán, iso para nós é novo, faise raro. En África iso é difícil de ver. Ao comezo chama a atención, despois xa te afás e o ves normal. Tamén a relación cos veciños. Aquí podes vivir nun edificio seis meses, oito meses, … sen coñecer os teus veciños. Iso alá é imposible. O primeiro día o normal é presentarse, coñecer ao teu veciño, iso é o primeiro.

– Coa relixión pasa algo curioso. A xente de Senegal pensa que todos somos musulmáns. Entón eu cando lles digo, “non, non, eu son católico, desde pequeno” quedan moi sorprendidos. Pero polo tema relixioso non hai ningún problema, cadaquén é o que quere e listo.

Gedeón 19

– Cando chegas aquí traballas no que podes. O máis habitual é traballar na hostalaría, na limpeza, … pero eu comecei a dar aulas de francés a través de anuncios na rúa e do boca a boca.

– Este é un barrio no que hai bastante xente sen traballo, tanto nativos como inmigrantes. Iso sería o principal a cambiar. Non fago moita vida social, estou na casa, vou á Escola de Idiomas, á Biblioteca, … Gústame moito escoitar música. De aquí gústame Alejandro Sanz, pero sobre todo escoito música do meu país: Manu Dibango, Richard Bona, … Eu toco djembé e ás veces quedo cos senegaleses para tocar.

– Aquí na Coruña de Camerún só se coñece a Eto´o. Cando digo que son de Camerún a xente dime ah, o país de Eto´o. Camerún é un continente dentro dun país, toda África está dentro de Camerún, toda a diversidade cultural, lingüística, paisaxística… Temos selvas, sabana, desertos, … Falamos inglés e francés, temos 230 linguas nativas só en Camerún, … Na capital, Yaoundé, fálase máis o francés, aínda que  a xente nova fala unha mestura entre francés e inglés,  e outra lingua, o pidgin, que é unha variante do inglés.

– Se tivese que explicar a unha persoa da Coruña como é Camerún que lle diría? Pois que somos un país da África Central, lindamos ao norte con Nixeria, Chad e a República CentroAfricana, e ao sur con Gabón, Congo e a Guiné Ecuatorial -na que se fala español-. Camerún é un país turístico, porque temos de todo, monte , deserto, selva, sabana, … A comida é moi rica, moi rica. Temos unha música tradicional nunha parte do país, a makossa, e noutra o bikutsi. Da política non me apetece falar, dáme rabia.

– A Coruña para min é unha cidade moi bonita. O mar, a xente, … Eu sobre todo quédome coa xente, coas amizades. E tamén coa comida, especialmente coa paella, que é a miña comida favorita (risos).

Advertisements

Acerca de xavier campos

Traballo na Biblioteca Ágora, da Coruña. Interésame todo o que ten a ver coa cultura como ferramenta para o cambio social. Creo nunha Biblioteca que mire máis alá de si mesma.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: