Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

Carla López Ponlla: “De nena era moi inqueda e só paraba cando me poñían vídeos do Lago dos Cisnes ou da Bela Adormecida”

Danza 130

Carla López Ponlla é unha coruñesa espelida e risoña de Monte Alto, aínda que nacida na Agra do Orzán. Con 27 anos, ten xa unha moi importante traxectoria como bailarina en compañías de todo o mundo: Ballet Carmen Roche (Madrid), Zurich Ballet (Suíza), Víctor Ullate Ballet (Madrid), Corella Ballet (Castela e León), Tulsa Ballet (Oklahoma, EEUU). Estivo con nós na Biblioteca o pasado mes de xuño, para a realización dun video promocional dos nosos servizos e do noso espazo, que vos presentaremos en breve. Cautiváronnos o seu sorriso e o seu andar, maino e vigoroso a un tempo, e aproveitamos para falar con ela das súas experiencias vitais e da súa relación cos libros e coa arte.

Con 15 anos, moi noviña, marchas da casa para seguir progresando no campo da danza. Como levaches ter que madurar e asumir responsabilidades tan cedo?

 Marchei de casa con 15 anos recén cumpridos rumbo a Madrid, para seguir perfeccionándome con Carmen Roche e Víctor Ullate. Recordo que os primeiros meses foron moi duros, botábase de menos á familia, á cidade… chegaban os venres e xa quería coller o avión para voltar a casa. Foi pasando o tempo ata que a miña vida se adaptou á miña profesión, tocoume madurar antes e asumir outras responsabilidades. Vivín en Madrid, en Zürich, en Bruxelas, en Segovia, en Barcelona e agora vivo en Tulsa, a segunda cidade máis grande do estado de Oklahoma, nos Estados Unidos. Sigo levantándome ás seis da mañá, comezo a traballar ás nove e remato ás seis da tarde. Sigo tomando clase, ensaiando, bailando e desfrutando enriba dos escenarios!

Pódese dicir que toda a túa vida está relacionada coa danza. Como te marca este feito?

A danza marcoume desde moi pequena xa que practicamente medrei entre zapatillas de puntas. Na miña casa sempre se respirou o mundo do Ballet e das Artes en xeral, polo que a influencia familiar é innegable. Miña nai é mestra de Danza Clásica e meu pai é un apaixonado da música clásica, da ópera e dos ballets. De nena era moi inqueda e só paraba cando me poñían vídeos do “Lago dos Cisnes” ou da “Bela Adormecida”.

O esforzo, o traballo, o compromiso, as renuncias que esixe a danza son moi grandes. A súa consideración social, como a doutras disciplinas artísticas, semella moi reducida en relación a iso. Non saímos do paradigma de modelos e futbolistas…?

 En España é casi imposible sobrevivir no mundo da danza e no mundo do ballet. As compañías clásicas programan grandes producións e para o seu desenvolvemento son necesarios elevados orzamentos (elenco, orquestra, vestiario…) e un grande apoio social.

Levo un ano vivindo nos Estados Unidos, un tempo suficiente para darme conta que a danza ten moita máis consideración social que aquí.

O estado, as institucións en xeral e os medios de comunicación vólcanse moitísimo co ballet e de feito os bailaríns e bailarinas, os e as artistas en xeral, son alá máis valorados que “os futbolístas e as modelos”, por entendernos.

Danza 227

Como bailarina  interpretas o que  outr@s  crean, contas historias que alguén imaxinou antes e que ti transladas, en movemento, aos espectadores. Gustaríache algún día ser ti quen pense, quen cree e coreografíe os teus propios proxectos?

 Neste momento véxoo como algo afastado no tempo; pero é un dos obxectivos a conseguir. Dentro dos meus proxectos a curto prazo está a docencia. Complementarei a temporada de descanso coa docencia impartindo clases, cursos e seminarios.

E veste en Galiza, traballando? Gustaríache?

 Encantaríame, non pecho as portas a volver á casa! En Galicia hai cada vez máis escolas de danza e conservatorios con moi bo profesorado e con moitas ganas de crecer e de seguir mellorando. Cómpre destacar a labor que o Conservatorio Profesional de Danza de A Coruña e o Centro Coreográfico Galego están realizando.

Cantando baixo a chuviaPerfume de muller, West Side StoryGreaseMoulin RougeCisne Negro, … a danza ten xogado un papel moi relevante en relación co cinema, sexa como tema central ou como un elemento formal e narrativo. Que opinión tes sobre a forma na que se ten levado á grande pantalla a cultura do baile e da danza?

 Paréceme estupendo! Penso que é un bo modo de achegar o mundo da danza á xente que o descoñece. Cada vez é máis frecuente que os teatros agoten as localidades para ver ballets, óperas ou musicais.

 Que libro recomendarías no que a danza sexa protagonista?

A autobiografía “Yo, Maya Plisétskaya”. Unha obra que nos transmite a visión do mundo da danza desde a perspectiva dunha das grandes intérpretes rusas.

Finalmente, como foi a experiencia de traballo na Biblioteca Ágora? Que tal o pasaches? Que che pareceu a nosa Biblioteca?

A experiencia foi fantástica! Estivemos tres días traballando no proxecto e paseino xenial. O ambiente é estupendo e a acollida por parte de todo o equipo de traballo foi moi boa; desexando ver o resultado! A biblioteca encántame, as instalacións son impresionantes, e unha das cousas que máis me chamou a atención foi a variedade cultural que atopei nela.

 

FICHA EXPRESS

Un libro: O que estou lendo neste momento, “Criadas y Señoras” de Kathryn Stockett.

Un disco: “Les Miserables” de Claude-Michel Schönberg.

Unha película:Requiem por un sueño” dirixida por Darren Aronofsky.

Un lugar: Atardecer en Cala Benirrás, Ibiza .

Un soño: Seguir bailando.

Un obxectivo vital: Seguir alcanzando miñas metas.

Web Oficial: www.carlalopezdancer.weebly.com

Advertisements

Acerca de xavier campos

Traballo na Biblioteca Ágora, da Coruña. Interésame todo o que ten a ver coa cultura como ferramenta para o cambio social. Creo nunha Biblioteca que mire máis alá de si mesma.

2 comentarios en “Carla López Ponlla: “De nena era moi inqueda e só paraba cando me poñían vídeos do Lago dos Cisnes ou da Bela Adormecida”

  1. Pingback: Verbas que danzan | Suma Ágora

  2. Pingback: 29 de abril, o día das verbas que danzan | Blogs Clubs Lectura das Bibliotecas Municipais da Coruña

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: