Suma Ágora

A Biblioteca Ágora, cos barrios da súa contorna

Zahara: “Gustaríame que houbese traballo para todos, e sentirme tamén filla desta terra”

Zahara 02

Unha das primeiras persoas coas que falamos cando nos puxemos a traballar en Suma Ágora foi Zahara. O seu sorriso e as súas palabras déronnos azos nas mañás e nas tardes de xuntanzas, entrevistas, visitas guiadas e gravacións que precederon á apertura da Biblioteca Ágora, ao longo do verán do 2011. Con ela estivemos en varias ocasións, e foi tamén das primeiras persoas en ver por dentro o esquelete arquitectónico das salas de adultos e de infantil, a zona de traballo, o mostrador, … Na súa língua desexounos o mellor para esta casa das palabras e do coñecemento, do local ao universal. E con ela falamos da súa vida e da súa experiencia na nosa cidade.

– Cheguei a Coruña en  2007, o 24 de agosto, desde Marrocos. Vivo xusto aquí, ao carón da Biblioteca.  Hai moita xente de Marrocos por esta zona, e teño amigas na Sagrada Familia, en Monte Alto, en Juan Flórez…

– Estou casada e teño dous nenos: Zacarías e Elías. No meu país traballaba de educadora infantil. Vin aquí porque o meu marido é mariñeiro, viña traballar para A Coruña e non podía deixalo vir só. Traballei en Equus Zebra, tamén empaquetando agasallos na FNAC, fixen un curso de cociña, de dependentes maiores, de manipulación de alimentos, … mais non atopo traballo neste momento.

– A xente marroquina que coñezo traballa en oficios moi diferentes: na planchadora en Arteixo, polas casas coidando nenos ou xente maior, limpando, …

– Cando cheguei á Coruña a vida pareceume moi difícil, sentinme unha persoa que non valía. A xente mirábame, facíame sentir diferente e sentín que non me querían.  A primeira vez que saín á rúa, a dar un paseo co meu fillo, veu un rapaz e díxome moi enfadado que tiña que sacar o pano da cabeza, que aquí non podía telo, que aquí había que vivir doutra forma e que o pano tiña que deixalo no meu país. A min pareceume mal, o pano para min forma parte da miña identidade, da miña vida. É a miña relixión pero tamén parte da miña identidade.

– Despois, ao pasar o tempo, e sobre todo ao aprender o idioma, a cousa cambiou. Aprendín o idioma en Equus e púxenme a traballar con eles nas súas tendas. Ao poder falar e facerme comprender pola xente sentinme moito mellor, a xente saudábame, falaba comigo e entón sentinme moi ben, moi feliz. Hoxe todo o mundo me saúda, vou pola rúa e ola zahara, ola zahara. Coñezo moita xente e estou moito mellor.

– Dentro da emigración as persoas de cada país tende a estar cos seus. Os alxerianos con alxerianos, os senegaleses con senegaleses, os marroquinos cos marroquinos. Pero é cousa dos adultos, os nenos non son así. No colexio é perfecto, están todos xuntos, lévanse ben, coñécense, xogan e divírtense uns con outros. A relación do meu fillo cos amigos é moi boa. Entre eles non hai diferenzas. Sinto que cando sexa grande non vai ter problemas, vai ser diferente ao que vivimos nós.

Zahara 16

– A xente de aquí que emigrou fóra está máis aberta con nós que a que non saiu. Unha veciña miña, galega, explicoume o que ela vivira en Suíza: pasouno moi mal, non entendía o francés, traballaba  na limpeza, recibía broncas da xente, … pasouno moi mal alá e entón díxome “eu sei o que vós sentides aquí cando chegades”.

– Hai moito descoñecemento e tamén racismo. Unha señora preguntoume un día se no meu país había fame, se eramos pobres, e eu díxenlle que non, e que se ela coñecía Marrocos e sabía onde estaba. Ela dixo que non, e eu quedei sorprendida, porque apenas hai distancia entre nós, un mar pequeno de nada, somos veciños. Ela dixo que non sabía nada de Marrocos. En Marrocos, en cambio, a xente coñece España, sobre todo pola televisión. Tamén en Marrocos hai moito español nas fábricas, e a relación é moi boa. O outro día chamoume unha rapaza dunha asociación e explicoume que había un traballo para coidar nenos, pero que a señora non quería marroquinas. Eu digo, por que?.

– A min gustaríame que na Coruña houbese unha asociación de marroquinos, para axudar á xente cando chega. Cando eu cheguei falei con moitos colectivos, pero tiven a sensación de que ninguén me escoitaba de verdade. Pasaba os días cubrindo papeis e máis papeis.

– As cousas agora están difíciles. Gustaríame que as cousas fosen a mellor. Traballo para a xente, integración entre a xente de aquí e os inmigrantes, sentirme filla deste sitio. Iso sería o que lle pediría ao futuro.

Advertisements

Acerca de xavier campos

Traballo na Biblioteca Ágora, da Coruña. Interésame todo o que ten a ver coa cultura como ferramenta para o cambio social. Creo nunha Biblioteca que mire máis alá de si mesma.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Información

Esta entrada foi publicada o Maio 21, 2013 por en Agra do Orzán,Conversas con...,Persoas,Traballo , , , .
%d bloggers like this: