Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

Vós sodes quen sabedes

Suma Ágora pretendeu desde o comezo ser un espazo onde quen quixer puidese deitar as súas lembranzas, compartir os seus coñecementos e divulgar historias de vida das xentes e dos espazos dos nosos bairros da contorna. Loxicamente fomos nós,  desde a Biblioteca, quen comezamos co traballo de difusión dos contidos que, aos poucos, conseguimos ir elaborando. Mais encántanos cando alguén se nos achega e nos di “como me gustaría traervos fotos vellas que teño na casa da familia e da veciñanza” ou nos escribe ao blog e nos conta as súas lembranzas sobre a infancia no barrio ou se busca entre as imaxes que temos nas paredes de Ágora para mostrarlle a alguén que vai consigo que está presente no mural de caras que para nós é tan importante.

 DSCF0005

Suma Ágora é iso:  unha dinámica que quere ir medrando desde o pequeno, desde o próximo, desde a emoción e a identidade. De forma moi aberta e moi disposta a involucrar a quen se deixe e lle apeteza. Por iso vos pedimos que colaboredes e nos mandedes as vosas historias, as vosas lembranzas, os vosos relatos sobre a vida en Mariñeiros, Visma, Agramela, Ventorrillo, A Silva, Agra do Orzán, Peruleiro. Queremos escoitarvos e lervos, e queremos que outros e outras teñan ocasión de o facer tamén.

Pedro de Visma, por exemplo, xa o fixo, nos comentarios a unha das entradas do blog.  E grazas a el soubemos cousas como as que seguen:

No lugar de Loureiro (en San Pedro de Visma) había dúas tabernas. Unha se chamaba “O Rakú” e estaba na zona conocida polo “Cantón”,  a carón da casa onde vivía o Sr. Pepe. Esa taberna coido que ainda existe, tiña unhas estanterías cheas de trofeos conseguidos nas regatas pola trainera “María del Carmen” , na que os remeiros eran os mariñeiros da parroquia, endurecidos porque daquela ían ao mar a remo dende o “Portiño”. Lembro moi remotamente que a primeiros dos cincuenta gañaron a Copa do Generalisimo que se celebraba en agosto na bahia da Coruña.  Acórdome que aquela tarde houbo bombas de palenque e unha tremenda festa. Outra taberna chamábase “Os Catro Ventos” e estaba na estrada que saía da Igrexa de San Pedro cara o Portiño, nas últimas casas da esquerda. Diante das dúas tabernas, lémbrome que había partidos de “chave” os domingos pola tarde. 

Estas cousas que conto son historias dos anos 5o.  Eu nacín no 45 e, como se pode supoñer, naqueles anos ninguén tiña en San Pedro unha cámara de fotos, ás únicas que se teñen daqueles tempos se facían nos Cantóns polos fotografios que había alí e nos xardíns de Méndez Nuñez.

A respecto das tascas había outras en San Pedro, xa máis abaixo de Loureiro, na zona onde agora está o túnel da 3ª Ronda. Estaba o Bar El Recreo que ademais de bebida vendía materiais aos mariñeiros, e uns metros máis abaixo a tenda de Rivas atendida pola Sra. Carmen, que ademais de taberna vendia algúns comestibles. Logo, xa máis abaixo, perto de onde agora pasa a Ronda de Outeiro, estaban o Estanco, o Bar Mesía (que non sei se se chamaba así naquel tempo e que rexentaba unha señora que chamaban a “Meigota”) e tamén o Bodegón, onde lembro que se xogaban partidas de Lotería (o que se xoga hoxe no bingo). Os edificios onde estaban estes tres aínda están en pé e pódense facer fotos, se interesan as fago e volas mando. O Rakú ainda está funcionando, creo.

tercera_ronda_pena__moa_2008_2

A información que nos dá é fantástica, e seguramente moitas e moitos dos que ledes este blog poderiades ampliar, matizar, comentar… sobre esta cuestión e sobre moitas outras.  Iso é o que queremos, que vos animedes. Podedes facelo directamente através dos comentarios ás entradas que van aparecendo no blog ou podedes facelo escribíndonos un correo electrónico ao enderezo electrónico bagora@coruna.es

En calquera caso, animádevos!

Advertisements

Acerca de xavier campos

Traballo na Biblioteca Ágora, da Coruña. Interésame todo o que ten a ver coa cultura como ferramenta para o cambio social. Creo nunha Biblioteca que mire máis alá de si mesma.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Información

Esta entrada foi publicada o Xuño 14, 2013 por en Espazos,Persoas,San Pedro de Visma , , .
%d bloggers like this: