Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

María Barreiro, directora do CEIP Raquel Camacho: “Creo firmemente no poder da educación”

María Barreiros 12

Cando entrevistamos a María Barreiro, no verán do 2011, viña de ser escollida directora do CEIP Raquel Camacho. Levounos da súa man a coñecer os espazos do centro e descubrimos unha persoa plenamente comprometida e apaixonada co seu traballo e co papel social da educación. Daquela a hoxe seguramente algunhas circunstancias comentadas con ela na entrevista poderán ter mudado, mais as reflexións xerais que se puxeron enriba da mesa seguen a ter interese e a resultar pertinentes.

– Entrei neste colexio no ano 95-96, como especialista en educación infantil. No 2007 presentamos proxecto para a dirección do centro e saímos escollidos, e nesa época fun xefa de estudos, ata o 2011. Nese ano volvimos presentarnos, neste caso xa comigo na responsabilidade de dirección. Agora mesmo son mestra de educación primaria.

– De cando entrei no CEIP Raquel Camacho a agora houbo cambios importantes. Eramos un centro cunha ratio por aula de 18 ou 20 alumnos, e neste momento xa estamos en 25 alumnos e alumnas por aula. Hai xente que nos demanda praza e non temos, quedan fóra por iso. Tamén a cuestión do alumnado de fóra, de moitísimas procedencias e nacionalidades diferentes. Iso repercute moito no profesorado, no desenvolvemento do curso: precisan un apoio para coñecer os idiomas, que damos a través de estratexias de inmersión lingüística, con bos resultados. Noutros casos o nivel curricular do que parten é baixiño. Por último, a crise económica nótase tamén e somos un centro que está a facer non só labores educativas, senón tamén de tipo social, orientando ás familias en moitos outros aspectos.

– O Centro tenta responder ás especificidades dos barrios, do entorno no que estamos. Mais iso é o que queremos, despois moitas veces non chegamos, porque as necesidades e casuísticas que se presentan non son abordábeis por un centro de ensino. A capacidade que temos é reducida, é como poñer parches pequeniños a unha problemática global, socioeconómica, que nos excede.

– O alumnado que temos é fundamentalmente desta zona, aínda que tamén contamos con algúns rapaces e rapazas de Meicende e dos Rosais. Cando vén algún neno ou nena de fóra, doutros países, fáiselle unha avaliación inicial para ver que nivel ten, e segundo ese nivel organizamos reforzos educativos, na aula e fóra, con especialistas en audición e linguaxe, en pedagoxía terapéutica. Temos unha especialista en etnias desfavorecidas, para atender fundamentalmente aos nenos e nenas de Penamoa, que teñen moito absentismo, e tamén aos romaneses.  Procuramos estar moi en contacto coa UAMI, que funciona moi ben, mais neses casos temos que facer fincapé na necesidade do compromiso dos pais e nais, que ás veces non levan aos nenos, e entón perden a praza.

María Barreiros 17

– A xente desta zona con nenos no centro acode a nós a preguntar e orientarse sobre moitas outras cousas. Estamos moi integrados no barrio. A ANPA tamén funciona moi ben, con moitas actividades ás tardes. Tamén o comedor escolar, con arredor de 80 alumnos e alumnas, e o programa madrugadores, con nenos que entran ás 7.30 horas e os atendemos ata as 9.00 horas. Os que non veñen almorzados almorzan con nós.

– Como Centro precisamos arranxos para facer o colexio máis agradábel, máis bonito, combatendo as humidades, poñendo algúns baños máis, …. Tamén precisamos máis espazo nas aulas, porque temos ratios moi altas para o espazo que temos. A educación e a sanidade son servizos públicos básicos, e deben ser prioridades para as administracións.

– Eu vería moi interesante unha maior relación intercentros, colaborar máis entre os centros de ensino da zona. O problema é que as tarefas burocráticas nos absorven tanto que acabamos por non ter tempo para outras cuestións. Para nós tamén a Biblioteca Ágora pode ser un recurso e un apoio importante. Este é un barrio marabilloso, que cambiou moito nos últimos anos. Creo que a xente en xeral acolle ben ao que chega de fóra, e esa riqueza multicultural é visíbel. A crise está afectando moito a todos, hai necesidades grandes e situacións duras tanto cos de aquí como cos que chegan de fóra, mais hai unha solidariedade grande.

– Eu creo firmemente no poder da educación. Con vistas ao futuro é o fundamental. Creo no poder da educación para un maior nivel cultural, para unha sociedade máis igualitaria, para que os nenos e nenas sexan un elemento que axude tamén á mellora nas propias casas, … E nese sentido estamos orgullosas do traballo que facemos no centro.

Advertisements

Acerca de xavier campos

Traballo na Biblioteca Ágora, da Coruña. Interésame todo o que ten a ver coa cultura como ferramenta para o cambio social. Creo nunha Biblioteca que mire máis alá de si mesma.

2 comentarios en “María Barreiro, directora do CEIP Raquel Camacho: “Creo firmemente no poder da educación”

  1. Pingback: Un Nadal de premio para o CEIP Raquel Camacho | Suma Ágora

  2. Pingback: De roteiro polo barrio co CEIP Raquel Camacho | Suma Ágora

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: